MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

Agosto 2008

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

A obra, publicada por Galicia Nova, reproduce por vez primeira a catalogación universal dun artista

A Fundación Laxeiro inaugura unha mosta baseada na edición do Catálogo Universal de Laxeiro

 

(23-Decembro-2009)

 

Laxeiro, catálogo universal Co gallo da edición do Catálogo Universal de Laxeiro, publicado por Galicia Nova, a Fundación que leva o seu nome ven de inaugurar unha mostra divulgativa na que o visitante poderá coñecer de primeira man o contido deste proxecto.

Instalada na Sala B. da Fundación Laxeiro, sita en Vigo, a mostra, de carácter divulgativo, está composta por un dispositivo informático no que os visitantes poden consultar a totalidade das 3.581 obras que conforman a publicación, coas súas completas fichas técnicas cunha ampla informacións de cada unha das obras. Ademais, hai a disposición dos visitantes, dous exemplares: un en galego e outro en castelán para consulta, ademais de folletos informativos e información sobre as características da publicación, rotulada nas paredes da sala.

Editada en galego, castelán e inglés, esta é a primeira vez que se fai en Galicia a catalogación universal da obra dun artista. A publicación consta de tres tomos, nos que se conseguíu unha combinación de goce para a vista e rigor para o estudo. Os dous primeiros tomos, de máis de 300 páxinas cada un, recollen unha selección dunhas 500 obras, seleccionadas por Antón Pulido. Ademais, inclúe diversos textos sobre a figura e o traballo do pintor, asinados por X.A. Castro, Antonio Bonet, Luis M. Caruncho e Román Pereiro e unhas 25 pezas comentadas por especialistas na arte do século XX. O terceiro tomo inclúe a reproducción reducida de todo o corpus que forma a obra de Laxerio, unhas 3.580 referencias, e un DVD no que se clasifica cada unha das obras. A publicación complétase cunha biografía, unha cronoloxía comparada, unha bibliografía actualizada e, no DVD, unha fermosa recreación do Trasmundo (unha das obras emblemáticas da súa primeira época) en formato video, realizada polo artista Diego Santomé.

Este proxecto é a culminación dun traballo que a Fundación Laxeiro ven realizando desde a súa constitución en 1999 hasta a actualidade e pretende ser a ferramenta fundamental para a profundización no traballo de Laxeiro e a súa reubicación no panorama artístico universal do século XX.

 

 

Arriba

 

O 27 de decembro en Becerreá

Yolanda Castaño protagoniza a XVIII Noite Poética 'A Pipa'

 

(23-Decembro-2009)

 

XVIII Noite Poética a Pipa con Yolanda Castaño A poeta Yolanda Castaño será a protagonista da XVIII Noite Poética 'A Pipa' que convoca anualmente a Asociación Cultural 'A Pipa' de Becerreá e que terá lugar o domingo 27 de decembro.

Con estas Noites Poéticas, a asociación homenaxea ás escritoras e aos escritores da literatura galega. Trátase dun achegamento directo ao labor creativo, á filosofía e á propia persoa convidada. A velada consta dunha conversa distendida coa escritora ou escritor, guiada por membros d’A Pipa, na que está convidado a participar todo o público. A segunda parte do programa soe ser un espectáculo teatral con textos do autor/a homenaxeado/a, que será, asemade, quen faga o recital co que se pecha o acto. A asociación 'A Pipa' ven desenvolvendo estes actos dende o ano 1996 con Uxío Novoneyra como autor convidado e na última edición dedicouse a Manuel Rivas. Entre outros pasaron por Becerreá Manuel María, Bernardino Graña, María Xosé Queizán, María do Cebreiro ou Darío Xohán Cabana.

O programa de actos principiará á 19.00 h. na Casa da Cultura de Becerreá coa entrega de premios do XVIII certame literario A Pipa 09 da alta montaña luguesa. Presentarán o acto Amparo Becerra e Rafa Ramos e fan a entrega dos galardóns os representantes das institucións colaboradoras (Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Xunta de Galicia e Concello de Becerreá).

De seguido Yolanda Castaña, protagonista da XVIII Noite Poética A Pipa 09 conversará con Marta de Sinllán e Afonso Becerra de Becerreá. Tras esta pequena entrevista, Castaño proxectará as pezas de videocreación O video da Egoísta e (RE)SER(VADO) e recitará textos da súa autoría.

Rematará esta XVIII Noite Poética cun brinde e cóctel.

 

 

Arriba

 

O galardón entregarase no transcurso da Cea das Letras, que se celebrará no mes de maio do 2010

A AELG nomea 'Escritor Galego Universal' ao poeta arxentino Juan Gelman

 

(23-Decembro-2009)

 

Juan Gelman A Asociación de Escritores en Lingua Galega decidiu outorgar o galardón “Escritor Galego Universal” ao escritor arxentino Juan Gelman.

A distinción entregáraselle no transcurso da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, xunto cos Premios AELG, uns galardóns que, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario. A Cea das Letras celebrarase no mes de maio de 2010.

Poeta, periodista e traductor nacido en Buenos Aires, o escritor Juan Gelman ten demostrado ao longo da súa vida ser un mestre dese "oficio ardente" que para él é a poesía, un xénero que combina coa súa actitude cívica e a súa constante denuncia das violacións dos dereitos humanos. Gelman é o poeta arxentino máis premiado da súa xeración, a dos anos 60-70, merecendo galardóns como o Nacional de Poesía arxentino, o de Literatura Latinoamericana e do Caribe Juan Rulfo, o Iberoamericano de Poesía Pablo Neruda, o Reina Sofía de Poesía Iberoamericana e o Premio Cervantes 2007.

 

 

Arriba

 

Sidecar de Alberto Lema, mellor libro non ficción do ano e Rosa Aneiros, autora do ano

Os Editores Galegos entregan os seus premios en Ourense

 

(21-Decembro-2009)

 

Premios da Edición 2009 O sábado celebrouse no Liceo de Ourense a V Noite da Edición, a gala anual que organiza a Asociación Galega de Editores na cal ten como obxectivo o de reunir anualmente a todos aqueles que traballan no eido do libro, a súa produción e a súa edición. No dito acto entregáronse os Premios da Edición 2009, concedidos polos propios editores.

No acto, dirixido polo xornalista e escritor Camilo Franco, foron homenaxeados previamente no apartado da Edición Histórica a editorial Nova Galicia Edicións, que cumpre un cuarto de século de vida. Asemade, este ano o Premio Francisco Fernández del Riego, co que se recoñece o traballo realizado por unha persoa ou colectivo de persoas, entidade ou institución das que colaboran co sector editorial ou que participan na promoción do libro editado en lingua galega e da propia lingua, recaeu na empresa de telecomunicacións R.

O resto dos premiados foron:

Premio Isaac Díaz Pardo ao ilustrador do ano 2009 para A grande viaxe (OQO Editora), ilustrado por Gabriel Pacheco.

Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil do ano 2009 para A araña e máis eu (Kalandraka) de Fran Alonso e Manuel G. Vicente.

Premio Lois Tobío ao tradutor do ano 2009 para Eva Almazán, tradutora de Contos completos I e II, de Edgar Allan Poe, da Editorial Galaxia.

Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano para Rosa Aneiros.

Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano para Ciclo de Xúpiter (Linteo) de Millán Picouto.

Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do 2009 para Cartas de republicanos galegos condenados a morte: 1936-1948 (Xerais) de Xesús Alonso Montero.

Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano para Sidecar (Galaxia) de Alberto Lema.

Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2009 para as Fotobiografías sonoras, de Ouvirmos.

 

 

 

Arriba

 

O premio está convocado polo concello de Negreira e a Fundación Feiraco

O I Certame de Novela Curta 'Concello de Negreira' para Emma Pedreira

 

(21-Decembro-2009)

 

I Certame de Novela Curta de Negreira O Centro Sociocultural de Negreira acolleu a gala de entrega de premio do I Certame de Novela Curta 'Vila de Negreira', convocados pola Concellaría de Cultura, e co patrocinio da Fundación Feiraco.

A gañadora deste primeira edición resultou ser Emma Pedreira pola obra O tempo da casa en fume. En segundo lugar quedou Rocio Leira Castro por Nocturno e en terceira posto Rubén Suárez Carballo por O pescador de cometas.

Na entrega de premios participaron o alcalde do Concello de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño; a concelleira de Cultura, María Jesús Veiga Hortas, e maila concelleira de Medio Ambiente, María Dolores Moares Domínguez.

 

 

Arriba

 

O xurado destacou da obra gañadora o ser un "mundo poético clásico, maxistralemnte engarzados coa herdanza da linguaxe patrimonial"

Xavier Rodríguez Baixeiras faise co VIII Premio de Poesía Caixanova

 

(21-Decembro-2009)

 

Xabier Rodríguez Baixeiras gaña o VIII Premio de Poesía Caixanova Xavier Rodríguez Baixeiras foi declarado gañador o pasado xoves en Vigo do VIII Premio de Poesía Caixanova. Así o deron a coñecer Guillermo Brea, director da Obra Social Caixanova, e Luís González Tosar, presidente do Pen Clube de Galicia.

Presentado baixo o lema de Areoura, o xurado, formado para esta edición polo catedrático Anxo Tarrío; a escritora e crítica Luísa Castro e os críticos Ana Acuña e Carlos L. Bernárdez, subliñaron de Deserto diamantino -título final da obra presentada por Rodríguez Baixeiras- o seu retorno a un "mundo poético clásico, maxistralmente engarzados coa herdanza da linguaxe patrimonial".

O certame está organizado por Caixanova e o PEN Clube de Galicia, e a obra gañadora publicarase na colección Arte de trobar da editorial Danú.

O premio de poesía Caixanova está considerado como un dos máis importantes premios poéticos do país, no seu haber o teñen obtido poetas da bagaxe literaria de Xavier Seoane no 2002, María do Cebreiro no 2003, Román Raña no 2004, Arcadio López-Casanova no 2005, Marilar Aleixandre no 2006, Carlos Penela no 2007 e Luís Valle na convocatoria do pasado ano.

 

 

Arriba

 

O segundo e terceiro premio foron para María Luz Airado e Noelia Martínez Rey, respectivamente

Rocío Leira Castro gaña o X Premio de Poesía Díaz Jácome

 

(21-Decembro-2009)

 

X Premio de Poesía Díaz Jacome O pasado sábado tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo a entrega de premios do X Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.

A poeta de Cee Rocío Leira Castro foi a gañadora do certame pola obra O blues dos funambulistas. O segundo premio foi para a vilalbesa María Luz Airado por Noite profunda de outono e o terceiro premio para a lucense Noelia Martínez Rey, por Entre ecos.

 

 

Arriba

 

Entre todos os participantes sortearase un lote de libros por cortesía da Federación de Libreiros de Galiciao

Abrimos as votacións para elixir os mellores libros do 2009

 

(16-Decembro-2009)

 

Os mellores libros do 2009 Festina lente, construcións, Os Grouchos, Lolita, O libro das viaxes imaxinarias, Das novas cousas de Ramón Lamote, Un casoiro ben mal amañado, Marcos S. Calveiro, Xosé Cobas, Pan e coitelo, Xerais, Ramón Nicolás, Cultur.gal, o recoñecemento a Justo Beramendi e a Agustín Fernández Paz, a Consellería de Cultura e Deporte, a libraría Arenas, o Diario Cultural da CRTVG e o blog As Uvas na Solaina foron elixidos por vós para ser o mellor do 2008.

Por terceiro ano abrimos este fiestra para que todos os lectores e todas as lectoras podades dar a vosa opinión e votar polos mellores libros deste 2009 que está a piques de rematar. Como novidade respecto ao pasado ano engadimos un apartado a maiores: Mellor libro de literatura dramática do 2009.

Como o pasado ano, contamos coa colaboración da Federación de Libreiros de Galicia para sortear entre todas as enquisas recibidas un lote de libros. Dende Fervenzas Literarias queremos agradecer á Federación de Libreiros de Galicia o seu apoio.

Agardamos polas vosas votacións!!!

[Vota polos mellores libros do 2009]

[Ver os resultados de Os mellores libros do 2008]

[Ver os resultados de Os mellores libros do 2007] 

 

 

Arriba

 

Na presentación do proxecto, a Ministra de Cultura anunciou a reducción do IVE do libro electrónico

Galaxia participa con vinte libros no Proxecto Enclave

 

(15-Decembro-2009)

 

Enclave A Biblioteca Nacional de España acolleu esta mañá a presentación do proxecto Enclave, que permite acceder dende hoxe a través da Biblioteca Dixital Hispánica aos libros dixitais que están actualmente nos catálogos das editoriais.

No proxecto, promovido conxuntamente pola BNE e a Federación de Gremios de Editores de España, participan actualmente 90 editoriais, entre as que se atopa a editorial Galaxia. En total, dixitalizáronse ata o de agora 790 obras, 20 da editorial viguesa, entre as que atopamos libros de Otero Pedrayo, Blanco Amor, Fole, Risco, Cunqueiro, García Sabell e Francisco Fernández del Riego.

O proxecto Enclave permitirá a busca nos campos de título, autor, materias, data ou termos que figuren no texto da obra. O resultado ofrecido será unha ficha cos datos bibliográficos completos, a imaxe da cuberta, un resumo, o sumario e un fragmento da obra.

IVE do libro electrónico

A Ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, encargada de presentar o acto, anunciou que o imposto sobre o valor engadido do libro electrónico reducirase dun 16 % ao 4 %, medida que o equiparará ao libro en papel.

[Proxecto ENCLAVE]

 

 

Arriba

 

Conservas será publicada pola editorial Sotelo Blanco

Xosé Daniel Costas Currás gaña a XXII edición do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

 

(15-Decembro-2009)

 

XXII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón O moañés Xosé Daniel Costas Currás é o gañador da XXII Edición de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón pola obra Conservas.

A obra gañadora do premio de poesía, que convoca anualmente o concello de Dodro, será publicada pola editorial Sotelo Blanco dentro da colección de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.

Costas Currás, de vinte e tres anos, ten no seu haber unha mención de honra do premio de poesía Gzcrea 2008 pola obra Revoluciona(Me) ou accésit da Universidade de Vigo por Le petit canteiro e Versos alineados á esquerda con espazos e silencios. Conservas será o seu primeiro libro publicado a nivel individual.

 

 

 

Arriba

 

O gañador falou do seu traballo como unha maneira de entender o cambio social dos últimos cincuenta anos

Manuel Pérez Rúa gaña o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro 2009

 

(10-Decembro-2009)

 

Premio de ensaio Ramón Piñeiro 2009 O Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, que convocan a Editorial Galaxia e a Secretaria Xeral de Política Lingüística, coa colaboración de Unión Fenosa, recaeu este ano na obra Retrato da xeración de 1950. Microhistoria do cambio social na Galicia contemporánea, do sociólogo e técnico de cultura de Moaña Manuel Pérez Rúa. Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa o director de Galaxia, Víctor Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que estiveron acompañados polo coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Manuel González; a responsable de comunicación de Gas Natural-Unión Fenosa en Galicia, Amalia Baltar; o propio galardoado, Manuel Pérez Rúa; e varios membros do xurado: Henrique Monteagudo, Bieito Silva, Carlos González Lema e Luís Alonso Girgado.

O xurado valorou moi especialmente da obra premiada a orixinalidade tanto do tema como do seu enfoque. Neste sentido, indicaron que "a idea de facer un ensaio a base de testemuños directos, o que entendemos por historia oral, lle outorga ao texto unha importante dose de credibilidade". Así mesmo, o xurado destacou o tema da obra polo seu achegamento a "unha xeración que vive ao longo da súa vida cambios tan importantes como o paso da ditadura do franquismo á democracia e a modernización da sociedade". Manuel Pérez Rúa falou do seu traballo como "unha maneira de entender o cambio social" que se produciu nas últimas décadas no que se fai unha comparativa xeracional a través de trinta entrevistas. Neste sentido, o premiado considerou a obra "un álbum ilustrado con voces", unha forma de "ilustrar o cambio dándolle voz aos participantes".

 

 

Arriba

 

O obradoiro impartirase ao longo do primeiro semestre do 2010

Ánxela Gracián imparte no MACUF o curso de escritura creativa 'Mundos de Papel'

 

(10-Decembro-2009)

 

Mundos de papel O Museo de Arte Contemporáneo de Unión Fenosa (MACUF) organiza para o vindeiro ano o curso de escritura creativa 'Mundos de Papel', que impartirá a escritora Ánxela Gracián.

No obradoiro 'Mundos de papel' traballaranse aspectos especificamente literarios e paraliterarios que interveñen na elaboración dun texto e ao longo das distintas sesións do curso revisaranse as distintas fases do proceso creativo.

'Mundos de papel' é tamén un achegamento formal á parte técnica que subxace a todo texto literario. Neste obradoiro trataranse aspectos como a lectura creativa, a aguzar a percepción dos sentidos, a descubrir os mecanismos que poñen en marcha a imaxinación e, sobre todo, a afianzar a disciplina da creación, formulando reflexións para que os asistentes vexan ao acto literario coa mirada do escritor e escritora.

O curso principiará en xaneiro do 2010 e prolongarase ata o mes de xullo e está dividido en tres bloques: Da imaxinación á escrita, Da imaxinación á novela en papel e Navegando por mares de tinta.

[Descargar o programa de 'Mundos de Papel']

[Descargar a folla de inscrición]

 

 

 

Arriba

 

O 10 de decembro no Círculo das Artes

Homenaxe en Lugo a Manuel María no seu quinto cabodano

 

(09-Decembro-2009)

 

Versos para sempre cantar A Área de Cultura e Deporte da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, coa colaboración da Fundación Manuel María e a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizan, no quinto cabodano de Manuel María, a homenaxe Versos para sempre cantar.

O acto, que se desenvolverá mañá no Círculo das Artes de Lugo, unirá ao redor da figura e da obra do poeta chairego audiovisuais, versos e teatro.

A homenaxe principiará ás 20.30 h. cun recital de poemas a cargo de Santiago Fernández e Isidro Novo. De seguido dramatizarase, a cargo da actriz María Inés Cuadrado, a obra de Manuel María Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, musicada por Nani García e interpretada polo cuarteto de clarinetistas "Xerión".

A entreda para asistir á homenaxe a Manuel María será de balde ata completar aforo.

 

 

Arriba

 

A premisa é o intercambio cultural e a cooperación entre as dúas culturas

As industriuas culturais de Galicia e do norte de Portugal teñen unha data en Vigo

 

(09-Decembro-2009)

 

Foro Creativa Baixo o título de CREATIVA, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Direccão Regional de Cultura do Norte do Ministerio de Cultura portugués organizan conxuntamente este Foro das Industrias Culturais.

Dende o día 9 de decembro ata o 19 celebrarase en Vigo un encontro multilateral e interdisciplinar entre empresas, creadores e artistas de distintos ámbitos do sector da cultura de Galicia e do norte de Portugal como músicos, actores, editores e produtores audiovisuais.

Ao longo destes once días celebraranse conferencias, mesas redondas, reunións, espectáculos de teatro, danza e concertos.

O intercambio cultural e a cooperación entre Galicia e o norte portugués será o eixe no que xire CREATIVA, favorecendo a exposición, o coñecemento, a reflexión e o debate dos diferentes sectores culturais.

[Descargar o programa de CREATIVA]

 

 

Arriba

 

Por vez primeira o Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego organiza estes premios

Alfredo debuxa o camiño, publicado pola editorial TresCTres, mellor libro editado do ano

 

(09-Decembro-2009)

 

Alfredo debuxa o camiño A sede da Fundación Caixa Galicia, en Santiago de Compostela, acolleu a semana pasada o acto de entrega dos Premios Produto Gráfico Galego, promovidos polo Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego en colaboración coa Xunta de Galicia e Caixa Galicia. Esta convocatoria, a primeira destas características en Galicia, pretende poñer en valor a calidade da creación gráfica galega, sector industrial que factura –segundo destacou o presidente do Clúster, Jacobo Bermejo, no acto- 1.200 millóns de euros ao ano en Galicia e xera o 5,13 por cento do emprego industrial no país.

Os Premios Produto Gráfico Galego distinguiron tres categorías: Mellor Libro Editado, Mellor Produto Publicitario e Premio Produto Gráfico Novo Talento.

Na categoría de Mellor Libro Editado o galardón recaeu na obra Alfredo debuxa o camiño da editorial TresCTres. Esta categoría tivo como obxecto distinguir as mellores propostas impresas e encadernadas que reuniran criterios de calidade, creatividade e innovación nos eidos de encadernación, ilustración e fotografía.

A obra Alfredo debuxa o camiño recolle a través de fermosas ilustracións e anotacións persoais a experiencia dunha peregrinaxe a Santiago desde o Pirineo Francés realizada polo seu autor en 1991.

Nesta categoría resultaron finalistas as obras Caderno de Viaxe Ecuador, de Faktoría K, e Catálogo Moa da empresa Dardo DS.

Nas outras dúas categorías os premiados foron A mirilla: oleada Bora Bora, campaña desenvolvida por Publigal para unha empresa de telefonía móbil en Mellor Produto Publicitario e para Ángel David Corral por un traballo de “packaging” realizado para promocionar o traballo musical dun artista ourensán na categoría de Premio Produto Gráfico Novo Talento. 

 

 

Arriba

 

Este recoñecemento ven convocándose dende hai dezaseis anos por parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega

Marilar Aleixandre recibirá a homenaxe O Escritor na súa Terra

 

(03-Decembro-2009)

 

Marilar Aleixandre A homenaxe O Escritor na súa Terra, que cada ano organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega no 2010 a súa XVI edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura da escritora Marilar Aleixandre.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da asociación, e tense constituído como unha celebración na que a terra de orixe ou de adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita cultural. Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a. A homenaxe a Marilar Aleixandre celebrarase na primavera do 2010.

Marilar Aleixandre, que recentemente recibiu unha homenaxe por parte dos tradutores galegos polo seu labor neste ámbito, é bióloga de profesión. A súa é unha das carreiras máis consolidadas no panorama literario galego, onde ten acadado algúns dos premios máis importantes tanto en narrativa como en poesía, como o Premio Merlín de literatura infantil , Premio da Crítica, Premio Rañolas ó mellor libro infantil/xuvenil en galego, Premio Manuel Murguía de Relato breve, Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa, Premio Esquío de poesía, Premio Lazarillo, Premio de Poesía Caixanova, Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil ou o Premio Xerais de Novela. A súa novela A expedición do Pacífico (Xerais) foi seleccionada pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez como unha das cen mellores obras da literatura infantil española do século XX.

Outro importante premio outorgado pola AELG é “Os Bos e Xenerosos” que, na edición do ano que ven, recoñecerá o labor desenvolvido polos vintesete concellos que organizaron o Premio Blanco Amor de Narrativa, que cumpre o vindeiro ano o seu 30º aniversario. No transcurso da Cea das Letras, que se celebrará na primeira semana de maio do 2010, entregarase o galardón ao concello de Poio, organizador do certame no 2010, en nome de todos os concellos que participaron na súa organización ao longo da súa traxectoria.

Tamén na Cea das Letras entregarase o premio AELG ás Institucións, que na edición 2010 será entregado ao Salón do Libro Infantil de Pontevedra.

 

 

 

Arriba

 

» A Fundación Laxeiro inaugura unha mosta baseada na edición do Catálogo  Universal de Laxeiro

» Yolanda Castaño protagoniza a XVIII Noite Poética 'A Pipa'

» A AELG nomea 'Escritor Galego Universal' ao poeta arxentino Juan Gelman

» Os Editores Galegos entregan os seus premios en Ourense

» O I Certame de Novela Curta 'Concello de Negreira' para Emma Pedreira

» Xavier Rodríguez Baixeiras faise co VIII Premio de Poesía Caixanova

» Rocío Leira Castro gaña o X Premio de Poesía Díaz Jácome

» Abrimos as votacións para elixir os mellores libros do 2009

» Galaxia participa con vinte libros no Proxecto Enclave

» Xosé Daniel Costas Currás gaña a XXII edición do premio de poesía  Eusebio Lorenzo Baleirón

» Manuel Pérez Rúa gaña o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro 2009

» Ánxela Gracián imparte no MACUF o curso de escritura creativa 'Mundos  de Papel'

» Homenaxe en Lugo a Manuel María no seu quinto cabodano

» As industriuas culturais de Galicia e do norte de Portugal teñen unha data  en Vigo

» Alfredo debuxa o camiño, publicado pola editorial TresCTres, mellor libro  editado do ano

» Marilar Aleixandre recibirá a homenaxe O Escritor na súa Terra

 

Novas Decembro 2009