MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

Agosto 2008

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

A Casa Galicia de Quuens acolleu un acto de lembranza ao poeta de Fefiñáns

Francisco Fernández Rei recibirá o sexto premio Ramón Cabanillas

 

(29-Abril-2009)

 

Francisco Fernández Rei, Premio Cabanillas A Asociación de Libreiros de Pontevedra, coa colaboración do Concello de Cambados, a Asociación Cultural Unha Grande Chea e a produtora audiovisual Chourizo Films, decidiron outorgar o 6º premio Ramón Cabanillas ao escritor e académico Francisco Fernández Rei, nun acto celebrado onte a mañá no Centro Comarcal do Salnés.

A entrega do premio a Francisco Fernández Rei terá lugar o sábado 16 de maio ás 21.00 h., véspera do Día das Letras Galegas, no Auditorio da Xuventude de Cambados. Na mesma participarán o poeta cambadés Xosé Maria Ribadomar, Xoan Piñeiro e a produtora Chourizo Films estreará unha curta titulada A Man Segreda baseada nun poema de Ramón Cabanillas. Posteriormente haberá unhas actuacións musicais, que estarán a cargo do pianista Miguel Costas Piñó, que fará a súa presentación en Cambados e rematará o acto cun pequeno recital de Xoán Silva, Blas e Xaquín Xesteira.

Esta galardón, que na súa sexta edición coincide coa celebración do Ano Cabanillas, foi entregado en anos anteriores a Victoria Moreno, Adela Leiro, Ramón Caride, Xosé Vázquez Pintor e Fina Casalderrey.

Seguindo cos actos de celebración do Ano Cabanillas, o pasado luns máis de 250 persoas, na súa maioría galegos asentados en Nova York, participaron no acto cultural Cambados e Cabanillas en Casa Galicia de Queens onde, entre as actuacións de gaitas e coros de Casa Galicia, leuse a biografía do bardo de Fefiñáns mentres se proxectaban imaxes da súa vida e obra e deuse a coñecer a inédita nova publicada na revista de Casa Galicia de Manhattan trala morte de Cabanillas, escrita por Ramón Piñeiro sobre 1959. Despois proxectouse un vídeo sobre Cambados e os seus atractivos turísticos e deuse lectura a unha carta escrita por Cabanillas aos emigrantes e proxectáronse fragmentos da revisión da obra Man de Santiña. Posteriormente, o coro deleitou ao público cun poema musicado de Cabanillas, Camiño Longo.

 

Arriba

 

O acto celebrarase mañá xoves organizado pola Asociación Cultural Barbanza, a Colección Bourel e o Concello de Noia

Presentación da edición artesá d'As voces da Musa no IV Encontro de Creadores no Barbanza

 

(29-Abril-2009)

 

IV Encontro de Creadores no Barbanza A Asociación Cultural Barbantia, a Colección Bourel e o Concello de Noia celebran mañá xoves o IV Encontro de Creadores no Barbanza, que terá lugar no Coliseo Noela de Noia ás 21.00 h.

Antón Riveiro Coello, presidente da Asociación Cultural Barbantia, dará comezo coa súa intervención o IV Encontro de Creadores no Barbanza. De seguido, falará Antonio Piñeiro, director da Colección Bourel e responsable da edición artesá d´As voces da Musa, que presentará no Encontro, para dar paso a un recital cos poemas que aparecen no libro As voces da Musa, froito do Encontro, cuxos autores son: Eva Veiga, Ana Romaní, Antonio Piñeiro, Xabier L. Marqués, Xesús Rábade Paredes, Íria Gestoso, María do Cebreiro, Anxo Angueira e Helena Villar Janeiro. Durante o recital, iranse intercalando as actuacións de Xosé Luís Miranda, PePe Romero e Sonia Lebedynski, coas súas respectivas aportacións musicais, elaboradas ex profeso para o Encontro.

Sobre ás dez da noite inaugurarase a exposición dos gravados que forman parte do proxecto, realizados polos seguintes pintores vinculados coa comarca: Alfonso Costa, Xoán Fernández, Manuel Ayaso, Paola García, Nacho C. Beiro, Baldo Ramos, Julio Catalán, Fran Blanco Alcaide e Manolo Figueiras.

Este IV Encontro de Creadores no Barbanza rematará co peche institucional a cargo do alcalde de Noia, Rafael García Guerrero.

 

 

Arriba

 

Do 7 ao 9 de maio

O poeta e artista uruguaio Clemente Padín impartirá no CGAC un obradoiro de poesía visual

 

(29-Abril-2009)

 

Obradoiro de Poesía Visual no CGAC con Clemente Padín O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela acolle un obradoiro de poesía visual dirixido a a profesores, estudantes e público en xeral interesados en coñecer as formas expresivas que alimentan a poesía experimental.

O obradoiro que se desenvolverá no CGAC do 7 ao 9 de maio estará dirixido polo poeta e artista uruguaio Clemente Padín, cuxa obra está estreitamente vinculada coa poesía visual, a performance e o activismo político, combinando a arte de vangarda e a literatura co compromiso sociopolítico dun modo sobresaínte. Actualmente, o CGAC expón dúas das súas obras na mostra colectiva A mancha humana que proceden da serie Signografías; unha colección de vinte poemas escritos con tinta chinesa sobre papel.

No obradoiro, Clemente Padín abordará a historia e a evolución da poesía experimental desde os seus inicios ata a actualidade. Outro dos temas que se tratará será a evolución dos soportes e como estes foron determinando os cambios estruturais na poesía. Ademais de afondar na evolución histórica realizarase o comentario pormenorizado de poemas experimentais de todas as épocas e o autor amosará ademais poemas experimentais en todas as súas dimensións: visual, sonora, dixital ou performática, entre outras. Os participantes no taller realizarán poemas visuais que poderán exhibir ao remate do mesmo cando terá lugar, tamén, unha lectura pública de poesía experimental incluíndo traballos duns quince poetas experimentais e un xogo poético de participación popular.

Os interesados pódense apuntar ata o 5 de maio e o custo é de 20 euros.

 

Arriba

 

Por Hordas de escritura e Europa, o continente pensado

Chus Pato e Camilo Nogueira, premiados nos XXIV Antón Losada Diéguez

 

(28-Abril-2009)

 

Premios Ant´´on Losada Diéguez Tras recibir recentemente o premio da crítica galega, Hordas de escritura (Xerais), da poeta ourensá Chus Pato, ven de obter o XXIV Premio Antón Losada Diéguez na modalidade de creación literaria. Pola súa banda, Europa, o continente pensado (Galaxia) de Camilo Nogueira, foi a gañadora en ensaio e creación.

O xurado dos XXIV Antón Losada Diéguez, conformado por representantes da Real Academia Galega, do Museo do Pobo Galego, da Deputación de Ourense, das tres universidades galegas, e polos concellos de O Carballiño e Boborás como organizadores dos premios, destacaron os traballos de Chus Pato e de Camilio Nogueira sobre as máis de trinta propostas recibidas no apartado de creación literaria e as máis de vinte en ensaio e investigación.

A entrega de premios farase efectiva o vindeiro 13 de xuño no concello de Boborás, vila natal de Antón Losada Diéguez.

 

 

Arriba

 

O premio inclúe a publicación da obra, como xa sucedera con As mellores intencións, de Begoña Paz

José Ignacio Silva Regueira faise co II Concurso de Novela Curta 'Cidade Centenaria de Riveira'

 

(24-Abril-2009)

 

II Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Riveira Vertixes, do autor carballés José Ignacio Silva Regueira é a obra gañadora do II Concurso de Novela Curta 'Cidade Centenaria de Riveira', segundo deu a coñecer o alcalde José Luis Torres Colomer no acto celebrado onte na Casa Consistorial do municipio barbanzano.

Vertixes trátase dunha novela psicolóxica cunha historia pechada que se estrutura en vinte e sete breves capítulos e mais un epílogo. A narración desenvólvese desde diferentes perspectivas e facendo uso de continuas analepses e prolepses para describir unha dramática historia de amor xuvenil, que invita a manter unha lectura atenta e case de suspense ao longo dela. Incardinada na actualidade con continuas referencias musicais, literarias, espaciais... e coa presenza da metaliteratura das mensaxes da telefonía móbil, a lectura da obra resulta moi próxima ao lector e lectora contemporáneo, segundo a opinión dos membros do xurado.

O xurado desta segunda edición estivo formado pola escritora Uxía Casal; o historiador e escritor Xoan Pastor Rodríguez; o historiador e arquiveiro municipal José Antonio Otero; e a filóloga e normalizadora lingüística de Riveira Alicia Padín. Unai González actuou como secretario do xurado, pero sen voto.

Xunto ao premio económico está a publicación da obra, como xa sucedera coa gañadora da primeira edición As mellores intencións (Xerais), da coruñesa Begoña Paz.

 

Arriba

 

Denominaranse a partires de agora Henrique Rabuñal, Antón Castro, Francisco A. Vidal, Dora Vázquez e Miguel Sande

Nomes de escritores para as bibliotecas de Arteixo

 

(24-Abril-2009)

 

Bibliotecas de Arteixo Tras a aprobación do Pleno Municipal o pasado 26 de marzo da proposta feita polo responsable das bibliotecas do concello José Luís Alonso, de denominar ás bibliotecas do Concello de Arteixo con nomes de escritores onte, coincidindo coa celebración do Día de Libro, as bibliotecas de Arteixo cambiaron a súa denominación por nomes de escritores vinculados ao concello arteixán.

Deste xeito, a Biblioteca Central chamarase “Henrique Rabuñal”, a de Meicende “Antón Castro”, a de Froxel “Francisco A. Vidal” a de Oseiro “Dora Vázquez” e a de Pastoriza “Miguel Sande”.

Dende a Concellería de Cultura, Turismo, Feiras e Festas celebrouse esta iniciativa que incorpora á memoria bibliotecaria os nomes de escritores vinculados ao Concello sendo unha novidade importante o feito de que sexan escritores aos que se homenaxea en vida.

Ao acto acudiron Henrique Rabuñal, Francisco A. Vidal e Miguel Sande.

 

 

Arriba

 

Valle-Inclán Debuxado/Obra Ilustrada (Fondos da USC) permanecerá aberta desde o 22 de abril ata o 24 de maio

A Universidade de Santiago realiza unha mostra cos seus fondos documentais, iconográficos e bibliográficos sobre Valle-Inclán

 

(22-Abril-2009)

 

A USC mostra en Fonseca os seus fondos documentais, iconográficos e bibliográficos sobre Valle Inclán A Universidade de Santiago de Compostela inaugurou hoxe, no Colexio de Fonseca, a exposición Valle-Inclán Debuxado/Obra Ilustrada (Fondos da USC), que recolle parte dos fondos documentais, iconográficos e bibliográficos sobre o escritor Valle-Inclán localizados na Universidade de Santiago. A mostra permanecerá aberta ata o 24 de maio.

No acto de inauguración, presidido polo rector da Universidade Senén Barro, entregouselle a insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela a Mercedes Alsina Gómez-Ulla, viuva de Carlos del Valle-Inclán, distinción que recolleu o seu fillo Fernando. Interviron ademais a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, e os comisarios da mostra Javier Serrano e Margarita Santos Zas, directora da Cátedra Valle-Inclán.

Valle-Inclán Debuxado/Obra Ilustrada (Fondos da USC) estrutúrase nun dobre percorrido no tempo que abrangue tanto a figura como a obra do escritor galego de xeito que consta de dúas seccións, unha primeira iconográfica que reúne máis de 200 caricaturas e retratos de Valle, publicados maioritariamente na prensa e asinados polos mellores debuxantes e pintores da época; e unha segunda bibliográfica, cuxa novidade estriba en destacar o exquisito e orixinal labor de deseño e ilustración da obra valleinclaniana. Comisarían a primeira parte da exposición Javier Serrano Alonso e Amparo de Juan Bolufer, e Margarita Santos Zas e Francisca Martínez a segunda. A mostra permanecerá aberta de martes a sábado de 11.00 h. a 14.00 h. e de 17.00 h. a 20.30 h., e os domingos de 11.00 h. a 14.00 h.

 

Arriba

 

Presentarase Máquina de guerra, da galega residente en Barcelona Raida Rodríguez

Estaleiro Editora difunde a súa proposta de edición independiente en Barcelona

 

(21-Abril-2009)

 

Estaleiro Editora presenta a súa proposta en Barcelona Entre os días 22 e 25 de abril Estaleiro Editora desembarcará en Barcelona onde levará a cabo unha serie de actividades para dar a coñecer o seu proxecto de edición independente, alternativa e vinculada á libre difusión cultural.

Para iso, desenvolverá ao longo de catro días -nos que coincidirá co Día de Sant Jordi, de grande importancia en Catalunya- unha axenda de actividades onde se presentará a última entrega bibliográfica de Estaleiro Editora, o poemario Máquina de guerra, primeiro libro da autora galega e residente en Barcelona Raida Rodríguez.

Axenda de actos:

22 de abril (16.30 h.). Facultat de Lletres, Universitat Autònoma. O portavoz da editora Carlos G. Figueiras compartirá mesa con Raida Rodríguez Mosquera na Facultat de Lletres da Universitat Autònoma, nun acto organizado polo Lectorado de Galego da devandita universidade.

24 de abril (19.30 h.). Estaleiro levará o seu proxecto ao Espai Social Magdalenes, onde a presentación de Máquina de guerra dará paso a un recital galego–catalán aberto ás persoas interesadas. Organiza Espai Gallec del Països Catalans.

25 de abril (18.00 h.). Centro Galego de Barcelona.

 

 

Arriba

 

Os días 23 e 24 de abril

As VII Xornadas Literarias de Neda abordan a figura e a obra de Virginia Wolff

 

(20-Abril-2009)

 

VII Xornadas Literarias en Neda Tras Julio Cortázar, James Joyce, Miguel de Cervantes, Franz Kafka e William Faulkner, as Xornadas Literarias de Neda achegarán ao público a figura dunha das escritoras británicas máis importantes da primeira metade do século XX, Virginia Wolff .

Un ano máis, e van xa sete edicións, a Casa da Cultura do Concello de Neda acolle estas xornadas que se celebran entorno ao Día do Libro. Deste xeito, o día 23 ás 17.00 h. arrancarán coa cerimonia de inauguración a cargo do Alcalde de Neda, Ignacio Cabezón; e do Decano da Facultade de Humanidades da UDC, Manuel Recuero. De seguido, a primeira mesa/coloquio contará coa presenza de Manuela Palacios, profesora de filoloxía inglesa da Universidade de Santiago; José Manuel Sande, programador do CGAI; Purificación Mayobre, profesora da Universidade de Vigo; e do Clube de Lectura ?Pantasmas de Papel'. Ao finalizar o coloquio haberá un concerto de música inglesa da primeira metade do século XX.

A segunda xornada das Xornadas contará coa presenza e as intervencións de Susana Pérez Pico, especialista en cine e literatura da Universidade de Vigo; de Carmen Blanco, escritora e profesora de literatura galega da Universidade de Santiago no campus de Lugo; e da tradutora e profesora María Cuquejo Enríquez. Posteriormente proxectarase o filme Orlando de Sally Potter.

[Programa das Xornadas Literarias de Neda]

 

 

Arriba

 

Este segundo encontro, convocado polo Concello da Coruña e a AELG, se desenvolverá desde o 24 de abril e continuará ao longo do mes de maio

María Reimóndez, Elena Poniatowska, Marilar Aleixandre e Teresa Moure formarán parte do II Encontro Cidade da Coruña Mulleres na literatura

 

(20-Abril-2009)

 

II Encontro Cidade da Coruña "Mulleres na Literatura" A Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Concello da Coruña presentaron hoxe á maña o II Encontro Cidade da Coruña "Mulleres na Literatura" que arrincará o 24 de abril e continuará ao longo do mes de maio.

O encontro inaugúrase coa conferencia da escritora e tradutora María Reimóndez, que ofrecerá unha conferencia Por min e polas miñas compañeiras. Visibilidades e invisibilidades das escritoras en Galicia. Tanto esta como o resto de conferencias celebraranse na Real Academia Galega (R/ Tabernas, 11) da cidade herculina ás 20.00 h..

O programa deste II Encontro Cidade da Coruña complétase coas seguintes citas:

A xornalista e escritora mexicana Elena Poniatowska (Escritora Galega Universal en nomeamento da AELG) pronunciará o 8 de maio a conferencia A literatura que vén dá rúa.

Para o 15 de maio: Trasgresoras: Do tabú á corrección política , dunha das nosas figuras chaves, a narradora, poeta e tradutora María Aleixandre.

E rematará este II Encontro Mulleres na literatura Teresa Moure coa conferencia, o 22 de maio, As mulleres e a literatura. De onte a hoxe.

 

 

Arriba

 

Do 22 ao 26 de abril

A Festa da lectura, do libro e da palabra situará a Ferrol no epicentro literario do mes de abril

 

(20-Abril-2009)

 

A Festa da lectura, do libro e da palabra Ferrol abrirá a próxima semana o seu calendario particular de citas co libro por medio dunha nova edición da feira do libro. Baixo o título A Festa da lectura, do libro e da palabra, a cidade naval ofrecerá, entre o 22 e o 26 de abril no Cantón de Molíns, unha completa programación de accións co obxectivo de fomentar o hábito da lectura e introducilo xa como unha rutina no día a día da cidadanía.

A Feira do Libro de Ferrol prantexará unha lectura reflexiva e crítica, para a que non existe límite máximo nin mínimo de idade. Así o poñían de manifesto o pasado 17 de abril o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri; a concelleira de Educación e Cultura, Mercedes Carbajales, e Antonio Fernández Maya, da Federación de Libreiros de Galicia.

O concello de Ferrol ven de elaborar un amplo e variado programa de actividades que, entre outras, inclúe xogos populares para maiores, obradoiros literarios e de encadernación, maratóns de lectura, contacontos, actuacións musicais, teatro de rúa, charlas-coloquio, monólogos dramatizados, conversas con autores e sinaturas de libros por parte de escritores e escritoras como Yolanda Castaño, Antón Cortizas, Suso de Toro, Xavier P. Docampo, Mar Guerra, Bernardo Maiz, etc. Neste contexto, Mercedes Carbajales destacou tamén a actividade Do libro á escena. Conversando con Javier Gutiérrez, actor, ferrolán e gañador do premio ao mellor actor nos Premios Max.

Por outra banda, nesta edición, a cifra de casetas que se instalarán no Cantón ascende a 12. E, entre elas, se inclúen librerías de Ferrol e doutras cidades de Galicia. Ao igual que o ano pasado, a Biblioteca Central contará con stand propio, de xeito que se favorezan novas altas de socios.

 

 

Arriba

 

Membro do corpo de diplomáticos, dende o 2004 é o encargado dos asuntos culturais do consulado de España en Nova York

Roberto Varela Fariña, novo Conselleiro de Cultura

 

(20-Abril-2009)

 

Roberto Varela Fariña, novo Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia O moañés Roberto Varela Fariña é o encargado polo novo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para se facer cargo da Consellería de Cultura, que substituirá á anterior conselleira, a nacionalista Ánxela Bugallo.

Roberto Varela (Meaño, 1959), nado no ano 1959. É licenciado en Filosofía pola Universidad de Barcelona; licenciado en Relacións Internacionais por I.L.E.R.I. (PARIS) e diplomático dende o ano 1989. Cónsul de España dende o 2004 en Nova York. Encargado dos Asuntos Culturais. Relacións coa Universidade e Institucions Educativas Norteamericanas; colaboracions con Institucions artísticas e Culturais: MoMA, Metropolitan Museum, Lincoln Center, Carnegie Hall; diseño de programas para a promoción cultural das Comunidades Autónomas e; elaboración e execución do Programa Cultural do Consulado Xeral de España en Nueva York.

 

 

Arriba

 

Confirmouse a proposta feita pola Sección de Crítica da AELG

Hordas de escritura de Chus Pato e Festina Lente de Marcos S. Calveiro, premios da Crítica 2009

 

(20-Abril-2009)

 

Ciclo 'Poéticas para unha vida' Non houbo sorpresas o pasado sábado en Santander. A proposta da Sección de Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega para os Premios de narrativa e poesía galegas que a Asociación Española de Críticos Literarios fallou no Pazo da Magdalena foi para Festina Lente (Xerais) de Marcos S. Calveiro e para Hordas de escritura (Xerais) de Chus Pato.

O resto dos premiados foron:

En castelán: Saber perder (Anagrama) de David Trueba en narrativa e La vida nueva (Visor) de Eduardo García en poesía.

En catalán: El professor d’història (Proa) de Joan-Francesc Mira en narrativa e Rebel.lió de la sal (Pagés editors) de Teresa Pascual en poesía.

En éuscaro: Bilbao-New York-Bilbao (Elkar) de Kirmen Uribe en narrativa e Egunsentiaren esku izoztuak (Pamiela) de Xabier Lete en poesía.

 

 

Arriba

 

A filóloga romanesa Mariana Ploae-Hancanu recibirá o Pedrón de Honra pola difusión da lingua e cultura galega no seu país

Mini e Mero recibirán o Pedrón de Ouro 2009 polo seu labor de recuperación e transmisión do patrimonio oral de Galicia

 

(20-Abril-2009)

 

Mini e Mero, Pedrón de Ouro 2009 Xosé Luís Rivas (Mini) e Baldomero Iglesias (Mero), fundadores dos grupos folk Fuxan os Ventos e A Quenlla, foron distinguidos co Pedrón de Ouro 2009 polo seu labor de recuperación e transmisión do patrimonio oral de Galicia dende a hai case corenta anos.

Mini e Mero son autores dunha longa traxectoria tanto musical como literaria, como queda reflectido nos seus libros Cantos, coplas e romances de cego (Ophiusa), Contos de vellos para nenos (Citania) ou Somos lenda viva: lendas para rapaces (Citania).

Asemade, a Fundación Pedrón de Ouro decidiu outorgar á filóloga e profesora da Universidade de Bucarest Mariana Ploae-Hancanu pola difusión da lingua e a cultura galega no seu país.

O acto de entrega do Pedrón de Ouro e de Honra terá lugar o domingo 24 de maio, ás 12.00 h., na Casa de Rosalía de Castro de Pedrón.

 

 

Arriba

 

O Verbum acollerá este cilo durante os meses de abril e de maio

María Lado e Nela Que e Dr. Pause estarán este sábado no Verbum de Vigo dentro do ciclo Poéticas para unha vida

 

(16-Abril-2009)

 

Ciclo 'Poéticas para unha vida' "Poetas que dedican a súa vida á poesía. Poetas que se serven da poesía para loitar pola vida. Poetas de recoñecida traxectoria e poetas que empezan a desenvolver unha linguaxe propia a través do vivencial".

O sábado 18 de abril continúa o ciclo Poéticas para unha vida que o Verbum. Casa das Palabras de Vigo programa durante os meses de abril e maio. Tras a proxección do documental Arte, Paz, Vida de Clemente Padín e a performance On the road, agora tócalle o turno á poeta María Lado, que baseará a súa intervención nos poemas do seu último libro Nove (Fervenza), nun pase onde utilizará poesía, videopoemas e música. Tras María Lado, Nela Que e Dr. Pause presentarán Santia Fister, unha peza-collage na que conviven pintura e composicións visuais a tempo real, palabras, fetos sonoros e presentación escénica de acción: os ladrillos pesan, a auga molla.

Antes de que remate o mes máis cruel (segundo T.S. Eliot) Daniel Rojo estará polas rúas do casco histórico de Vigo coa poesía visual de Señales de advertencia. Será o 25 de abril.

No mes de maio pasarán polo Verbum Fernando Aguiar o día 2 cunha sesión de poemas experimentais e sonoros. O día 9 Bartolomé Ferrando presentará a poesía de Territorios Sonoros. Normas ad-hoc, poética da imaxe e do corpo é o traballo que presentará para o 16 de maio o oscense Víctor Bonet. Unha semana despoistocaralle o turno ao (((((((FATALISMO CIRCULAR))))))) de Margarida Chambel e Nuno Oliveira, arte sonora e oralidade baseada na obra poética do existencialista portugués Raúl Brandão.

A clausura destas Poéticas para unha vida será o 30 de maio cun recital de Chus Pato.

[Programa da Poéticas para unha vida]

 

 

Arriba

 

Do 21 ao 24 de abril no Verbum de Vigo

O OULIPO como inspiración e como base para un congreso de creatividade e literatura potencial

 

(16-Abril-2009)

 

Congreso internacional Pé Ð LETRA CREATIVIDADE E LITERATURA POTENCIAL VERBUM Samil (Vigo). 21, 22, 23 e 24 de abril de 2009 O Verbum, Casa das Palabras, acollerá do 21 ao 24 de abril o Congreso Internacional Pé D Letra. Creatividade e Literatura Potencial.

Este encontro, organizado polas universidades de Vigo, do Minho, de París III e de Noxa York baixo a dirección de Hermes Salceda (Universidade de Vigo), Maria Keating (Universidade do Minho) e Gonzalo Navaza (Universidade de Vigo) reunirá durante catro días a autores, críticos, tradutores e docentes de diferentes nacionalidades que, baixo os seus distintos niveis de creacións, atoparon inspiración de maneira directa nos traballos do OULIPO (Obradoiro de Literatura Potencias) que desde o ano 1960 ven renovando as formas de transmitir a experiencia literaria.

Arteletra (Exposición de textos de literatura potencial), Severoreves (Exposición de cómics palindrómicos, Upside Downs de Gustave Verbeek e Nogegon de Luc e François Schuitten) e o concerto de Pierre Bastien servirán como actividades paralelas ao congreso abertas ao público.

[Páxina web do Congreso]

 

 

Arriba

 

Participan Luz Fandiño, Marta Dacosta, Andrea Núñez, Igor Lugrís, Sechu Sende, Xiana Arias e Maya Grillo

II Festival de Poesía Galega 'Poïética 2009'

 

(16-Abril-2009)

 

II Festival de Poesía Galega Contemporánea "PÖÉTICA" O Casal de Ferreirós, no concello de Poio, será o escenario, o vindeiro sábado 18 de abril, do IIº Festival de Poesía Galega 'Poïética'.

Ao longo desta xornada @s poetas Luz Fandiño, Marta Dacosta, Andrea Núñez, Igor Lugrís, Sechu Sende e Xiana Arias, acompañados da música de Maya Grillo, compartirán versos e palabras con todos os asistentes.

O IIº Festival de Poesía Galega 'Poïética' está organizado pola Concellería de Cultura de Poio.

Casal de Ferreirós (Avda. Andurique, 43) en San Salvador-Poio. Ás 20.30 h.

 

 

Arriba

 

A exposición Ramón Piñeiro na lembranza. Pintura e debuxos de Siro percorrerá boa parte de Galicia

O Centro Ramón Piñeiro prepara un conxunto de actividades e publicacións ao homenaxeado coas letras galegas deste ano

 

(16-Abril-2009)

 

Ramón Piñeiro na lembranza. Pinturas e debuxos de Siro O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ultima a exposición Ramón Piñeiro na lembranza. Pinturas e debuxos de Siro en homenaxe ao autor que este ano será homenaxeado co gallo do Día das Letras Galegas. Ademais, desde o Centro preparase a edición de varias publicacións con correspondencia inédita de Piñeiro, que sairán do prelo a primeiros de maio.

A mostra de caricaturas, óleos e visións de Ramón Piñeiro organízase en base ás creacións do debuxante Siro. Consta de dúas partes, unha na que se exporán as 40 ilustracións referentes a Piñeiro e outra, denominada Os amigos de Ramón Piñeiro, con 30 caricaturas e retratos, realizados tamén por Siro, sobre as persoas próximas ao intelectual, político e escritor homenaxeado.

A exposición será itinerante. Iniciará a comezos de maio a súa estadía en Santiago de Compostela, onde permanecerá na sede da Fundación Torrente Ballester. Na primeira quincena de xuño poderase visitar na Casa da Xuventude de Ourense, para trasladarse, os últimos 15 días dese mes, ao Círculo das Artes de Lugo. Durante todo o mes de xullo a mostra estará instalada na Fundación Caixa Galicia da Coruña e, xa no mes de setembro, visitará a cidade de Vigo, onde permanecerá na Casa Galega da Cultura. Asociada a esta actividade editarase un catálogo do que se van tirar 5.000 exemplares.

Amais deste evento, o Centro Ramón Piñeiro sacará á luz varios epistolarios de Ramón Piñeiro. Nunha das publicacións recollerase a correspondencia do autor co galeguista Filgueira Valverde e outros; outro dos libros compila as cartas de Piñeiro ao filólogo José Luis Pensado; e un terceiro volume, en edición de José Luis Cochón e Miro Villar, recolle o epistolario de Piñeiro ao profesor Isidoro Millán, estudoso da lingua e da cultura galegas.

Por outra parte, o centro vai reeditar outro exemplo do xénero epistolar, recorrente en Piñeiro. Trátase da correspondencia do autor con Ricardo Carvalho Calero. Ademais, está en proxecto a edición dun novo libro de cartas a outros autores como Marina Mayoral ou Pilar Vázquez Cuesta e, en colaboración coa Fundación Penzol, a publicación das cartas que persoeiros lugueses como Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole ou Álvaro Cunqueiro lle enviaron a Piñeiro. En proxecto tamén está a reedición, en CD, de dúas entrevistas con Piñeiro realizadas por Manuel Rico e por Luís Rei Núñez, e a edición impresa das transcricións desas entrevistas.

Para rematar, e dentro das actividades programadas polo Centro Ramón Piñeiro con motivo das Letras Galegas 2009, está xa no prelo un libro de homenaxe a Piñeiro con achegas de 13 colaboradores, entre os que se atopan profesores universitarios, politólogos, políticos e escritores.

 

 

Arriba

 

Entre as obras catalogadas e dixitalizadas atópanse libros, libros de actas, fotografías, video, cadros, etc.

A Secretaría Xeral de Emigración presenta un catálogo virtual con material da diáspora galega

 

(16-Abril-2009)

 

'A derradeira lección do mestre' de Castelao A Secretaría Xeral de Emigración ven de presentar a Rede Virtual do Patrimonio Artístico e Cultural dos centros e asociacións galegas máis importantes da diáspora galega. Trátase dun catálogo virtual que se pode consultar na páxina web da Secretaría onde os usuarios atoparán fotografías, vídeos e documentos de doce centros e asociacións de Brasil (Centro Español e Repatriación de Santos), Arxentina (Centro Galicia, Centro Gallego e Centro Galego de Betanzos en Bos Aires, Centro Gallego de Rosario, Centro Gallego de Avellaneda e a Federación de Asociaciones Gallegas), Uruguai (Centro Gallego de Montevideo, Casa Galicia de Montevideo e Patronato da Cultura Galega en Montevideo), Portugal (Centro Gallego de Lisboa) e España (Centro Galego de Barcelona).

O traballo de inventariado, catalogación e dixitalización dos bens mobles e inmobles que constitúen o patrimonio dos centros escollidos prolongouse durante os últimos meses, chegándose a obter máis de 80.000 imaxes de libros e libros de actas e 1.500 imaxes de cadros, edificios, esculturas e outros elementos das que logo se fixo unha selección das mellores. Cada unha das pezas catalogadas conta cunha pormenorizada ficha na que se ofrece información detallada sobre a mesma, como autor, data de creación, centro ao que pertence… así como fotografías e vídeos que ofrecen ao usuario a posibilidade de achegarse virtualmente a todo este legado artístico. Edificios singulares, pinturas, esculturas, fotografías, libros de actas e outros elementos conforman esta Rede Virtual que se pode consultar libremente por tipo de obra, autor ou centro.

Un dos obxetivos marcados era a conservación e posta en valor do importante patrimonio que atesouran as entidades da diáspora galega, así como a restauración e acondicionamento de lugares emblemáticos da emigración galega como son o Centro Gallego de Avellaneda e o Teatro Castelao do Centro Gallego de Bos Aires.

[Páxina web Galicia Aberta]

 

 

Arriba

 

Do 15 ao 18 de abril

Volve un ano máis a poesía salvaxe a Ferrol

 

(14-Abril-2009)

 

II Semana de Poesía Salvaxe Carlos Oroza, Olalla Cociña, Guillermo Fernández & Karlotti... así até dez poetas que percorrerán entre os días 15 e 18 de abril rúas, mercados, pubs e capelas de Ferrol para erguer a palabra poética sobre o ruído cotiá, reivindicando tamén a forza da oralidade sobre o texto domesticado.

Un ano máis, e xa van dous, Ferrol volverá a converterse nun referente indispensable da actividade cultural de Galicia coa celebración da II Semana de Poesía Salvaxe, onde ao longo de catro días haberá unha media de tres actuacións. Como broche de ouro, o sábado 18 ofrecerase unha homenaxe a Golpes Bajos da man do seu líder Germán Coppini e dos músicos de Comando Delta.

 

[Programa da II Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol]

 

 

Arriba

 

Os días 16 e 17 de abril en Santiago de Compostela

II Simposio Internacional Poéticas de Resistencia: Prácticas, Repertorios e Estratexias

 

(13-Abril-2009)

 

II Simposio Internacional Poéticas de Resistencia Os vindeiros días 16 e 17 de abril terá lugar en Santiago de Compostela o 'II Simposio Internacional Poéticas de resistencia', organizado polo Grupo de Investigación de Teoría da literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela e a Rede Internacional Poetics of Resistance.

O Centro de Estudos Avanzados da USC (Campus Norte (Parque de Vista Alegre - Salvadas s/n) e a Fundación-Museo Eugenio Granell acollerán as diferentes actividades que se desenvolverán en dúas xornadas completas de actividades e de ponencias.

As actividades comezarán o xoves 16 ás 9.00 h. no Centro de Estudos Avanzados do Campus Norte co acto inaugural a cargo dos directores do curso: Arturo Casas Vales e Iris Cochón Otero (presidentes), Lorena Domínguez Mallo e Isaac Lourido Hermida (secretarios), Margarita García Candeira e María do Cebreiro Rábade Villar.

A primeira mesa redonda celebrarase ás 9.30 h. e terá por tema A resistencia cultural no ámbito dos estudos de emerxencia, na que intervirán Cornelia Gräbner, Margarita García, Jorge Sacido Romero e Iria Sobrino Freire. Ao remate das intervención celebrarase un debate co público asistente. No segundo acto da mañá reflexionarase arredor da Teoría da historia e resistencia e terá como participantes a Arturo Casas, Lorena Domínguez, Antonio Díaz e Thomas Muhr.

Pola tarde tratarase sobre A resistencia como sabotaxe. Na primeira das mesas redondas, ás 16.00 h., falarase sobre Sátira, humor e parodia como estratexias resistentes. Nela intervirán Carlos Quiroga, Alethia Alfonso, Paula Cristina Oliveira da Cruz e Eduardo Espina. Xa para rematar esta segunda parte do simposio, ás 18.30 h., amosaranse algunhas experiencias resistentes coas intervencións de María do Cebreiro, Cristian Aliaga e Mario Viveros. Esta primeira xornada remata ás 20.30 h. cun recital poético a cargo de Alfonso Pexegueiro con Anxo Pintos (zanfona), Quico Comesaña (arpa) e as actrices María Caparrini e Vanesa Sotelo.

Para a xornada do o venres terá lugar unha nova sesión, titulada Repertorios de resistencia, onde intervirán Chus Pato, Constanza Ceresa e Marcos Giadas. De seguido falarase sobre os Suxeitos da resistencia, nun coloquio que estarán presentes Manuel Barbeito, Florencia Garramuño, Roberto Echavarren, Rodrigo Solís e William Rowe. Ás 13.15 h. iniciase un novo debate arredor de Mark A. Wiersma: Action in René Char: Notes on the creation of a resistance dynamic, na que intervirán Jordi Claramonte e Burghard Baltrusch.

O II Simposio Internacional Poéticas de resistencia finalizará coa proxección da curtametraxe Po de estrelas, do cineasta carballiñés Alberte Pagán, quen manterá un debate posterior cos asistentes.

Aínda que o Simposio terá lugar o xoves e o venres, un día antes haberá unha serie de actividades paralelas ao Simposio: ás 18.00 h., na Sala 9 da Facultade de Filoloxía Florencia Garramuño impartirá a conferencia Os restos do real: literaturas argentina e brasileira contemporâneas. De seguido, no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia, proxectarase o documental de Mario Viveros Romper el cerco e presentarase o libro Canal 6 de Julio: la guerrilla fílmica. Para rematar esta xornada previa ao Simposio terá lugar ás 20.30 h., na Facultade de Filoloxía, a presentación do libro de Jordi Claramonte Lo que puede un cuerpo. Ensayos de estética modal, militarismo y pornografía.

[Programa do II Simposio Internacional Poéticas de Resistencia]

 

 

Arriba

 

A Sección de Crítica da Asociación Galega de Escritores escolleu estas dúas obras na mañá de hoxe tras a reunión en Santiago de Compostela

Festina lente e Hordas de escritura optarán a ser os mellores libros galegos segundo os críticos literarios

 

(13-Abril-2009)

 

Premios da Crítica Galega A Sección de Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega, reunida na mañá de hoxe en Santiago de Compostela, e tras o debate e votación correspondentes, ven de propor para os Premios de narrativa e poesía galegas que a Asociación Española de Críticos Literarios fallará o vindeiro día 18 de abril en Santander, as seguintes obras:

Na modalidade de narrativa Festina Lente (Xerais) de Marcos S. Calveiro; e na modalidade de poesía Hordas de escritura (Xerais) de Chus Pato.

Da obra de Marcos S. Calveiro, premiada recentemente nos premios Irmandade do Libro e votado polos lectores de Fervenzas Literarias como mellor obra do 2008 na modalidade de narrativa, foi valorada polo xurado pola súa orixinalidade, trazo que a fai destacable nun panorama prolífico de seu no xénero histórico, así como a súa riqueza lingüística e a capacidade de dar vida á Compostela dos séculos XVI e XVII, transformando en literatura unha ben peneirada documentación histórica.

Pola súa banda, de Hordas de escritura (segundo mellor libro de poesía do 2008 segundo os lectores de Fervenzas Literarias) destacouse a solidez do seu discurso vangardista e a construción dunha poesía que se articula como unha loita contra a propia linguaxe literaria, trazos que marcan un fito importante na xa longa traxectoria da autora.

 

 

Arriba

 

O xurado destacou da obra gañadora a busca dunha identidade propia a través de silencios e de sombras

Area Quente, de An Alfaya, recibe o XVI Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey

 

(07-Abril-2009)

 

An Alfaya gaña o Lueiro Rey de Narrativa Curta O xurado do XVI Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey, reunido onte no Concello do Grove, decidiu outorgar por maioría o premio desta edición á obra Area Quente, presentada pola escritora viguesa An Alfaya.

O xurado, formado polos críticos literarios Manuel Quintáns, Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas; Ánxela Gracián, escritora e editora de Sotelo Blanco; Ramón Caride, escritor e gañador da pasada edición; e Antón Mascato, concelleiro de Cultura do Grove, como secretario e con voz e sen voto, destacaron na concesión do premio que Area Quente ofrece un mundo “habitado por uns personaxes caracterizados pola autora con fondura e extrema lucidez", un mundo "onde os silencios e as sombras son o camiño para a procura da identidade propia" e que "o amor e o desamor son tamén un espello destes seres”.

O premio Lueiro Rey, convocado desde o ano 1992 polo Concello do Grove coa colaboración de Sotelo Blanco, pretende honrar coa súa celebración a memoria e a obra de Manuel Lueiro Rey.

 

 

Arriba

 

A obra está prevista que se publique no verán e acompañarase da montaxe dunha exposición na Alameda de Santiago

Alvarellos recupera nun volume como foi a Exposición Rexional Galega de 1909

 

(07-Abril-2009)

 

Exposición Rexional Galega de 1909. A comezos do verán, Alvarellos Editora publicará, coincidindo co centenario da da histórica Exposición Rexional Galega de 1909 –inaugurada en Santiago o 24 de xullo daquel ano coa presencia do rei Alfonso XIII e o presidente do Goberno Antonio Maura–, un volume conmemorativo que recuperará medio cento de fotografías daquel evento conservadas en diversos arquivos e bibliotecas. A obra tamén inclúe a crónica xornalística, elaborada polo editor e xornalista Henrique Alvarellos Casas, daquela mostra: o contexto social, a descrición dos pavillóns, as cifras de visitantes e resultados económicos, as curiosidades, qué queda hoxe en pé de todo aquilo, etc. A Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia financiou os labores de documentación deste proxecto, xa que, para localizar todo o material, foi preciso consultar os arquivos e bibliotecas do Museo do Pobo Galego, Real Academia Galega, Arquivo Histórico Universitario de Santiago, Hemeroteca da USC, Instituto Padre Sarmiento ou o Arquivo do Palacio Real de Madrid, entre outros.

O proxecto inclúe, á parte da publicación do libro, a montaxe dunha exposición na Alameda, fronte á actual escola infantil de Santa Susana, un edificio de Antonio Palacios que foi inaugurado aquel mesmo ano 1909 e destinado, durante e Exposición, a Pavillón de Recreo Artístico e Industrial. A mostra conmemorativa do centenario consiste na exhibición do medio cento de fotografías atopadas, montadas en paneis de gran formato ao longo do paseo da Ferradura, dende a escola infantil en dirección á escalinata de baixada ao Campus.

Alvarellos está en conversas co Consorcio de Santiago e outros organismos con vistas ao financiamento desta exposición do Centenario co obxectivo de que poida inaugurarse o 24 de xullo.

 

 

Arriba

 

Aproveita e le

A Coruña propón un mes de abril acompañado de libros

 

(07-Abril-2009)

 

Promoción da lectura na Coruña A Concelleira de Cultura da Coruña María Xosé Bravo presentou o pasado xoves a campaña de fomento da lectura Cidade que le que durante o mes de abril realizará unha serie de actividades orientadas a animar a pequenos e maiores a “aproveitar o tempo lendo”, destacándose a importancia de fomentar a lectura e aproveitar os diferentes espazos como os parques, o bus… para gozar dun libro.

A programación prevista nesta campaña aglutinará diferentes actividades, entre elas a inauguración da exposición Libros para ver na biblioteca de fondos locais sita na rúa Durán Loriga, a representación da Ratiña linda de Compostela (Casa Hamlet) de Bernardino Graña, un obradoiro de banda deseñada con Xosé Tomas, a inauguración da feira do libro, etc.

Esta programación complétase coa edición dun tríptico no que se explica a importancia e historia das figuras literarias dos Xardíns de Méndez Núñez incluíndo unha pequena peza da súa obra en cada un deles dende Wenceslao Fernández Flórez, Ramón María de Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Castelao ou Manuel Murguía.

[Programa de actividades de fomento da lectura no Concello da Coruña]

 

 

Arriba

 

O fallo do xurado coñeceuse onte en Burela

Luís Rei Núñez é o novo gañador do Blanco Amor de novela

 

(05-Abril-2009)

 

Luis Rei Núñez gaña o Blanco Amor 2009 Monte Louro, de Luís Rei Núñez foi declarada a novela gañadora da 27ª edición do Premio Blanco Amor de Novela, segundo o fallo do xurado reunido onte en Burela.

O xurado, formado para a ocasión por Santiago Jaureguizar, Armando Requeixo, Emilio Ínsua, Olalla Cociña, Inma López Silva (como gañadora da pasada edición) e Neves Cando (por parte do Concello de Burela) declararon gañadora por unanimidade a novela do escritor coruñés. En palabras de Jaureguizar, Monte Louro é "unha pescuda biográfica nun personaxe de ficción entre o Muros dos corenta, a Barcelona dos 60 e unha Arxentina máis próxima no tempo".

O concello lucense de Burela acolleu esta nova edición do premio Blanco Amor que está patrocinado por 75 concellos galegos e é considerado como o máis importante da narrativa galega.

 

 

Arriba

 

Do 4 de abril ao 4 de maio

David Pintor inaugura a exposición Sombras na galería Zlick da Coruña

 

(05-Abril-2009)

 

David Pintor 'Sombras' O ilustrador e debuxante gráfico David Pintor inaugurou onte na galería de arte Zlick da Coruña a exposición Sombras, que se poderá visitar ata o 4 de maio.

Sombras, composta por 17 obras onde David Pintor recolle paisaxes urbanos e espidos femininos escondidos detrás das súas propias sombras, recompila algúns dos novos traballos que o artista coruñés desenvolveu nos últimos meses.

David Pintor, ilustrador, humorista gráfico, caricaturista e pintor é desde 1993 a metade do dúo de humor gráfico Pinto&Chinto xunto ao guionista Carlos López. No campo da ilustración ten colaborado con algunhas das editoriais máis importantes como Everest, SM, Lapis, Froebel, Anaya, Alfaguara, Edelvives, Kalandraka, Sotelo Blanco, Círculo de Lectores, Biblos, Combel…

A Galería de Arte 'Zlick' atópase na Rúa Arxentina, 19 da Coruña

 

 

Arriba

 

O 17 de abril na Fundación Caixa Galicia de Vigo

A AELG organiza unha homenaxe póstuma a Ramiro Fonte

 

(05-Abril-2009)

 

A AELG homenaxea a Ramiro Fonte O 17 de abril a Asociación de Escritores en Lingua Galega homenaxeará ao recentemente finado Ramiro Fonte na Sede da Fundación Caixa Galicia de Vigo.

O recoñecemento ao poeta de Pontedeume consistirá nun recital poético coas intervencións de X. M. Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckenberg, Xulio López Valcárcel, Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane. O recitado de poemas estará acompañado polas actuacións musicais do ”Grupo Instrumental Siglo XX".

[Programa de actividades da homenaxe a Ramiro Fonte]

 

 

Arriba

 

Lareira Literaria

Amalia Pérez Otero e Baldo Ramos na Lareira Literaria de abril

 

(03-Abril-2009)

 

Lareira Literaria Na Lareira Literaria deste mes contamos coa presenza de Amalia Pérez Otero e Baldo Ramos.

Amalia Pérez Otero, recoñecida autora entre o público máis novo, prepara unha intensa primavera cargada de novidades editoriais.

Ir Indo publicará dous libros asinados por Amalia para os máis cativos: A xanela e Alba, a princesa das sete coroas. Ámbolos dous tomando feitos da realidade cotián para axudar comprender mellor o mundo que lles arrodea.

Por outra banda, en A Nosa Terra publicará un novo libro da colección Os contos das Illas, desta volta sobre a illa de Cortegada. A este novo libro de Amalia Pérez seguirán outros dous máis ata completar os seis títulos da serie.

E seguindo coas coleccións, unha nova achega ás aventuras do pequeno Yared, que vivirá mil e un sucesos en Yared e o colexio, que chegará ás librarías da man de Nova Galicia Edicións.

Os máis pequenos da casa disfrutarán a tope cos novos libros para eles de Amalia Pérez Otero!

E de literatura para os primeiros lectores de casa pasamos á poesía. Baldo Ramos, autor dunha importante obra poética e pictórica, que chega a conxugar nalgúns dos seus libros, prepara dous novos poemarios para este 2009.

O primeiro que poderemos ter e gozar será con Palimpsesto, que publicará Sotelo Blanco na colección Leliadoura, o traballo máis crítico ata o de agora publicado por Baldo Ramos. Unha homenaxe a poetas aos que o poeta de Celanova admira ou que nalgún momento da súa vida lle acompañaron dun xeito preferente. Palimpsesto de Baldo Ramos publicarase entre finais desta primavera e o comezo do verán.

O segundo volume pendente de publicación trátase de Palabras para un baleiro, poemario gañador do último premio Fiz Vergara Vilariño, un libro onde a súa poesía, en palabras do xurado do premio, mantén un ton "existencialista, case filosófico" e dunha profunda "visualidade". Espiral Maior publicará a finais deste ano Palabras para un baleiro.

[Lareira Literaria]

 

 

Arriba

 

» Francisco Fernández Rei recibirá o sexto premio Ramón Cabanillas

» Presentación da edición artesá d'As voces da Musa no IV Encontro de  Creadores no Barbanza

» O poeta e artista uruguaio Clemente Padín impartirá no CGAC un obradoiro de poesía visual

» Chus Pato e Camilo Nogueira, premiados nos XXIV Antón Losada Diéguez

» José Ignacio Silva Regueira faise co II Concurso de Novela Curta 'Cidade  Centenaria de Riveira'

» Nomes de escritores para as bibliotecas de Arteixo

» A Universidade de Santiago realiza unha mostra cos seus fondos  documentais, iconográficos e bibliográficos sobre Valle-Inclán

» Estaleiro Editora difunde a súa proposta de edición independiente en  Barcelona

» As VII Xornadas Literarias de Neda abordan a figura e a obra de Virginia  Wolff

» María Reimóndez, Elena Poniatowska, Marilar Aleixandre e Teresa Moure  formarán parte do II Encontro Cidade da Coruña Mulleres na literatura

» A Festa da lectura, do libro e da palabra situará a Ferrol no epicentro  literario do mes de abril

» Roberto Varela Fariña, novo Conselleiro de Cultura

» Hordas de escritura de Chus Pato e Festina Lente de Marcos S. Calveiro,  premios da Crítica 2009

» Mini e Mero recibirán o Pedrón de Ouro 2009 polo seu labor de  recuperación e transmisión do patrimonio oral de Galicia

» María Lado e Nela Que e Dr. Pause estarán este sábado no Verbum de  Vigo dentro do ciclo Poéticas para unha vida

» O OULIPO como inspiración e como base para un congreso de creatividade  e literatura potencial

» II Festival de Poesía Galega 'Poïética 2009'

» O Centro Ramón Piñeiro prepara un conxunto de actividades e  publicacións ao homenaxeado coas letras galegas deste ano

» A Secretaría Xeral de Emigración presenta un catálogo virtual con material  da diáspora galega

» Volve un ano máis a poesía salvaxe a Ferrol

» II Simposio Internacional Poéticas de Resistencia: Prácticas, Repertorios e  Estratexias

» Festina lente e Hordas de escritura optarán a ser os mellores libros  galegos segundo os críticos literarios

» Area Quente, de An Alfaya, recibe o XVI Premio de Novela Curta Manuel  Lueiro Rey

» Alvarellos recupera nun volume como foi a Exposición Rexional Galega de  1909

» A Coruña propón un mes de abril acompañado de libros

» Luís Rei Núñez é o novo gañador do Blanco Amor de novela

» David Pintor inaugura a exposición Sombras na galería Zlick da Coruña

» A AELG organiza unha homenaxe póstuma a Ramiro Fonte

» Amalia Pérez Otero e Baldo Ramos na Lareira Literaria de abril

 

Novas Abril 2009