|
Entre
os días 30 de xuño e 4 de xullo
Un
congreso internacional analizará a obra de
Emilia Pardo Bazán
(27-Xuño-2008)
O
Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia
acollerá entre os días 30 de xuño
e 4 de xullo o I Congreso Internacional "La
literatura de Emillia Pardo Bazán",
organizado pola Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
e a Fundación Caixa Galicia.
Ao
longo destes cinco días sucederánse
debates, conferencias, comunicacións e relatorios
impartidos por máis de setenta especialistas
procedentes, entre outros paises, de Galicia, Francia,
Italia, Estados Unidos, Catalunya ou Inglaterra,
onde se analizará a obra e a vida dunha
das escritoras coruñesas máis internacionais.
O
comité organizador está formado polos
profesores
José Manuel González Herrán,
Cristina Patiño Eirín, Ermitas Penas
Varela e Olivia Rodríguez González
e a Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria da Xunta de Galicia homologará
o Congreso como Actividade de Formación para
os profesores de Ensino Secundario.
[Ver
programa]
[Formulario
de inscrición]
|
|
|
|
A
arquiveira e historiadora ourensana recolle o premio
que na edición anterior foi outorgado ao
británico John Rutherford
Olga
Gallego recibirá o Premios Trasalba 2008
(26-Xuño-2008)
A memoria de Ramón Otero
Pedrayo volverá a convocar unha nutrida representación da cultura galega nas
instalacións e arredores da casa grande de Cimadevila, na parroquia de
Trasalba, concello de Amoeiro, casa petrucia dunha das grandes personalidades
das letras galegas contemporáneas. Nesta edición entregarase o Premio Trasalba
a Olga Gallego Domínguez, nun acto literario ao que
asisten case medio millar de persoas.
Esta é a XXVI edición do Premio Trasalba, que o ano
pasado foi concedido ao británico John Rutherford. Prémiase a traxectoria dunha
figura comprometida coas letras e coa cultura galega. O premio non ten dotación
económica, senón afectiva e simbólica. Isaac Díaz Pardo entrega un deseño orixinal,
especialmente pensado para a ocasión, e a Fundación Otero Pedrayo entrega un
Libro Homenaxe á personalidade agasallada, nesta ocasión coordenado polo
director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro.
Titúlase o libro O tecido da historia, e inclúe, entre varias
colaboracións, un orixinal de Olga Gallego sobre Otero Pedrayo.
Pablo Sánchez Ferro será o encargado da laudatio
da homenaxeada no acto literario que presidirá o titular da Real Academia
Galega, Xosé Ramón Barreiro. Ao mesmo tempo, Craig Patterson, discípulo de John
Rutherford en Oxford e profesor na universidade de Stirling (Escocia),
presentará o seu libro O devalar da idea. Otero Pedrayo e a identidade
galega, editado inicialmente en inglés e traducido e publicado agora pola
Fundación. Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e
vicepresidente da Fundación Otero Pedrayo, presentará pola súa banda o libro de
Otero Pedrayo, Galicia e Europa, editado neste caso polo Consello da
Cultura Galega, no que se recolle unha conferencia coa voz do autor de
Trasalba.
Tradicionalmente, a festa de Trasalba, na que se reúne o
Patronato da Fundación para facer reconto das actividades do ano, celebra unha
misa votiva en memoria de Otero Pedrayo e unha comida de amizade no souto
próximo á casa grande de Cimadevila, á que asisten arredor de medio millar de
persoas. A Fundación, presidida polo escritor e editor Víctor F. Freixanes,
acolle no seu Patronato personalidades e institucións de toda Galicia, entre
outras as tres universidades galegas, a Deputación Provincial de Ourense, o
concello de Amoeiro e a Consellería de Cultura.
O
Premio Trasalba foi
instituído hai 26 anos. No ano 2006 concedeuse ao grupo Milladoiro, que
agasallou á Fundación cun tema orixinal titulado “Trasalba” e que dende entón
se convertiu no himno ou referencia musical da festa literaria.
Olga Gallego Domínguez
(Ourense, 1923) é historiadora e arquiveira
e membro da Real Academia da Historia (1980).
A súa actividade profesional levouna a verificar
os catálogos da Fundación Penzol, o da biblioteca da Caixa de Aforros, os das bibliotecas da Escola de Comercio e do Instituto de Ensino Medio Santa Irene.
Dende 1968
é directora do Arquivo Histórico Provincial e do Arquivo da Delegación
de Facenda de Ourense e en 1972 pasou a ser Directora de sección do grupo de
colaboradores Marcelo Macías do Museo Arqueolóxico de Ourense. Membro
do Padroado da Fundación Penzol e tamén do Padroado Ramón Otero Pedrayo,
en novembro de 1986 ingresa na Real Academia Galega.
|
|
|
|
O
xurado estivo formado polo alumnado dos IES Rosalía
de Castro, Camilo José Cela de Padrón,
Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, Pintor
Colmeiro de Silleda e o Lauro Olmo do Barco de Valdeooras
Así
nacen as baleas, Arthur e George e Hoy,
Júpiter, premiados na XIV edición
dos Premios "Arcebispo Juan de San Clemente"
(25-Xuño-2008)
Así
nacen as baleas de Anxos Sumai e publicado por
Galaxia, Arthur e George, de Julian Barnes,
e traducido por Xesús Fraga para Rinoceronte
Editora e Hoy, Júpiter, de Luis Landero
e publicado por Tusquets, foron as obras premiadas
da XIV edición dos Premios Literarios "Arcebispo
Juan de San Clemente" que convoca anualmente
o IES Rosalía de Castro.
Así
nacen as baleas impúxose na categoría
de lingua galega as outras dúas obras finalistas:
Cardume (Xerais) de Rexina Vega e Mentres
a herba medre (Galaxia) de Xesús Rabade
Paredes. En castelán, as outras obras que
competían polo galardón foron Crematorio
(Anagrama) de Rafael Chirles e La muerte lenta
de Luciana B. (Destino) de Guillermo Martínez.
No apartado de lingua estranxeira, o xurado salientou
Arthur e George sobre Terrorista de
John Updike e traducida ao galego por Lara Domínguez
para Xerais e Zapatos italianos (Tusquets)
de Henning Mankell.
Nesta
décimo cuarta edición o xurado estivo
formada polos rapaces e rapazas dos IES Rosalía
de Castro (Santiago de Compostela), IES Cámilo
José Cela (Padrón), IES Nosa Señora
dos Ollos Grandes (Lugo), IES Pintor Colmeiro (Silleda)
e o IES Lauro Olmo (Barco de Valdeorras).
Tralo fallo do certame, o director do IES
Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda Soto, anunciou
que no acto de entrega do galardón no marzo do vindeiro ano, estará presente o escritor xaponés Haruki Murakami,
premiado no 2007 na categoría de novela estranxeira por Kafka en la orilla
(Tusquets).
|
|
|
|
Patiño
comprometeuse a realizar novos esforzos integradores
do colectivo libreiro
Xurxo
Patiño, novo presidente da Federación
de Libreiros de Galicia
(24-Xuño-2008)
A Federación de Libreiros de Galicia celebrou o pasado venres 20 de
xuño unha Asemblea Xeral Extraordinaria para a elección dos cargos da
Xunta Directiva, por finalización regulamentaria de mandato do equipo
de goberno anterior. Xurxo Patiño Pérez, responsable da Libraría
Librouro de Vigo, foi elixido novo presidente da Federación de
Libreiros, por un período de catro anos.
Co novo presidente estarán no equipo de goberno como vicepresidente,
Arximiro Blanco Costas, das librarías Mendinho e Martín Códax de Vigo;
como secretario, Benxamín Riobó Sanluis, responsable da Libraría O
Pontillón de Moaña; e como tesoureiro, Xaime Corral Prieto, da Libraría
Nós, de Sanxenxo.
Xurxo Patiño aproveitou o seu nomeamento para
agradecer o intenso traballo desenvolvido polo seu antecesor no cargo e
agora novo tesoureiro, Xaime Corral, e comprometeuse a continuar coa
liña de traballo da directiva anterior e a realizar novos esforzos
integradores do colectivo libreiro.
|
|
|
|
O
de 5 de xullo en Arca-O Pino
II
Festa da Narración Oral de Galiza
(20-Xuño-2008)
O
Centro Sociocultural Luis Seoane de Arca-O Pino
acollerá o vindeiro sábado 5 de xullo
a II Festa da Narración Oral de Galiza.
O
evento, organizado polo Colectivo Tatalo e Nova
Escola Galega, pretende ser unha exaltación
da oralidade, un día onde Arca vaise convertir
nun gran escenario da palabra.
As
actividades terán como marco do seu desenvolvemento
o Centro Sociocultural Luis Seoane, onde terá
lugar a partires das 09.00 h. a II Xornada sobre
a Oralidade para educadores/as. A festa continuará
pola tarde, onde Paula Carballeira, Cándido
Pazó e Quico Cadaval, máis a actuación
musical de Espido participarán na sesión
de contacontos Sucedidos no Camiño e outras
historias.
Ás
22.30 h. e ata que o corpo aguante os contos e as
historias estarán presentes nos bares e pubs
do concello, animados por Eva Varela, Carlos Santiago,
Celso Sanmartín e Róber Bodegas.
Desde
a organización animan a todos e a todas a
participar contando as súas historias nun
marco incomparable como é o Concello de O
Pino, un enclave de extraordinaria importancia onde
conflúen dúas tradicións: o
Camiño de Santiago e narración oral.
[Máis
información, programa e formulario de inscrición]
|
|
|
|
Un
recoñecemento a toda unha vida dedicada á
emancipación de Galicia
A
Agrupaçom Cultural O Facho fixo entrega a
Francisco Fernández del Riego do Facho de
Ouro
(19-Xuño-2008)
A
Fundación Penzol de Vigo acolleu
o pasado día 17 de xuño a entrega do Facho de Ouro a
Francisco Fernández del Riego. O acto presentábase como recoñecemento a toda unha vida dedicada á emancipación
de Galicia.
José Luís Rodríguez Pardo, presidente do O Facho, abriu o acto,
lembrando no mesmo as vicisitudes da recuperación da cultura galega nos
tempos escuros do primeiro período do Rexime Nacional-Católico,
algunhas das mesmas compartidas polo presentador. A entrega do
Facho de Ouro a Francisco Fernández del Riego serviu para expor que
a través do inxente labor levada a cabo polos seus bos e xenerosos,
dos que D. Paco é proba ben indicativa, Galicia terá outras novas mil
primaveras.
Fernández del Riego, respondeu para agradecer a consideración tida a
sua persoa coa entrega do Facho de Ouro por parte da Agrupaçom
Cultural. Posteriormente lembrou o nacemento da Associaçom e a súa
pertenza tanto nos primeiros anos da década dos sesenta do século
pasado, época onde o franquismo facía estragos, como hoxe.
Ao finalizar o acto de entrega e recoñecemento, o homenaxeado fixo de
anfitrión para nos mostrar aos membros do Facho tanto a biblioteca da
Fundación Penzol, así como o Museo “Francisco Fernández del Riego”
onde é posible ver e contemplar telas dos nosos pintores mais
senlleiros así como de outros artistas de alta consideración mundial.
Posteriormente celebrouse un xantar onde D. Francisco estivo
acompañado polos seus mais próximos amigos e parte da Xunta Directiva
do Facho.
[Máis
información na web da Agrupaçom Cultural
O Facho]
|
|
|
|
A
cidade andaluza de Sevilla acollerá o congreso
entre os días 18 e 21 de xuño e contará
coas intervencións, entre outros, de Alfonso
García Sanmartín e Suso de Toro
VI
Congreso de Editores de España versará
sobre os problemas de distribución e comercialización
do libro
(16-Xuño-2008)
A Federación de Gremios de Editores de España, a máxima entidade
representante da industria editorial española, organiza entre os días
18 e 21 de xuño en Sevilla o VI Congreso de Editores de España. Esta
actividade vén a ser unha cita obrigada de indubidable interese para o
sector editorial nacional, quinto en importancia e produción do mundo.
A Asociación Galega de Editores (AGE) participará activamente no
programa do encontro, ao mesmo tempo que algúns dos seus editores
asociados asistirán en calidade de congresistas ao foro sevillano.
O Congreso nesta edición está dedicado monograficamente aos problemas
de distribución e comercialización, con especial fincapé na
incorporación das novas tecnoloxías e os circuítos dixitais. Tamén se
analizará a súa incidencia no modelo de negocios no mundo do libro,
xunto ao rol creativo que o editor asume. As liñas xerais das tres
grandes sesións que se levarán a cabo son: as novas tecnoloxías de
distribución e modelos de negocio; a propiedade intelectual e dereitos
do editor; e valor e percepción do produto cultural e a gratuidade do
libro.
Tras confeccionar un estudado programa, preténdese dar repaso aos temas
de preocupación actual e inmediata que afectan ao sector do libro, onde
os principais expertos de cada unha das ramas analizarán e debaterán os
asuntos que lles competen a fin de emitir unhas conclusións que se
convertan nos primordiais obxectivos a lograr polos editores españois
no futuro inmediato. Entre os numerosos actos programados, está
previsto que o presidente da AGE, Alfonso García Sanmartín, modere unha
mesa redonda sobre a diversidade editorial no marco da globalización, o
venres 20 de xuño ás 16.00 h.
Estarán presentes no encontro uns cento cincuenta congresistas, como
representantes de alrededor dunhas cen empresas editoriais, e outros
cen invitados (conferenciantes, moderadores, acompañantes, delegacións
institucionais e colaboradoras, etc.); co que a suma total ascenderá a
uns douscentos cincuenta participantes. Ademais, despois da
intervención en edicións anteriores de figuras da literatura como Luis
García Montero, Carmen Martín Gaite, Bernardo Atxaga, Juan J. Millás e
Suso de Toro, está previsto que clausure cunha conferencia maxistral o
escritor andaluz J.M. Caballero Bonald.
[Ver
información completa na web da Asociación
Galega de Editores]
|
|
|
|
Entre
os seus obxectivos están a coordinación
das accións dos seus membros para a defensa
dos dereitos profesionais
Constituiuse
en Poblet a Federación de Asociacións
de Escritores Galeusca
(16-Xuño-2008)
As asociacións de escritores cataláns, vascos e galegos
constituiron onte en Poblet (Tarragona) a Federación de Asociacións de
Escritores Galeusca. Por parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega
asistiron ao acto o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e a secretaria
xeral, Mercedes Queixas.
A constitución desta Federación -que coincide co 25
aniversario dos encontros anuais entre autores das tres comunidades- ten como
fins a representación, promoción e defensa dos escritores en lingua catalana,
eúscaro e galega, así como a coordinación das accións dos seus membros cara a
unha maior eficacia na defensa dos dereitos profesionais en todos os seus
aspectos.
Asemade, a Federación centrarase na actuación conxunta
fronte a organismos e institucións da administración pública, tanto de ámbito
estatal como autonómico e europeo, como aquelas de carácter privado en calquera
de ditos ámbitos. O impulso da normalización do feito literario nas súas
diversas manifestacións e soportes é outro dos fins da Federación, así como o
fomento das relacións con outras Federacións ou Asociacións que representen os
intereses de escritores e escritoras, ou aquelas que agrupen as empresas ou
axentes que vehiculan a difusión e comunicación da produción literaria en todo
os seus xéneros.
Canto as actividades que se propón a Federación, caben
salientar a difusión e promoción das respectivas linguas e da produción
literaria realizada a través delas nos distintos xéneros e soportes; o
desenvolvemento de programas de investigación e formación e encargo de estudos
monográficos sobre temas profesionais; a organización de congresos, seminarios,
cursos, exposicións e outras actividades colectivas; a edición de documentos,
estudos e traballos de divulgación e a participación en organismos públicos e
privados.
A
presidencia da Federación será rotatoria, correspondendolle neste primeiro
periodo ao presidente dos escritores cataláns, Guillem-Jordi Graells.
|
|
|
|
O
especialista na obra do poeta de Celanova Ramón
Nicolás comenta a selección fotográfica
realizada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro
Ouvirmos
publica unha fotobiografía sonora de Celso
Emilio Ferreiro
(16-Xuño-2008)
A
discográfica e editorial lucense Ouvirmos
presentou unha fotobiografía sonora de Celso
Emilio Ferreiro. A filla do poeta de Celanova, Isabel Ferreiro Loredo, introduce, en representación da Fundación Celso
Emilio Ferreiro, a selección fotográfica de Carlos Díaz comentada por
Ramón Nicolás. Máis dun cento de fotografías, coas que se achega un
poema e un breve estudo por década, introdúcennos no universo literario
e persoal de Celso Emilio Ferreiro.
Por
outra banda, acompañan esta selección fotográfica dous CD’s. Un deles, analizado
tamén por Ramón Nicolás, recolle a voz do autor recitando os seus
textos. O outro ofrece unha selección das cancións compostas cos seus
poemas por artistas de renome como Suso Vaamonde, María Manuela, Los
Tamara ou Fuxan os Ventos. Xurxo Souto Eiroa, músico e director de
programación da Radio Galega, é quen documenta e guía a escoita deste
último CD.
Ouvirmos
continúa así a liña marcada
coa fotobiografía de Manuel María
e que continuará coa de Álvaro Cunqueiro.
|
|
|
|
O
biólogo e escritor ourensán deixará
o seu cargo en Merlín Comunicación
en outubro
Gustavo
Adolfo Garrido será o novo xerente da Fundación
Carlos Casares
(12-Xuño-2008)
Gustavo Adolfo Garrido vén de ser nomeado
director xerente da fundación que leva o nome do escritor ourensán, que fora
director de Galaxia e presidente do Consello da Cultura Galega.
Cúbrese así o posto no organizativo
que quedara baleiro coa marcha de Damián Villalaín a Santiago para ocupar un
posto de asesor do Presidente da Xunta. Gustavo A. Garrido fóra colaborador de Carlos Casares dende 1989 no consello de
redacción de GRIAL, director da colección de Galaxia Galicia no
espello e, dende 2006, é responsable de Merlín Comunicación.
No mesmo Padroado do día 3 pasado, foi nomeado Xosé M. Soutullo para levar a
dirección cultural. Soutullo e Garrido pertencían ao consello asesor da
Fundación Carlos Casares dende a súa fundación. Gustavo A. Garrido
compatibilizará a dirección da Fundación Carlos Casares coa súa responsabilidade en Merlín
Comunicación ata outubro, momento en que abandonará a empresa de Editorial Galaxia.
|
|
|
|
O
día 15 de xuño vaise constituir a
Federación de Asociacións de Escritores
Galeusca
Os
editores en lingua galega, vasca e catalá
avogan por axudas á edición de carácter
interlingüístico e transfronteirizo
(10-Xuño-2008)
Os editores en lingua galega, vasca e catalá reuníronse os pasados 6
e 7 de xuño en Lleida no marco da quinta edición de Galeusca. Despois
de analizar e debater as principais cuestións que afectan ao sector do
libro e das respectivas industrias culturais da edición, a reunión
serviu para reafirmar a importancia de fortalecer a colaboración
estable que aporta Galeusca, ademais de establecer unha serie de
conclusións.
Sobre as axudas á edición, estableceuse que se debe manter e
sistematizar o intercambio de información sobre as axudas á edición nos
diferentes territorios Galeusca, instar ao Ministerio de Cultura a
modificar os sistemas de axuda á edición para que establezan estímulos
para a edición de obras de interese cultural e de dubidosa viabilidade
comercial, sen outras vinculacións ás dotacións de libros para as
bibliotecas, e establecer un diálogo co Comisario Europeo do
Multilingüismo e avogar por que se dean ás axudas á edición de libros
un carácter interlingüístico e intercultural que supere o carácter
transfronteirizo actual.
En canto á gratuidade do libro de texto, acordouse reivindicar o
recoñecemento da importancia da elaboración de contidos curriculares
tamén en soporte papel, e lamentouse que, pasados tres anos da
celebración do anterior Galeusca, as repercusións negativas para todos
os sectores do libro que prevíamos entón, e que podían provocar grandes
problemas para garantir a presenza de materiais curriculares
desenvolvidos nas respectivas linguas, se viron confirmadas polos
diferentes estudos técnicos elaborados.
Sobor do intercambio entre editores Galeusca, afirmouse a vontade de
traballar polo aproveitamento de tódalas sinerxias derivadas da
pertenza ao Galeusca no intercambio sistemático de títulos, autores e
proxectos; mentres que no tocante á proxección exterior das culturas
Galeusca, considerouse de especial importancia preservar tamén neste
campo a especificidade das citadas culturas e comprométense a
profundizar no estudo de fórmulas de colaboración en materia de
promoción internacional que ofreza ao mundo unha visión nítida das
nosas culturas, lonxe de esquemas uniformizadores que distorsionen a
nosa voz propia e orixinal.
Constitución
da Federación de Asociacións de Escritores
Galeusca.
Por
outra banda, o vindeiro domingo día 15 vaise
constituir, na localidade catalana de Poblet, a Federación de Asociacións de
Escritores Galeusca. Por parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega
asistirán o acto de constitución da Federación o seu presidente, Cesáreo
Sánchez Iglesias, e a súa secretaria xeral, Mercedes Queixas.
A constitución desta Federación ten como fins a
representación, promoción e defensa dos escritores en lingua catalana, eúskaro
e galega, así como a coordinación das accións dos seus membros cara a unha maior
eficacia na defensa dos dereitos profesionais en todos os seus aspectos.
Asemade, a Federación centrarase na actuación conxunta
fronte a organismos e institucións da administración pública, tanto de ámbito
estatal como autonómico e europeo, como aquelas de carácter privado en calquera
de ditos ámbitos. O impulso da normalización do feito literario nas súas
diversas manifestacións e soportes é outro dos fins da Federación, así como o
fomento das relacións con outras Federacións ou Asociacións que representen os
intereses de escritores e escritoras, ou aquelas que agrupen as empresas ou
axentes que vehiculan a difusión e comunicación da produción literaria en todo
os seus xéneros.
Canto as actividades que se
propón a Federación, caben salientar a difusión e promoción das respectivas
linguas e da produción literaria realizada a través delas nos distintos xéneros
e soportes; o desenvolvemento de programas de investigación e formación e
encargo de estudos monográficos sobre temas profesionais; a organización de
congresos, seminarios, cursos, exposicións e outras actividades colectivas; a
edición de documentos, estudos e traballos de divulgación e a participación en
organismos públicos e privados.
|
|
|
|
Increméntase
nun 54% as axudas á tradución
Cultura
convoca axudas para a tradución e para grandes
proxectos editoriais
(10-Xuño-2008)
A Consellería de Cultura e Deporte
aprobou hoxe as axudas á tradución
e ao desenvolvemento de grandes proxectos editoriais.
Dentro
do obxectivo de fomentar a exportación da
literatura do país Cultura destina un total
de 307.689 euros para apoiar as
traducións desde e para o galego. Esta cantidade supón un incremento do
54% con respecto do ano anterior.
O ano
pasado presentáronse 67 proxectos de tradución ao galego e 50 do galego
a outras linguas, o que supuxo un incremento notable fronte aos 37 e
21, respectivamente, do ano 2006.
A convocatoria de axudas á tradución desde e para o galego foi
publicada hoxe no DOG.
Para favorecer a exportación de textos de autores galegos a outras
linguas, este ano a Consellería de Cultura convocou por primeira vez
axudas ás probas de tradución, cunha partida de 25.000 euros. Trátase
de apoiar a tradución a outras linguas de fragmentos de entre 100 e
1000 palabras cos que se procura que as persoas ou entidades do
exterior poidan formar unha primeira opinión con respecto da obra, para
iniciar os contactos para a edición dese texto na súa lingua.
Por outra parte, o DOG de hoxe tamén publica as axudas a
materialización de grandes proxectos editoriais de libro galego. Cultura destina 295.387 euros a estas axudas,
dirixidas tanto á edición tradicional como en novos soportes. O
obxectivo é contribuír á existencia dun catálogo de grandes obras en
lingua galega, importantes para o crecemento intelectual do país.
[Convocatoria
de axudas á tradución]
[Convocatoria
de axudas a grandes proxectos editoriais]
|
|
|
|
A
Deputación da Coruña financiará
cun total de 37.000 euros diversas actividades culturais
organizadas pola RAG
Colaboración
entre a Real Academia Galega e a Deputación
da Coruña
(10-Xuño-2008)
Xosé
Ramón Barreiro, presidente da Real Academia
Galega e Salvador Fernández Moreda, presidente
da Deputación da Coruña, formalizaron onte un acordo de colaboración polo que a institución provincial
financiará diversas actividades culturais organizadas pola institución
académica durante 2008. Ambos os dous presidentes valoraron de
xeito moi positivo este novo acordo de colaboración institucional.
Mediante
este acordo, a Deputación da Coruña
destinará este ano un total de 37.000 euros para apoiar economicamente
o programa de actividades culturais da Real Academia Galega. Entre outras cuestións, os fondos provinciais destinaranse a
actividades de conservación da casa museo de Emilia Pardo e á compra de
material bibliográfico e arquivístico para a institución académica.
|
|
|
|
Espazos
Lectores. Ler en común. Os clubs de lectura
Unhas
xornadas analizarán o pracer de ler en común
(10-Xuño-2008)
Entre
os días 13 e 14 de xuño
o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela
acollerá a celebración das xornadas de animación lectora Espazos lectores. O
obxectivo destas xornadas é difundir e recuperar o hábito de ler, non
só de forma individual, senón tamén en comunidade. O proxecto da
Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e da Asociación
Socio-Pedagóxica Galega busca, nesta primeira edición, dinamizar os
clubs de lectura en Galicia, para que o que contará coa presenza da
animadora á lectura Geneviéve Patte e de representantes de círculos de
literarios de Cataluña, Andalucía e Portugal.
Estes
clubs funcionan como puntos de encontro e de intercambio de opinións
sobre as obras escollidas polos seus integrantes. Aínda que as xornadas
se dirixen principalmente a bibliotecarios, docentes ou encargados de
bibliotecas, poden participar interesados en xeral. Todos eles terán
que formalizar a súa inscrición na web www.rbgalicia.org
A primeira conferencia será pronunciada por Geneviéve Patte,
exbibliotecaria e animadora á lectura, quen baixo o título A
biblioteca, espazo de intercambio de palabras relatará parte da súa
experiencia fomentando actividades para retoma-lo hábito lector. Este
encontro terá lugar o día 13 de xuño, ás 17.30 h. na Sala Mozart do
Auditorio de Galicia. Acto seguido, ás 18.45 h., celebrarase a mesa redonda Os clubs de
lectura, perspectivas diversas, na que compararán as súas experiencias
locais Inmaculada Casals Torres (directora da Biblioteca Central urbana
Can Casacuberta de Badalona), Fernando Jiménez Guerra (Centro Andaluz
de las Letras de la Consejería de Cultura de la Junta de Andalucía) e
Mª Luz Corral Uzal (directora das Bibliotecas municipais do concello de
Oleiros).
Na seguinte xornada, a primeira conferencia (ás 10.00
h.) analizará a
dificultade de inculcarlle este hábito aos máis cativos; Do
escepticismo á satisfacción: a posta en marcha dun club de lectura
escolar por Xoán Carlos Rabada, responsable de biblioteca e
coordinador do Club de Lectura "Entre liñas", do IES Ramón Menéndez
Pidal". Ás 11.00 h., María João Sampaio, responsable da División Municipal da
rede de lectura do Municipio do Porto, pronunciará a charla Comunidade
de leitores: a leitura como espaço de descoberta e partilha. Xa ás 13.00
h., Concha Costas de "Espazo Lectura" de Gondomar, Soledad
Ríos de "A Lonxa Literaria" de Moaña, e Nel Vidad de "Literactúa" de
Carballo participarán no coloquio Lecturas comúns e espazos activos:
experiencias locais de comunidades lectoras.
As xornadas rematan con tres últimas conferencias. A primeira, ás
16.30 h., A animación á lectura na Web social, a cargo de Antonio
Alonso, dinamizador da lectura escolar quen exporá a importancia da
Internet na promoción e desenvolvemento das bibliotecas escolares. A segunda, As lecturas en galego no eido urbano, rural e virtual: a
experiencia dos clubes de lectura de Pontevedra con Eva López,
coordinadora dos Clubs de Lectura de Pontevedra, quen comparará os
hábitos lectores do campo e da cidade.
Por último, Carmen Loriga pechará as xornadas Espazos Lectores ás
19.00 h. con Facer lectores e lectoras no ámbito familiar. A psicóloga
e responsable da Biblioteca Escolar no CIFP Ánxel Casal incidirá na
necesidade de que os pais lles inculquen aos pequenos o afán lector.
[Máis
información]
|
|
|
|
O
gañador do I Premio Xerais Carlos G. Reigosa
actuou como mantedor literario e Tino Baz puxo a
banda sonora ao evento
O
xardín das pedras flotantes, de Manuel
Lourenzo González; A cabeza de Medusa,
de Marilar Aleixandre e Xenaro e o misterio da
mochilota verde de Mar Guerra Cid, gañadores
dos Premios Xerais 2008
(08-Xuño-2008)
A
illa de San Simón acolleu a celebración
dos Premios Xerais 2008 nas súas tres categorías:
a 25ª edición de Novela, a 23ª
edición do Merlín de Literatura Infantil
e a 3ª edición do Fundación Caixa
Galicia de literatura xuvenil.
Tras
unha breve presentación de Celia Torres,
Directora de Promoción de Xerais, tomou a
palabra Carlos G. Reigosa que na noite de onte participou
como mantedor literario. Quen fora gañador
da I edición do Xerais de Novela por Crime
en Compostela destacou a importancia desta editorial
nada en 1979 e a súa primeira aposta polos
valores máis novos e prometedores da narrativa
galega. Ao remate, a poderosa voz que parece
brotar da propia terra de Tino Baz, acompañado
pola súa zanfona deu paso ás valoracións
dos diferentes xurados.
O
xurado do Premio Merlín decidiu outorgar
o premio por unanimidade á obra Xenaro
e o misterio da mochilota verde, ópera
prima de Mar Guerra Cid. O xurado destacou a "habilidade de artellar unha intriga, creando unha serie de personaxes
entrañables e sabiamente retratados" e a "orixinalidade no tratamento de valores
como a amizade, a relación familiar, a comprensión da diversidade ou as
relacións afectivas". A autora sinalou a importancia de "reivindicar
a diferenza, que non significa ser raro ou estraño,
senón ser especial". O xurado recomendou
á editorial a publicación da obra
finalista Paspallás azul.
A
escritora, poeta e bióloga Marilar Aleixandre
fíxose por unanimidade e con A cabeza
de Medusa, co premio da III edición da
Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil.
"Unha
historia de solidariedade, de amizade, onde a esperanza enche as páxinas dunha obra
comprometida que aborda con rigor e coñecemento un tema difícil como é a
violencia, neste caso sexual, exercida contra as mulleres". O xurado salientou
"a valentía, a claridade e tenrura"
deste libro. A autora basease nunha historia real,
a dobre violación dunhas rapazas e a busca
de vencer o medo, a vergoña, a través
do amor.
"Un
relato de amor insólito, extraordinario, e paixonal entre dous adolescentes. Un
relato con moita frescura, unha historia fermosa e gobernada por unha gran
imaxinación. Con elementos de literatura fantástica e de traxedia e con
sentido do humor a novela combina varias persoas narrativas, homenaxea a esa
literatura que vai desde Lovecraft a Poe con intensos sentimentos humanos que o
amor provoca nos sentimentos dos personaxes" foron os argumentos que esgrimiu
o xurado do premio de Novela para nomear por
maioría a Manuel Lourenzo González
como gañador deste ano. O xardín
das pedras flotantes é unha "novela entretida, viva, vizosa e seductora". O
escritor de Vilaboa sinalou que se trata dunha "Historia
de amor entre adolescentes, con toda a forza e toda a enerxía que se ten con
esa idade e á vez marcada por un destino tráxico que provén do pasado e que se
vai analizando a través de múltiples historias", e destaca
que se trata de "Unha historia de historias,
marcada pola causalidade, polos acontecementos, polo azar".
|
|
|
|
O
libro comeza co descubrimento do primeiro Hamlet
e supón unha homenaxe ao teatro shakesperiano
O
globo de Shakespeare, de Santiago Jaureguizar,
galardoado na VIII edición do Terra de Melide
(07-Xuño-2008)
O
xurado do VIII Certame de Creación Literaria
Terra de Melide, integrado nesta edición
por Manuel Bragado,
Antón Pedreira, Xesús Manuel Marcos,
Óscar
Sánchez e Xaquín Vázquez, coa presidencia da alcaldesa
de Melide Socorro Cea, decidiu outorgar por maioría
ao xornalista e escritor asentado en Lugo Santiago
Jaureguizar o premio pola súa obra O globo
de Shakespeare.
En
O globo de Shakespeare Jaureguizar fai unha
homenaxe ao teatro shakesperiano nun libro que comeza
co descubrimento do manuscrito do primeiro Hamlet, que levaba
perdido dende finais do século XVI nun pazo do Ribadeo do século XXI
e altera a vida dos seus tres habitantes: o titiriteiro Ricardo, o pintor
Leandro e a ama de chaves Celia. Paralelamente, asistimos á rutura do
matrimonio dun escritor de éxito, afectado tamén pola mudanza nas
relacións de poder entre os personaxes do pazo. Na farsa concorren
asemade unha prostituta que continúa exercendo porque se sente soa e un
actor secundario de western obsesionado con matar a un ex presidente
español porque o goberno que presidía promulgou unha lei do cinema que,
na súa percepción, deixouno sen traballo.
Santiago Jaureguizar
é autor de títulos como Breve crónica universal da clase obreira (Premio Lueiro Rey 2001,
Sotelo Blanco Edicións), Casa Skylab (Premio Xerais 2003,
Xerais), Cabaret Voltaire (Premio García Barros 2005,
Galaxia) ou A cova das vacas mortas
(Xerais) que no ano 2006 foi galardoada co Premio Fundación Caixa Galicia.
Todos os días 7 de xuño teñen un Melide un marcado carácter
cultural dende que un 7 de xuño, de 1933, a editorial Nós sacase á luz
o libro Terra de Melide, aínda hoxe considerado unha xoia da etnografía
desta comarca do interior de Galicia. Ao fío desta simbólica data, o
Concello de Melide falla cada ano o Certame de Creación Literaria Terra de Melide, que este ano chega á súa oitava edición.
A lúa dos Everglades (Xerais) de Xesús
Manuel Marcos foi a obra gañadora da última
edición.
|
|
|
|
Barsowia,
APB e Tanque Familiar entre outros
cómics estarán presentes no MoCCA
nun dos festivais de banda deseñada independente
dos EUA
Polaqia
achega a banda deseñada galega a Nova Iorque
(06-Xuño-2008)
Froito do encontro de dous colectivos de autores de
banda deseñada, desde EE.UU. Calavera
Comics e desde Galicia Polaqia,
o 7 e 8 de xuño, os cómics editados por Polaqia estarán á venta no MoCCA, o Museo do Cómic de Nova Iorque,
no transcurso dun dos festivais de banda deseñada independente máis importantes
de EE.UU, sendo esta, a primeira vez que diferentes publicacións de autores galegos
como APB, Tanque Familiar, Pinche
Mundo ou o propio Barsowia, entre outros títulos da vintena
que conforman o catálogo de Polaqia ata a data, poderán adquirirse en EE.UU., e
nun marco tan prestixioso como é o MoCCA.
E tamén grazas a isto este agosto, en Viñetas
del Atlántico, que se desenvolverá na Coruña entre os días 11 e 17
de agosto, poderanse adquirir os cómics que Calavera edita, inéditos no Estado
Español hoxe, no stand de Polaqia, no que se considera como o primeiro paso dunha
colaboración fructífera entre ambos os dous colectivos.
Para vestir de gala a ocasión, no MoCCA exhibirase
un cartel realizado entre Alexis
Ziritt –membro de Calavera Comics- e David Rubín –membro de Polaqia- cuxa función é dar coñecer ao
lector estadounidense en que consiste Polaqia, que é, de onde e por quén está
conformado o colectivo.
Desde Polaqia afirman que “este pequeno
paso, dado con forza e independencia, é un gran avance e unha mostra máis de
que para o cómic galego non hai fronteira que se lle resista, e reafirmámonos na
nosa idea de que buscar novos camiños dentro dun medio tan rico como o cómic, e
non axustarse a fórmulas unha e mil veces vistas, é a verdadeira chave para chamar
a atención, abrir portas e camiños tanto para a colaboración como para a
internacionalización da banda deseñada galega, e, o que é máis importante,
crear lectores fieis para o medio”.
Polaqia é un colectivo de creadores formado na
actualidade por Roque Romero, Kike Benlloch, Diego Blanco,
Álvaro López, Luís Sendón, Sergio Covelo, David Rubín, José Domingo, Hugo
Covelo, Brais Rodríguez, Bernal, Emma Ríos. Funciona en base a recursos propios e nel pódense
encontrar, ademais do "Barsowia", cómics de autores concretos como "A prueba de balas", "38", "Tanque
familiar" e "Corazón
de tormentas". Máis da metade dos cómics -que superan a
vintena- de Polaqia saen en galego e os restantes en castelán.
|
|
|
|
Xa
está dispoñible o proxecto As bases
da banda
BD
Banda abre BDagoxía, un espazo dirixido a
potenciar as posibilidades da banda deseñada
con fins didácticos e lúdicos
(05-Xuño-2008)
BD
Banda abre na súa web BDagoxía, un
espazo destinado especificamente a educadores, bibliotecarios, técnicos
culturais, animadores socioculturais e todo tipo de profesionais
interesados en aproveitar as posibilidades da banda deseñada para os
seus proxectos en libre acceso e difusión. BDagoxia actualizará periodicamente a
súa lista de recursos e fornecerá ademais información sobre cursos,
conferencias e iniciativas puntuais que toquen estes temas.
Xa
está dispoñible na súa web
o proxecto íntegro As bases da banda,
unha exposición que, realizada en colaboración coa Dirección Xeral e
Creación e Difusión Cultural, xa percorreu diferentes centros de ensino
do país amosando os elementos técnicos e narrativos e mais a historia
da novena arte ademais de propor, na guía didáctica anexa, un feixe de
actividades para se introducir en aspectos que van desde a narración ou
a creación de personaxes ata a crítica ou a autoedición.
Segundo
informan o obxectivo é falar de como se pode empregar a novena arte para
transmitir coñecementos e realizar intervencións de todo tipo no noso
tecido sociocultural. Bibliotecas, centros de ensino, ludotecas,
centros socioculturais, espazos asociativos… xa que as posibilidades de
empregar a BD con fins didácticos e lúdicos van moi para alén de
obradoiros nos que se ensina a debuxar. Falar de dinámicas de
dinamización, de actividades parateatrais, de narración, de comprensión
lectora, de atención á diversidade e de moitas outras áreas nas que a
BD pode ser unha ferramenta idónea para tratar calquera tema.
[BDagoxía]
|
|
|
|
Esta
mostra percorre e analiza as facetas vitais do autor
homenaxeado nas Letras Galegas deste ano
A exposición
A palabra e os días dá o salto
á rede
(04-Xuño-2008)
A Casa Galega da Cultura de Vigo acolleu dende o luns 21 de abril e
ata o 25 de maio deste ano a exposición A palabra e os días. Homenaxe a Xosé Mª
Álvarez Blázquez, organizada pola Editorial Galaxia e patrocinada pola
Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. Esta mostra levou
aos visitantes que se acercaron unha
viaxe pola biografía e a obra dun autor fundamental na edición galega.
A exposición incide na súa figura atendendo ás súas múltiples
facetas vitais e creativas, mostrando ó poeta, pero tamén ó
investigador e ó cronista.
Unha
vez rematada A palabra e os días en
formato físico, a Editorial Galaxia colga na súa web os paneis da exposición
e un punto interactivo sobre a súa vida e obra.
Os internautas teñen a oportunidade de navegar polos paneis da exposición celebrada en Vigo
e que agora comeza a súa itinerancia por toda Galicia ata fin de ano.
Ao acceder ao menu, o visitante terá a posibilidade de contemplar os
paneis que formaron parte da exposición, e que nos levan a unha viaxe
virtual que arranca en Tui no ano 1915 e que chega ata a súa morte, en
Vigo, no ano 1985. Todas as facetas vitais do autor homenaxeado co Día
das Letras 2008 son tratadas aquí: o poeta, o narrador, o arqueólogo, o
editor…
Ao mesmo tempo, desde a web accédese a un Punto Interactivo que dá paso
á biografía, bibliografía de e sobre Álvarez Blázquez, un paseo polo
seu tempo vital, así como unha ampla mostra documental do seu
importante labor como editor.
[A
palabra e os días]
|
|
|
|
Está
prevista a participación de 47 artistas enter
escritores, pintores e escultores
O
Concello de Brión lembra a Blanco Amor no
III Encontro coa Arte
(03-Xuño-2008)
A
Concellería de Cultura e Xuventude do Concello
de Brión dedica ao escritor ourensán
Eduardo Blanco Amor o III Encontro coa Arte.
Do
venres 6 de xuño ata o domingo 8 xuntaranse
un total de 47 artistas, escritores, pintores ou escultores,
nunhas xornadas onde se tratará a figura
e o legado do autor d'A esmorga.
Programa.
Venres
6 de xuño
13.45
h. Inauguración no Centro Social Polivalente
da exposición "A ollada do desexo".
Obra fotográfica 1933-1973 de Eduardo Blanco
Amor.
17.00
h. Primeira xornada de pintura ao natural na Carballeira
de Santa Minia (Pedrouzos).
20.15
h. Inauguración no Hotel-Balneario de Compostela
(O Tremo-Os Ánxeles) da exposición
das obras doadas polos artistas participantes no
II Encontro coa Arte: "Lembrando a Cunqueiro",
celebrado en xuño do 2007.
Sábado
7 de xuño
9.00 h. Almorzo
10.00
h. Desprazamento en autocar a Parroquia de Luaña, para realizar as obras do segundo día de Pintura do natural.
16.30
h. Xantar
17.00
h.-19.00 h. Tempo libre para pintar o cadro de intercambio. Entregarase
aos artistas un lenzo de pequeno formato, que pintarán con temática
libre. O artista que desexe realizar o cadro noutro tipo de soporte,
pode facelo. Estas obras serán sorteadas entre os propios artistas
participantes o día seguinte no xantar de irmandade e despedida.
19.00
h. Regreso en autocar a Casa da Cultura para a entrega das obras
pintadas pola mañá. Exposición e faladoiro das obras realizadas
quedando expostas ao público.
22.00 h.
Cea
Faladoiro: Manuel Guede Oliva “Blanco Amor e o Teatro. Tempo de poesía: Eva Veiga, Carlos Pereira e Pablo Bouza. Actuación musicalO
venres 6
Domingo
8 de xuño
Terceira
xornada de pintura ao natural no Río Pego
(Brión)
As
dúas exposicións: "A ollada do
desexo" e "Lembrando a Cunqueiro"
permanecerán abertas ao público ata
o 30 de xuño.
|
|
|
|
Pódese
participar nas categorías de micro´relatos,
micro-poemas ou micro-curtas
A
Coruña celebra o seu VIII centenario cos
premios Microcoruñas
(03-Xuño-2008)
Con motivo da celebración do VIII Centenario
da Coruña, o Concello convoca os premios microcoruñas.
Os
participantes poden participar en calquera das seguintes
categorías:
- - Micro-relatos de 240 caracteres
(en galego ou en castelán)
- - Micro-poemas de 8 versos
(en galego ou en castelán)
- - Micro-curtas de 80 segundos
(en galego ou en castelán)
As
obras participantes deberán ser inéditas
e ten que gardar relación coa cidade da Coruña
e o seu contorno. Calquera persoa poderá participar, sempre que a súa obra sexa inédita e garde relación coa cidade da Coruña e o seu contorno.
O
prazo de admisión remata o 18 de xuño
e os premios consistirán en tarxeta-regalo cambiable por valor de 800 €.
[Máis
información e bases do concurso]
|
|
|
|
Lareira
Literaria
Beatriz
Dacosta e Vítor Vaqueiro na Lareira Literaria
de xuño
(03-Xuño-2008)
Beatriz
Dacosta e Vítor Vaqueiro cóntanos
ás súas novidades e proxectos sobre
vindeiros libros e traballos.
Beatriz
Dacosta, despois dun longo silencio literario de
catro anos tras Contrato temporal (Francka
Editora) volve ao pracer da escrita cun feixe de
relatos curtos, xénero xa traballado en Cascas
de noz (Galaxia). Entre os seus proxectos tamén
está o retomar unha novela en estado de suspensión
desde hai anos.
Pola
súa banda, Vítor Vaqueiro está
a piques de publicar en Galaxia Os ollos do tempo,unha
novela onde profundiza sobre cuestións como as de verdade, realidade,
ficción, imaxe e dobre, empregando como fío condutor a fotografía e o cinema.
O autor vigués ten unha consolidada traxectoria
como narrador, poeta e divulgador da cultura e da
fotografía do país.
[Lareira
Literaria]
|
|
|
|