|
Os
días 4 e 5 de setembro
Salvaterra
de Miño acolle un ano máis o Festival
da Poesía no Condado
(31-Agosto-2009)
Un
ano máis Salvaterra de Miño acolle
o Festival da Poesía no Condado, chegando
desta a súa vixésimo terceira edición.
Nestes
tempos de grave crise económica e social,
os organizadores do Festival centra as súas
reivindicacións na demanda da construción
dunha realidade alternativa para o futuro onde os
pobos autoorganizados configuren vías de
superación a través da activación
dos movementos populares.
Para
atender a estas reivindicacións, Salvaterra
de Miño acolle os días 4 e 5 de setembro
un variado programa onde estarán presentes
a poesía, a música, os obradoiros,
xogos populares e proxeccións audiovisuais.
Entre os poetas participantes nesta edición
estarán Anxo Angueira, Xabier Xil, Susana
S. Aríns, J. Alberte Corral, David Pobra,
Mario Regueira, Dores Tembras, Carlos Santiago,
Brais González, Manolo Pipas, Alberte Momán,
Filipa Leal e Óscar Mourave.
A
entrada é de balde e habilitarase unha zona
de campismo.
[Web
do XXIII Festival da Poesía do Condado e
Programación]
|
|
|
|
A
X International Conference on Textbooks and Education
Media terá lugar entre o 3 e o 5 de setembro
Santiago
de Compostela recibe a profesionais do sector dos
libros de texto e materiais didácticos
(31-Agosto-2009)
O
Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela acolle
os días 3, 4 e 5 de setembro a
X International Conference
on Textbooks and Education Media
que, baixo o título de
Local, National and Transnational identities in
textbooks and education
media, tentará responder a cuestións de actualidade como a afección dos
cambios políticos, sociais, económicos nas decisións sobre os recursos
educativos; a identidade que se reflicte nos materiais; a cultura e
realidade emigrante e inmigrante que se recolle nestes e de que maneira
aparece reflectida a cultura nos recursos e como eses recursos
condicionan a propia cultura.
Este
congreso é promovido pola Asociación Internacional IARTEM (Internacional
Association for Research on Textbooks and Educational Media) e é a primeira vez
que este congreso se realiza en Galicia. Os anteriores congresos tiveron lugar
en Finlandia (1993), Dinamarca (1995), Noruega (1997), Holanda (1999), Estonia (2001), Bratislava e
Eslovaquia (2003). O último encontro bianual tivo lugar en Tonsberg, Noruega,
en setembro do 2007.
No
desenvolvemento deste congreso está prevista a participación de 150
profesionais de recoñecido prestixio de moi diferentes ámbitos e
nacionalidades, relacionados coa temática dos libros de texto e materiais
didácticos (asociacións de editores, investigadores do ámbito universitario,
profesores, representantes de ministerios de educación, entre outros).
Entre os participantes atopamos entre outros a Victor
Freixanes, Tania Braga, Günther Kress ou a
José Moyano. Así
mesmo, presentaranse ao redor de cen traballos de investigación
relacionados co tema.
O
congreso conta co apoio e colaboración da Secretaria de Estado de Educación e
Formación Profesional, Consellería de Educación, Concello de Santiago de
Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, Asociación Nacional de
Editores de libros e material de ensino, Asociación Galega de Editores, Nova
Escola Galega e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Paralelamente
ao Congreso, durante os días 3, 4 e 5 de setembro poderase visitar, na sala de
exposicións do Auditorio de Galicia, a exposición Libros
de texto e outros recursos didácticos elaborados
en Galicia.
Trátase dunha exposición que se concibiu
ao abeiro do 10 Congreso Internacional
de Libros de Texto onde se da a coñecer unha mostra ampla e variada de
materiais didácticos, tanto formais como informais, de todos os niveis
educativos, producidos por diversas institucións e asociacións de Galicia.
O
acto de inauguración do congreso terá lugar o día 3 de Setembro no Auditorio de
Galicia e están convidados os representantes das institucións e colectivos
seguintes: Secretaria de Estado de Educación y Formación Profesional (Eva
Almunia Badía), Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia (Jesús Vázquez),
Alcalde do concello de Santiago de Compostela (Xosé Antonio Sánchez Bugallo),
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela (Senén Barro), presidenta da
IARTEM (Susanne V. Knudsen), presidente da Asociación Nacional de Editores de
libros e material de ensino (ANELE) (José Moyano) e Xesús Rodríguez (board
member-IARTEM-USC).
[Páxina
web do Congreso]
|
|
|
|
Antonio
Gregorio Montes mantén 'Publicado en Ribadeo'
dende hai un ano
Aberta
unha biblioteca dixital sobre obras relacionadas
con Ribadeo
(31-Agosto-2009)
Antonio
Gregorio Montes leva máis dun ano dirixindo
a wiki 'Publicado en Ribadeo', unha web formada
por obras relacionadas con Ribadeo ou feitas
por xente con fortes relacións con Ribadeo onde calquera visitante pode
ler ou descargar no seu ordenador.
Un
ano despois de iniciar este proxecto, a relación
de obras a disposición dos lectores comprende
polo de agora dezaseis libros, revistas, pregóns,
fotos, traballos de investigación de Isidoro
Asensio Amor, publicacións relixiosas entre
outros materiais, aos que dentro de pouco tempo
esperase engadir outros como o resumo das actas de séculos pasados, "Apuntes sobre Ribadeo" . Cada
obra leva unha ficha mínima con datos sobre a mesma, a modo de
introdución das páxinas que foron escaneadas.
[Publicadoenribadeo]
|
|
|
|
Trátase
dun volume de retratos con máis de 300 fotografía
e ten unha tiraxe de mil exemplares
O
Arquivo Pacheco edita a obra Marcas de luz
en colaboración co Concello de Vigo
(31-Agosto-2009)
O Arquivo Pacheco ven
de editar a obra Marcas
de luz tres semanas despois de que a súa apertura ao público fóra unha
realidade. Trátase dun volume de retratos
integrado por máis de 300 fotografías, que sae cunha tiraxe de 1.000
exemplares e que poderá adquirirse na Casa das Artes, nos museos Verbum e Quiñones de León.
O tenente de alcalde de
Vigo Santi Domínguez destacou o esforzo que ten
suposto abrir ao público este arquivo e salientou que "coa súa
apertura damos resposta a unha vella demanda da cidade, que reclamaba
que este tesouro non se perdera". No acto de presentación de Marcas
de luz interviñeron tamén o concelleiro de Cultura, Xesús López, o actual director do arquivo, Vítor Vaqueiro, e o director anterior, Lois Cea.
O concelleiro de Cultura, Xesus López, fixo fincapé na posta en valor
do arquivo, que levou a desenvolver o traballo en fases, dende a
dotación de persoal e a elaboración do plan director ata a apertura do
mesmo aos investigadores e a posterior apertura ao público en xeral.
"Paralelamente, a finais do ano pasado editamos a axenda fotográfica
que recolle retratos de mulleres e que dará lugar a unha exposición a
finais deste ano".
Tanto o tenente de alcalde como o concelleiro de Cultura salientaron que Marcas
de luz quere ser a
primeira dunha longa lista de publicacións do Arquivo Pacheco.
|
|
|
|
Con
esta sección de libros galegos preténdese
recuperar aspectos culturais que os galegos aportaron
a Arxentina
A
Consellería de Cultura impulsa a creación
dunha sección de libro galego nas bibliotecas
de Bos Aires
(31-Agosto-2009)
A Consellería de Cultura e Turismo comezou
a traballar na creación dunha
sección do libro galego nas Bibliotecas de la Ciudad de Buenos Aires,
co fin de difundir e promover a nosa lingua e o libro impreso no noso
idioma en Arxentina. A sección contará cunha escolma de fondos tanto de
recente publicación como clásicos que xa comezou a realizar o persoal
técnico da Biblioteca de Galicia para dar unha imaxe real e completa do
que representa a literatura e a creación galega escrita, tanto actual
como histórica.
O proxecto de establecer unha colección de obras literarias galegas en
Bos Aires enmarcase
dentro do proxecto Babel, la biblioteca, que desenvolve o VII Festival
Internacional de Teatro de Buenos Aires xunto con Bibliotecas de la
Ciudad bonaerense. Este programa promove a lectura de textos dramáticos
nas linguas orixinais de diversas comunidades de tradición inmigrante
e, doutra banda, fomenta a incorporación de fondos de libros en
diversos idiomas nas bibliotecas da cidade.
Con esta sección de libros galegos preténdese recuperar aspectos
culturais que a comunidade galega aportou a Arxentina e, ademais,
suporá un punto de partida para crear un novo centro de confluencia en
torno á cultura galega, tan implicada na propia esencia da sociedade
arxentina. Esta iniciativa compleméntase ademais coa catalogación dos
fondos conservados, en colaboración coa Fundación Puente e que poden
ser consultadas actualmente a través de Internet e nas páxinas do
Centro Superior Bibliográfico de Galicia.
Esta non é a primeira ocasión na que a Xunta de Galicia, a través da
súa Consellería responsable da materia de cultura, ten enviado a
Arxentina coleccións de libros galegos. Os beneficiarios desta política
de difusión da nosa produción editorial foron durante anos os centros e
institucións galegas na capital bonaerense, nas que pódense atopar
importantes coleccións de obras na nosa lingua e dos nosos autores.
As posibilidades de colaboración, tanto de envío de fondos
bibliográficos en idioma galego para incorporar ás bibliotecas públicas
da cidade de Bos Aires, como a ocasión de reunir estes fondos nunha
mesma biblioteca e crear a sección de literatura galega foron expostos
e tratados nunha reunión celebrada entre o persoal da Delegación da
Xunta de Galicia en Bos Aires e o Director de Programación y Difusión
Cultural de la Ciudad. En outubro de 2009 a Consellería ten previsto ter
as citadas coleccións seleccionadas, procesadas e entregadas á rede
bibliotecaria bonaerense para a súa incorporación a 15 bibliotecas da
cidade.
|
|
|
|
Opta
a "Mellor obra nacional", "Mellor
debuxante nacional" e "Mellor guionista
nacional".
As
serpes cegas, candidata aos Premios da Crítica
2009 en tres apartados
(31-Agosto-2009)
As Serpes Cegas, editado por
BD Banda, conta con tres candidaturas nos Premios da Crítica 2009.
A obra do maiorquín Bartolomé Seguí e do madrileño Felipe Hernández
Cava opta a recibir os galardóns a “Mellor obra nacional”, “Mellor
debuxante nacional” e “Mellor guionista nacional”.
Os premios da crítica, convocados pola revista
especializada Dolmen, recollen
anualmente as preferencias de críticos e especialistas de banda deseñada de todo
Estado, e están unanimemente recoñecidos entre os máis prestixiosos,
canda o Premio Nacional do Cómic e os premios do Saló del Cómic de
Barcelona, onde xa fora recoñecida cos galardóns á mellor obra e ao mellor
guión.
As Serpes Cegas é o
primeiro traballo editado por BD Banda e
viu a luz en galego e castelán ao tempo que a edición francesa do
xigante editorial Dargaud, mercé a un acordo desta empresa co colectivo
galego. A obra xa fora publicada por entregas na revista BD Banda, que en breve tirará o seu cuarto número do prelo.
A entrega dos premios da crítica farase no acto de clausura das
Xornadas do Cómic de Avilés, o 12 de setembro. Os críticos teñen agora
aberta unha segunda rolda de votacións que remata o 4 de outubro para
seleccionar os gañadores.
|
|
|
|
O
escritor de Montealto ocupa a vacante de Camilo
Gonsar
Manuel
Rivas novo membro electo da Real Academia Galega
(31-Agosto-2009)
O
Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o pasado
31 de
xullo, acordou nomear membro electo a Manuel Rivas
para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento do académico
numerario don Camilo González Suárez-Llanos no mes de novembro
do pasado ano.
A
candidatura de Manuel Rivas foi proposta polos académicos
Víctor F. Freixanes, Luz Pozo e Xosé
Luís Axeitos e aceptada por unanimidade.
A
obra, tanto literaria como xornalística de
Manuel Rivas é amplamente recoñecida
internacionalmente con moitos premios e traducións.
Tamén é patente o o compromiso de Manolo Rivas coa lingua e coa nosa cultura, que proxectou con dignidade fóra das nosas fronteiras.
|
|
|
|
Lareira
Literaria
Miguel
Vázquez Freire e Xosé Henrique Rivadulla
Corcón na Lareira Literaria
de agosto
(31-Agosto-2009)
Na
Lareira Literaria deste mes contamos coa presenza
de Miguel Vázquez Freire e de Xosé
Henrique Rivadulla Corcón.
O
profesor, escritor e investigador Miguel Vázquez
Freire leva xa moitos anos deleitando aos seus lectores,
en especial aos pequenos lectores, coa súa
obra. Tras publicar recentemente O neno que tiña medo
dos robots; O robot que tiña medo dos niños
en Rodeira, Vázquez Freire ten a piques
de publicar dous novos volumes. Por unha banda atopamos
Historia da Filosofía,
un libro de
texto dirixido aoa alumnado de segundo de bacharelato que prepara co colectivo Nexos –
Enxergo de Didáctica da Filosofía e que publicará Xerais.
Fora dos textos puramente curriculares e centrándonos
en materias literarias, Baía Edicións
publicará cara finais de ano Que
queres ser de maior, Xurxiño? onde ao texto de autoría de
Vázquez Freire acompañarán as ilustracións
de Xosé Tomás.
Acompaña
nesta Lareria a Vázquez Freire o polifacético
Xosé Henrique Rivadulla Corcón, quen
tras publicar recentemente os libros infantís Os piratas
da illa da Esperanza (Xerais) e A balada de Roi Nemiña
(Planeta & Oxford) e o poemario O adeus do vello
mariñeiro (Xerais), ultima
un novo traballo poético, Saudade de náufrago.
Neste novo libro Rivadulla Corcón reflexiona ao redor de dúas cuestións:
o que supón a realidade dos naufraxios no
mundo do mar, dende unha perspectiva persoal, de aqueles que naufragan e das
súas familias; e sobre cal é o papel dos poetas ao hora de
escribir sobre esta realidade. Un novo poemario que agardamos ver nas librarías
todos aqueles que gozamos coa poesía
deste poeta que mira ao mar.
[Lareira
Literaria]
|
|
|
|