MESES ANTERIORES

 

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

O departamento de Ánxela Bugallo aportará ó proxecto 300.000 euros

A Fundación Castelao e a Consellería de Cultura asinan un acordo para catalogar e compilar a obra de Castelao

 

(23-Xaneiro-2008)

 

Presentación do catálogo universal de CastelaoA Fundación Castelao e a Consellería de Cultura e Deporte presentaron onte o proxecto de catalogación universal da obra gráfica e escrita do galeguista. A conselleira, Ánxela Bugallo, o presidente da entidade, Avelino Pousa Antelo e o vicepresidente segundo, Miguel Anxo Seixas Seoane, acordaron compilar toda a obra do escritor e debuxante nunha base de datos dixital para a súa posterior consulta.

Cultura realizará unha primeira achega económica de 300.000 euros dirixida á localización e compilación do disperso legado de Castelao que acolle colaboracións literarias, creacións en prosa, textos teatrais, artigos, discursos parlamentarios, cartas, manuscritos, apuntamentos de todo tipo, debuxos, etc., ademais de fotografías e gravacións sonoras e audiovisuais nas que apareza Castelao. Pero será a Fundación a encargada da elaboración dun catálogo dixital, unha base de datos coa ficha de cada obra acompañada da súa reprodución.

O proxecto, coordinado polo vicepresidente segundo da Fundación, Miguel Anxo Seixas Seoane, contará cun equipo de especialistas que botará man de institucións públicas e privadas onde se pode ver a obra do galeguista, rastrexará publicacións periódicas do seu tempo en hemerotecas e traballará na procura da obra inédita do autor. Ante a extensión e complexidade do proxecto a primeira entrega do inventario está prevista nun prazo de 18 meses, que se ampliará todo o tempo que sexa necesario para completar a catalogación. Por outra banda, prevese que a colaboración económica sexa aumentada ante o achádego de novas obras ocultas de Castelao que fagan medrar o catálogo.

Madrid, Arxentina, Estados Unidos, Cuba, Montevideo, México, Chile, Venezuela, son só algúns dos lugares onde permanece rexistrada parte da súa obra. A esta dispersión xeográfica terán que facer fronte os expertos que se atoparán ademais cos milleiros de colaboracións gráficas e escritas que Castelao realizou en ducias de medios, sen incluír a súa obra pictórica.

Pousa Antelo manifestou que "desde que se creou a Fundación Castelao en 1984, o de hoxe é un dos días máis felices para nós". Para o presidente da fundación, "xenerosa foi a contribución de Castelao a Galiza e xeneroso é o compromiso da Consellaría de Cultura co seu legado".

Miguel Anxo Seixas, que coordenará a catalogación, lembrou que "ao morrer Castelao trouxemos o seu corpo, pero a súa obra, que andou dun lado para outro, quedou ciscada". O vicepresidente segundo da Fundación Castelao subliñou a importancia de "rexistrar e xuntar nun arquivo dixital todo ese patrimonio que pertence aos galegos".

 [Máis información]

Arriba

  

 

Proponse a entrada do Concello de Vigo, entidade coa que mantén convenios de colaboración dende o ano 1985

A Fundación Penzol renova e amplía o seu Padroado

 

(29-Xaneiro-2008)

 

O Padroado da Fundación Penzol en 1994A Fundación Penzol, a institución privada de máis rico patrimonio documental da historia da cultura galega e do galeguismo, cun fondo de varios miles de documentos, dende a Idade Media ata os nosos días, amplía o seu Padroado, previa a correspondente reforma estatutaria, a vinte persoas e propón a incorporación ao mesmo do Concello de Vigo, entidade coa que mantén convenios de colaboración dende o ano 1985, convenios que van a permitir o desenvolvemento dalgúns aspectos importantes coma o referente a ampliación do persoal ao servicio da Fundación, segundo aos acordos que se ten chegado cos actuais  responsables municipais no eido da cultura.

Entre os novos padroeiros figuran institucións tan prestixiosas coma a Real Academia Galega e o Consello da Cultura xunto con persoas de esmerada cualificación nos eidos da biblioteconomía e da documentación ou vencelladas ao mundo da cultura na súa expresión científica e humanística.

Como consecuencia da ampliación a composición do Padroado é como segue:

Presidente: Blanca Jiménez de Penzol

Vicepresidente 1º: Alfonso Zulueta de Haz

Vicepresidente 2º: Xulio Souto Jiménez

Secretario: Antón Vidal Andión

Director da biblioteca: Francisco Fernández del Riego

Vocais: Xaime Isla Couto; Xerardo Fernández Albor; Olga Gallego; Xulián Parga Rodríguez; Benxamín Casal Vila; Xoán Bernárdez Vilar; Real Academia Galega; Consello da Cultura Galega; Ricardo Beiras García-Sabell; Mª Dolores Cabrera Iglesias; Francisco Díaz-Fierros Viqueira; Francisco Domínguez Martínez; Pedro López Gómez; Manuel Meijide Vecino; Henrique Monteagudo Romero; Pablo Sánchez Ferro.

Ao mesmo tempo créanse tres comisións de traballo: unha, presidida por Pedro López, dirixida principalmente á actualización, renovación e dixitalización dos fondos; outra presidida por Henrique Monteagudo coa idea de dotar a Fundación dunha liña de traballo alén da conservación de fondos e investigación especializada, e unha terceira presidida por María Dolores Cabrera, coa idea de proxectar cara ao exterior o patrimonio da Fundación.

 

Arriba

 

 

 

Xosé María Álvarez Cáccamo lerá o discurso pronunciado polo seu pai ao ingresar na Real Academia Galega

Vigo acollerá o primeiro acto de homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez co gallo do Día das Letras Galegas

 

(23-Xaneiro-2008)

 

Homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez en VigoVigo acollerá en Vigo o 26 de xaneiro o primeiro homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez co gallo do Día das Letras Galegas.

Os actos comezarán cunha recepción á Real Academia Galega (RAG) no Pazo de Castrelos e a lectura do discurso que o homenaxeado pronunciou en 1962 ao ingresar nesta institución.

Desta vez, o discurso será pronunciado por Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo do que fora cronista da cidade de Vigo e comisario de excavacións arqueolóxicas do Museo de Castrelos. O encargado de darlle resposta será Fermín Bouza Álvarez, fillo de Fermín Bouza Brey, quen respondera naquel ano ás palabras do autor homenaxeado. "Desta maneira o acto redondéase", explicou Álvarez Cáccamo durante a presentación do evento este martes no Concello.

O discurso de ingreso de Xosé María Álvarez Blázquez na Real Academia Galega, titulado "Cantares e romances vellos prosificados", non chegou a publicarse no seu día, e o daquela alcalde de Vigo, José Ramón Fontán, propúxolle ao autor realizar un acto na nosa cidade onde podería proceder á súa lectura, acto que finalmente non puido ter lugar debido ao pasamento de Fontán. Co acto do sábado 26 de xaneiro en Vigo, a Real Academia Galega quere homenaxear a Álvarez Blázquez cumprindo dalgún xeito o que fora o seu desexo.

Por motivos de espazo, a reunión da Academia en Vigo terá lugar no Auditorio do edificio da Alcaldía situado na rúa Areal. Nela intervirán o alcalde, Abel Caballero, e o presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro.

 [Máis información]

Arriba

  

 

O gañador de cada unha das modalidades recibirá unha figura do artista lucense Ismael López Fernández

Os libreiros galegos convocan os Premios Irmandade do Libro para o vindeiro 12 de abril

 

(22-Xaneiro-2008)

 

Federación de Libreiros de GaliciaA Federación de Libreiros de Galicia convoca a XVII edición dos Premios Irmandade do Libro, que terá lugar o 12 de abril en Sanxenxo.

Estes premios distinguen sete modalidades:

- A un autor ou autora que, tendo publicado un libro no ano 2007, se distinga pola súa traxectoria en defensa do libro e da lectura.

- A un centro de ensino que promova as actividades relacionadas co fomento da literatura e da lectura en xeral e da galega en particular.

- A actividade realizada no ano 2007 por unha institución, a súa importancia social e cultural e a súa contribución á promoción e difusión do libro e a lectura, principalmente en galego.

- O labor realizado a prol do libro e da lectura no ano 2007 por parte das librarías galegas pertencentes á Federación de Libreiros de Galicia.

- O libro do ano 2007: un libro, escrito preferentemente en língua galega e distribuído nas librarías de Galicia durante o ano 2007, que pola calidade e interese do seu contido e pola acollida, tanto da crítica como do público lector, teña acadado especial relevancia na nosa sociedade.

- A obra editorial do ano 2007: a calidade técnica e material dunha publicación, o esforzo editorial, o aporte documental e gráfico e o carácter innovador dunha obra publicada e distribuída durante o ano 2007.

- A calquera tipo de actividade realizada polos medios de comunicación de Galicia, tanto escritos como virtuais, para divulgar e promocionar o libro galego e a lectura en galego durante o ano 2007.hoxe os Premios Irmandade do Libro correspondentes a súa XVII edición.

A data de remate  do prazo de entrega é o día 7 de marzo. O gañador en cada unha das modalidades recibirá unha figura alegórica de bronce, deseño exclusivo para os Premios Irmandade do Libro,  do artista lucense Ismael López Fernández, realizada nos talleres Artebronce de Goián, que será entregada nunha cea o 12 de abril de 2008 en Sanxenxo (Pontevedra).

 [Descargar as bases]

Arriba

 

 

 

Sería o paso previo á declaración como Ben de Interese Cultural do proxecto iniciado por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane

A AELG solicita o inventariado e a catalogación dos fondos do Instituto Galego de Información

 

(22-Xaneiro-2008)

 

Manifesto da AELG sobre o Instituto Galego de InformaciónManifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega en relación ó Instituto Galego de Información:

"A Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg) pide á administración competente o inventariado e catalogación do patrimonio documental do Instituto Galego de Información, para a súa posterior declaración como Ben de Interese Cultural.

A declaración como Ben de Interese Cultural do rico patrimonio documental depositado no seu día no Laboratorio de Formas, suporía a salvagarda, garante e preserva do ideario fundacional dun proxecto nacional, testemuña dun tempo histórico de cuxas fontes se alimentan moitos proxectos actuais, no que se implicaron Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo, os nosos exiliados e os traballadores da cultura da nosa emigración".

 

Arriba

  

 

A web contén información sobre a figura do intelectual ourensán e das actividades que desenvolve a Fundación

A Fundación Carlos Casares estrea a súa páxina web

 

(21-Xaneiro-2008)

 

Fundación Carlos CasaresA Fundación Carlos Casares estrea a súa páxina web, que ven de substituír á información ofrecida noutros enlaces como a web de ACAMFE (Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores) e outras institucións (Socialia de Caixa Galicia, medios de prensa, etc.). A partir de agora anuncian que estarán presentes dun xeito directo, coas novidades e información puntual que unha entidade como a Fundación Carlos Casares debe fornecer en prol dos obxectivos para os que foi concibida e polos que vén traballando dende principiar a súa actividade pública.

A web, aínda que están en construcción algunhas das seccións, define os contidos que a compoñen: un apartado dedicado á figura do intelectual ourensán (biografía, cronoloxía e recoñecementos), outro á Fundación (membros, obxectivos, actividades, publicacións,...) e un terceiro sobre información da Fundación (noticias, axenda, imaxe corporativa,...).

Un dos obxectivos da web da Fundación Carlos Casares é dar resposta ás cuestións habituais que se presentan nas consultas que por outros medios viñan facendo os amigos e as persoas e entidades interesadas en obter información fidedigna arredor da figura de Carlos Casares e das actividades que a Fundación, na súa memoria, desenvolve. Desde a Fundación preténdese que a páxina web sexa un foro de encontro, consulta e de diálogo, pero sobre todo que sexa o voceiro oficial da entidade que leva o nome de Carlos Casares e, como tal, a súa maneira de estar en contacto permanente coa sociedade.

 [Fundación Carlos Casares]

Arriba

 

 

 

A institución provincial comprará ás editoriais pontevedresas libros por un valor de 40.000 euros

A Asociación Galega de Editores e a Deputación de Pontevedra asinan un convenio para a promoción do libro galego

 

(21-Xaneiro-2008)

 

Convenio promoción do libro entre a Deputación de POntevedra e a AGEO vicepresidente da Deputación, José Juan Durán e o presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso García Sanmartín, veñen de asinar o convenio correspondente o ano 2007 para a promoción e difusión do libro galego a través da adquisición de exemplares das editoriais da provincia membros da Asociación Galega de Editores e a súa posterior divulgación e entrega en bibliotecas, entidades culturais, centros docentes e outros. A institución provincial ratifica así a aportación anual que ven realizando dende hai máis de 16 anos e que supón unha achega de 40.000 euros.

O presidente da Asociación Galega de Editores alabou a colaboración da Deputación de Pontevedra xa que na actualidade é a única institución provincial galega que asina un convenio con esta asociación.

O convenio asinado corresponde o ano 2007, continuando o longo percorrido da iniciativa xa que hai máis de 16 anos que se asina este convenio anualmente e hai tres anos foi ampliado ata os 40.000 euros.

 [Máis información]

 

Arriba

  

 

A obra recolle as mellores elaboracións presentados nos certames gastronómicos organizados pola Asociación "Filloas da pedra" d'A Baña

50 recetas con filloas, Mellor Libro sobre Gastronomía Galega do ano 2007 no XIV Premio Nacional de Xornalismo Álvaro Cunqueiro

 

(18-Xaneiro-2008)

 

50 recetas con filloasO libro 50 recetas con filloas, publicado por Alvarellos Editora na súa colección A Lume Lento, foi galardoado onte, en Lalín, co premio ao Mellor Libro sobre Gastronomía Galega do ano 2007, unha das categorías contempladas na XIV edición do Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro.

O xurado, presidido polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e integrado por sete recoñecidos xornalistas galegos, valorou nesta publicación a variedade e orixinalidade das súas receitas, o traballo de edición e o feito de que a autoría sexa colectiva, pois boa parte dos 31 autores pertencen á Asociación Filloas da Pedra de A Baña, promotora deste produto, un dos doces máis emblemáticos da gastronomía galega.

A obra 50 recetas con filloas presenta, por vez primeira no panorama editorial, un completísimo, ameno e práctico tratado culinario coa filloa como ingrediente básico. Cincuenta receitas que demostran que as filloas de Galicia establecen unha maridaxe perfecta con todo tipo de pratos: para entrantes, cociña con carnes, peixes, e, por suposto, para un variado e suxestivo repertorio de postres. 50 recetas con filloas recolle as mellores elaboracións presentadas nos diferentes certames gastronómicos organizados pola Asociación “Filloas da pedra” d’A Baña, onde participan, coas súas saborosas propostas, 31 restauradores e particulares.

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

Nesta XVIII edición particpiarán os escritores Juan Cruz, Luis Mateo Díez e Manuel Rivas

Os "Encontros Literarios" do Liceo de Ourense cumpren a maioría de idade

 

(14-Xaneiro-2008)

 

XVIII Encontros LiterariosA Sección de Literatura do Liceo de Ourense e a Vicerrectoría da Universidade de Vigo, Campus de Ourense, co patrocinio do Liceo de Ourense, a Deputación Provincial de Ourense e a Universidade de Vigo, coa colaboración da Fundación Carlos Casares e a Cátedra de Ourense organizan os XVIII "Encontros Literarios", que este ano cumpren a súa maioría de idade, e que levará como lema "Principios e vivencias dun escritor".

Os Encontros, que se desenvolverán do 18 ao 29 de xaneiro, contará nesta edición coa presenza dos escritores Juan Cruz, Luis Mateo Díez e Manuel Rivas. Todas as conferencias-coloquios terán lugar no Salón Nobre do Liceo de Ourense.

O tinerfeño Juan Cruz será o encargado de abrir os Encontros o venres 18 cunha Conferencia-Coloquio entitulada "La búsqueda de un libro en una biblioteca". O académico leonés Luis Mateo Díez falará sobre "La novela y la vida" o lúns 21 de xaneiro. Manuel Rivas "A corpo aberto" será o encargado de pechar estos XVIII Encontros o día 29 de xaneiro, martes.

Estes Encontros son unha das citas claves dentro do panorama literario galego, Carlos Casares, Alfredo Conde, Juan José Millás, Rosa Regás, Víctor F. Freixanes ou Xosé Carlos Caneiro son algúns dos nomes que participaron, en maior ou menor medida, na consecución destes dezaoito anos de Encontros Literarios en Ourense.

 [Máis información]

 

Arriba

  

 

Ámbolos dous foron nomeados membros de honra do Pen Clube

O PEN Clube de Galicia homenaxea a Isaac Díaz Pardo e a Francisco Fernández del Riego co Premio Voces de Liberdade

 

(14-Xaneiro-2008)

 

Homenaxe a Isaaci Díaz Pardo e a Francisco del RiegoCunha nutrida asistencia de intelectuais, escritores e xente da cultura, o Pen Clube entregou o pasado sábado a Isaac Díaz Pardo e a Francisco Fernández del Riego o Premio Voces de Liberdade, que anualmente convoca esta institución para honrar a traxectoria de personalidades destacadas da cultura galega.

Arredor de duascentas persoas participaron na homenaxe. Logo da intervención de Luis González Tosar, presidente do Pen Clube, que glosou a significación e a historia desta institución, cunha lembranza especial aos seus primeiros presidentes: Alfredo Conde, Carlos Casares e Úrsula Heinze, tomaron a palabra a escritora Marilar Aleixandre, que glosou a figura de Isaac Díaz Pardo, e a profesora Camino Noia, que se encargou da laudatio de Fernández del Riego. Unha e outra salientaron os méritos dos dous intelectuais galeguistas, aos que o Pen Clube incorpora como socios de honra e lles concede o premio Voces de Liberdade, pola súa traxectoria.

Asistiron ao acto as primeiras autoridades da cidade, entre eles o alcalde de Vigo (Abel Caballero) e o primeiro tenente de alcalde (Santiago Olveira), así como a Conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia (Ánxela Bugallo) e a Secretaria Xeral de Política Lingüística (Marisol López).

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

A poetisa Luz Pozo Garza será a galardoada na vindeira edición

O Ministro de Cultura César Antonio Molina recollerá en Ferrol o Premio Letras de Bretaña

 

(14-Xaneiro-2008)

 

César Antonio MolinaO ministro de Cultura, César Antonio Molina, visitará Ferrol o vindeiro xoves, día 17, co fin de recoller o Premio Letras de Bretaña. O galardón foille concedido o pasado ano, cando Molina aínda ocupaba o cargo de director do Instituto Cervantes, pero a súa posterior designación para poñerse ao frente da carteira de Cultura obligouno a pospor a recollida do premio.

O Premio Letras de Bretaña foi creado polo Real Coro Toxos e Froles, e conta co apoio dos concellos de Ferrol e Mondoñedo, e o Bispado desta diocese, xa que a súa intención é homenaxear aquelas personalidades do mundo da cultura preocupadas por destacar a importancia da Galicia do Norte e o seu espírito "cunqueiriano". De feito, a distinción do premio é unha placa de prata co mapa desta rexión. Na súa primeira edición foi galardoado o poeta e escritor Darío Xohán Cabana.

César Antonio Molina será recibido polo alcalde da cidade, Vicente Irisarri, no consistorio ferrolán, onde se desenvolverá o acto de entrega. Acto que dará comezo coa intervención do primeiro edil. Este cederálle a palabra ao presidente do Real Coro Toxos e Froles, Pedro Sanz, que, á súa vez, dará paso ao escritor e xornalista Ramón Loureiro, anterior gañador do premio. Trala entrega, o ministro dirixirá unhas palabras ao público congregado no salón de plenos.

O galardón, que se entrega indistintamente nas localidades de Mondoñedo e Ferrol, vai xa pola cuarta edición. Precisamente, o pasado 23 de decembro dábase a coñecer o nome do gañador do último premio: a poetisa Luz Pozo Garza, quen recibirá o distintivo o vindeiro 28 de febrero na terra natal de Cunqueiro. Precederon ao ministro o poeta e membro da Real Academia Galega Darío Xoán Cabana, e o xornalista e escritor Ramón Loureiro.

O xurado decidiu entregarlle o galardón a César Antonio Molina pola súa traxectoria literaria e o seu coñecemento das obras de Alvaro Cunqueiro e Gonzalo Torrente Ballester. Asemade, o escritor e agora ministro é un grande estudioso da zona de Bretaña.

 [Máis información]

 

Arriba

  

 

A poeta María do Cebreiro foi seleccionada para pasar un mes en Bangor como parte do convenio

A AELG e o Centro de Estudos Galegos en Gales presentan o inicio da colaboración entre as dúas entidades

 

(11-Xaneiro-2008)

 

Colaboración AELG e CEGGO vindeiro luns día 14 de xaneiro, ás 17.00 h., vaise presentar en rolda de prensa no Club Internacional de Prensa en Santiago, o inicio da colaboración entre o Centro de Estudos Galegos en Gales e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Os obxectivos do programa de colaboración son os seguintes:

 - Aunar achegas académicas e creativas ao estudo da literatura galega promovendo a sinerxia entre a comunidade académica da Universidade de Bangor e a escritora invitada.

 - Axudar a aumentar a visibilidade e a presenza das voces literarias galegas no contexto galés, británico e internacional.

 - Crear vencellos entre as autoras/es galegas/os e os axentes culturais galeses. Para estes efectos, organizaranse recitais de lectura, seminarios, conferencias e mesmo entrevistas vis-a-vis con outros escritores, críticos literarios, tradutores, etc, do entorno galés.

 - Promover entre o noso estudantado o entendemento da complexidade socio-política e cultural da península Ibérica a través da contribución da escritora ou escritor nos nosos cursos de historia e literatura galega.

 - Proporcionarlle á escritora ou escritor un lugar estimulante para o traballo e a creación.

O proxecto de colaboración inclúe a estada na cidade de Bangor dunha figura representativa das novas voces da literatura galega contemporánea. Este ano a poeta María do Cebreiro será a convidada. As datas da súa estadía serán do 23 de febreiro ao 22 de marzo do 2008.

Estarán presentes na rolda de prensa Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística; Helena Miguélez, directora do Centro de Estudos Galegos en Gales; Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega e María do Cebreiro, escritora convidada.

Arriba

 

 

 

Complementando estas actividades celebraranse conferencias de escritores nas comarcas indicadas

A AELG promove, en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo, unha serie de 16 roteiros baixo o título de "Terras de..." co obxectivo de espallar o coñecemento global do noso país

 

(11-Xaneiro-2008)

 

Asociación de Escritores en Lingua GalegaA Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg), en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria promove a realizaci