MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

Agosto 2008

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

Desenvolverase ao longo de todo o 2009 e abordará os diferentes subxéneros da Literatura Infantil e Xuvenil galega

Gálix convoca o club de lectura Tendendo Redes

 

(24-Febreiro-2009)

 

Tendendo Redes A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix está a poñer en marcha neste ano 2009, dedicado á literatura xuvenil galega, o club de lectura Tendendo Redes. Esta iniciativa conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Difusión e Promoción Cultural e do Consello da Cultura Galega.

Ao longo dos vindeiros meses abordarase unha serie de libros significativos dentro de cada un dos subxéneros da narrativa xuvenil galega, de xeito que, ao cabo do ano, os asistentes constrúan unha visión completa de todo o corpus que foi conformando dende os comezos, e mais especialmente nos últimos vinte e cinco anos, a Literatura Xuvenil galega.

No curso trataranse os libros de autores como Xosé A. Neira Cruz, Fran Alonso, Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, Miguel Vázquez Freire, An Alfaya, Marcos Calveiro e Fina Casalderrey, entre outros. Os asistentes terán tamén ocasión de descubrir os segredos e misterios que se agochan detrás de cada libro, os escenarios xeográficos que serviron de inspiración aos autores, as lecturas que os foron construíndo ou as propostas fílmicas e musicais que serviron de punto de partida para o nacemento da escrita.

Con este club Gálix pretende formar expertos en literatura infantil e xuvenil. Os asistentes terán ao seu dispor unha páxina web, un foro, haberá mesas redondas cos autores dos libros... O obxectivo do curso é, ademais de gozar coa lectura, achegarse dun xeito máis profundo ao texto e ao autor ou autora.

As sesións do club terán lugar os terceiros mércores e xoves de cada mes en horario de 20.00 h. a 22.00 h. Tendendo Redes dará comezo o vindeiro 4 de marzo coa obra de Neira Cruz O Armiño dorme (Galaxia) e se desenvolverá en meses sucesivos ata decembro.

Tendendo redes vai dirixido a un amplo abano de colectivos implicados no mundo do libro, formado por lectores autónomos e adultos de diferentes ámbitos como bibliotecarios, profesores, libreiros, expertos en xeral,...

Os interesados en participar pódense apuntar a través do blog Tendendo redes ou dirixíndose ao enderezo de Gálix na Rúa Galeras nº 17 1º andar de Santiago de Compostela ou nos teléfonos 981 58 98 83 ou 650 93 89 72. O prezo para todo o ano é de 30 euros para socios e 50 euros para non socios.

A presentación do Club de Lectura Gálix Tendendo Redes terá lugar o xoves 26 de febreiro ás 17.30 h. no salón de actos do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar) de Santiago de Compostela.

 

[Máis información]

[Tendendo Redes]

 

 

Arriba

 

Rosalía 21 presentarase este xoves no Tetaro Principal de Santiago de Compostela

Semana de actos na conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro

 

(24-Febreiro-2009)

 

172 anos do nacemento de Rosalía de Castro Unha visión renovada de Rosalía de Castro desde a música, o audiovisual e a poesía. Iso é o que ofrece este xoves 26 de febreiro ás 21 h no Teatro Principal de Santiago de Compostela o proxecto multiartístico Rosalía 21.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e a presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, presentaron en rolda de prensa os actos de conmemoración do Día de Rosalía. Cúmprense hoxe 172 anos do nacemento da poeta, e vaise celebrar cunha serie de actividades ao longo desta semana. Na presentación participaron tamén Anxo Angueira e Abe Rábade.

A actividade principal é o espectáculo Rosalía 21, que se estreou hai agora un ano en Cuba no transcurso da Feira Internacional do Libro da Habana. Trátase dun proxecto dirixido polo escritor e profesor Anxo Angueira, no que se mesturan música, poesía e audiovisual. O cuarteto de Abe Rábade actualiza desde o jazz e a música contemporánea a imaxe de Rosalía de Castro.

No espectáculo poderanse oír poemas como "A xusticia pola man", "Negra sombra", "Ladraban contra min", "tecín soia a miña tea", "Miña Santiña" ou "Alborada", entre outros. A música corre a cargo do cuarteto formado por Abe Rábade ao piano, Jesús Santandreu ao saxo, Nelson Cascais ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería. Os temas son nalgúns casos cantados por Uxía Senlle e Guadi Galego, e noutros recitados melodicamente por Anxo Angueira. O espectáculo complétase cunha proxección audiovisual no que participan autores como a experta en Rosalía, Vitoria Álvarez Ruiz de Ojeda, ou escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, María do Cebreiro, Xabier Cordal, María Reimóndez, María López Sández, a historiadora Nancy Pérez e o propio Angueira. As súas declaracións están tomadas en paisaxes simbólicas da obra de Rosalía de Castro como A Coruña, Lugo, Padrón, Santiago, Vigo, Laíño ou o castro de Baroña.

A Consellería de Cultura publicou ademais un libro sobre Rosalía de Castro no que varios escritores e estudosos da súa figuran escriben sobre a poeta. Contén artigos de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, María López Sández, Iria Sobrino, Nancy Pérez, Xabier Cordal, Daniel Salgado, María do Cebreiro, Iago Castro e María Reimóndez. O libro edítase en catro idiomas: galego, español, inglés e francés.

A conmemoración do Día de Rosalía complétase cos actos da Fundación Rosalía de Castro, dirixidos a escolares da contorna da Casa da Matanza. Este ano alumnos e alumnas de primaria e secundaria de centros escolares de Padrón e Bertamiráns tomarán parte nas actividades programadas para o xoves 26 e o venres 27.

O xoves terá lugar a presentación do libro Quen casa ten de seu. Contos na casa de Rosalía, no que participarán algúns dous autores e ilustradores do volume. O libro conta con relatos en torno á casa de Rosalía, realizados por Marilar Aleixandre, Miro Villar, Helena Villar Janeiro, Xosé Antón Neira Cruz e Fina Casalderrey, con ilustracións de Fausto Isorna, Miguelanxo Prado, Ramón Marcos, Iván Suárez e David Pintor. O venres desenvolverase un recital poético a cargo dos alumnos e alumnas, coa participación tamén da vicepresidenta da Fundación Rosalía de Castro, Ana Blanco Gómez.

Pola súa banda, a Asociación de Escritores en Lingua Galega homenaxean á matriarca das letras galegas a través dun manifesto asinado pola escritora Teresa Moure.

[No Día de Rosalía de Castro. Manifesto da AELG asinado por Teresa Moure]

 

 

Arriba

 

La descendencia, de Pedro Ugarte, gañador do Julio Camba, ámbolos dous organizados por Caixanova

Manuel Rivas gaña o Fernández del Riego de xornalismo cun artigo sobre Ramón Piñeiro

 

(17-Febreiro-2009)

 

Manuel Rivas, premio xornalismo 'Francisco Fernández del Riego' de Caixanova Dicía verdade, mais o que eu botei de menos no comunicado laudatorio en que se informaba da dedicatoria do Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro foi unha referencia á mesa. Á célebre mesa. A esa mesiña de braseiro, circular, coñecida urbi et orbe como A mesa camilla de don Ramón.

Así comeza o artigo titulado A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick que Manuel Rivas entregou ao suplemento Luces do xornal El País, e que ven de lle valer para facerse co VI Premio de xornalismo Francisco Fernández del Riego que convoca anualmente Caixanova.

O escritor Alfredo Conde, presidente do xurado, destacou do artigo de Rivas, amais da súa calidade literaria, o enorme interese que supón sobre a figura homenaxeada este ano coas Letras Galegas, Ramón Piñeiro.

O Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego naceu coa vocación de animar e impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación; ao mesmo tempo que recoñece a tradición literaria e xornalística dos escritores que utilizaron e utilizan o galego na prensa.

O XXX Premio de Xornalismo Julio Camba, que convoca igualmente Caixanova, destinado a artigos xornalísticos escritos en castelán, recaeu nesta edición no escritor vasco Pedro Ugarte, polo seu artigo La descendencia, publicado na edición vasca do xornal El País.

[A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick de Manuel Rivas en El País]

[La descendencia de Pedro Ugarte en El País]

 

 

Arriba

 

O congreso centrarase na figura do intelectual coruñés e o seu mundo

AGAL organiza un congreso arredor da figura de Jenaro Marinhas del Valle

 

(17-Febreiro-2009)

 

Congreso Jenaro Marinhas del Valle A Associaçom Galega da Língua (AGAL) organiza entre os días 26 e 28 de febreiro o Congreso Jenaro Marinhas del Valle. Este congreso ten como obxectivo afondar no estudo do novelista, poeta, ensaísta, dramaturgo e galeguista coruñés.

O congreso en homenaxe a Jenaro Marinhas del Valle, membro de honra de AGAL, realizarase no Centro Social Caixanova e centrarase na súa figura e o mundo que a produciu, como a tradición galeguista a que pertenceu Marinhas del Valle, que desde neno acompañou ao seu pai nas reunións da Cova Céltica, e a cidade da Coruña como actor destacado e determinante no facer galeguista e na construción dun proxecto nacional e cultural galego.

No contexto do Congreso tamén están previstas actividades como unha visita pola Coruña que coñeceu e frecuento Jenaro Marinhas del Valle, unha exposición bibliográfica sobre o autor, a colocación dunha placa na casa onde viviu e a recepción de representantes do concello herculino dos relatores do Congresso.

A asistencia ao congreso será recoñecido cun crédito de libre configuración pola Universidade da Coruña.

[Congreso Jenaro Marinhas del Valle]

 

 

Arriba

 

Do 20 de febreiro ao 20 de marzo

David Rubín expón na Coruña os orixinais do seu último traballo Cuaderno de Tormentas

 

(17-Febreiro-2009)

 

'Cuaderno de tormentas' de David Rubín Desde que a finais do pasado ano David Rubín publicou Cuaderno de Tormentas (Planeta), o que ven sendo o seu último traballo non deixa de obter éxitos e boas críticas entre lectores e público especializado.

Agora a Galería de Arte Pardo Bazán acolle  do 20 de febreiro ao 20 de marzo a exposición e venta de orixinais de Caderno de Tormentas así coma orixinais de carteis feitos polo propio creador ourensán e unha edición limitada de reproducións de algunhas das páxinas, numeradas e asinadas.

A modo de catálogo, na galería Pardo Bazán poderase adquirir exemplares de Cuaderno de Tormentas e o propio día da inauguración da exposición haberá sesión de firmas co autor.

 

 

Arriba

 

O Centro Carvalho Calero expón A Autonomía Galega nas caricaturas de Siro López e edicións Émbora publica O lecer de Isolino de Xaquín Marín

Siro López e Xaquín Marín repasan a súa obra humorística dos últimos anos

 

(16-Febreiro-2009)

 

Traballos de Siro López e Xaquín Marín Os traballos de dous dos nosos máis senlleiros humoristas e caricaturistas están de actualidade nestes últimos días.

O Centro Carvalho Calero de Ferrol acolle máis dun centenar de caricaturas de Siro López sobre os acontecementos máis sobresaíntes da historia da Autonomía Galega, os feitos que definiron esta etapa, e os persoeiros que foron os seus protagonistas.

A mostra A Autonomía Galega nas caricaturas de Siro López recolle unha selección das viñetas que Siro López publicou no xornal La Voz de Galicia desde 1985 ata 2006. Trátase, pois, dun percorrido, en clave de humor, pola historia máis recente de Galicia.

A exposición das caricaturas de Siro López permanecerá ata o 1 de marzo no centro cultural Carvalho Calero de Ferrol, para despois iniciar o seu itinerario por dez concellos da provincia coruñesa.

Pola súa banda, a editorial ferrolá Émbora recompila nun volume as viñetas que Xaquín Marín ven publicando en La Voz de Galicia. O propio autor foi o encargado de seleccionar as case duascentas viñetas que compoñen O lecer de Isolino.

Xaquín Marín presentará este volume, xunto a Xesús Ferro Ruibal, este venres na Galería Sargadelos de Ferrol.

 

 

Arriba

 

O Ministerio de Cultura e a Asociación da Prensa da Coruña dixitalizarán máis de 90.000 páxinas. A Consellería de Cultura recupera "Solidaridad Obrera"

Xornais dixitalizados para a recuperación da memoria histórica galega

 

(15-Febreiro-2009)

 

Dixitalización xornais A Biblioteca Virtual de Prensa Histórica do Ministerio de Cultura, que conta actualmente con máis de catro millóns de páxinas de miles de cabeceiras de prensa que existiron no estado español dende o século XVII incorporará á súa base de datos a dixitalización dos xornais "El Noroeste" (1902-1917), "Coruña moderna" (1905-1907), "El Orzán" (1918-1931) e "La Hoja del Lunes de La Coruña" (1917-1983). Estes títulos suman un total de 90.000 páxinas que estarán dispoñibles proximamente en internet grazas a un convenio asinado entre o Ministerio e a Asociación da Prensa da Coruña.

Pola súa banda, o proxecto de investigación Interuniversitario As vítimas, os nomes, as voces e os lugares, que desenvolven a Consellería de Cultura e Deporte e as tres universidades galegas, vai incrementar o seu fondo documental coa dixitalización da colección máis completa que se conserva do xornal "Solidaridad Obrera", editado na Coruña entre 1930 e 1936.

Xunto con este xornal, incorporaranse ao fondo documental do proxecto exemplares doutras cabeceiras que permitirán achegarse dun xeito máis directo á realidade do movemento obreiro de anteguerra en Galicia. Estas publicacións son propiedade da familia Villaverde Otero e pertenceron ao líder anarquista José Villaverde Velo (Compostela, 1894- Arteixo, 1936).

A colección de "Solidaridad Obrera" preséntase como referente no Estado pola súa relevancia e importancia histórico social, xa que só en Amsterdam se pode consultar outra colección similar, aínda que de menor envergadura. Villaverde Velo foi director e asiduo colaborador desta publicación, así como doutras semellantes editadas en Madrid, Barcelona ou Valencia. No xornal destacan as reproducións de discursos e mitins dos principais líderes da CNT así como a colección fotográfica e de debuxos que presentan as páxinas, e que serán recollidas individualmente na dixitalización.

Xunto con "Solidaridad Obrera" ("Solidaridad", tras 1934), rescatáronse exemplares de "La Calle", que comezara a súa andaina en 1936, e que contaba coa participación de simpatizantes do Partido Sindicalista coruñés e onde José Villaverde escribía a sección "Flechazos". Tamén se recuperaron exemplares de "Combate Socialista", xornal que aparece en 1936, e de "Brazo y Cerebro", xornal anarquista que comeza a editarse o 1º de maio de 1935 cunha periodicidade quincenal, continuando sen interrupción ata o golpe de estado franquista. Os contidos deste último abranguían a cultura, a arte e diferentes temas da vida cotiá.

Ademais destes xornais relacionados directamente coa II República, os fondos do proxecto incrementaranse con cabeceiras tan destacadas como "Tierra y Libertad" (xornal anarquista mexicano que comprende os anos 1972-1984), "La Campana" (posto en marcha en Pontevedra na década dos oitenta), "CNT" (Madrid, 1977), "Solidaridad Obrera. Organo de la CNT de Catalunya" (Barcelona, 1979), entre outras.

 

 

Arriba

 

Mariví Villaverde, Agustín Fernández Paz, José Luandino Vieira e o Liceo de Ourense serán homenaxeados na Cea das Letras

O CGAC de Santiago de Compostela acolleu a asemblea anual da AELG

 

(08-Febreiro-2009)

 

Asemblea anual da Asociación de Escritores en Lingua Galega A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou onte no salón de actos do CGAC de Santiago de Compostela a súa asemblea anual de socios e socias. Na mesma, acordouse, entre outras cuestións, o programa de actividades para este 2009, como a concesión do premio Bós e xenerosos á escritora de Vilagarcía de Arousa Mariví Villaverde, e da Letra “E” a Agustín Fernández Paz.

Tamén acordouse declarar Escritora Galega Universal á mexicana Elena Poniatowska e neste ano, como novidade, nomearase igualmente Escritor Galego Universal a un/ha escritora/a procedente do ámbito literario da lusofonía, recaendo nesta primeira ocasión no escritor angoleño Jose Luandino Vieira.

Estes premios entregaranse na Cea das Letras conxuntamente cos Premios AELG, uns galardóns que, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario. Igualmente na Cea das Letras entregarase o premio á Institución que destacou durante o ano no seu labor cultural, concedendose nesta ocasión á Sección de Literatura do Liceo de Ourense, personificada na figura de Marcos Valcárcel.

Ademáis de subscribir diversos convenios con distintas administracións e entidades, a AELG organizará, como é habitual, obradoiros literarios ao longo do ano, en institutos, colexios e museos, e celebrará o IV Congreso de Novos Escritores. Participará igualmente na edición do Galeusca, que organiza este ano a asociación de escritores vascos, e incrementará a súa participación no Culturgal.

Por outra parte, a AELG seguirá a participar no Consello do Libro, no programa de Promoción exterior do libro e no Observatorio da Lingua, ademáis de colaborar na organización de diversos eventos literarios. Finalmente, continuarase co Inventario das Casas dos Escritores/as do noso país.

A AELG quixo facer patente a felicitación ao escritor Xosé Luis Méndez Ferrín con motivo do seu 70 aniversario.

Ao longo da asemblea tamén se tratou a proposta de renovación da nova xunta directiva, que queda formada por:

Cesáreo Sánchez, presidente.

Antía Otero, vicepresidenta.

Mercedes Queixas, secretaria xeral.

Antonio Reigosa, vogal Lugo, responsable da sección de Literatura Oral.

Isidro Novo, vogal Lugo.

Xerardo Méndez, vogal Ourense.

Francisco Castro, vogal Pontevedra-Vigo.

Elvira Riveiro, vogal Pontevedra-Vigo.

Francisco Souto, vogal A Coruña.

Carlos Quiroga, vogal relacións Lusofonía.

Xavier Queipo, vogal Área Internacional.

 

 

 

Arriba

 

Do 6 ao 28 de febreiro

Sargadelos de Ferrol acolle os traballos post-poéticos de Igor Lugrís e Eduardo Estévez

 

(07-Febreiro-2009)

 

Exposición na Galería Sargadelos de Ferrol de Eduardo Estévez e Igor Lugrís A Galería Sargadelos de Ferrol acolleu onte a inauguración das exposicións dos poetas Igor Lugrís e Eduardo Estévez Poesía para ver, poesía para ler e os veos da paisaxe respectivamente.

Poesía para ver, poesía para ler é un proxecto literario en permanente construción. Nel Igor Lugrís procura novos camiños de expresión, novas formas de contacto co público e cos lectores, convertendo o poema nun obxecto plástico que se poda ao tempo ler e ver, recitar e expor, nun intento de achegar a poesía, e a literatura en xeral a novos públicos, intentando romper o muro que separa a creación da vida cotiá. O resultado: poemas/cartaces que poderían estar nas paredes dunha casa, dunha oficina, dun bar, dunha rúa...

Pola súa banda, Eduardo Estévez presenta por vez primeira a exposición fotográfica os veos da paisaxe. As imaxes do proxecto fotográfico que hoxe presenta naceron en 2004 durante unha serie de viaxes periódicas realizadas atravesando o Concello de Xermade. O seu libro os veos da paisaxe foi publicado por primeira vez en Retagarda Edicións (2000) e del se fixeron, posteriormente, dúas edicións dixitais na Biblioteca Virtual Galega e en luagris.net. As imaxes que agora expón intégranse co libro nunha nova edición a cargo de Edicións Bourel que verá luz ao longo deste mes de febreiro no ámbito da exposición.

A exposición cos traballos de Lugrís e de Estévez permanecerá aberta ata o 28 de febreiro.

 

 

Arriba

 

Na xuntaza do Consello Asesor do Libro marcouse como obxectivo elaborar un estudo máis específico sobre lectura e compra de libros en Galicia

Galicia mellora nos seus hábitos lectores, pero segue lonxe das comunidades que máis len

 

(05-Febreiro-2009)

 

Lectores por Comunidades Autónomas O "Barómetro de hábitos de lectura" de 2008 que anualmente elabora a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) amosa un incremento do índice de lectura en Galicia, chegando ata o 52,6 % de lectores, aínda que segue por debaixo da media estatal e moi lonxe dos hábitos lectores das comunidades máis lectoras: Madrid, Navarra e Catalunya.

Outros dos datos a valorar positivamente é o aumento de lectores e galego, case o 60 % da poboación lectora de Galicia, un porcentaxe maior que os lectores de éuscaro no País Vasco ou de valencián no País Valeciá, pero aínda son uns datos moi afastados do 71,8% de lectores en catalán nesa comunidade.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte, Luís Bará, valora como positivos estes datos, que amosan un avance e un cambio de tendencia notable nun ano no que os índices de lectura diminuíron noutras comunidades autónomas. Bará sinala que en calquera caso Galicia necesita contar con datos máis completos sobre hábitos de lectura, que permitan facer unha análise máis profunda da situación no ámbito galego. Con ese obxectivo, o Consello Asesor do Libro encargará a elaboración dun estudo sobre hábitos de lectura e compra de libros específico para Galicia. O obxectivo é contar cunha mostra máis ampla e representativa para afondar no coñecemento da situación galega. Este estudo prestará unha atención especial ao eido educativo.

Xuntanza do Consello Asesor do Libro

O Consello Asesor do Libro, reunido hoxe na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, deu a coñecer as principais propostas para este ano en relación co libro e a lectura.

A Consellería de Cultura e Deporte investirá un total 9.669.000 euros para o 2009 para a promoción do libro e da lectura. As principais beneficiarias serán as bibliotecas, ao que se dedican 5.564.000 euros. As principais partidas van destinadas á adquisición de fondos, a dotación de equipos e programas informáticos e a dotación de mobiliario. Tamén se destinarán 1.593.000 euros á promoción da edición do libro en galego e 1.422.000 euros á promoción da lectura.

Tamén puxéronse sobre a mesa algunhas das medidas de fomento da lectura que se promoverán ao longo deste ano. Continuarase apostando por achegar a lectura a espazos non habituais, para o que entre outras accións desenvolverase unha campaña continuada no transporte público. Asemade incidirase tamén no papel central das bibliotecas como motores do hábito lector. Para iso potenciarase a imaxe dos centros bibliotecarios como axente cultural e servizo público básico e fomentaranse as actividades entre bibliotecas, librarías, editoriais e autores. Outra das liñas previstas para este ano é o apoio ás actividades artísticas e literarias que fomenten a convivencia entre diferentes colectivos e culturas con presenza en Galicia.

Un dos aspectos nos que os axentes presentes no Consello Asesor do Libro van traballar este ano é en contar con datos estatísticos máis completos sobre a edición do libro e os hábitos de lectura en Galicia referidos anteriormente. Para ese fin afondarase na recollida de datos sobre o comercio interior do libro en Galicia, e elaborarase un barómetro galego de hábitos de lectura. Ademais publicarase un anuario do libro, que recollerá anualmente as principais magnitudes e acontecementos da edición en Galicia.

No Consello presentouse o primeiro borrador do anteproxecto da Lei de Bibliotecas e do Patrimonio Bibliográfico de Galicia, que se tramitará ao longo deste ano.

 

 

Arriba

 

Para este mes de febreiro están previstos Como se non existise, Maus. Relato dun supervivente e ¡A min que me importa!

Novos libros nos clubes de Espazo Lectura

 

(05-Febreiro-2009)

 

Espazo Lectura: Clubs de Lectura Espazo Lectura, a asociación valminoriense para o fomento e a animación á lectura en lingua galega, organiza para os meses de febreiro e de marzo un completo programa nos seus clubes de lectura.

No clube de lectura Sete Vidas, dedicado á narrativa, tivo o pasado 3 de febreiro como a súa primeira sesión do clube co libro Coma se non existise (Xerais) de Slavenska Drakulic, co escritor Fran Alonso como coordinador. O libro para o mes de marzo será O home inédito (Edicións da Rotonda) de Carlos G. Meixide e con Lara Domínguez como coordinadora.

Os asistentes ao clube de lectura Lecturas debuxadas, dedicado á banda deseñada, centraranse no mes de febreiro, baixo a coordinación de Féliz Rodríguez, na obra de Art Spiegelman Maus. Relato dun supervivente (Inrevés); deixando para o mes de marzo os albums Río abajo (Norma) de Rabaté e Arrugas (Astiberri) de Paco Roca.

Por último, no clube de lectura infantil Lendo Contigo, a escritora ceense Concha Blanco falará o sábado 28 de febreiro cos asistentes sobre ¡A min que me importa! (Bruño) mentres que Ana Mª Fernández contará aos máis pequenos algúns dos Poemas que me contou o grilo (Tambre), isto será no mes de marzo.

A asistencia aos clubes de lectura é totalmente libre. Os asistentes soamente teñen que gozar coa lectura e ter gañas de compartilo con outras persoas. O lugar de encontro de todos os clubes de lectura é a Biblioteca Municipal de Gondomar.

[Máis información e datas de lecturas]

 

 

Arriba

 

Lareira Literaria

Moncho Iglesias e Rubén Ruibal na Lareira Literaria de febreiro

 

(05-Febreiro-2009)

 

Lareira Literaria Na Lareira Literaria deste mes contamos coa presenza de Moncho Iglesias e de Rubén Ruibal.

A Moncho Iglesias, poeta e fotógrafo, coñecémolo literariamente polos seus traballos relacionados co Oriente Próximo. Velaí están os seus traballos como tradutor de O condutor de autobús que quería ser Deus (Rinoceronte) do israelí Etgar Keret, o de adaptación de Os contos de animais da tradición popular palestina (Fundación Araguaey/Universidad Menendez Pelayo) ou o seu poemario Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos (Positivas). Agora nos sorprende coa súa primeira incursión na novela. Para a vindeira primavera Estaleiro publicará Tres cores: azul. Unha novela sobre unha viaxe, á procura dun algo, dun espazo, dun tempo, a busca dese alguén que trataba de acadar iso aínda por achar... De regreso da súa estancia na Universidade de Belén, Moncho Iglesias anda inmerso na tradución de obras do árabe-israelí Sayed Kashua e do israelí Shmuel Yosef Agnon. E seguindo con Kashua, Moncho prepara o ensaio Árabes danzantes: a literatura árabe de Israel. Nel, o escritor vigués realiza un estudo sobre os autores árabes que viven fóra de Palestina.

Pola súa banda, Rubén Ruibal, gañador do Premio Nacional de Literatura Dramática por Limpeza de Sangue (Xerais) no 2007 prepara, tras a recuperación por parte de Estaleiro Editora o pasado ano de Fume/Insomnio, dous novos textos dramáticos. Por unha banda atopamos Delimvois, unha obra na cal técese a historia de dous tipos conviven na área de inadmitidos dun aeroporto. Este traballo está dirixido á compañía A Oficina, de Guimarâes. Por outra banda, está a obra, aínda sen título definitivo, arredor dun circo que se monta no cemiterio de Highgate, onde están soterrados, entre outros, Marx, Spencer, George Eliot, unha pequena ama de casa que imita moito a La Traviata e o primeiro campión do mundo dos pesos pesados, Thomas Sayers. Esperaremos a velos publicados, amais de gozar con eles sobre o taboado.

[Lareira Literaria]

 

 

Arriba

 

» Gálix convoca o club de lectura Tendendo Redes

» Semana de actos na conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro

» Manuel Rivas gaña o Fernández del Riego de xornalismo cun artigo sobre  Ramón Piñeiro

» AGAL organiza un congreso arredor da figura de Jenaro Marinhas del Valle

» David Rubín expón na Coruña os orixinais do seu último traballo Cuaderno  de Tormentas

» Siro López e Xaquín Marín repasan a súa obra humorística dos últimos  anos

» Xornais dixitalizados para a recuperación da memoria histórica galega

» O CGAC de Santiago de Compostela acolleu a asemblea anual da AELG

» Sargadelos de Ferrol acolle os traballos post-poéticos de Igor Lugrís e  Eduardo Estévez

» Galicia mellora nos seus hábitos lectores, pero segue lonxe das  comunidades que máis len

» Novos libros nos clubes de Espazo Lectura

» Moncho Iglesias e Rubén Ruibal na Lareira Literaria de febreiro

 

Novas Febreiro 2009