|
A
Fundación Castelao elaborará un catálogo
dixital que estará dispoñible no Arquivo
Nacional
A
Fundación Castelao e a Consellería
de Cultura asinan un convenio para a catalogación
universal de Castelao
(31-Xullo-2008)
O Consello da Xunta vén de autorizar o convenio de colaboración
entre a Consellería de Cultura e Deporte e a Fundación Castelao que vai
permitir a catalogación universal da obra do escritor rianxeiro. A
ratificación deste acordo supón o comezo dunha das labores de
compilación máis difíciles, debido ás características da obra deste
escritor: moi ampla e diversa así como repartida por diferentes países.
A dificultade de localización e compilación de todo o material creativo
do escritor galego, así como de fotografías ou gravacións nas que
apareza, levou á consellaría a investir 300.000 euros neste convenio,
mentres que a Fundación Castelao se comprometeu a elaborar un catálogo
dixital que estará a disposición do público no Arquivo Nacional da
Cidade da Cultura.
O proxecto, coordinado polo vicepresidente da Fundación, o historiador
Miguel Anxo Seixas Seoane, conta cun grupo de 5 especialistas que está
acudindo tanto a institucións públicas coma privadas que garden parte
da obra do galeguista, a hemerotecas xornalísticas e mesmo coñecidos na
procura da obra inédita dun dos pais do nacionalismo galego.
A obra do rianxeiro está integrada por colaboracións literarias,
creacións en prosa, textos teatrais, artigos, discursos parlamentarios,
cartas, manuscritos, debuxos... pero ademais repartidos polos lugares
nos que foi transcorrendo a súa vida: Galicia, Madrid, Arxentina,
Estados Unidos, Cuba, Montevideo, México, Chile ou Venezuela.
Para garantir a máxima rigorosidade no estudo e a compilación o máis
exhaustiva posible, o equipo integrante desta investigación dividiuse
entre 5 cidades ao longo deste ano para estudar o paso e creación de
Castelao por elas. Unha é Vigo, onde se quere verificar o que hai deste
autor na Fundación Penzol, con especial interese na densa variedade de
colaboracións que desenvolveu con distintas publicacións, como El
Barbero Municipal, Vida Gallega, A Nosa Terra, Nós, El Pueblo
Gallego... e tamén para recoller os case 800 debuxos publicados en Faro
de Vigo e o xornal Galicia.
Outro dos puntos é Santiago de Compostela, de onde se extraerá material
gardado entre a Biblioteca Xeral, a Facultade de Xeografía e Historia e
o Instituto Padre Sarmiento. Na Coruña a investigación desenvólvese nos
fondos do Museo de Belas Artes, da Real Academia Galega e da Fundación
Caixa Galicia; mentres que en Lugo o estudo desprázase ao Museo de Lugo
e a Biblioteca Provincial.
Complétase o percorrido vital do galeguista cunha última parada onde
tamén deixou a súa pegada: Madrid. Os lugares onde se atopan pezas de
Castelao son o Arquivo de Alcalá de Henares e a Biblioteca Nacional,
que ata agora tiña o privilexio de ser a única que custodiaba pezas de
Castelao en exclusiva.
Durante o vindeiro ano, a investigación cruza o Atlántico para analizar
a actividade do galeguista no exilio, onde se espera atopar a metade da
súa obra, da que se calcula existen cerca de 3.000 pezas por todo o
mundo.
A compilación da obra de Castelao é unha das iniciativas máis
importantes para a Consellaría de Cultura polo que ten de salvagarda do
patrimonio cultural galego disperso na diáspora.
|
|
|
|
O
escritor verinense Xosé Carlos Caneiro pechará
o Festival cun recital do seu último libro
A vida nova de Madame Bovary
O
Concello de Verín organiza o III Festival
Internacional da Palabra, que nesta edición
contará cunha ducia de actuacións
(30-Xullo-2008)
Unha
ducia de actuacións para os públicos máis diversos, coa palabra como
motivo vertebrador, desenvolveranse en Verín, entre xoves día 31 de
xullo e o domingo día 3 de agosto, na 3ª edición do Festival
Internacional da Palabra. A actuación da compañía barcelonesa Teatre
Arca e un concerto-homenaxe ao músico popular Manuel Rodríguez
“Manoliño” destacan nunha programación que se clausurará a última hora
do domingo día 3 co recital-presentación do libro A vida nova de Madame Bovary (Galaxia)
do autor verinense Xosé Carlos Caneiro.
Xéneros
tan diversos como o cabaré, o teatro de fantoches ou as artes plásticas
intégranse nun programa que protagonizan creadores e intérpretes
galegos, portugueses e de Castela-León; aínda que participen artistas
dunha ducia de países. Cinco actos de narrativa oral nos que intervirán
media ducia de contadores de Brasil, Portugal, Zamora e Galicia, catro
presentacións de libros en lingua galega, portuguesa e española, e a
actuación dun recitador ambulante de poemas son os actos nos que a
palabra é protagonista dentro da súa vertente máis tradicional ou
literaria. Un cabaré ambulante, cunha banda de jazz e sete actores en
escena, servirá como contrapunto a este maratón que converterá a Verín
durante catro días en centro das relacións en directo das producións
culturais en lingua castelá, portuguesa e galega.
O
Festival Internacional da Palabra está organizado polo Concello de
Verín e conta coa colaboración, no ámbito institucional, do Instituto
Camoes de Portugal, a Deputación Provincial de Ourense, a Cámara
Municipal de Chaves e o Concello de Fene. BioCoop, o Consello Regulador
da D.O. Monterrei, a Pastelería Primavera e diversos negocios de
hostalería son algunhas das empresas da comarca que apoian este
festival, que ten un orzamento global arredor dos 10.000 euros.
[Programa
na Axenda]
|
|
|
|
Cidades
e literatura, conferencias, verbas na rúa,
presentacións de libros e a resolución
do premio Microcoruñas acompañarán
os actos propios da XXXVII Feira do Libro
A
Coruña convertirase en cidade literaria conmemorando
os seu 800 Aniversario
(30-Xullo-2008)
Entre
os días 1 e 10 de agosto A Coruña
será escenario de distintos eventos e actividades
relacionados coa literatura que terán o 800
aniversario do outorgamento da Carta Puebla como
ixo común. O programa, baixo o nome 'A cidade
literaria no VIII Centenario', pon en valor á
cidade como referente das letras galegas e discorrerá
en paralelo á realización da XXXVII
Feira do Libro da Coruña, que nesas mesmas
datas se celebrará na cidade.
As actividades programadas son:
Marinedas. Literatura e cidades, cidades e literatura
Non hai mellor homenaxe a unha cidade que darlle como regalo a
inmortalidade literaria. Retratar as súas xentes e os seus costumes,
empregar como escenario as súas rúas e como argumento as súas
anécdotas, contos e acontecementos para construír unha obra universal,
capaz de conmover a calquera lector alí onde se atope, é concederlle a
grandeza da permanencia no tempo.
Con permiso de dona Emilia Pardo Bazán, utilizamos o sobrenome
literario máis universal da nosa cidade, Marineda, para este ciclo de
conferencias coordinado polo escritor Pedro A. Ramos García e dedicado
a facer un percorrido por tres cidades moi especiais, tres cidades
literarias: A Coruña, Madrid e Barcelona.
Conferencias
(Ás 21.00 h.)
Venres 1: Pasado e presente dunha cidade literaria: A Coruña. Relator: Xulia Souto
Sábado 2: O Madrid de Historias do Kronen. Relator: José Ángel Mañas
Xoves 7: A Barcelona negra e mediterránea de Vázquez Montalbán. Relator: Paco Camarasa
Venres 8: A odisea coruñesa. Relator: Manuel Rivas
Lugar: Carpa da Feira do Libro da Coruña. Xardíns de Méndez Núñez
Verbas
na rúa
A cidade da Coruña ten a sorte, ao longo da súa historia, de contar
con numerosos escritores e poetas que a retrataron nos seus versos e
nas súas prosas tanto en galego como en castelán. Emilia Pardo Bazán,
Wenceslao Fernández Flórez, Lorenzo Varela, Curros Enríquez, Rosalía de
Castro, González Garcés, Tomás Barros, Álvarez Torneiro, Eduardo
Pondal, Luisa Villalta, Darío Xoán Cabana, Luz Pozo Garza, Cesáreo
Sánchez, Ánxeles Penas, Lino Braxe, Fernán Vello, Francisco Salinas,
Xosé M. Martínez Oca, Antonio Riveiro Coello, Alfredo Conde, Xavier
Seoane, César Antonio Molina, Luis Rei Núñez, Xurxo Souto, Manuel Rivas
e moitos outros, coñecidos ou anónimos, dedicaron esforzo, amor e
paixón en trasladar a papel as mil e unha Coruñas posibles.
Agora devolvemos as súas palabras a eses lugares. Poesía, narrativa
e historia na rúa. Verbas na rúa. En distintos lugares da cidade
colocaranse no chan frases alusivas, poemas e prosas dedicadas á
cidade. Outra forma de coñecer e ler A Coruña.
Premios
Microcoruñas
Entrega dos premios do certame Microcoruñas ao que se presentaron
170 propostas entre as tres categorías: micropoemas, microrrelatos e
microcurtas relacionados coa cidade coruñesa e que conta coa
colaboración de FNAC Coruña.
Os membros do xurado son Marta Otero, Miguel Anxo Fernán Vello, Ana Abelenda e Manolo Lourenzo.
- Lugar: Fundación Luís Seoane
- Día: sábado 9 de agosto ás 20.30 h.
Presentación
de libros
Con motivo da realización do VIII Centenario da cidade da Coruña, o
Concello en colaboración con distintas editoriais, publica diversos
libros dedicados especialmente á cidade que serán presentados na
Fundación Luís Seoane:
- Alfonso IX e Crunia
- Poemas coruñeses. Antoloxía de textos poéticos dos séculos XIX e XX sobre A Coruña
- A Coruña nos textos dos viaxeiros. Séculos XVIII, XIX e XX.
|
|
|
|
O
autubús estará acompañado por
varias ciclobibliotecas para o público máis
novo
Un
autubús percorrerá este verán
as praias galegas para fomentar a lectura
(29-Xullo-2008)
A
conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e
o director xeral de Creación Difusión
Cultural, Luís Bará, presentaron está mañá na Coruña "Máis
libros, máis libres", unha campaña
de nimación á lectura que
percorrerá varias cidades e vilas galegas para achegar ás praias
o pracer polo libro e a lectura.
Durante
este verán un autobús percorrerá a costa galega e tamén as praias
fluviais do interior achegando libros de diferentes xéneros e para
todas as idades. Estará acompañado por varias "ciclobibliotecas" con
contacontos e outras actividades de dinamización para os máis novos.
O autobús de "Máis libros, máis libres" comeza a súa viaxe hoxe na
praia de Riazor, de onde partirá para levar a literatura ata Ribadeo
(praia dos Castros), Viveiro (praia de Covas), Foz (praia da
Rapadoira), Ferrol (praia Doniños, zona de Outeiro), Carballo (praia de
Razo), Boiro (praia Barraña), Vilagarcía (centro da vila), O Grove
(centro da vila), Pontevedra (centro da vila), Cangas (praia Rodeira),
Vigo (Samil), e ata as praias fluviais de Ourense, Allariz e O Barco.
Ademais, o bus vai estar tanto pola mañá (de 10 a 14h) coma pola tarde
(de 16 a 20h) a difundindo literatura para chegar ao maior número
posible de lectores.
Esta iniciativa da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
encádrase dentro do Plan da Lectura, que presentou Ánxela Bugallo no
Parlamento en outubro. O plan ordena por primeira vez de forma integral
todos os esforzos que se realizan para incrementar o hábito da lectura
e fortalecer todos os actores do sector, desde libreiros a bibliotecas
ou editores, para o que se prevé un investimento total de 50 millóns de
euros até o ano 2011.
O Plan da Lectura é unha obriga que se deriva da Lei do Libro e da
Lectura, que entrou en vigor a finais de xaneiro, para ordenar este
sector de grande importancia cultural e económica. Para elaborar o
Plan, a Consellería de Cultura mantivo un diálogo continuo con todas as
partes implicadas.
|
|
|
|
O
portugués é unha das figuras máis
destacadas do panorama poético da segunda
metade do século XX
Amadeu
Batista gaña a XVI edición do Premio
de Poesía Espiral Maior
(28-Xullo-2008)
O poeta portugués
Amadeu Baptista venceu, por unanimidade, a XVI edición do Premio de Poesía Espiral Maior, coa
obra Açougue, presentada baixo o lema
de Francis Bacon.
O
xurado, que estivo formado polos poetas Xosé
María Álvarez Cáccamo, Xavier
Rodríguez Baixeiras e o director da editorial,
Miguel Anxo Fernán Vello, destacou a obra
de Baptista como unha "proposta de grande interese
poético e literario", amais de amosar
unha poesía "limpa, natural e fluída".
Sobre o contido subliñou a súa "capacidade
de evocación do pasado" á vez
que "ilumina unha especie de crónica
colectiva do pobo portugués".
Nesta
edición concorreron 206 traballos procedentes
de Galicia, Portugal e Brasil e é un dos
premios poéticos máis importantes
do país e xa foi acadado por poetas como
Yolanda Castaño, Xabier Seoane, Carlos Penela
ou Rafael Lema.
Amadeu
Baptista é un dos poetas máis importantes
da segunda metade do século XX, con libros
traducidos ao castelán, inglés ou
francés, obtivo, entre outros galardóns,
o Prémio de Poesia e Ficção de Almada,
o Prémio Nacional de Poesia Natércia Freire,
o Prémio Internacional de Poesia Palavra Ibérica
ou o Prémio Nacional Sebastião da Gama
(en dúas ocasións).
|
|
|
|
Este
premio, creado polo Real Coro "Toxos e Froles",
celebra o 150 aniversario da concesión
do título de cidade ao Concello de Ferrol
Ferrol
homenaxea co Premio Porto Magno a Ramiro
Fonte
(24-Xullo-2008)
Como
celebración do 150 aniversario da concesión
do título de cidade ao Concello de Ferrol,
o Real Coro "Toxos e Froles", decano dos coros históricos galegos,
crea o premio Porto magno.
O
xurado do Porto magno, entre os que figuran
entre os seus membros Julia Uceda, Premio Nacional de
Poesía; Miguel García Posadas, Presidente da Asociación Nacional de Críticos
Literarios; Ramón Pernas, escritor e director da Fundación Ámbito
Cultural; Ramón Loureiro, escritor e xornalista; Pedro Sanz, xornalista,mestre e
presidente do Real Coro "Toxos e Froles"; Segundo Pérez López, Director do
Instituto Teolóxico Compostelán; Félix Villares, cóengo de Mondoñedo
e
escritor; e varios membros da xunta directiva do Toxos acordou, por unanimidade,
conceder este premio a Ramiro Fonte baixo estas palabras: "Gran poeta entre os mais grandes
de sempre, en recoñecemento a toda a súa obra literaria, coa gratitude da
Galicia do norte súa".
Este premio entregarase o día 28 ás 13.30 h. na Sala de
Recepcións do Concello de Ferrol. No acto participarán o alcalde,
Vicente Irisarri; a Concelleira de Cultura, Yolanda Díaz e o Presidente
do "Toxos e Froles", Pedro Sanz. A continuación terá
lugar a lectura da acta do xurado, a laudatio a cargo de Miguel García
Posadas e a entrega do premio a Ramiro Fonte quen, xunto a Julia Uceda, procederán
á lectura dalgúns poemas. Está
esperada a presenza do Ministro de Cultura César
Antonio Molina quen pechará o acto.
Ramiro Fonte, poeta, narrador, crítico e
ensaísta, naceu en Pontedeume en 1957. Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela,
deuse a coñecer como poeta no colectivo literario
Cravo Fondo,
grupo
nado en Santiago en 1977 e formado, xunto a Ramiro,
por Xesús Rábade Paredes, Xavier Rodríguez Barrio, Xulio López Valcárcel, Xesús Manuel Valcárcel, Fiz Vergara Vilariño e Helena Villar Janeiro.
En
1983 publica o
seu primeiro libro, As cidades da nada (Sociedad
de Cultura Valle-Inclán)». Con Designium (Xerais)
foi Premio da Crítica en Galicia e Premio
Losada Diéguez de creación. Pasa un segredo
(Xerais), de 1988, foi galardoado co Premio da Crítica
Española. Foi gañador do Premio Esquío
con Adeus Norte (Sociedad de Cultura Valle-Inclán)
e Mínima moralidade (Deputación da
Coruña) foi merecedor do González
Garcés. Recentemente publicou As pontes do
ceo (Xerais) coa que pechaba a triloxía "Vidas de infancia",
coa que Ramiro Fonte decidiu
emprender para reconstruír o Pontedeume da
súa infancia.
Os
seus poemas están presentes en numerosas
antoloxías de poesía galega e peninsular.
Todos
aqueles que desexen adherirse ao homenaxe a Ramiro
Fonte do vindeiro luns, poden facelo enviando un
correo electrónico ao enderezo amboage56@hotmail.com
|
|
|
|
Recitais
poéticos e presentacións de libros
encheran a Galería das Letras
O
Festigal08 chega a súa sétima edición
con 48 horas de letras, música, tendencias
e diversidade
(23-Xullo-2008)
Durante
os días 24 e 25 de xullo, o Campus Universitario
Sur de Santiago de Compostela converterase nun grande
océano cultural. Neste 2008 o Festigal chega
a súa sétima edición e o celebra,
baixo a dirección da Fundación Galiza
Sempre e Galiza Nova, con 48 horas de música,
tendencias e diversidade.
O
Festigal está concebido como un escaparate cultural,
onde a cultura galega e a internacional (tradicionalmente cunha
especial atención aos países da lusofonía), manteñen un frutífero
diálogo. Vai máis alá dun simple festival de música, xa que conta con
charlas, mesas redondas e presentacións de libros -galería das ideas-,
actuacións de maxia, tendas de artesanía, de libros, estreos
audiovisuais...
En base aos anos anteriores, está previsto que pasen 20.000 persoas ao longo dos dous días que dura o Festigal. Na organización participarán 200 persoas, contando os voluntarios. O Festigal contará con 40 postos de artesanía e tendas, 6 exposicións e 15 postos de xantar e bares.
O recinto, que ocupará un total de 20.000 metros cadrados, contará con zona de acampamento, na que se instalarán, en torno a 160 tendas. Para a promoción do Festigal 2008, editaranse 20.000 programas, 15.000 cartaces e 50.000 folletos.
Na
Galería das Letras desta edición participarán
ás librarías Andel do libro (Vigo),
A Palabra Perduda (Santiago) e Pedreira (Santiago)
e as editoriais OQO, Rinoceronte, Urco, A Nosa Terra,
Galaxia e a Lonxa Cultural amais de recitais de
poesía e presentacións de libros.
[Programa
na Axenda]
[Programa
na web do Festigal08]
|
|
|
|
No
marco da Feira o escritor local Xosé Vázquez
Pintor falará sobre a súa obra Para
dicir abril (Sotelo Blanco)
Melide
acollerá esta fin de semana a I Feira
do Libro no Camiño de Santiago
(23-Xullo-2008)
Por vez
primeira os libreiros de Melide terán un día de
homenaxe ao seu traballo e tamén un escaparate para a creación
literaria da comarca. O Concello de Melide organiza esta fin de semana
a I Feira do Libro no Camiño de Santiago, que centrará todos os seus actos na
praza do Convento da vila.
Dende o sábado,
ás 11.00 h. –hora de apertura da feira-, poderanse visitar as casetas de librarías instaladas na praza, onde ás 12.00 h., a escritora
Mercedes Queixas
pronunciará o pregón co que quedarán inaugurados dous días dunha feira
literaria pioneira en Melide.
Entre as visitas ás casetas, está
programada para as 13.00 h. do sábado a presentación da
segunda novela da escritora Iria López Teixeiro, Santa Matriusca
(Biblos). Será tamén no marco desta feira, o sábado, cando se realice a entrega de premios do
I Concurso de Artes Plásticas do Concello
de Melide, Os sons de Galiza,
cuxos traballos finalistas
poden visitarse durante estes días no Museo da Terra de Melide. A
entrega de premios deste certame de pintura dará comezo ás 18.30 horas,
no Salón de Plenos do Concello.
Para os máis pequenos,
o sábado desenvolveranse talleres sobre ilustración e outros aspectos
vencellados aos libros, así como unha sesión de contacontos a cargo de
Santi Prego.
O
equipo de goberno de Melide incluíu tamén na programación desta fin de
semana varias actuacións musicais. A primeira delas, o sábado –Cantón
de San Roque, 23.00 h.-, traerá a Melide ao grupo Sumrrá, que
presentará na vila o seu terceiro traballo, co que se está a consolidar
como grupo de referencia a nivel estatal pola calidade do seu jazz que
conserva sempre a pegada galega.
As actividades con maior peso literario desta I Feira no Camiño de Santiago concentraranse na mañá do domingo 27. Ás 12.00 h., o director xeral de Edicións Xerais,
Manuel Bragado,
moderará unha mesa redonda na que participarán varios gañadores do
Certame de Creación Literaria da Terra de Melide entre os anos 2000 e
2007.
Ao seu remate, o escritor
Xosé Vázquez Pintor,
que recentemente deu nome á biblioteca pública municipal da vila,
estará na Feira do Libro para participar nun coloquio que xirará
derredor da súa obra Para dicir abril
(Sotelo Blanco).
Xunto a Vázquez Pintor, estarán Ánxela
Gracián, directora da Colección Medusa de Sotelo, onde o autor melidense publicou a súa obra, e tamén a escritora cubana
Yanelis Velazco, autora da tese Xosé Vázquez Pintor: a memoria que reconstrúe un mundo.
A alcaldesa de Melide,
Socorro Cea,
avanzou que “quixemos con esta feira recoñecer o traballo das librarías
de Melide, unilas nun proxecto común e dar un pulo á actividade
literaria e creativa que sempre caracterizou á nosa comarca”. Así
mesmo, a rexedora melidense destacou que “temos un programa ambicioso
que traerá a Melide a figuras de referencia da literatura galega
actual, ao tempo que queremos apostar por novos rostros e actividades
que animen á xente nova a achegarse aos libros”.
Neste
sentido, a Feira do Libro que organiza o Concello de Melide contará
tamén o domingo con obradoiros, dirixidos polo ilustrador Xosé
Tomás;
contacontos coa compañía Seisdedos e contos de ciclobibliotecas con
Anxo Moure. Amais, durante os dous días, o Concello de Melide sorteará
entre os asistentes á feira lotes de libros. Nesta mesma liña de
fomento da lectura, o Concello de Melide ten tamén a disposición dos
usuarios das piscinas de Furelos o servizo de bibliopiscinas, grazas ao
cal se poden consultar xornais e libros en servizo de préstamo nas
propias instalacións das piscinas descubertas.
Dende a Concellaría de Cultura, a concelleira
Conchi Castro
destacou que “é unha aposta pioneira para o noso Concello, pero
entendemos que os libros e a cultura non deben ficar ancorados nas
grandes cidades, senón que é preciso tamén escoitar o que teñen que
dicir as vilas coma Melide, nas que a actividade cultural é se cadra
menos vistosa pero de gran calidade”.
A Feira do Libro poderá visitarse en
horario de 11.00 h. a 14.00 h. e de 17.00 h. a 21.30
h., o sábado e o domingo, que se pechará coa actuación musical de
Tino Baz, ás 21.30 h., na Praza do Convento.
|
|
|
|
O
director de Rodeira incidiu na necesidade de profundizar
na promoción exterior do gremio
Alfonso
García Sanmartín volve a ser elixido
como presidente da Asociación Galega de Editores
(23-Xullo-2008)
A Asociación Galega de Editores (AGE), reunida
onte en Asamblea Xeral Extraordinaria para a elección dos cargos da súa Xunta
Directiva para os dous próximos anos, decidiu por maioría reelixir como
presidente a Alfonso García Sanmartín,
director de Rodeira-Edebé, nunha aposta da asociación pola continuidade na liña
de traballo desenvolvida nestes dous últimos anos.
O equipo directivo queda tamén
configurado polo vicepresidente, Francisco Alonso (Edicións Xerais de Galicia); a
secretaria, Ana Guerra Cañizo (Edicións Obradoiro); a tesoureira, Pilar Sampil (Editorial
Galaxia) e cinco vogais: Francisco Villegas (Edicións do Cumio), Irene Penas (Everest
Galicia), Antonio Balboa
(Edicións Lóstrego), Consuelo Carreira (Sotelo Blanco Edicións) e Tucho Calvo (La Voz de
Galicia).
No
tocante ao futuro, o presidente reelixido Alfonso García Sanmartín
incide na necesidade de profundizar na profesionalización do gremio,
traballando no eido da promoción exterior e da interacción cos outros gremios
galegos do ámbito do libro de cara a abordar no transcurso dos próximos meses
os problemas que afectan en este momento ao sector. O presidente adiantou que o
Simposio O Libro e a Lectura que anualmente celebra a AGE a finais de ano sobre
temas relacionados co sector editorial vai abordar na súa quinta edición a
visibilidade do libro galego no exterior e a súa proxección. Asemade informou
de que se está estudiando a posibilidade da súa celebración na Feira Galega das
Industrias Culturais, Culturgal, que terá lugar entre o 4 e 7 de decembro no
Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña.
Na Asamblea Xeral aprobouse a
creación dunha nova comisión, a de axudas, que vai a coordinar Xelasio Suárez (Ir Indo
Edicións), e que se unirá ás restantes comisións existentes na AGE: de publicacións;
de estatutos, garantías e conflictos; de feiras e comercio exterior; de convenio
das editoriais; de actos; e de gratuidade e libro de texto. Tamén se informou
da axenda de traballo prevista na Bienal do Libro de São Paulo, a que está
previsto que acuda a AGE cunha representación de editores no próximo mes de
agosto.
|
|
|
|
Desde
Celanova para o mundo
Onde
o mundo se chama Celanova. Falamos galego en todos
os idiomas
(22-Xullo-2008)
A poesía de Curros Enriquez, Celso Emilio Ferreiro e Méndez Ferrín,
abandonará durante unhas horas o idioma galego no que foi creada para
ser recitada en linguas do mundo como o árabe, eslovaco, hebreo,
servo-croata, castelán, húngaro, alemán, inglés e asturiano.
O mércores 23 de xullo terá lugar,
na horta da Casa Museo de Curros Enriquez
(Casa dos Poetas), un acto de homenaxe aos poetas da Terra de Celanova nun acto
organizado pola Fundación Curros Enríquez,
o Concello de Celanova, as Redes Escarlatas e a
Universidade de Vigo baixo o título "Onde
o mundo se chama Celanova. Falamos galego en todos
os idiomas".
O acto
comezará ás 20.00 h. coa presentación do acto a cargo de Xosé
Henrique Costas, director
da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, e Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros
Enríquez. A continuación, celebrarase o recital poético das Redes
Escarlatas no que
participarán con pezas propias Anxo Angueira, Antón Dobao, Xosé Antón
Laxe, Silvia Penas, Elvira Ribeiro, Manuel Vidal, Xabier Xil e Isaac
Xuvín. De seguido recitarán as pezas dos poetas da Terra de
Celanova nove alumnos que participan no curso de lingua e cultura galega que imparte
a Universidade de Vigo, estes recitarán en
diversas linguas, como o árabe, hebreo, serbocroata, alemán...
Unha vez finalizado o recitado a cargo dos alumnos do curso aos
que sumarán tradutores de Curros, Celso Emilio e Méndez Ferrín noutras
linguas, como éuscaro, francés ou sardo, a música da cantante de fados
María do Ceu e do grupo de gaitas de Allariz, pechará o acto.
|
|
|
|
Bandeira
contará a partires de mañá
cunha rúa co seu nome
Silleda
lembra ao escritor e político Ramón
de Valenzuela
(22-Xullo-2008)
Ramón
de Valenzuela Otero foi un escritor e político
silledense. Aos vinte e un anos incorpórase
ás Mocidades Galeguistas, da que será
conselleiro da zona Lalín-A Estrada. Xunto
a Castelao e a Víctor Casas participa en
mitins do Partido Galeguista. Tras ser detido
en agosto do 36, consegue saír da cadea para
enrolarse no bando fascista, do que rapidamente
deserta para poñerse ás ordes de Enrique
Líster.
En
1939 marcha a Francia e dez anos despois a Arxentina,
onde desempeña unha importante labor cultural.
En 1966 volve a Madrid onde mantivo contacto co
grupo Brais Pinto.
Publicou
dúas novelas autobiográficas, en Non
agardei por ninguén relata os acontecementos
desde 1936 ata o seu paso ás filas republicanas,
que tería a súa continuación
en Era tempo de apandar. As bágoas
do demo é unha mostra do seu traballo
teatral. En 1974 publica o libro de relatos O
Naranxo e de 1976 é a súa Historia
do galeguismo político.
O
24 de abril o pleno do concello silledense acordou
cambiar o nome da Rúa Iryda de Bandeira
pola de Ramón de Valenzuela. Mañá
celebrarase un xornada de actos en lembranza. O programa da xornada,`Unha rúa na súa vila´, comezará
ás 20.00 h. cun acto cívico na Praza da Feira da Bandeira coa participación de Mariví Villaverde (viúva do autor); Xosé Neira Vilas (escritor e académico) e Luís Bará (Director Xeral de Creación e Difusión Cultural).
Logo procederase á inauguración da Rúa Ramón de Valenzuela.
Ás 21.00 h. haberá un acto de homenaxe na Casa da Viña, parroquia de Manduas
coa descuberta dunha placa conmemorativa na casa natal.
Esta
xornada de lembranza está organizada por
Adellís asociación socio-cultural - Comisión pola Memoria Siñor Afranio.
[Cartaz
co programa]
|
|
|
|
Con
Raida Rodríguez, Martín Veiga, Samuel
Solleiro e Xavier Queipo
A
Galería Sargadelos da Coruña acolle
entre o 22 de xullo e o 12 de agosto o Ciclo dos
a-fora(s)
(20-Xullo-2008)
Raida
Rodríguez, Martín Veiga, Samuel Solleiro
e Xavier Queipo. Catro autores para falar da relación
centro/periferia a través dos desprazamentos dende un lugar natal (Galicia) a outro en principio
alleo.
A
Galería Sargadelos da Coruña acollerá
entre o 22 de xullo e o 12 de agosto o ciclo dos
a-fora(s). Claudio Pato, director da Galería
Sargadelos da Coruña apunta que "esta idea dos a-fóra (s) non só formula problemas ligados aos desprazamentos
demográficos por condicións de explotación dos hábitats (tal vez só podamos
falar xa dun único hábitat) e polas condicións de fame que subseguen. Pois
traza ao tempo unha posibilidade de tirar desa carencia todo un idioma da
excelencia, toda unha arte do común, unha fala que se produce na non distancia".
PROGRAMA
22
de xullo (20.00 h.). Poesía sen poemas:
ningún lugar nos é común, ningunha posibilidade nos é
allea. Con Raida Rodríguez, Eva Méndez do Roxo
e Carles-Lluís
Pallarès.
O suxeito poético é
unha utopía.
Non hai un poder
unificado, o poder está disperso, por iso non se pode conquistar, dí Sadie Plant.
Pero pódese
perverter. Na palabra. A que xorde da dor da escisión. A que desexa. Desexo de
vida. Alleo a calquera horizonte de sentido.
29
de xullo (20.00 h.). Poesía e periferia.
Con Martín Veiga.
Partindo de certas consideracións sobre Galicia
como país periférico e mais da adopción interior pola miña banda dun universo
outro, esta intervención procura situar os eixes principais do meu discurso
poético en relación cun mundo referencial multiplicado. A través da lectura
dalgúns textos escritos en épocas diversas, hei tentar alicerzar, ilustrar ou
iluminar os argumentos da exposición.
6 de agosto (20.00 h.). No
mundo hai moitos anos. Con Samuel Solleiro.
A figura do galego
nas Antillas, a soa posibilidade da figura dun galego nas Antillas, é un
fruto recente da globalización, diferente desoutras figuras clásicas: a persoa
da periferia que visita o centro (emigración) ou a persoa do centro que visita
a periferia (exilio ou cousas peores). Hoxe é posíbel esa inmediatez no paso
dunha periferia a outra. Agora ben, xorden as dúbidas: podemos realmente
subestimar o papel dos centros xeopolíticos nestas situacións? A experiencia da
periferia é a mesma aquí e aló? Cal podería ser o papel das outras periferias
na nosa escrita futura? Somos, enfín, negros os galegos?
12
de agosto (20.00 h.). Na procura de coordenadas.
Con Xavier Queipo
Aprenderannos os
puntos cardinais. O tempo levounos a percibir outras dimensións. Iso segundo
adoptemos o punto de vista da introspección, a condición de animais terrestres,
o noso lugar no espazo, a orientación nos mapas, a nosa percepción do mundo, a
memoria filoxenética ou a experiencia propia de navegantes verdadeiros ou
falsos. Velaí a delimitación do universo propio.
|
|
| |