|
III
Encontro de Novos Escritores "Entre dous séculos"
O
Pazo de Mariñán converteuse esta fin
de semana en punto de encontro de dúas xeracións
de escritores e escritoras
(29-Setembro-2008)
O
Pazo de Mariñán acolleu o venres e
o sábado o III Encontro de Novos Escritores
que baixo o título "Entre dous séculos",
organizou a Asociación
de Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Dirección Xeral de
Xuventude e a Deputación da Coruña.
Na presentación do Encontro
celebrada no Museo de
Belas Artes da Coruña, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez -que estivo acompañado polo director xeral de Xuventude
Rubén Cela, e por Antía Otero, vicepresidenta da asociación-, afirmou que as
xornadas “queren ser un lugar de encontro, unha terra de liberdade para a
reflexión, un lugar para que os propios protagonistas do feito literario e máis
do devir da escrita máis nova poñan en común puntos de concordancia e de
diverxencia que os sitúen nun mesmo sistema literario”. Máis tarde,
referíndonse aos participantes, Cesáreo
Sánchez dixo que
“eles son non só o futuro, eles e elas son xa o presente da literatura viva
dunha das máis vellas e cultas nacións de Europa”, engadindo que “teñen a
responsabilidade de situar ao noso idioma no día a día, de dotalo da necesaria
xuventude para seguir sendo instrumento de comunicación e coñecemento”.
Xa no Pazo de Mariñán, celebrouse a primeira das mesas programadas,
baixo título “Cartografías literarias no novo século”, na que interviron Oriana
Méndez, Mario Regueira e Rubén Ruibal, coordinados por María Xesús Nogueira. A
modo de resumo, considerouse que a literatura galega debería asumir con
orgullo os apelativos de anormalidade ou subalternidade, asumir os chamados
estigmas e persistir neles como única solución de continuidade. E así é porque,
según se dixo no transcurso da mesa, a relación de poder e a subalternidade foi
a que produciu a nosa literatura tal e como é, e foi esa necesidade de
diferenciación, o seu exercicio de resistencia o que a configurou como unha das
literaturas máis orixinais e arriscadas de Europa. No noso sistema literario
–engadiuse- temos asistido a un pular sen precedentes das minorías: a presenza
inédita en número de creadoras femininas, o papel dos grupos literarios
heterodoxos e abertos, a importante presenza de proxectos de autoedición, ou
nos últimos anos, a aposta por novas vías, como a videocreación ou a
ciberliteratura, que rachan coas nocións tradicionais de xénero e co propio
concepto de creación literaria.
“Presencia e invisibilidade das/os escritores/as na
sociedade actual” foi o título que acolleu a segunda mesa desta primeira
xornada do congreso, na que interviron Ana Acuña, Iolanda Aldrei e Samuel
Solleiro, coordinados por Elvira Riveiro. Un proceso literario é –asi se dixo-
unha situación comunicativa complexa cunha serie de factores que condicionan o
grao de visibilidade de un escritor ou escritora en determinada micro ou macro
sociedade e tempo. O creador xoga nunhas coordenadas múltiples entre as que o
grao de proximidade ou distanciamento a respecto dos medios difusores da súa
obra, dos canais comunicativos, é decisivo á hora de tornar efectivo o propio
proceso da emisión literaria. O distanciamento deses medios –estimouse- pode
ser consecuencia de orixes periféricas, valoracións críticas, incomunicación,
diferencia entre as capacidades técnicas ou económicas das entidades difusoras
e as esixencias da obra, etc… mais tamén pode corresponderse cunha
cualificación do texto como disidente a respecto do sistema no que se inxiren
eses medios.
Dúas mesas, relacións entre Literatura e novas
tecnoloxías e Literatura, sociedade e nación pecharon a derradeira xornada do
III Encontro.
Na primeira das mesas desta derradeira xornada,
que baixo o título "A literatura. Internet
e novas tecnoloxías" contou coa participación
de Lara Bacelo, Leo Campos e Eduardo Estévez, coordinados por Francisco Castro,
analizouse o cambio tecnolóxico revolucionario que, no que respecta á poesía,
ofrece dous aspectos a ter moi en conta: novos sistemas de reprodución e o
acceso doado ás novas ferramentas expresivas. Unha das máis relevantes é a
rede. Internet ofrece un espazo de reprodución ilimitado. Con Internet, o
soporte libro é substituído por un documento de texto ou un pdf. As páxinas web
son o modo de distribución. Neste proceso, segundo se comentou, os medios de
edición son, en xeral, independentes (un exemplo poden ser as comunidades de
bitácoras ou blogs), con estratexias e regras novas pero que procuran o mesmo
obxectivo de sempre: atraer público, e incluso transformarse en soporte.
Finalmente, plantexouse no debate a proposta de publicar os novos textos na
rede para deixar de bater contra os muros dos premios literarios e as
editoriais.
Na segunda mesa celebrada nesta derradeira xornada
participaron os autores Carlos Negro e María Reimóndez, coordinados por Marta
Dacosta. En "Literatura, sociedade e nación" falouse dos inicios do que hoxe chamamos Promoción dos 90,
centrados na loita contra a frivolidade da movida e contra o culturalismo
innecesario; unha xeración de autores comprometidos coa lingua e co país,
formados no noso idioma e na nosa literatura, por veces, tal como se dixo, con
máis paixón que coñecemento, desexosos de sinceridade e de engaloiar pola
poesía, de render os lectores, de convertelos en poetas tamén.
O
III Encontro de Novos Escritores "Entre dous
séculos" pechou cun recital poético
celebrado no Museo de Belas Artes da Coruña,
no que participaron María Lado, Lucía
Aldao, Emma Couceiro, Celso Sanmartín, Estíbaliz
Espinosa e O Leo, rematando coa actuación
de García, membro do grupo Dios Ke te Crew.
|
|
|
|
O
xurado decidiu por unanimidade concederlle o galardón
a Mensaxes
Mariano
Casas Gil, novo gañador do premio "Castelao"
de banda deseñada
(26-Setembro-2008)
O pintor e
ilustrador Mariano Casas Gil, coa súa obra Mensaxes, é o gañador da
cuarta edición do premio "Banda Deseñada Castelao", convocado pola
Deputación da Coruña. O premio foi dado a coñecer onte
na sede de Deputación
da Coruña, polo presidente provincial, Salvador Fernández Moreda, que
sinalou que o xurado decidiu por unanimidade seleccionar o traballo de
Casas Gil entre as cinco creacións presentadas a esta edición do
certame.
Ademais de Salvador Fernández Moreda,
o xurado estivo integrado polo comisario do premio, o ilustrador
coruñés Miguelanxo Prado, así como a deputada responsable da área de
Cultura, Caridad González Cerviño; Horacio Altuna, Ángel de la Calle,
Agustín Fernández Paz e Carlos Portela.
O xurado
estima que a obra galardoada é "un magnífico libro que narra unha
historia asentada nun guión de insólita solidez e unha proposta formal,
sinxela e eficaz que, nun orixinal artificio metalingüístico, xoga un
papel decisivo na narración". "Nunha situación límite, unha parella
pasa as súas últimas horas de vida narrando, coa linguaxe da banda
deseñada, o que lle está a acontecer. Fan isto porque "se algunha arte
pode ser testemuña do futuro dos nosos tempos, iso sería ou cómic, as
únicas narracións visuais que viaxarán non tempo", como afirman nun
momento dado", segundo o subliñado polo voceiro do xurado, e comisario
do premio, o debuxante galego Miguelanxo Prado.
Tamén sostén o xurado que "deste xeito, conforme
vai avanzado a historia, asistimos a sucesivos golpes de efecto
narrativo- temáticos e formais- que nos levan fascinados ata as
extraordinarias páxinas finais".
Con esta argumentación conceptual fundamentou o
xurado a súa decisión de outorgar por unanimidade de todos os seus
membros o premio a Mariano Casas Gil, cuxa creación, segundo Miguelanxo
Prado, "tendo un estilo gráfico moi marcado, que se afasta dos
estándares máis comerciais, constrúe unha narración que incardina con
ese discurso visual". "A simbiose entre as dúas linguaxes é
fundamental", aseverou o comisario do premio de banda deseñada Castelao
2008.
Respecto ao número de creacións, -cinco en total-
Miguelanxo Prado sinalou "a presentación de traballos a este tipo de
premios é irregular, pois esíxese a obra finalizada".
En
edicións pasadas, este premio foi acadado
por David Rubín e o seu Onde ninguén
pode chegar na primeira edición, Un
home feliz de Antonio Seijas na segunda e As
avanturas de Cacahuequi de Jacobo Fernández
na edición do ano pasado.
|
|

|
|
Xosé
Luís Martínez Pereiro xa foi gañador
do premio de narracións Carvalho Calero e
do Cidade de Coruña de literatura fantástica
A
verdade como mal menor, obra premiada no premio
Repsol YPF de Narrativa Breve
(25-Setembro-2008)
A obra A verdade como mal menor, de X.L. Martínez Pereiro, vén de
recibir o premio Repsol YPF de Narrativa Breve, que convoca anualmente
a factoría coruñesa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política
Lingüística e Editorial Galaxia.
A
plica abriuse diante dos xornalistas na Fundación Luís Seoane da
Coruña. Encargouse de facelo o catedrático da Universidade de Santiago
e crítico literario, Anxo Tarrío. En opinión do xurado, trátase dun
libro imaxinativo, desenfadado e culto, que o secretario do xurado
relacionou coa tradición de Borges e con autores galegos como Carlos
Casares ou Álvaro Cunqueiro. Componse de 45 relatos que viaxan entre a
reflexión e a ficción, a imaxinación e o humor, con intelixentes doses
de erotismo.
Angel Crespo, novo responsable da factoría coruñesa de Repsol YPF
amosou a súa satisfacción coas convocatorias anteriores do premio e
reafirmou o seu compromiso co mesmo e coa narrativa galega. De feito,
nesta convocatoria acudiron 32 orixinais (un 64 % máis ca na
convocatoria anterior). Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística, salientou a
colaboración entre a sociedade civil (a iniciativa das empresas
privadas) e as institucións da cultura, para construir entre todos unha
base social sólida para a narrativa e a lingua galega.
O libro estará nas librerías o próximo mes de novembro, segundo se
anunciou na rolda de prensa, e confirmouse a iniciativa que xa se puxo
en marcha na edición anterior (Así nacen as baleas,
de Anxos Sumai): expositores co libro en todas as gasolineiras da
compañía, ademais dos lanzamentos tradicionais nos circuitos de
comercialización do libro.
Xosé Luís Martínez Pereiro (A Coruña, 1959) é autor dunha xa extensa
produción literaria (teatro e narrativa), ademais de debuxante e
músico. Formou parte da embaixada que representou ao humorismo gráfico
galego na VIII Bienal do Humor celebrada en Cuba (1993) e participou en
numerosos salóns e eventos desta especialidade. Colaborou e colabora en
moi diversas publicacións, dentro e fóra de Galicia. Entre os seus
libros salientan Amálgama de desquiciados (Baía), As irmás bastardas da ciencia (Laiovento, Premio da narracións Carvalho Calero) e Breviario de calamidades (Espiral Maior). No ano 2000 esta mesma editorial publica Medición definitiva do limbo (Premio Cidade da Coruña de Literatura Fantástica).
|
|
|
|
A
Universidade de Vigo acolle o II Congreso Internacional
'Tradución e políticas editoriais'
Valentín
Arias será homenaxeado no Día Internacional
da Tradución
(25-Setembro-2008)
O 30 de setembro é
o Día Internacional da Tradución,
cando o gremio de tradutores celebran o seu patrón,
San Xerome. Dentro dos diversos actos que conmemorarán
este día, a Consellería
de Cultura e Deporte quere celebralo cunha homenaxe ao tradutor Valentín
Arias e coa organización dunha xornada sobre terminoloxía.
Os actos do Día Internacional da Tradución iniciaranse o luns 29 de
setembro coa celebración en Vigo da Xornada "Terminoloxía: palabras que
contan". Terá lugar na Facultade de Filoloxía e Tradución da
Universidade de Vigo, organizada en colaboración coa Asociación de
Tradutores Galegos e a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e
da interpretación.
A xornada desenvolverase ao longo da mañá. Abrirase cunha conferencia
sobre "Terminoloxía en Galiza: tesouros novos e vellos" a cargo de
Iolanda Galanes, presidenta da Sociedade Galega de Terminoloxía. A
continuación presentaranse varios proxectos nos eidos da tradución e a
terminoloxía. A xornada rematará cunha mesa redonda sobre "Terminoloxía
e interpretación".
O 30 de setembro a Consellería de Cultura recoñecerá o traballo
desenvolvido por Valentín Arias, un dos máis grandes tradutores de
Galicia. Será nun acto no Auditorio do Centro Sociocultural Caixanova de
Vigo ás 19.00 h., no que intervirá a conselleira de Cultura e
Deporte, Ánxela Bugallo.
Vicente Arias López naceu en Sarria en 1934. En 1969 comezou a
traballar coa Editorial Galaxia. Foi membro fundador en 1984 da
Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente. Traduce
fundamentalmente do francés, do portugués e do español. En 1989 recibiu
o premio Ramón Cabanillas de Tradución, e o Premio de Tradución Xuvenil
do Ministerio de Cultura.
Entre as súas moitas traducións atópanse as obras de Jules Verne A
volta ao mundo en oitenta días, Viaxe ao centro da terra e Da Terra
á Lúa, Voo de noite de Antoine de Saint-Exupéry, O estranxeiro de
Albert Camus e A fractura do miocardio de Jacques Fansten. Tamén
traballou no equipo que traduciu O enxeñoso fidalgo don Quixote da
Mancha. Ademais publicou numerosos artigos sobre a tradución e a
función do tradutor, en especial en países con linguas minorizadas.
II
Congreso Internacional 'Tradución e políticas
editoriais'
A
Facultade de Filoloxía e Tradución
da Universidade de Vigo organiza para os días
15, 16 e 17 de outubro o II Congreso Internacional
'Tradución e políticas editoriais'.
O
congreso ten como obxectivos principais os de proporcionar un espazo de
encontro para o estudo e a reflexión sobre a complexidade do fenómeno
da tradución editorial, tanto dende a perspectiva do proceso coma do
produto. Con este II Congreso quérese favorecer o intercambio de
experiencias entre investigadoras e investigadores e os diferentes axentes que
interactúan no proceso da tradución como produto definitivo que se
presenta ao público consumidor.
|
|

|
|
Antonio
Neira de Mosquera foi un dos precursores do Rexurdimento
cultural galego do último terzo do século
XIX
Alvarellos
rescata La marquesa de Camba, inédita
desde 1848
(24-Setembro-2008)
Alvarellos
Editora e o Consorcio de Santiago veñen de
recuperar, na Colección Rescate, unha
novela histórica galega que permanecía
totalmente esquecida: trátase de La marquesa
de Camba, do xornalista compostelán Antonio
Neira de Mosquera.
Trátase
dunha historia real publicada por vez primeira –e
única, ata hoxe– en Madrid en 1848. O relato
narra o asasinato, en xuño de 1366, ás
portas da Catedral de Santiago, do arcebispo don
Suero Gómez de Toledo mailo seu deán
Pedro Álvarez. Un suceso que conmocionou
á sociedade da época. Os exemplares
da primeira edición de 1848 foron axiña
retirados pola censura, co que o libro pasou a ser
un obxecto de culto, inexistente ata hoxe na maior
parte das bibliotecas e arquivos.
Esta
edición, ao coidado de Xosé Ramón
Fandiño, é a primeira dende aquela
de 1848 (exceptuando a tradución ao portugués
aparecida en Porto en 1852). Xosé Ramón
Fandiño sinala, no amplo e documentado estudo
introdutorio, que “partindo do feito real do asasinato
de don Suero, Neira constrúe o seu relato
ou novela histórica utilizando a técnica
romántica de recrear o ambiente medieval
de castelos feudais [aparece, en varias ocasións,
o Castelo da Rocha], preferencia por paisaxes nocturnas,
tormentas e naufraxios marítimos, e introduce
a novidade de concederlle a categoría de
personaxe central, en detrimento do seu fillo Fernán
Pérez, á Marquesa de Camba”.
O
editor Henrique Alvarellos mostra o seu agradecemento
“ao Consorcio de Santiago, pois a súa participación,
como co-editor, nesta obra, permítenos apostar
por edicións moi coidadas e contribuír
a rescatar textos importantes para a historia de
Santiago e de Galicia como é esta novela”.
Antonio
Neira de Mosquera (Santiago, 1823- 1854) foi un
dos precursores do Rexurdimento cultural de Galicia
do último terzo do século XIX. Pertenceu
a unha xeración de mozos universitarios,
optimistas, loitadores, agrupados na Academia Literaria
de Santiago (fundada en 1831), na que tamén
atopamos a Añón, os irmáns
Faraldo e Camino, Rúa Figueroa, Romero Ortiz...
Tal e como recolle Xosé Ramón Fandiño
no limiar de La marquesa de Camba, Neira de Mosquera
cultivou todos os xéneros literarios (articulista,
novelista, dramaturgo, crítico histórico
e literario, monografías...). Como xornalista
foi director de El Recreo Compostelano, con Antolín
Faraldo como director adxunto. Para Benito Varela
Jácome "Neira era el escritor más
versado en la historia compostelana". Neira
de Mosquera morreu aos 31 anos de idade, en Compostela,
un 9 de xullo de 1854.
|
|
|
|
XVIII
edición do Premio Ourense de Banda Deseñada
O
Sistema de Bibliotecas Municipais da Coruña
resulta premiado polo seu traballo de divulgación
e promoción da banda deseñada
(23-Setembro-2008)
O
Premio Ourense de BD, que outorgan anualmente a
Casa da Xuventude de Ourense e mais a Concellaría
de Cultura do Concello de Ourense para distinguir
as máis importantes iniciativas e traxectorias
dentro do panorama da banda deseñada galega,
recae este ano 2008 no Sistema de Bibliotecas Municipais
da Coruña, polo seu labor de divulgación
e promoción da banda deseñada nos
últimos anos.
O
grupo de traballo formado por Fátima Elías,
Iván Serrano e Julio Pesquera e dirixido
por este último encárgase, desde hai
catro anos, de dar especial atención ás
actividades relacionadas co cómic, na procura
de reivindicar a novena arte dentro das bibliotecas,
a través de conferencias e presentacións,
talleres de lectura e de creación, e actividades
de difusión dos fondos: nomeadamente, o activo
blog Fancomic.es, onde se ofrecen noticias
do mundo da BD xunto con comentarios sobre novidades
editoriais que se poden encontran nos seus fondos,
e mais o servizo de noticias mediante SMS.
Ao
traballo cotián a prol da banda deseñada
entre os usuarios e os que non o son, hai que engadir
o feito para o propio sector profesional, como a
continuada participación en defensa da BD
en distintos congresos de bibliotecarios; ten, ademais,
importancia clave a súa participación
na conformación do grupo de bibliotecarios
«Comicteca», de ámbito peninsular.
O
Sistema de Bibliotecas Municipais coruñesas
componse dunha oficina coordinadora, catro bibliotecas
de barrio (O Castrillón, Fórum Metropolitano,
Monte Alto e Sagrada Familia), a Biblioteca Infantil
e Xuvenil e a Biblioteca de Estudos Locais, e son
a Infantil e Xuvenil e a do Fórum Metropolitano
as que encabezan esta reivindicación da banda
deseñada, cunha colección que xa supera
os 8.000 títulos e que conta en custodia
co fondo da colección persoal do malogrado
Toñito Blanco.
O
Premio Ourense de BD chega así á súa
décimo oitava edición. Será
entregado durante o acto de inauguración
das XX Xornadas de Banda Deseñada de Ourense,
o próximo 1 de outubro.
Até
o de agora, foron galardoados co Premio Xaquín
Marín, Agustín Fernández Paz,
Edicións Xerais, Miguelanxo Prado, A Nosa
Terra, o equipo de «A Familia Perpetua»
(Carvallo, Héitor e Robledo), a Deputación
da Coruña, a Biblioteca Club 33 de Santiago,
Fausto Isorna, o programa Xabarín Club, o
Festival Viñetas desde o Atlántico,
Fran Jaraba, a Deputación de Lugo, o Consello
da Cultura Galega, a revista Golfiño, Pepe
Carreiro, o Colexio de Arquitectos de Galicia, a
revista BD Banda, a Libraría Paz e o Colectivo
Polaqia.
[fancomic.es]
|
|

|
|
Na
Facultade de Filoloxía da USC os días
16 e 17 de outubro con entrada libre e de balde
Un
Seminario internacional analizará o papel
na literatura das poetas de Galicia e Irlanda
(22-Setembro-2008)
A
Facultade de Filoloxía da Universidade de
Santiago acollerá os días 16 e 17
de outubro o Seminario Internacional Creación,
Edición e Crítica: poetas galegas
e irlandesas, organizado polo Grupo de investigación
Poesía e Xénero da USC co apoio da
Asociación de Escritores en Lingua Galega
e a colaboración de CEDRO, do Ministerio
de Educación e Ciencia e a Universidade de
Santiago.
Neste
seminario internacional, onde se reunirán
representantes do mundo editorial, da crítica
e da creación poética, tanto de Galicia
como de Irlanda, ten como obxecto poñer en
común as súas experiencias en relación
ao fenómeno recente da emerxencia de mulleres
poetas en ambas comunidades. Neste seminario preténdese
darlles a palabra ás escritoras, quen dialogarán
cos críticos/as e editores/as sobre as relacións
entre a creación, a edición e a crítica.
Programa
do Seminario. Todas as actividades no Salón
de Graos da Facultade de Filoloxía (Avda.
de Castelao s/n - Campus Norte) da Universidade
de Santiago
Xoves,
16 de outubro
9.30
h. Inauguración do Seminario: Realidade
lingüística e sistema literario en Galicia
e Irlanda. Interveñen: Mª Xesús
Nogueira Pereira, Cesáreo Sánchez
Iglesias, Celia de Fréine e Mercedes Queixas
11.00
h. Mesa I: Muller, poesía e edición.
Coordinado por Laura Lojo Rodríguez. Intervencións
das participantes: María Lado (poeta galega),
Celia de Fréine (poeta irlandesa) e Jessie
Lendennie (de Salmon Publishing). Tradución
e sumarios: José María Díaz
Lage e Dolores Rodríguez Pazo
13.00
h. Debate moderado por Helena Miguélez
Carballeira
16.30
h. Mesa II: Muller, poesía e edición.
Coordinada por Mª Xesús Nogueira
Pereira. Sumario do debate da Mesa I por parte de
José María Díaz Lage. Intervencións
dos/das participantes: Mª do Carme Kruckenberg
(poeta galega), Kerry Hardie (poeta irlandesa) e
Fran Alonso (de Edicións Xerais). Tradución
e sumarios: Teresa Pérez Tilve e Dolores
Rodríguez Pazo
18.30
h. Debate moderado por Sean Hardie e Jorge
Sacido Romero
20.00
h. Recital poético na Libraría
Couceiro (Pza. de Cervantes, 6). María Lado,
Kerry Hardie, María do Carme Kruckenberg
e Jessie Lendennie
Venres,
17 de outubro
9.30
h. Mesa I: Muller, poesía e crítica,
coordinada por Manuela Palacios. Intervencións
das participantes: Marilar Aleixandre (poeta galega),
Kerry Hardie (poeta irlandesa) e Irene Gilsenan-Nordin
(crítica da poesía irlandesa). Tradución
e sumarios: Teresa Pérez Tilve e Dolores
Rodríguez Pazo
12.00
h. Debate moderado por José Francisco
Fernández Sánchez
16.30
h. Mesa II: Muller, poesía e crítica,
coordinada por José María Díaz
Lage. Sumario do debate da MESA I por parte de Teresa
Pérez Tilve. Intervencións dos/das
participantes: Xiana Arias (poeta galega), Celia
de Fréine (poeta irlandesa) e Ramón
Nicolás (crítico da poesía
galega).Tradución e sumarios: Dolores Rodríguez
Pazo e Teresa Pérez Tilve
18.30
h. Debate moderado por María do Cebreiro
20.00
h. Recital poético na Libraría
Couceiro (Pza. de Cervantes, 6). Marilar Aleixandre,
Celia de Fréine, Xiana Arias, María
do Cebreiro e Luz Pichel
A
entrada ás mesas, debates e recitais é
libre e de balde.
[Descargar
programa]
|
|
|
|
As
publicacións de USC Editora organizaranse
en tres grandes liñas editoriais: Académica,
Docencia e Ensaio
A
Universidade de Santiago crea un novo selo editorial,
USC Editora
(19-Setembro-2008)
A Universidade de Santiago crea, no marco do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, un novo selo coñecido como USC Editora.
Esta iniciativa introduce criterios de calidade que reforzan os xa
existentes e que serán aplicados por editores especializados nas cinco
grandes áreas de coñecemento que revisarán os orixinais, tendo en conta
os consellos achegados por expertos alleos á USC. Cumprirase,
deste xeito, coas esixencias de organismos oficiais relacionados coa
investigación, como explica o responsable académico do Servizo, Antonio
Azaustre. O proxecto recólleo o novo regulamento que foi aprobado no
mes de xullo en Consello de Goberno e que entrará en vigor o vindeiro
15 de outubro.
As publicacións de USC Editora
organizaranse en tres grandes liñas editoriais: Académica, Docencia e
Ensaio. Dentro delas poderán existir coleccións que estarán sempre
actualizadas na páxina web do Servizo. Incluiranse tamén as revistas
científicas da Universidade que reúnan as características esixidas pola
Comisión de Publicacións.
Ademais de USC Editora,
Azaustre adianta que axiña contarán cunha nova páxina web para
facilitar a compra en liña e a actualización continua do catálogo.
Tamén venderán os manuais elaborados polos profesores, das que o
director académico do Servizo destaca como “as publicacións máis
demandadas polo público e que deben estar máis presentes entre a
comunidade universitaria”.
O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela edita, distribúe e intercambia libros e teses de doutoramento que son resultado da investigación dos profesores da Universidade xunto con revistas científicas de diversas áreas do coñecemento. O fondo editorial recóllese, ademais, no seu Catálogo de Publicacións
que se edita anualmente en formato impreso. Ao mesmo tempo, intercambia
os libros e revistas con máis de mil centros universitarios e
institucións científicas e de cultura de todo o mundo.
O
Servizo, que xurdiu en 1945 baixo o nome de Secretaría de Publicacións
da USC, comezou informalmente antes desta data “coas creacións
esporádicas dos textos máis antigos na Universidade”, como apunta a
directora técnica Marisa Melón.
|
|

|
|
Coas
obras seleccionadas preténdese achegar aos
lectores obras de diversas temáticas
Arranca
a segunda etapa dos Clubs de Lectura de Pontevedra
(18-Setembro-2008)
A delegada provincial de Cultura e Deporte, Mª Xesús López
Escudeiro, a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Dolores
Dopico, e a coordinadora dos clubs de lectura, Eva López Rodríguez,
presentaron esta mañá a segunda etapa dos clubs de lectura da cidade
teucrina. A campaña literaria reanúdase o próximo mes de outubro en
tres emprazamentos: na Biblioteca Pública de Pontevedra, na Axencia de
Lectura de Santa María de Xeve e no local da Asociación Sociocultural
do Burgo.
Nesta segunda fase dos clubs de lectura,
as obras seleccionadas abranguen pezas clásicas universais,
como As ondas (Galaxia) de Virxina Woolf ou Madame Bovary (Galaxia) de Flaubert,
novelas contemporáneas como Deshonra (Rinoceronte) do Premio Nobel surafricano
Coetzee, e textos galegos como Morning Star (Xerais), de Xosé Miranda.
Outras das obras que se abordarán nesta segunda edición dos clubs de
lectura en Pontevedra son: Eu servín ao rei de Inglaterra (Rinoceronte), do checo
Bohumil Hrabal, Os ollos de K (Galaxia) de Antón Riveiro Coello, obra con
toques de novela negra; As palabras da néboa (Galaxia) de Francisco Castro,
texto de aventuras; ou Ácaros verdes (Ronsel) de Pilar Buela, unha recreación
dos útlimos días de Adolf Hitler a través do testemuño ficticio de Eva
Braun e Magda Goebbels, a esposa do coñecido ministro de propaganda
nazi.
Todos
aqueles
interesados en participar nestes grupos de lectores poderán inscribirse
a partir deste venres 19 de setembro a través do correo electrónico
clublecturapontevedra@gmail.com.
Ademais de asistir ás reunións, tamén se pode participar no debate
mediante a rede, a través dos espazos www.blogoteca.com/clvpontevedra
e
www.blogoteca.com/clpontevedra. Unha opción que se inclúe debido á que
ambas webs rexistraron na pasada edición unha extraordinaria
actividade, recibindo máis de 6.000 visitas, demostrando o interese dos
pontevedreses pola discusión literaria en grupo.
Con todos estes títulos quérese afondar no coñecemento dos lectores de
obras dos máis variados estilos e autores, ampliando o criterio con
respecto á edición anterior máis centrada na literatura galega.
|
|

|
|
L'eclat
dans l'Abîmes foi publicada en Francia
por Gallimard
Os
libros arden mal de Manuel Rivas, finalista
dos Premios Medicis
(17-Setembro-2008)
A edición francesa d’ Os libros arden mal atópase
entre as obras finalistas que optan ao Premio Medicis, o máis
importante da edición francesa, xunto ao Goncourt. Manuel Rivas, incluído no
apartado de Literatura estranxeira, comparte deste xeito nómina de finalistas con autores como Richard Ford, Don De Dillo, Ian MaCwan ou Sasa Stanisic. L’ eclat dans l’ abîmes,
publicada en Francia pola Editorial Gallimard, será presentada na libraría Le Merle Moqueur (Rue
de Bagnolet, 51) de París o vindeiro 23 de setembro ás 19.00
h. nun encontro dos lectores e lectoras co autor galego.
|
|

|
|
Desde
este Colectivo preténdese crear, ao longo
do curso, Clubs de lectura infantil, xuvenil e de
adultos
Así
nacen as baleas de Anxos Sumai estreará
a primeira sesión do Club de Lectura Casaescola
(17-Setembro-2008)
Con motivo da inauguración do presente curso escolar o Colectivo
Casaescola dá comezo aos seus clubs de lectura.
Trátase dun proxecto aberto e participativo a asociados ao Colectivo
e aqueles lectores e lectoras interesados.
Este
é o primeiro dos clubs que se porán
en funcionamento este ano, máis adiante haberán
outro infantil e outro da mocidade.
O próximo día 24 de setembro, ás 20.00 h. no Auditorio de Vilagarcía,
comezarán coa presenza de autores próximos que naceron ou viven na
comarca dúas propostas ben diferenciadas, unha para adultos e outra
para os máis cativos.
A primeira proposta do Club de Lectura de Adultos é o libro Así nacen as baleas
(Galaxia) de Anxos Sumai,
nacida en Catoira; unha novela coa que gañou o
premio Repsol de narrativa breve.
Para o Club de Lectura de Infantil o Colectivo Casaescola está en conversas cos dous
autores residentes en Cambados, Chema Heras e Xulio Gayoso, que
iniciarán á súa vez este percorrido compartido de lecturas para os
primeiros lectores de Vilagarcía días despois.
|
|
|
|
O
acto está organizado pola AELG co patricinio
da Deputación de Lugo e se celebrará
o vindeiro 17 de outubro
Isidro
Novo e Antonio Reigosa coordinan a 'I Xornada de
Literatura Oral'
(16-Setembro-2008)
A Asociación de Escritores en Lingua Galega
(AELG) organiza, co patrocinio da Área de Cultura
da Deputación de Lugo, a 'I Xornada de Literatura Oral' que se vai
desenvolver en Lugo o vindeiro 17 de outubro arredor do tema A figura do demo
na literatura de tradición oral baixo a coordinación de Isidro
Novo e Antonio Reigosa.
Os relatorios e mesas redondas, a cargo de
especialistas como José Manuel Pedrosa, Xosé Miranda, Félix Castro Vicente e
Peter Missler, vanse desenvolver no salón de Actos da Deputación Provincial
(na rúa
San Marcos s/n) con entrada de balde.
Paralelamente, poderase visitar na Sala de Exposicións da Deputación
de Lugo a mostra Libros do demo: grimorios e ciprianillos, colección de xoias
bibliográficas propiedade dos irmáns Félix e Cástor Castro Vicente.
[Descargar
programa]
|
|

|
|
Este
ano creáronse axudas para a realización
de probas de tradución para a exportación
de libro galego cara o exterior
A
Consellería de Cultura dedica este ano máis
de 300.000 euros para a tradución
(15-Setembro-2008)
A tradución de obras editoriais doutros idiomas para o galego e
desde o galego a outros idiomas atópase nun bo momento. A Consellería
de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e
Difusión Cultural dedica este ano 307.689 euros á subvencionar
traducións e probas de tradución.
O director xeral de Creación e
Difusión Cultural, Luis Bará, explicou hoxe na Comisión de Cultura do
Parlamento as medidas que se están a desenvolver para promover a
tradución editorial. Entre 2004 e 2008 Cultura incrementou no 241% as
axudas destinadas a tradución de libros.
Con este incremento a Consellería quere facilitar que as nosas autoras
e autores conten con vías para exportar a súa produción literaria a
mercados exteriores noutras linguas. Ao mesmo tempo, procúrase facer
posible que se poidan atopar no noso país e na nosa lingua textos
significativos producidos no exterior, incluíndo obras de referencia
clásicas e de actualidade.
O incremento das cantidades incidiu no aumento do número de traducións.
Fronte ás 30 obras traducidas que recibiron subvención en 2004, o ano
pasado foron 89, o que
supón triplicar o número de obras aínda que se agarda que a cifra sexa superada
este ano.
O aumento das traducións produciuse nas obras publicadas en galego
desde outros idiomas, que pasaron de 16 a 63 obras, e tamén na
cantidade de obras galegas que foron editadas noutros idiomas co apoio
da Consellería, que se no 2004 eran 14, en 2007 pasaron a ser 26. Estas
axudas permitiron a publicación de obras literarias galegas en
castelán, catalán, inglés, francés, italiano e portugués, entre outros.
Este ano creouse ademais unha nova modalidade de axuda, a dirixida a
probas de tradución, para as que se destinaron 25.000 euros. Trátase de
apoiar a tradución a outras linguas de fragmentos de entre 100 e 1.000
palabras cos que se procura que as persoas ou entidades do exterior
poidan formar unha primeira opinión con respecto da obra, para iniciar
os contactos para a edición dese texto na súa lingua. Esta acción busca
favorecer a exportación de textos de autores galegos a outras linguas.
|
|

|
|
Kiko
da Silva, Fran Bueno, Xaquín Marín,
Fausto Isorno e Siro López
Algúns
dos mellores ilustradores daranse cita na Biblioteca
Municipal de Ferrol
(10-Setembro-2008)
A
cidade de Ferrol terá a oportunidade de coñecer de primeira man as
propostas dalgúns dos mellores representantes da banda deseñada, a
ilustración e animación en Galicia a través dun novo programa que mañá xoves, 11 de setembro, dá comezo nun
ciclo que ten como punto de encontro a Biblioteca Municipal.
En
formato de charlas, pero tamén co evidente atractivo de poder contar en
vivo coas ensinanzas e experiencias dos autores, que aportarán algunhas
das referencias da súa técnica, danse a man, ao longo dos cinco
próximos xoves, a partir das 19.30 h. e con acceso libre a tódolos
interesados, Kiko da Silva, Fran Bueno, Xaquín Marín, Fausto Isorna e
Siro López.
A proposta foi presentada onte pola concelleira de
Cultura de Ferrol, Yolanda Díaz, como unha das máis novidosas aportacións
do seu departamento cara á dinamización e o coñecemento da Biblioteca
Municipal. Non é sen embargo a primeira experiencia. Díaz situouna de
xeito continuado coas precedentes, como foi o Club de Lectura e o Club
de Creación Poética, que terán continuidade. Precisamente este último
contou, como o de agora, coa participación da Dirección Xeral de
Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura
e Deporte a través do
programa Letras Vivas.
Esta iniciativa
constitúe unha aposta pola diversidade no marco da Biblioteca
Municipal ao aportar novas referencias temáticas, como é o caso da
ilustración, a animación e a banda deseñada, que contan con algúns dos
principais referentes do país misturando a novos creadores, aínda que
xa consagrados, con outros como Marín ou Siro, adiantados do seu tempo
e que marcaron a impronta da viñeta crítica como unha referencia do
xornalismo galego das últimas décadas.
A proposta ten tamén como obxectivo a achega de
novos públicos á Biblioteca Municipal mediante unha programación
alternativa. Neste caso, os xóvenes, e en xeral todos aqueles que teñen
algunha inquedanza ou habilidade polo debuxo e o deseño, son a
referencia incuestionable.
O programa que abre Kiko Dasilva
mañá continúa o 18 de setembro
coa participación de Fran Bueno. Xaquín Marín ofrecerá a súa charla o
25 de setembro, mentres que Fausto Isorna farano o 2 de outubro. Siro
López clausura a iniciativa o 2 de outubro.
|
|
|
|
Do
4 ao 8 de decembro no Palexco da Coruña
Ábrese
o prazo para inscribirse no Cultur.gal 08
(10-Setembro-2008)
O Cultur.gal 08, Feira Galega das Industrias Culturais, abre o prazo
para que todas aquelas empresas e entidades que crean, distribúen,
promocionan e ofrecen produtos e servizos relacionados coa cultura en
Galicia poidan solicitar a súa participación no maior escaparate da
creatividade galega. A solicitude de participación por parte das
industrias culturais galegas pode facerse até o 10 de outubro.
Esta feira quere ofrecer unha visión integral da produción de contidos en Galicia incluíndo
todos os ámbitos das industrias culturais:
as artes escénicas, o audiovisual, o libro, a música, as novas
tecnoloxías para a cultura e o lecer, os servizos socioculturais, etc.
Do
4 ao 8 de decembro no Palexco da Coruña haberá
unha ampla programación, tanto xeral como profesional, con múltiples
actuacións musicais, proxeccións, obradoiros, presentacións de libros e
discos, actividades infantís, mesas redondas, foros, encontros, etc.
O Cultur.gal convértese,
deste xeito, no escaparate ideal para as empresas
culturais
que queiran achegarlles os seus produtos e servizos a todos/as os/as
profesionais e á cidadanía en xeral, unha oportunidade única para todas
aquelas persoas que queiran coñecer a oferta cultural do país en todos
os ámbitos e o mellor espazo de encontro e interrelación para todos/as
os/as profesionais relacionados coa cultura en Galicia.
[Máis
información]
|
|

|
|
Destácase
un galega que se teña signaficado pola defensa
dos valores culturais de Galicia
O
xornalista e escritor Alfonso Sobrado Palomares,
Premio "Celanova Casa dos Poetas"
(08-Setembro-2008)
Onte
celebrouse en Celanova a entrega da XXIV edición
do Premio "Celanova Casa dos Poetas" a
Alfonso Sobrado Palomares.
Co gallo de lembrar cada ano a Manuel
Curros Enríquez e a Celso Emilio Ferreiro, dúas das máximas
figuras literarias da Galicia do século XIX e XX e dous dos
máximos espoñentes da poesía civil a partir do
Rexurdimento, nados, ámbolos dous, na popular “Calle Arriba” de
Celanova, a Fundación Curros Enríquez en colaboración co Concello de Celanova, leva dende o ano 1985
organizando anualmente o premio “Celanova casa dos poetas” que
pretende homenaxear un galego que ó longo da súa vida
se teña significado pola defensa dos valores culturais de Galicia
no máis amplo sentido da palabra.
O galardoado
na edición deste ano, Alfonso Sobrado Palomares, é un dos cumios do
xornalismo de Galicia, xunto ós tamén ourensáns, Manuel Curros Enríquez
ou Valentín Lamas Carvajal. Sobrado
Palomares fundou e dirixiu revistas tan relevantes no panorama
informativo estatal na segunda metade do século XX como “Posible”,
“Ciudadano” e “Leer”, cabeceiras tan aperturistas que a censura e os
secuestros situou ó borde da quebra en repetidas ocasións durante o
franquismo. Ademais, ó longo da súa traxectoria profesional, puxo en marcha as axencias “Radial Press” e “Delfos”.
Se
ben, no seu papel no xornalismo non se limitou soamente á faceta de
editor ou promotor de cabeceiras, senón que tamén exerceu a profesión
no campo máis activo da mesma, chegando a entrevistar a persoeiros da
talla histórica de Ben Bella, Tito, Fidel Castro ou Willy Brandt, que
hoxe forman parte por dereito propio da Historia Universal. Así
mesmo, durante un longo período de dez anos presidiu a Axencia EFEl. E iso sen esquecer xamais as súas
orixes no planalto de Paradela (Calvos de Randín), ó pé das terras
fronteirizas do Couto mixto, nin os seus comezos profesionais no
xornalismo ourensán.
Como escritor,
Alfonso Sobrado Palomares ten publicados máis de media ducia de libros
de éxito, entre os que destaca “Amareite despois de sempre” e a
biografía do ex-presidente do Goberno Felipe González, xunto a outros
textos narrativos e poemas en galego que permanecen inéditos.
Os
galardoados reciben unha medalla de prata, obra do escultor Acisclo Manzano,
que reproduce por unha cara a casa de Curros Enríquez, e pola
outra cinco “C” concéntricas que simbolizan a letra
pola que comenzan os elementos identificativos deste premio “Casa,
Curros, Celanova, Castor e Celso”. O nome de Castor refirese
a Castor Elices, poeta romántico contemporáneo de Curros,
que tamén naceu en Celanova. E o de Celso, identifica, evidentemente, ó tamén
poeta Celso Emilio Ferreiro. O galardoado recibe tamén unha placa de prata na que se recolle
un resumo da acta do acordo, co fin de dar fe da concesión do
premio.
No acto de entrega, o premiado asina sempre no libro de honra do premio,
acostumando a deixar unha frase para o recordo.
A
lista de premiados do Casa dos Poetas recolle algunhas
das figuras máis importantes da cultura galega
de diferentes ámbitos como a literatura,
a pintura, a música, a escultura, o cine...
Na edición do pasado ano foi galardoado o
dramaturago Manuel Lourenzo, que meses despois
acadaría o Premio Nacional da Cultura Galega.
|
|

|
|
Tamén
presentarase o "Roteiro de Afranio", un
proxecto co obxectivo de dar a coñecer a
figura de Alonso Ríos e os percorridos que
fixo polas vilas e montes
Homenaxe
Nacional a Antón Alonso Ríos, Siñor
Afranio
(08-Setembro-2008)
O mestre, escritor e político Antón Alonso Ríos recibirá unha
homenaxe nacional o 13 de setembro no lugar do seu nacemento,
Camporrapado, na parroquia silledense de Cortegada. Alonso Ríos é unha
das figuras máis salientables do galeguismo durante a Segunda
República, foi perseguido tralo levantamento militar de 1936 e
converteuse nun dos grandes protagonistas da Galicia no exilio desde Bos
Aires.
A Comisión
pola Memoria Siñor Afranio, a Asociación sociocultural Adellis
e a Consellería de Cultura e Deporte
recordarán ao mestre galeguista nunha xornada de homenaxe á súa figura.
Os actos terán lugar a partir das 6 da tarde na Carballeira e na súa
casa natal.
O cantor Roberto Sobrado actuará na Carballeira seguido polas
intervencións dun representante da familia, Xulio Carballo Arceo; a
alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o delegado de Pontevedra da
Consellaría de Medio Rural, Gonzalo Constenla; e a conselleira de
Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo. Na casa natal de Antón Alonso Ríos,
o escritor e académico Xosé Neira Vilas dará unhas palabras antes de
colocarse unha peza conmemorativa do acto de homenaxe.
Esta conmemoración servirá tamén para presentar o "Roteiro do Afranio",
un proxecto co que se pretende dar a coñecer a figura de Alonso Ríos e
o percorrido que fixo polas vila e montes de Galicia no ano 36 facéndose
pasar por un cidadán portugués chamado Siñor Afranio.
Trátase dun proxecto que inclúe, entre outras
iniciativas, unha exposición sobre Alonso Ríos e o seu trasunto fuxido,
unha web divulgativa do roteiro e da figura do deputado agrarista e
unha guía de turismo cultural. A exposición comezará a súa itinerancia
o 20 de setembro en Tomiño, para logo chegar a outras localidades do
país.
Antón Hipólito Alonso Ríos, naceu en 1887. Logo de estudar en
Compostela, emigrou á Arxentina ao igual que algúns dos seus once
irmáns. Alí traballou coma mestre e entrou no mundo societario
colaborando coa fundación "Sociedad Hijos de Silleda" en 1908. De 1919
a 1931 foi xerente da "Sociedad Científica Argentina".
Voltou á península en 1931, enviado pola Federación de Sociedades
Galegas, representando á emigración na II República. Ese ano foi
escollido membro do Consello Permanente do Partido Galeguista así coma
presidente da "Asamblea Republicana de La Coruña" para o estudo do
anteproxecto do Estatuto de autonomía de Galicia. Traballando en Tomiño
coma director de escola, defendeu os intereses do mundo agrario desde a
"Federación Provincial Agraria de Pontevedra" e participou na Campaña
Pro Estatuto. En 1936 resultou elixido deputado agrario ás Cortes polo
Frente Popular.
Logo do golpe de Estado militar, tomou parte na defensa da República en
Tomiño, organizando a resistencia mediante a agrupación de gardas de
asalto en Tui. Perseguido, fuxiu disfrazado coa identidade do cidadán
portugués "Siñor Afranio de Amaral" nas vilas e montes galegos. Foi
mendiño, traballou nas colleitas e nas casas e ata se fixo pasar por
frade. Tras pasaren tres anos, consegue chegar a Porto, Casablanca e
finalmente Bos Aires.
No exilio, colaborou cos refuxiados galegos no exterior e, despois de
chegar Castelao a América en 1940, axudaron a reconstruír o
nacionalismo galego coa "Irmandade Galega", a alianza "Galeuzca" e o
Consello de Galicia.
As súas obras más destacadas foron os ensaios Noite i amañecer de
Galiza (1942), Co pensamento na Patria Galega, Da saudade, amore,
arte e misticismo (1956) e A Cultura Galega na súa dimensión
americán (1961). Participou, nos últimos anos da súa vida, en todas as
actividades patrióticas da colectividade galega. Na autobiografía O
Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte. Memorias dun
fuxido (1979) describe o seu periplo durante a persecución franquista.
Faleceu en 1980, aos 93 anos de idade.
[Comisión
pola Memoria Siñor Afranio]
|
|

|
|
Terá
como tema "A forza das minorías"
e coincidirá un ano despois de que a Cidade
da Cultura acolla o Centro IBBY para a Diversidade
Cultural
Galicia
acollerá o 32º Congreso Internacional
do IBBY no 2010
(08-Setembro-2008)
Galicia acollerá en 2010 o Congreso Internacional de IBBY, o maior
acontecemento mundial da literatura infantil e xuvenil, que cada
dous anos reúne a escritores e expertos de todo o mundo. Dentro de dous
anos Santiago de Compostela será a sede do 32º congreso, que terá como
tema "A forza das minorías". A Consellería de Cultura
e Deporte patrocina un
evento que reforzará a proxección internacional do Centro IBBY para a
Diversidade Cultural que abrirá as súas portas en 2009 na Biblioteca
Nacional da Cidade da Cultura.
O congreso de Santiago
de Compostela será presentado a vindeira semana en Copenhague, dentro
do programa do 31º Congreso de IBBY (International Board on Books for
Young People). Santiago collerá o testigo da capital danesa, e
precederá na organización deste evento a Londres, que será a sede da
edición de 2012. Basilea, Cape Town (Cidade do Cabo), Cartagena de
Indias e Macao son outras das cidades do mundo que acolleron o congreso
de IBBY nos últimos anos. A última vez que se celebrou na Península foi
en Sevilla en 1994.
Xosé Neira Cruz, comisario coordinador do congreso, será o encargado de
presentalo este mércores perante os membros do IBBY e os centos de
escritores e expertos en literatura infantil e xuvenil presentes en
Copenhague. A presentación por Neira Cruz das principais
características do evento estará acompañada da proxección dun vídeo
sobre Galicia e Santiago, e unha breve actuación do gaiteiro Xosé Manuel
Budiño.
O 32º Congreso IBBY desenvolverase do 8 ao 12 de setembro de 2010 no
Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, coordinado por Gálix
(Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil). Da importancia do
congreso que se celebrará en Santiago dá conta a calidade do seu comité
científico, formado entre outros por Rigoberta Menchú (Nicaragua),
Premio Nobel da Paz; Somaly Mam (Camboxa) e Olayinka Koso Thomas
(Nixeria), ambas Premio Príncipe de Asturias de Cooperación
Internacional; o escritor e académico Víctor Freixanes ou Anne Pelowski,
unha das maiores expertas internacionais en literatura infantil entre outros.
Agárdase a presenza en Santiago de máis de 700 expertos en literatura
infantil e xuvenil chegados de moitos dos 78 países integrados en IBBY.
En Santiago estarán debatindo escritores, ilustradores, bibliotecarios,
editores, libreiros, tradutores, críticos e investigadores, profesores,
membros de ONGs, representantes de institucións dedicadas á promoción
da lectura, etc. Xa se iniciou o proceso de preinscrición, cun ritmo de
anotacións que fai pensar nunha participación moi alta, cunha
importante presenza de membros de comunidades lingüísticas minoritarias
e de persoas chegadas de Latinoamérica.
Deste
xeito
Galicia consolidarase nos próximos anos como unha referencia mundial no
eido da literatura infantil e xuvenil. O Congreso Internacional de IBBY
é o maior evento internacional da literatura infantil e xuvenil, e nel sempre ocupa un lugar
destacado a cultura anfitrioa, neste caso a galega. A súa celebración
en Santiago producirase ao ano seguinte da apertura na Cidade da
Cultura, dentro da Biblioteca Nacional, do Centro IBBY para a
Diversidade Cultural.
Galicia
disporá do segundo centro que IBBY apoie e promova desde a súa
fundación, logo do creado en Oslo (Noruega) en 1985. O centro terá como
principal obxectivo o estudo, a difusión e a promoción dos libros para
nenos e mozos procedentes das culturas con linguas minorizadas. O
centro terá a primeira biblioteca internacional especializada na
colección, estudo e divulgación da literatura infantil escrita nestas
linguas, co que se converterá nun dinamizador a nivel mundial de
iniciativas culturais para nenos, adolescentes e adultos.
A creación do Centro IBBY é resultado dun acordo da Consellería de
Cultura e Deporte coa Internactional Board on Books for Young People
(IBBY), a máis prestixiosa institución mundial de fomento da literatura
infantil e xuvenil. O anuncio fíxoo Ánxela Bugallo en marzo pasado no
transcurso da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. Na elección
foi relevante o peso internacional da literatura infantil e xuvenil en lingua galega.
|
|

|
|
Entre
os seus fondos atópanse primeiras edicións
e orixinais de Xosé Neira Vilas, Castelao,
Laxeiro ou de Luís Seoane
A
Biblioteca do Exilio da Biblioteca Galega
de Bos Aires ofrece textos orixinais e únicos
de indubidable interese para a cultura galega
(07-Setembro-2008)
A Biblioteca
Galega de Bos Aires ven de catalogar e poñer
a disposición do público un sector
especial que reúne a produción intelectual
e editorial do exilio en América. A denominación desta área é
Biblioteca do Exilio, que inclúe a
autores, editores e ilustradores de distintas personalidades
do ámbito cultural hispánico.
Entre
os fondos pódese atopar, por exemplo, as
coleccións Hórreo e Dorna
que Arturo Cuadrado e Luís Seoane dirixiron
para a editorial Emecé. Tamén está
unha grande parte dos fondos das editoriais Nova
e Botella al Mar,
que foron unha continuación daquelas dúas coleccións, así como
exemplares das edicións Galicia, do Centro Galego de Bos
Aires, e de Ediciones Lérez, do Centro Pontevedrés.
Así
mesmo existen edicións orixinais de innumerables exiliados galegos
e españois en Arxentina e América. En poesía e narrativa,
obras de Rafael Alberti, María Teresa León,
Juan Ramón Jiménez, León Felipe,
Xosé Neira Vilas ou Ramón de Valenzuela
Otero.
No ámbito do pensamento, a política e a historia, poden encontrarse
traballos de Antón Alonso Ríos, Castelao,
Luís Jiménez de Asúa, Emilio
González López, Claudio Sánchez
Albornoz, Ángel Ossorio y Gallardo. Tamén
hai libros ilustrados por Luís Seoane, Castelao,
Colmeiro, Laxeiro e Federico Ribas.
En xeral
trátase de primeiras edicións ou edicións
únicas e algunhas destas publicacións
foron ou están reeditándose actualmente
de libros publicados entre 1920 e 1975.
Os responsables da Federación e da Biblioteca consideran que
estes libros conforman un fondo de investigación
imprescindible para coñecer o labor intelectual
dos emigrados e exiliados,
que non podía ser desenvolvida nos seus países de orixe, xa fora polas
prohibicións da ditadura de Primo de Rivera ou máis tarde pola acción
censora e represiva da ditadura franquista.
|
|

|
|
O
Premio Civiltá delle Minorance está
organizado pola Fundación Grinzane Cavour,
a Fundación Cassa de Risparmio e a Regione
de Piamonte
Alfredo
Conde é recoñecido pola súa
aportación ás literaturas e culturas
minorizadas
(07-Setembro-2008)
A Fundación Grinzane Cavour, a Fundación Cassa de Risparmio e a
Regione de Piamonte concederon a Alfredo Conde o Premio Civiltà delle
Minorance (Civilización das Minorías).
Os organizadores salientaron a aportación do escritor galego ás
literaturas e culturas minoritarias.
Non é a primeira vez que Alfredo Conde obtén un premio literario en Italia. En 1990 a súa novela Xa vai o griffón no vento
(Xerais)
recibiu o Premio Cavour á mellor novela estranxeira, convocado pola
Fundación Grinzane Cavour, unha das partes que creou agora o galardón
de apoio ás minorías xunto coa Fundación
Cassa de Risparmio e a Regione Piamonte.
O premio entregarase os días 22 e 23 de novembro en Ostana, na
provincia de Torino. Trátase da primeira edición do mesmo. A idea dos
organizadores é recoñecer anualmente a aportación de escritores e
escritoras en linguas como a galega. O feito de que sexa precisamente o
galego, entre as outras linguas europeas, o idioma de creación elexido
valórase moi positivamente.
Alfredo Conde (Allariz, 1945) é un dos narradores galegos máis coñecidos polo público lector. Coa súa novela Xa vai o griffón no vento
obtivo o Premio Nacional de Literatura no ano 1984, primeira vez que
ese galardón se lle outorgou a un autor galego; con esa mesma obra
tamén gañou o Premio Blanco Amor e o Premio da Crítica española. Como
narrador é así mesmo autor de libros de relatos, entre eles Mementos de vivos (Galaxia), Música sacra (Galaxia)
ou A casa de Adara (Xerais), e de novelas como Breixo
(Galaxia) (Premios da crítica galega e española, 1981), Memoria de Noa (Premio Chitón
e Ícaro), O fácil que é matar
(Xerais), Azul cobalto, Romasanta (Galaxia)
ou Lukumí (Galaxia). A súa
última novela é María das Batallas,
publicada o pasado ano por Galaxia.
[Máis
información na web de Galaxia]
|
|

|
|
Tamén
está confirmada a presenza nas Feiras Internacionais
de Frankfurt e Guadalajara
Galicia
no LIBER 2008
(03-Setembro-2008)
A Feira Internacional do Libro, Liber 2008, reunirá a arredor de 700
editoriais e empresas do sector do 8 ao 10 de outubro no recinto de
Gran Vía de Fira de Barcelona. A Feira dará a coñecer a produción
literaria e artística da cultura de Québec, provincia francófona de
Canadá, convidada de honra na edición deste ano. Promovido pola
Federación de Gremios de Editores de España, Liber é o acontecemento
profesional máis importante da industria editorial española e
latinoamericana.
Liber 2008 está dirixido a profesionais do sector como editores,
libreiros, distribuidores, bibliotecarios, autores, docentes e
profesionais das artes gráficas. Na 26ª edición de Liber participarán
uns 300 expositores directos que representan a 700 editoriais e
empresas de 16 países. O editores galegos tamén estarán presente grazas
á colaboración da Asociación Galega de Editores coa Consellería de
Cultura e Deporte.
Na súa aposta pola internacionalización, están convidados a Liber máis
de 600 compradores de 60 países.
Ao mesmo tempo, Liber 2008 será un punto de encontro para os
profesionais do sector a través das múltiples actividades que se
organizarán, como mesas redondas, foros, presentacións de libros e
exposicións. Tamén se entregarán os Premios ao Fomento da Lectura aos
Medios de Comunicación nos apartados de Prensa, Radio e Televisión, o
Premio ao Fomento da Lectura en Bibliotecas Públicas e o Premio
Boixareu Ginesta ao Libreiro do Ano.
Pero
esta non será á única presenza
da literatura galega no exterior. No que queda de
ano xa está confirmada a asistencia á
Feira Internacional de Frankfurt (Alemaña) e á Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México)
sen esquecer a exitosa
participación na Feira Internacional do Libro de La Habana no pasado
mes de febreiro, na que Galicia foi o país convidado e na que destacou
a numerosa afluencia de público e o grande éxito de vendas, ademais da
fructífera presenza na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, a
Feira do Libro de Londres, a Feira de Bos Aires e a Bienal do Libro de
Sao Paulo, onde unha delegación de editores desprazados para a ocasión
mantiveron numerosos contactos con destacados profesionais do ámbito
editor, libreiro e bibliotecario do país brasileiro.
[Máis
información na web da Asociación Galega
de
Editores]
|
|
|
|
Un
home na escuridade
A
última novela de Paul Auster será
publicada en galego antes que en inglés
(03-Setembro-2008)
Onte
chegou ás librarías a edición galega de Un home na escuridade, a nova
novela de Paul Auster. A lingua galega participa dese xeito, a través de
Editorial Galaxia, no lanzamento mundial desta novela, aínda inédita en lingua
inglesa, que se publicará en galego ao mesmo tempo que Editorial Anagrama a
publica en castelán.
Na súa nova
novela, Paul Auster enfróntase ás pantasmas da sociedade contemporánea cunha
trama que conxuga a historia de August Brill, un crítico literario retirado que
padece insomnio, coa duns Estados Unidos sumidos nunha nova guerra civil logo
da secesión dalgúns estados por causa dos resultados electorais do ano 2000.
Nun xogo fascinante despréganse dúas novelas; nunha delas, o protagonista é Owen
Brick e o escenario uns fantasmais EUA, sen guerra de Irak nin Bush, sumidos
nunha contenda civil. Auster sitúanos así perante unha retorta e reveladora
versión da política americana actual e dos seus dilemas éticos. A outra é a
«novela familiar» do narrador, na que August Brill nos conta e se conta a súa
propia vida, descobre e descóbrenos, detective insomne e desolado, dilemas,
amores, segredos e traizóns.
Un
home na escuridade é a cuarta obra do
prestixioso escritor de New Jersey publicada por
Galaxia tras Brooklyn
Follies, Viaxes no scriptorium e A vida interior de Martin Frost.
|
|

|
|
Lareira
Literaria
Xoán
Bernárdez Vilar, Paco López-Barxas,
Estíbaliz Espinosa e Xosé Antón
Laxe Martiñán na Lareira Literaria
de setembro
(03-Setembro-2008)
Na
Lareira Literaria deste mes contamos coa presenza
de Xoán Bernárdez Vilar, Paco López-Barxas,
Estíbaliz Espinosa e Xosé Antón
Laxe Martiñán.
Cunha
longa traxectoria as súas costas, Xoán
Bernárdez Vilar leva dedicado os últimos
anos ao remate da súa tese de doutoramento
sobre o tema A Fachada Atlántica Europea segundo a 'Ora Maritima' de Rufius
Festus vienus, unha obra moi antiga que describe as costas
galegas arredor do
século VI aC.
Paco
López-Barxas, despois de publicar recentemente
No xardín das mandrágoras (Laiovento)
e Sar, Sarela e os monstros de Compostela
(Kalandraka) mantén unha intensa actividade
creativa, para finais deste ano e comezos do 2009
ten preparada a publicación de Sar e Sarela polos parques de Compostela,
outro libro sobre a figura de Eugenio Granell para
o público infantil, Tom e Mix, os cabalos de Clara en
Sotelo Blanco e un ensaio sobre a figura do escritor
e galeguista Ben-Cho-Shey.
Pola
súa parte, Estíbaliz Espinosa, mentres
agarda a publicación en papel do virtual
Zoommm. Textos biónicos, ramifica o seu talento en multitude de proxectos.
Xosé Antón Laxe Martiñán,
tras a publicación do seu primeiro libro
Quen beillaría iso? en Baía
Edicións, deixa nesta Lareira un fragmento
que aparecerá no novo poemario que está
cociñando.
[Lareira
Literaria]
|
|
|
|