MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

Agosto 2008

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

Coincide coa presentación de 10/10, dez traducións ao italiano de poemas do poeta de Pontedeume

O Instituto Cervantes dedica un espazo web a Ramiro Fonte

 

(27-Novembro-2008)

 

Ramiro Fonte no Instituto Cervantes O Centro Virtual Cervantes ven de abrir un espazo web dedicado á figura de Ramiro Fonte, tristemente falecido o pasado 10 de outubro.

O poeta e escritor de Pontedeume foi director do Instituto Cervantes de Lisboa desde 2004. Coa apertura deste espazo dedicado a unha das figuras máis salientables da poesía galega da segunda metade do século XX, o Instituto Cervantes faise eco da homenaxe que se lle tributou estes días no Instituto Cervantes de Napoles na Semana das Letras, coa publicación de 10/10, un libro que recolle dez traducións ao italiano dos poemas 'Xardín de San Carlos', 'Unha fotografía', 'Poética', 'O cazador furtivo', 'Conciliación', 'A cidade', 'Piano bar', 'Orfeo no metro', 'My favorite things' e 'Almas perdidas', cada un deles traducidos por dez destacados poetas italianos como Erri de Luca. O libro será presentado hoxe en Napoles baixo o selo editorial de Ad est dell'ecuatore.

Desde a web do Instituto Cervantes pódese acceder ás traducións destes poemas. O espazo que dedican desde o Instituto Cervantes a Ramiro Fonte inclúe un magnífico prólogo a cargo de Ignacio Chao.

 [Ramiro Fonte no Instituto Cervantes]

 

Arriba

 

Do 29 de novembro ao 7 de decembro

O libro galego ten unha nova cita internacional na XX edición da Feira do libro de Guadalajara

 

(26-Novembro-2008)

 

XX Feira Internacional do Libro de Guadalajara Os editores galegos, a través da Asociación Galega de Editores contará por segunda vez, en colaboración coa Xunta de Galicia, con stand propio na Feira Internacional do Libro de Guadalajara, que se desenvolverá na localidade mexicana do 29 de novembro ata o 7 de decembro. Dito espazo acollerá as últimas novidades da proposta editorial de vintecatro editoriais pertencentes á AGE: Editorial 3C3, Baía Edicións, Ideaspropias Editorial, Biblos Clube de Lectores, Ir Indo Edicións, Editorial Toxosoutos, Faktoría K de Libros, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Edicións Positivas, Edicións Nigra Trea, Edicións Laiovento, Editorial Galaxia, Editorial Alvarellos, Everest Galicia, Ediciones Embora, Edicións do Cumio, Editorial Dos Acordes, Rodeira, A Nosa Terra, Edicións Xerais de Galicia, Hércules de Ediciones, Tórculo Ediciones e OQO Editora.

Para completar a delegación galega estarán presentes en México once editores en representación das súas editoriais: Alfonso García Sanmartín, de Editorial Rodeira; Francisco Villegas, de Ellago Ediciones - Edicións do Cumio; Bieito Ledo, de Ir Indo Edicións; Laura Rodríguez, de Hércules de Ediciones; Víctor F. Freixanes, de Editorial Galaxia; Carlos del Pulgar e José Manuel Cabo, de Nova Galicia; Xosé Ballesteros, de Kalandraka Editora; María Inmaculada Fontarigo, de Faktoría K de Libros; Lucila Ventoso, de Tórculo Edicións; e Eva Mejuto, de OQO Editora.

Con motivo da súa presenza en México, a Asociación Galega de Editores (AGE) organiza un acto de presentación da súa actividade profesional, que terá lugar o próximo venres día 28 de novembro ás 18.00 h. no Centro da Cultura Española en México D.F. En dito acto está previsto que interveñan o Presidente da AGE e director de Rodeira Edicións, Alfonso García Sanmartín, o director da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e o Director de Ir Indo Edicións, Bieito Ledo. A continuación procederase á presentación do libro Huellas del abuelo fuego. La ruta de los huicholes, de Ellago Ediciones - Edicións do Cumio, na que participarán Leonardo Fernández Borja, Verónica Martínez Lira, Humberto Fernández Borja, Joaquín Jiménez de Azcárate, Regina Lina Larios e Francisco Villegas (editor do libro).

Ademais, a delegación da Asociación Galega de Editores desprazada ao país mexicano, en misión comercial organizada pola Cámara de Comercio da Coruña e composta por once editores, aproveitará a súa estanza en México D.F. para manter entrevistas profesionais con destacados distribuidores e editores de diferentes países de Latinoamérica. Tamén están previstos dous encontros no Fondo de Cultura Económica e a Libraría Ghandi para coñecer máis de preto a realidade mexicana e intentar establecer posibles vías de colaboración e negocio.

[Web da XX Feira Internacional do Libro de Guadalajara]

 

 

Arriba

 

Desde a AELG estase traballando nun espazo web onde os visitantes poderán percorrer virtualmente esas casas

A Asociación de Escritores en Lingua Galega ten catalogadas 94 casas de escritores e escritoras galegos

 

(26-Novembro-2008)

 

Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coa colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Deporte, ten elaborado dous inventarios, correspondentes aos anos 2007 e 2008, que recollen un total de 94 casas de escritores e escritoras galegos.

A sociedade galega e as súas institucións son depositarias e debedoras, e polo tanto responsábeis, da divulgación e conservación do legado outorgado polo traballo inxente das escritoras e os escritores que nos precederon na construción da nosa cultura nacional.

Parte fundamental do patrimonio literario herdado son as casas onde naceron ou viviron os nosos escritores e escritoras pola importancia que estes espazos tiveron nas súas biografías e obras e, en consecuencia,  para a nosa historia colectiva e tamén para a historia cultural das nosas aldeas, vilas e cidades. O seu estudo e documentación constitúe, pois, un deber e unha oportunidade de crecemento cultural e mesmo económico, constituíndo un primeiro paso para a súa inclusión no inventario do patrimonio cultural de Galicia. Así mesmo permite que a súa importancia sexa tida en conta nos diversos Plans Xerais de Ordenamento Municipal que están en andamento, converténdoos en ferramentas de defensa da nosa memoria literaria e simbólica.

O inventario feito pola AELG inclúe, alén dun levantamento fotográfico, unha memoria literaria dos lugares onde viviron e sentiron os escritores e escritoras galegos, o cal pode posibilitar a creación de unidades didácticas que axuden na divulgación do noso sistema literario. Persegue tamén dito inventario a inserción do patrimonio inmobiliario dentro doutro inmaterial: os roteiros literarios, rutas urbanas ou rurais que permitirían coñecer outros lugares importantes na vida do escritor, converténdose en museos ao aire libre. Deste modo sería tamén factíbel a adquisición futura da categoría de Bens de Interese Cultural.

Esta posta en valor pode atender igualmente a crecente demanda de turismo alternativo e de calidade, complementando a oferta cultural que nas vilas, e particularmente no rural, tanto necesita o noso tecido hostaleiro, que se está convertendo nunha vía de emprego e de fixación de habitantes nas zonas con declive poboacional.

Desde a AELG anuncian a próxima creación, dentro da súa páxina web (www.aelg.org) dunha serie de contidos como mapas interactivos e visitas virtuais a esas casas que permitan xerar o interes de visitalas e coñecelas máis a fondo dun xeito máis real e físico.

 

Arriba

 

IX Seminario Internacional de Lingua(s), Tradución e Poética

Eidos poéticos na lingua e pensamento en Rianxo

 

(24-Novembro-2008)

 

Eidos poéticos na lingua e no pensamento O Seminario Internacional de Lingua(s), Tradución e Poética convocado anualmente pola AULIGA (Asociación Internacional de Amigos Universidad Libre Iberoaméricana en Galicia) celebra este ano a súa novena edición centrado no tema Eidos poéticos na lingua e pensamento. Estes encontros, que parten de creadores das linguas galega, castelá e portuguesa, ten como convidada este ano a lingua inglesa, representada polo poeta Richard Berengarten (tamén coñecido como Richard Burns, Cambridge).

O Seminario favorece asemade unha troca de experiencias literarias e ensaísticas entre escritores españois, galegos, portugueses ou doutras comunidades lingüísticas. Realízase ademais un Obradoiro de Escritura, Tradución e Poética, asistido polos escritores, críticos e profesionais destas materias invitados especialmente ao Seminario.

Este Seminario, que se desenvolverá entre os días 26 e 29 de novembro na Casa da Cultura de Rianxo, contará coa presenza, entre outros, de Antonio Domínguez Rey, Fernando Lavandeira, Juán J. López Rivera, Kathleen N. March, Loreto Riveiro, Xesús portas Ferro, Claudio Rodríguez Fer ou Nel Rodríguez.

Colaboran no desenvolvemento deste IX Seminario a Biblioteca América (Universidade de Santiago de Compostela), Excma. Deputación de A Coruña, Excmo. Concello de Rianxo e Casa da Cultura, Excmo. Concello de Ribeira, Excmo. Concello de Padrón, Dirección General del Libro, Archivos y Bibliotecas (Ministerio de Educación, Cultura y Deportes), Área de Lingüística da Facultade de Filoloxía da UNED, grupo de investigación “Lingüística y poética” (LINPO, G121H1) da UNED, Vicerreitorado de Coordinación e Extensión Universitaria (UNED), Vicerreitorado de Espacio Europeo e Planificación Docente (UNED), Centro Asociado da UNED-A Coruña e a Académie Universelle de Montmartre (París).

[Descargar programa]

 

 

Arriba

 

O acto de presentación será o 27 de novembro no instituto compostelán Arcebispo Xelmírez I

Un club de lectura virtual acercará aos universitarios as literaturas galegas e portuguesas

 

(24-Novembro-2008)

 

Club Lectura Virtual Universitario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal Co obxectivo de acercar as realidades literarias de Galicia e de Portugal e de que exista unha ponte de comunicación efectiva entre ambas culturas, a Fundación Centro de Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal pon en marcha o primeiro Club de Lectura Virtual Universitario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O Club de Lectura Virtual Universitario Galicia-Norte de Portugal consiste no desenvolvemento dunha plataforma electrónica que sirva como punto de encontro da comunidade universitaria galega e portuguesa do norte, e á sociedade en xeral, para o fomento da lectura en galego e portugués.

Na procura de novas liñas de actuación para o fomento e a posta en valor da cultura, no ámbito universitario de Galicia e do Norte de Portugal, así como a súa divulgación rexional, estatal e internacional, a Fundación CEER detectou a necesidade de crear un lugar de encontro dos membros das seis universidades a ambos da fronteira, nunha temática con tantos puntos en común entre Galicia e o norte de Portugal, como é a súa literatura; un lugar onde o denominador común sexa a literatura galega e a súa análise, comprensión e coñecemento, xunto co estudio das súas semellanzas, diferenzas e influencias coa literatura portuguesa. O fin último destas actividades serán a divulgación e fomento da lectura no ámbito universitario.

A presentación do Club de Lectural Virtual Universitario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal terá lugar o vindeiro día 27 de novembro, ás 12:30h. no Salón de Actos do Instituto Compostelán, Arcebispo Xelmírez I. O acto comezará ás 12.30 h. coa presentación institucional do Club de Lectura Virtual onde intervirá o Reitor da USC, un representante do Instituto Camões, un representante da Consellería de Cultura e Carlos Ferrás, director da FCEER. Ás 13.00 h. o Espazo de Danza da USC presentará unha performance e os dramaturgos Carlos Losada e Rubén Ruibal debatirán sobre a obra teatral Lume/ Insomnio (Estaleiro Editora). Aparte dos escritores intervirán: un representante de Estaleiro Editora, catedráticos de lingua galega e portuguesa, un alumno de secundaria e como moderadora, unha representante do equipo de normalización lingüística do centro.

 

Arriba

 

Os fondos dixitalizados estarán disponibeis para toda a sociedade da través de internet

Un acordo entre a Real Academia Galega e a Consellería de Cultura permitirá a dixitalización dos fondos da institución

 

(21-Novembro-2008)

 

Cultura e a Real Academia Galega asinan un convenio para dixitalizar os fondos bibliográficos e documentais desta institución Os fondos bibliográficos e documentais da Real Academia Galega serán dixitalizados. A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, asinaron o pasado mércores na Coruña un convenio que permitirá realizar unha copia dixital dunha boa parte dos importantes documentos que se conservan na biblioteca e o arquivo desta institución, para poñelos a disposición do público xeral.

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia financiará estes traballos con 149.000 euros. A decisión de levar a cabo esta dixitalización, que se desenvolverá entre este ano e o vindeiro, vén dada pola importancia para a cultura galega dos fondos que garda a Real Academia. O obxectivo é asegurar a súa conservación, facilitar o seu acceso e estudo e difundir á sociedade este patrimonio.

Estes fondos bibliográficos e documentais, unha vez convertidos ao formato dixital, pasarán a formar parte dos fondos dixitais da propia RAG e tamén do Arquivo Nacional e da Biblioteca Nacional de Galicia. Estes fondos poderán ser consultados por toda a sociedade, e en especial polos investigadores interesados no seu estudo, a través de internet.

Coa Real Academia Galega a Consellería de Cultura comeza a dixitalización dos fondos das principais institucións culturais do país, "dada a relevancia da Academia como institución nucleadora e dinamizadora da cultura galega ao longo da historia", segundo afirmou Ánxela Bugallo, que tamén anunciou que nas vindeiras semanas se producirán acordos deste tipo con outras institucións.

A Consellería de Cultura e Deporte está a traballar nun ambicioso programa de dixitalización, que pretende incorporar a cultura galega á sociedade do coñecemento. Este programa consiste na dixitalización dos principais documentos culturais, sexan escritos, sonoros ou audiovisuais. Desta maneira tanto o Arquivo Nacional como a Biblioteca Nacional están a colaborar coas principais institucións culturais nun proceso de modernización neste eido que ten un carácter estratéxico para o país. Este fondo permitirá a mellor conservación do patrimonio documental –a través da súa dixitalización-, o seu mellor coñecemento e difusión, democratizando o acceso á cultura; e a recuperación de fondos documentais inéditos ou pouco coñecidos, dos que se atopan depositados fóra de Galicia e a reconstrución virtual de fondos fragmentados físicamente e dispersos entre varias localizacións.

O plan de dixitalización dos fondos documentais da Real Academia Galega conecta e baséase no traballo que xa está a desenvolver a propia institución. Por iso, o primeiro fondo que vai ser dixitalizado é o dos Irmáns de la Iglesia, figuras sobranceiras do Renacemento cultural galego do século XIX. En fases posteriores, o plan de dixitalización abordará outros fondos ata completar o elenco dos que integran o seu arquivo e a súa biblioteca, incluíndo o propio fondo documental da Academia Galega. Tamén se acometerá a dixitalización de fondos de personaxes senlleiros da cultura galega como Marcial del Adalid, Manuel Curros Enríquez, Leiras Pulpeiro, Eduardo Pondal, Villar Ponte, Suárez Picallo ou Pascual Veiga, entre moitos outros. Dixitalizaranse ademais unhas 8.000 páxinas de publicacións periódicas, correspondentes a 33 títulos ou cabeceiras e un total de 121.320 páxinas de fondos bibliográficos, correspondentes a 792 obras.

Entre os tesouros da biblioteca da Academia dixitalizaranse obras de Concepción Arenal, Alfredo Brañas, José Rodríguez Carracido, Manuel e Miguel Colmeiro, Manuel Curros Enríquez, Joaquín Díaz de Rábago, Juan Durán Loriga, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Nicomedes Pastor, Eduardo Pondal, Benito Vicetto ou José Villamil. As publicacións máis destacadas son: Estado Mayor (Lugo, 1811), Exacto Correo de España en la Coruña (A Coruña, 1810-1815), La Oliva (Vigo, 1856-1857), El Miño (Vigo (1857-1868), El Criticón (A Coruña, 1885), El Defensor de Galicia (A Coruña, 1856) ou La Ilustración de la Coruña ( A Coruña, 1860-1865).

 

 

Arriba

 

Editado pola Consellería de Cultura e Deporte, a autoría é de Eva López, coordinadora dos clubs de lectura de Pontevedra e Compostela

Presentada unha guía para fomentar a expansión dos clubs de lectura como complemento ao acto de ler

 

(21-Novembro-2008)

 

Lecturas compartidas "Complementar o acto íntimo e solitario da lectura e convertelo en actividade de grupo, trocando a palabra escrita en voz e participar en grupo dos sentimentos e sensacións que esperta en nós a lectura, é a premisa básica dos clubs de lectura", explica Eva López no prólogo de Lecturas compartidas: guía para crear un club de lectura, un libro que ven de publicar a Dirección Xeral de Creación e Difución Cultural da Consellería de Cultura e Deporte para fomentar a expansión dos clubs de lectura como proposta cultural e de lecer.

Este manual aproveita as experiencias dos clubs de lectura de Pontevedra, promovidos pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e o concello de Pontevedra, para expoñelas como propostas válidas para empregar noutros lugares e por outras entidades. Nel atópanse respostas a cuestións como que é un club de lectura; falase de como botalo a andar, como se coordina, que tipo de lecturas son as que dan uns mellores resultados e proporciónase un modelo de guía de lectura sobre un caso concreto. Tamén se dan instrucións e consellos sobre como levar as reunións do club e actuacións para dinamizalo. Por último alúdese á existencia de clubs de lectura especializados, destacando os clubs de lectura virtuais e os infantís e xuvenís. A obra remata con documentación complementaria sobre axudas para a creación de clubs, como crear unha asociación cultural e unha relación de 100 obras de lectura recomendadas e webs que convén visitar.

A edición deste libro enmárcase na política de apoio da Consellaría de Cultura aos clubs de lectura e fomento da súa creación por toda a xeografía galega. Desde o ano 2007 a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural mantén unha liña de axudas para actividades de animación á lectura coa creación e mantemento de clubs de lectores, para o que este ano se destinaron 158.560 euros repartidos entre un total de 123 asociacións e clubs distribuídos por toda Galicia: 43 na Coruña, 35 en Pontevedra, 32 en Ourense e 13 en Lugo.

[Descargar Lecturas compartidas: guía para crear un club de lectura]

 

Arriba

 

Do 18 de novembro ao 11 de xaneiro

Inaugúrase a exposición Editar en galego baixo a censura franquista

 

(17-Novembro-2008)

 

Editar en galego baixo a censura franquista "A censura franquista tivo unha importante transcendencia na expresión literaria galega durante case corenta anos. A influencia negativa que exerceu manifestouse básicamente en dous planos: dinha banda, impediu a libre circulación de numerosos libros; por outra parte, como ameaza latente, deu lugar a que se malograsen outras moitas obras, condenadas a non saír endexamais da imaxinación dos nosos escritores".

A Fundación Penzol de Vigo inaugura mañá a exposición Editar en galego baixo a censura franquista, unha mostra comisariada por Xosé Manuel Dasilva que estará aberta ao público ata o 11 de xaneiro. A exposición, que conta cos fondos propios -dos cales algúns son documentos inéditos- da Fundación Penzol, da Editorial Galaxia e do arquivo Xosé Manuel Dasilva pretende ser unha mostra ilustrativa das prácticas represoras da censura con relación aos libros en galego.

O acto de inauguración será mañá martes 18 de novembro e contará coas intervencións de Luís Bará Torres, Director Xeral de Creación e Difusión Cultural; Xesús López Carreira, Concelleiro de Cultura do Concello de Vigo; Alfonso Zulueta de Haz, Vicepresidente da Fundación Penzol; e Xosé Manuel Dasilva, Comisario da exposición. COn motivo desta exposición, o xoves 27 de novembro,ás 19.30 h., nun acto presentado polo vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz, o comisario da exposición, Xosé Manuel Dasilva, pronunciará unha conferencia co mesmo título que a mostra: Editar en galego baixo a censura franquista.

[Tríptico da exposición Editar en galego baixo a censura franquista]

 

 

Arriba

 

No transcurso do acto presentáronse a obra gañadora e o accésit da pasada edición

Xoguetes póstumos, de Emma Pedreira, gaña o III Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas

 

(17-Novembro-2008)

 

III Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica Xoguetes póstumos, da poeta coruñesa Emma Pedreira, foi a obra gañadora do III Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica entregado o pasado sábado no transcurso da Cea das Letras celebrada no restaurante Aldeola en Cerqueda, no concello de Malpica. Paco Souto, con Alentar a túa Rosa, fíxose co accesit deste certame que convoca conxuntamente a Asociación Caldeirón e o Concello de Malpica.

No transcurso da Cea presentáronse as edicións de Baile Àtha Cliath de Alberte Momán e Baixo o sol de Mesina de Lino Braxe, obra gañadora e accesit do pasado ano respectivamente.

Emma Pedreira é unha das voces máis innovadoras dos últimos anos, e os seus rexistros varían con cada nova obra. Emma Pedreira publicou con tan só dezanove anos o seu primeiro poemario Diario bautismal dunha anarquista morta en Espiral Maior (Premio Johán Carballeira, 1998). Despois virían Grimorio (Ediciós do Castro, Premio Lorenzo Baleirón), Bestiario de Silencios (Madame Mir), Velenarias (Espiral Maior, Premio Johán Carballeira, 2000), As posturas do día (Follas Novas), Os cadernos d'amor e os velenos (Espiral Maior, Premio de poesía Centenario de Fermín Bouza-Brey, 2001), As cinzas adentras (Biblos) e Casa de Orfas (Espiral Maior, Premio Fiz Vergara Vilariño, 2005).

 

Arriba

 

Diferentes ponentes analizarán ao Xosé María Álvarez Blázquez escritor, editor e arqueólogo

Tui acollerá en decembro o Congreso Álvarez Blázquez

 

(14-Novembro-2008)

 

Congreso Álvarez Blázquez O teatro municipal de Tui acollerá entre os días 11 e 13 de decembro o Congreso Álvarez Blázquez, organizado conxuntamente pola Real Academia Galega, a Consellería de Cultura e o Concello de Tui. Con este congreso, péchanse os actos ao autor homenaxeado neste ano coas Letras Galegas.

Ao longo destes tres días estudiarase as diferentes facetas de Xosé María Álvarez Blázquez: escritor, editor e arqueólogo e contará coa voz nos relatorios de figuras como Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Alfonso Álvarez Cáccamo, Alfonso Álvarez Gándara, Emilio Álvarez Rei, Eduardo Méndez, Manuel Bragado, Víctor Freixanes, Xosé Ramón Pena, Xosé Ramón Barreiro, Rafael Sánchez Bargiela, Manuel Forcadela, Carlos García Martínez, Fernando Acuña Castroviejo, Xosé María Álvarez Cáccamo, Ana Acuña, Ramón Nicolás ou Carlos Bernárdez. A estes relatorios haberá que engadir mesas redondas, debates e un roteiro polo Tui de Xosé María Álvarez Blázquez, a vila onde naceu o escritor.

[Máis información e inscricións]

 

 

Arriba

 

Presentarase no Liceo de Ourense o seu novo libro Historia de Ourense (Xerais)

Cea-Homenaxe a Marcos Valcárcel

 

(14-Novembro-2008)

 

Homenaxe a Marcos Valcárcel Unha comisión de amigos integrada no Liceo de Ourense organiza para o sábado 29 de novembro unha cea-homenaxe a Marcos Valcárcel.

Marcos Valcárcel é doutor en historia contemporánea e catedrático de Lingua e Literaturas galegas. O seu labor desenvólvese en traballos de investigación e divulgación sobre a historia de Galicia -en especial nos eidos cultural e xornalístico-, a súa constante presenza na prensa galega dende hai trinta anos (hoxe en día en Galicia Hoxe, La Región, A Nosa Terra), o seu desinteresado labor de organizador e dinamizador cultural na cidade de Ourense, ou o seu blog As Uvas na Solaina, ademais de coordinar a Sección de Literatura do Liceo de Ourense. E todo sempre desde posicións galeguistas, progresistas e dialogantes.

Os actos comezarán ás 19.00 h. no Liceo de Ourense coa presentación do seu novo libro Historia de Ourense (Xerais). Historia de Ourense supón unha achega, breve pero rigorosa, á historia de Ourense. A crónica do percorrido vital dunha cidade cunha longa historia e un moi poderoso legado cultural. Unha viaxe posible dende o mundo romano até a actualidade esculcando nos xeitos de vida, nas ideas e nos sucesos que marcaron o devir urbano.

Ás 21.00 h. terá lugar, no restaurante Sanmiguel, unha cea que pretende ser continuadora daqueloutras que o desaparecido Clube Cultural Alexandre Bóveda organizara a redor de Carlos Casares, Manolo Buciños, aos Quessada, Antón Risco, etc. sempre co título amigable de "De cea con".

Os interesados en asistir poden retirar as tarxetas de asistencia en tres puntos ata o día 25 de novembro: Liceo, Casa da Xuventude e o propio Sanmiguel. Para facilitarse a adquisición da tarxeta ás persoas de fóra de Ourense habilitamos unha conta bancaria (c/c de Caixa Galicia nº 2091 0400 88 3040045410 Homenaxe-Cea Marcos Valcárcel) onde poderán facer o ingreso dos trinta euros que custa a cea, indicando claramente o seu nome na orde de transferencia. Logo, o mesmo día 29, poderán intercambiar o resgardo do ingreso pola tarxeta no restaurante Sanmiguel.

 

Arriba

 

Na presente edición do premio presentáronse un total de 404 orixinais , cen máis que no pasado ano

A vida do outro, de Carlos G. Reigosa, obra gañadora do XX Premio de Narrativa Torrente Ballester

 

(11-Novembro-2008)

 

Carlos G. Reigosa O escritor e xornalista Carlos G. Reigosa, coa súa obra A vida do outro, foi o gañador da vixésima edición do premio de narrativa Gonzalo Torrente Ballester, convocado pola Deputación da Coruña. Ademais do premio económico, o premio conleva a publicación do texto nunha editorial de prestixio.

A concesión do premio fíxose público esta mañá na sede da Deputación da Coruña, cuxo presidente destacou a súa longa traxectoria "marcada pola calidade das obras premiadas e pola importante participación que rexistra, ano tras ano, este certame". Á presente convocatoria do Torrente Ballester presentáronse un total de 404 orixinais, cen máis que na anterior edición, dos que 28 son en galego e os restantes 376 en castelán, procedentes dun total de 18 países. Fernández Moreda definiu a Carlos González Reigosa como "un ilustre galego, magnífico xornalista e escritor, en galego e castelán".

Pola súa banda, o voceiro do xurado, Ángel Basanta, destacou a calidade literaria da obra de Carlos G. Reigosa e afirmou que o xurado decidiu por unanimidade premiar a novela A vida do outro, que supón "unha recreación memorial da Transición española que é, ao mesmo tempo, novela xeracional, contada por un xornalista, fillo de galegos, cun testemuño moi completo da evolución política e social de España nos últimos corenta anos, e unha novela existencial cunha viaxe ao interior de si mesmo". Basanta subliñou que a novela "vista dende a óptica dun membro da xeración do 68, narra todos os feitos históricos importantes dende o tardofranquismo ata actualidade", e acaba sendo "unha crónica persoal, a testemuña dunha inmensa decepción, de quen dedica a súa vida a contar as vidas dos demais".

Segundo o voceiro do xurado, esta obra "realiza unha memoria da transición española que non estaba feita ata agora na literatura galega".

O xurado do premio Torrente Ballester estivo presidido polo titular da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e formaron parte deste a deputada provincial e responsable da área de Cultura, Caridade González Cerviño, ambos sen voto, e polos autores e críticos literarios Mercedes Monmany (comisaria do premio), Ángel Basanta, Amalia Iglesias, Rosario Canal, José Mª Pozuelo Yvancos, José Antonio Ponte Far e o Xosé M. Pacho Blanco, gañador da edición anterior do premio por A choiva do mundo (Galaxia), publicada recentemente.

A vida do outro será a nova achega narrativa do escritor da Pastoriza desde Pepa a Loba (Xerais) en 1996, aínda que en poucos días chegará ás librarías Laxeiro por si mesmo (Xerais) froito dunha entrevista co pintor hai vinte anos. Este mesmo ano Xerais publicou O misterio de Carlos G. Reigosa, un libro de conversas mantidas co tamén xornalista Xosé Manuel del Caño.

 

 

Arriba

 

Este premio está dirixido a libros de poesía en galego de autores inéditos

Susana Sánchez Arins obtén por unanimidade o XXI Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé

 

(10-Novembro-2008)

 

 XXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé O xurado da XXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, integrado nesta ocasión por Valentina Carro Padín, gañadora da XX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé por Debaixo de Dziga Vertov hai unha buxaina; Alfredo Ferreiro, autor de Metal central, libro ao que o xurado da XX edición outorgou unha mención de publicación; e o recoñecido poeta ceense Rafa Villar, recente gañador do Premio de Poesía Cidade de Ourense, reuniuse a noite do 7 de novembro na sede do Círculo Mercantil e Industrial - Unidade de Fene e acordou por unanimidade outorgar o premio deste ano ao libro [de]construçom de Susana Sánchez Aríns. O libro premiado será publicado pola editorial Espiral Maior.

Susana Sánchez é profesora de lingua castelá que na actualidade desenvolve o seu labor no IES Illa de Arousa; aínda que nada no concello de Vilagarcía de Arousa, dise estradense. Desde o 2006 mantén o blog dedoscomovermes.

O acto de entrega desta XXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé terá lugar o día 22 de novembro ás 20.00 h. no Casino de Fene. O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé convocao anualmente e desde 1987 o Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene coa colaboración do Concello de Fene e a editorial Espiral Maior. Aínda que nos seus comezos o premiado era un só poema en lingua galega ou española, a partir de 2005 o premio pasa a dirixirse de forma específica a libros de poesía en galego de autores inéditos.

 

Arriba

 

No Palexco da Coruña do 4 ao 7 de decembro

Máis de cen empresas e entidades estarán presentes na segunda edición do Cultur.gal

 

(10-Novembro-2008)

 

Culturgal08 A Feira Galega das Industrias Culturais, Cultur.gal, acollerá máis de 100 entidades galegas dedicadas á creación, a distribución e a promoción dos produtos e servizos culturais. Será do 4 ao 7 de decembro no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) da Coruña. Con esta participación de todos os ámbitos profesionais da cultura acádase o obxectivo de consolidar a feira na segunda convocatoria, tras a celebrada o pasado ano en Pontevedra.

Fixeron a súa reserva de espazo como entidades expositoras no Cultur.gal arredor de 75 empresas que impulsan a creación cultural en Galicia nos diferentes sectores. Alí poderán presentar, amosar, promocionar e vender os seus produtos e servizos, dándolle así visibilidade á oferta cultural do país nas súas diferentes versións e soportes. Ademais, outra trintena de entidades, sen participar como expositoras, intervirán na programación da feira presentando a súa actividade nalgúns dos encontros profesionais organizados, como o Foro Letras Vivas de fomento da lectura, a Xornada de presentación de servizos e produtos para a dinamización lingüística, as Xornadas de novas tecnoloxías para coñecer e innovar ou as Xornadas da industria musical. A cifra total de participantes sobe así a máis de 100 entidades, o que fai do Cultur.gal o evento con maior participación do tecido empresarial da cultura.

Continuando co labor iniciado na pasada edición, impulsada pola Asociación Galega de Editores (AGE), a Feira Galega das Industrias Culturais dedícalle un amplo espazo ao sector do libro coa presenza de 21 editoriais. Aumentan esta representación diversas librarías e asociacións como a propia AGE e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

O Cultur.gal pretende converterse nunha referencia imprescindíbel, a xeito de cita anual, dos sectores culturais en ebulición nos últimos anos, como son o da música e o audiovisual. Estes dous sectores estrán representados por máis de 20 entidades, entre elas, a Asociación Galega de Empresas Fonográficas (Agaphono), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), a Asociación de Empresas Galegas de Audiovisual (AEGA), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e o Clúster Audiovisual Galego. Completan os demais sectores acollidos na feira entidades relacionadas coas novas tecnoloxías, como Eganet ou Punto.Gal ; cos servizos técnicos, como BackOrder; coa creatividade, como Ceo Aberto ou Rei Zentolo; coas artes escénicas, como Escena Galega ou Talía Teatro; coa comunicación, como os diferentes medios que participan agrupados na Asociación de Medios Escritos en Galego; ou coa dinamización sociolingüística, como Tagen Ata ou Reverso Servizos Lingüísticos.

[Listaxe de entidades confirmadas]

 

 

Arriba

 

A súa novela Desfeita (Xerais) foi Premio da Crítica no ano 83

Falece aos 77 anos Camilo Gonsar, un dos precursores da Nova Narrativa Galega

 

(10-Novembro-2008)

 

Finou Camilo Gonsar O pasado sábado finou en Vigo, tras unha longa enfermidade, o escritor Camilo Gonsar, un dos nomes máis representativos da Nova Narrativa Galega.

Camilo González Suárez-Llanos naceu en Sarria hai 77 anos. Despois de estudar o bacharelato en Vigo, cursou as carreiras de Filosofía e Dereito en Madrid, experiencia que retratou na súa primeira novela, Como calquera outro día, publicada en 1962. Viviu un tempo en Londres, desde onde se desprazou a Nova York, á Universidade de Syracusa. Desde 1964 traballou como profesor de filosofía en institutos de Lugo, Barcelona, Cangas, Pola de Siero e finalmente de Vigo, onde residiu ata a súa xubilación. O 14 de decembro de 2002 ingresou na Real Academia Galega, cun discurso titulado Sobre a literatura galega: un achegamento subxectivo, que foi respondido por Xosé Luís Franco Grande.

O seu nome está para sempre unido ao que se deu en coñecer como a Nova Narrativa Galega, movemento anovador das nosas letras nos que Camilo Gonsar vai protagonizar un papel sobranceiro, en especial trala publicación de novelas como Cara Times Square no ano 1980, unha das novelas máis exitosas da nosa historia e que contribuíu a entroncar as nosas letras coas grandes tradicións literarias europeas. Na súa escrita, moi probablemente, o escritor de Sarria viuse influído polo seu traballo a finais dos 50 e primeiros sesenta en distintas institucións educativas de Londres e Estados Unidos.

Camilo Gonzar recibe no ano 1983 o Premio da Crítica pola súa novela Desfeita (Xerais) . Outras obras de seu foron Arredor do non (Cumio), Cara a Times Square (Galaxia), Cemento e outras escenas (Nigra), Lonxe de nós e dentro (Galaxia), Como calquera outro día (Galaxia) ou A noite da aurora (Galaxia). Recentemente Galaxia recompilou os seus relatos no volume Relatos completos. 1961-1995, con limiar de Manuel Forcadela.

 

Arriba

 

Celebrouse en Valencia e Sueca entre os días 7 e 9 de novembro

Peche e conclusións da XXV edición do Galeusca

 

(10-Novembro-2008)

 

XXV Galeusca Escritores galegos, bascos e cataláns reuníronse entre o 7 e o 9 de novembro en Valencia para celebrar a XXV edición do Galeusca, primeiro desde a constitución da Federación de Asociacións de Escritores Galeusca.

Organizada conxuntamente polas asociacións de escritores en lingua galega, basca e catalana, o tema central desta XXV edición xirou arredor da  Literatura e a paisaxe do eu, co obxectivo de despregar e afondar na literatura como un espazo de construción do propio suxeito e as súas múltiples concrecións.

Para falar destes aspectos distribuironse o tema en tres sesións de traballo: Sobre paisaxes propias, onde os relatorios centraronse sobre a propia ficción, sobre a propia obra literaria, convertindoos nun espazo de reflexión autobiográfica persoal e colectiva; O dietarismo, unha forma de reflexión, centrada no xénero literario do dietario, baixo as distintas formas, persoal, cultural, literaria, de reflexión persoal e colectiva; e Este experimento que se chama eu, na que se abordaron cuestións de constitución do individuo e da creación da propia subxectividade

A Asociación de Escritores en Lingua Galega estivo representada polos autores Marica Campo, Francisco Castro, Agustín Fernández Paz, Anxos Sumai, Marilar Aleixandre, Isidro Novo, Xerardo Méndez, Carlos Negro, Antía Otero, Mercedes Queixas, Elvira Riveiro Tobío, Xan Arias, Xavier Queipo e Cesáreo Sánchez Iglesias.

Conclusións da XXV edición Galeusca

As asociacións de escritores galegos, bascos e cataláns, reunidos en Valencia e Sueca entre os días 7 e 9 de novembro de 2008, concluiron que:

1. Cómpre continuarmos a traballar na procura da normalidade como creadores e creadoras, malia as nosas situacións sociolingüísticas, políticas e culturais seren adversas.

2. Afirmamos a evidencia de estarmos a vivir unha situación de involución que se manifesta en posicionamentos públicos belixerantes como o “Manifiesto por la lengua común”, entre outros, que xa nos fixeron responder conxuntamente o pasado mes de xullo.

3. Nesta liña, o 15 de xuño constituimos a Federación de Asociacións de Escritores Galeusca para articular accións comúns e dar resposta a actitudes belixerantes como a xa citada e avanzar nun grao de convivencia dentro da diversidade cultural.

4. Isto obríganos a que, logo de 25 anos, debamos reflexionar e reformular o modelo de relación e actuación conxunta. Nesta liña, os noso lazos veranse reforzados coa realización de máis actividades de distinto formato e unha esixencia común ante as diversas institucións implicadas.

5. De maneira especial traballaremos para reformular o marco que nos permita mellorar as condicións de profesionalización e o respecto aos dereitos de propiedade intelectual, e en especial en temas sensibeis como contratos de edición, formatos dixitais e os retos formulados polas novas tecnoloxías, así como o desenvolvemento da lexislación derivada de organismos europeos.

6. Concretando, temos iniciado xa formas de maior relación a través da incorporación de iniciativas como as casas de escritores e escritoras e residencias de creación. E tamén, a incorporación de escritores e escritoras das outras dúas linguas nas actividades propias de cada asociación. Neste sentido, lembramos o recentemente celebrado III Encontro de Novos Escritores, no Pazo de Mariñán (A Coruña), así como a posta en marcha a partir do próximo mes de xaneiro da Casa do Escritor Hugoenea, sita no concello de Pasaia, para uso dos escritores e escritoras das tres linguas. Asemade, a próxima celebración do Congreso de Literatura Infantil e Xuvenil en Mollerussa (Lleida) o vindeiro mes de maio de 2009, exemplos das novas formas de colaboración.

 

Arriba

 

14a edición dos Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil do Porto

Ler ou dar a ler para construír a memoria

 

(10-Novembro-2008)

 

14os Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil Os días 14 e 15 de novembro a Biblioteca Municipal 'Almeida Garrett' do Porto acolle a 14ª edición dos Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil, tendo por tema este ano A memória nos livros: História e histórias. A organización está a cargo da Associação Portuguesa para a Promoção do Livro Infantil e Juvenil (APPLIJ), a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) e a Rede Temática de Literatura Infantil e Juvenil do Marco Ibérico e Consulado Geral da França (LIJMI).

A embaixada literaria galega estará formada por An Alfaya, que participará na conferencia Viagem pelas palavras da memória; a bibliotecaria de Gondomar Concha Costas, que falará sobre as Experiencias locais de comunidades lectoras; Anxela Gracian, que participará na Mesa Redonda Memória e edição de livros infanto-juvenis; Agustín Fernández Paz, que será entrevistado por Xavier Senín e Isabel Soto nunha Mesa de escritores. Amais, presentarase a exposición O Álbum Galego: 25 miradas para unha década (1997-2007) da Consellería de Cultura e Deporte.

[Descargar o programa completo]

 

 

Arriba

 

Organizado pola Concellería de Cultura da Coruña, a Universidade da Coruña e a AS-PG

Homenaxe a Jenaro Marinhas del Valle no centenario do seu nacemento

 

(10-Novembro-2008)

 

Jenaro Mariñas del Valle Este ano celébrase o centenario do nacemento dunha das figuras máis salientábeis da literatura galega do pasado século. Nado o 25 de novembro de 1908 no seo dunha familia vencellada ás reunións da cova céltica, Jenaro Marinhas del Valle destacou na faceta narrativa, poética, ensaística e na dramaturxia.

Nos seus comezos Marinhas del Valle frecuentou as Irmandades da Fala, fundadas na súa cidade natal, A Coruña, en 1933. Alí fundou a Mocedade Galeguista da Coruña, organización que colaboraría xunto ao Partido Galeguista á que pertencía na campaña a favor do Estatuto de Autonomía do ano 1936.

Após da Guerra publicou os seus primeiros traballos en Grial e en Galaxia da man de Francisco Fernández del Riego. Firme defensor da unidade galego-portuguesa, renunciou a un posto da Real Academia Galega. Cando en outubro de 1981 legalízase a AGAL, esta tivo en Marinhas unha das súas persoalidades máis activas e significadas, o que lle valeu para ser membro de honra da mesma. Nos seus derradeiros anos foi recoñecido por diversos colectivos como a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, a Asociación Cultural O Facho ou a Fundación Alexandre Bóveda debido ao seu labor en favor do nacionalismo e pola defensa da lingua galega no ensino.

Entre as súas obras destacan A Serpe (Galaxia), A revolta e outras farsas (Galaxia), Importancia do público na revelación teatral (Ediciós do Castro), A vida escura (AGAL), Ramo Cativo (Sotelo Blanco) ou Lembrando a Manoel Antonio. Ida-epístola ao meu duplo (Xunta de Galicia).

Coincidindo co aniversario, a Concellería de Cultura da Coruña, a Universidade da Coruña e a AS-PG celebran o centenario do nacemento de Jenaro Marinhas del Valle cun amplo programa de actividades ao redor da vida e obra deste intelectual e escritor que se desenvolverán os días 11, 18 e 21 de novembro. Ao longo destas tres xornadas haberá mesas redondas e representacións de obras teatrais escritas por Marinhas del Valle.

Estas actividades complementaranse, no mes de decembro e na Casa Casares Quiroga, cunha exposición que pretende axudar a difundir a vida e a obra deste intelectual galeguista sempre comprometido coa dignificación da nosa cultura.

[Axenda de actividades]

[Máis información sobre Jenaro Marinhas del Valle na web da AGAL]

 

Arriba

 

O 15 de novembro no Muíño do Rañego de Vilalba

Neira Vilas e Anisia Miranda, 'Chairegos de Honra'

 

(09-Novembro-2008)

 

Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, 'Chairegos de honra' Coincidindo co oitenta aniversario de Xosé Neira Vilas, cos 50 anos do nacemento da Editorial Follas Novas de Bos Aires, creada por Xosé Neira e Anisia Miranda e cos 40 anos da primeira edición en Galicia de Memorias dun neno labrego, a Asociación Xermolos de Guitiríz e a Fundación Manuel María nomearán o vindeiro 15 de novembro a Neira Vilas e a Anisia Miranda 'Chairegos de Honra'.

Este recoñecemento, de carácter anual, serve para enaltecer o traballo de persoas que, sen ser nados na Terra Chá, están vencellados a ela dun ou outro xeito. Na edición do pasado ano a galardoada foi a poeta e mestra en Guitiriz Marica Campo.

A cerimonia celebrarase a partires das 12.00 h. no Muíño do Rañego de Vilalba, onde se oficiará unha Mesa Redonda coa participación de Antía Cal, Marica Campo, Isaac Díaz Pardo, David Otero e Ramón Regueira. De seguido haberá un xantar de irmandade no restaurante A Nova Ruta de Vilalba.

Os interesados en asistir ao xantar poden apuntarse no teléfono 646413890 ou no enderezo electrónico xermolos@xermolos.org

 

 

Arriba

 

O evento está organizado pola Universidade de Vigo, o Concello de Ribadeo e a Asociación Cultural Santirso del Eo

A Escola Fermín Penzol chega esta semana a súa carta edición

 

(06-Novembro-2008)

 

4ª Escola Fermín Penzol O Auditorio Municipal de Ribadeo acollerá os días 7 e 8 de novembro a 4ª edición da Escola Fermín Penzol que organiza a Universidade de Vigo coa colaboración do Concello de Ribadeo e a Asociación Cultural Santirso del Eo.

As xornadas serán inauguradas o venres ás cinco da tarde polo rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez e polo coordenador da Escola Fermín Penzol, Xosé Henrique Costas. A conferencia inaugural será pronunciada ás cinco e media da tarde por Suso F. Acevedo e versará sobre Historia e escolma da prosa Eo-Naviae despois presentaráse o libro A herdade que nós temos. Historia e escolma da prosa do Eo-Navia, do escritor e profesor Suso Fernández Acevedo.

Ás seis e media da tarde haberá un recital de poetas de Galicia e da terra Eo-Navia no que participarán Aurora G. Rivas, Lucía Iglesias, Quique de Roxíos, Belén Rico Prieto, Xavier Xil Xardón, Anxo Ratel, Silvia Penas, Eva Moreda e Isaac Subín. Xa para as oito está prevista a representación teatral de A casa de Bernarda Alba pola Escola de Teatro de Ribadeo.

O sábado a xornada dará comenzo ás nove e media da mañá coa conferencia O teatro no Eo-Navia, a cargo de Rita Bugallo. Ás dez e media será a segunda charla do día que pronunicará Carlos X.Varela Aenlle sobre Fotografías antigas do Eo-Navia. Para as doce está prevista unha mesa redonda sobre Presente e futuro da música tradicional en Galicia e no Occidente de Asturias na que intervirán Abel Pérez Méndez, director da Escola de Música Tradicional de Santirso de Abres e Xaquín Xesteira, membro de Treixadura Gaiteiros e profesor de gaita na Universidade Popular de Vigo.

Á unha e media terá lugar unha homenaxe musical e literaria da Escola Fermín Penzol no cemiterio de Castropol; ás catro e media visita guiada polas terras do Eo-Navia e ás nove da noite castañada popular en Teixois, en Taramundi.

 

Arriba

 

Os editores cataláns recoñeceron o seu labor ao fronte do Diario Cultural da Radio Galega

A xornalista e poeta Ana Romaní, premiada polo Gremi d'Editors de Catalunya

 

(05-Novembro-2008)

 

Ana Romaní O Hotel Arts de Barcelona acolleu onte a 23a Nit de l'edició que organiza o Gremi d'Editors de Catalunya co fin de homenaxear aos membros do colectivo editorial catalán que ten destacado e aos profesionais dos medios de comunicación que máis e mellor traballan sobre o mundo do libro e a promoción da lectura.

A xornalista e poeta Ana Romaní, directora do programa Diario Cultural que se emite na Radio Galega de luns a venres de 15.10 h. a 16.00 h., foi galardoada co Premio Atlàntida ao Medio ou Xornalista de Radio. O Diario Cultural é un dos programas diarios de información cultural máis veteranos de radiodifusión galega.

Os outros premiados na noite dos editores cataláns foron José Luis Rodríguez Zapatero, e a Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados; o xornal "El País"; o programa de TV2 "Página 2"; a publicación electrónica "Vilaweb", o semanario 'Presència' e o programa 'Ítaca', da Televisión de Mallorca.

 

 

Arriba

 

Do 7 ao 9 de novembro

Valencia e Sueca acollen a XXV edición dos Encontros Galeusca

 

(03-Novembro-2008)

 

XXV Edición GALEUSCA Organizada pola asociación de escritores en lingua catalana, os encontros Galeusca chegan á súa XXV edición, a celebrar no País Valenciano, nas localidades de Valencia e Sueca.

Trátase do primeiro encontro tras a constitución o pasado 15 de xuño da Federación Galeusca, que agrupa ás asociacións de escritores en lingua catalana, éuscaro e galega.

O tema central desta XXV edición xira arredor da literatura e a paisaxe do eu, co obxectivo de despregar e afondar na literatura como un espazo de construción do propio suxeito e as súas múltiples concrecións. Até que punto cando escribimos sobre os diferentes aspectos que nos rodean non falamos de nós mesmos? Até que punto non nos construímos a partir da reflexión feita na propia obra? Ou á inversa,  cando algúns escritores, reflexionando sobre a propia experiencia, foron capaces de implicar toda unha xeración ou visión do país.

Doutro lado, o suxeito do século XXI é un suxeito cambiante que deu lugar a pseudobiografías ben persoais, xa sexa pola historia vivida e interpretada, xa sexa pola vontade de facerse unha subxectividade en liberdade que se afaste dos estereotipos herdados, un aspecto que tamén inclúe os modelos sexuais prefixados.

Para falar destes aspectos e doutros puntos de vista que o tema suxira, distribúese o tema en tres sesións de traballo:“Sobre paisaxes propias”, onde os relatorios centraranse sobre a propia ficción, sobre a propia obra literaria, convertindoos nun espazo de reflexión autobiográfica persoal e colectiva; “O dietarismo, unha forma de reflexión”, centrada no xénero literario do dietario, baixo as distintas formas, persoal, cultural, literaria, de reflexión persoal e colectiva; e “Este experimento que se chama eu”, abordando temas de constitución do individuo e da creación da propia subxectividade, tamén sexual, sen esquecer as referencias ás novas linguaxes experimentais que levan a cabo as voces máis novas de cada literatura.

Como actividade paralela celebrarase un recital literario coa participación de tres escritores/as de cada unha das tres asociacións.

Os membros e as membros da delegación galega son: Marica Campo, Francisco Castro, Manuel Forcadela, Agustín Fernández Paz, Anxos Sumai, Marilar Aleixandre, Isidro Novo, Xerardo Méndez, Carlos Negro, Antía Otero, Mercedes Queixas, Elvira Riveiro Tobío, Xan Arias, Xavier Queipo e Cesáreo Sánchez Iglesias.

 

Arriba

 

Lareira Literaria

Concha Blanco, Xerardo Pereiro Pérez, Miguel Vila e Xosé Manuel Martínez Oca na Lareira Literaria de novembro

 

(03-Novembro-2008)

 

Lareira Literaria Na Lareira Literaria deste mes contamos coa presenza de Concha Blanco, Xerardo Pereiro, Miguel Vilas e Xosé Manuel Martínez Oca.

Tras resultar gañadora no pasado mes de outubro do premio Pura e Dora Vázquez de literatura infantil e xuvenil co libro Encontros ás agachadas, a escritora ceense Concha Blanco traballa nunha nova obra destinada ao público xuvenil. Na mesma, situacións cotiáns mesturaranse con outras chegadas do Máis Alá coa misteriosa presenza dun gato que terá un papel importante ao longo da trama...

Pasamos da narretiva xuvenil ao ensaio antropolóxico da man de Xerardo Pereiro. O profesor da Universidade de Trás-Os-Montes e Alto Douro ten preparado para o 2009 Turismo cultural: Uma visão antropológica. Un traballo de máis de dez anos que supón un punto de reflexión sobre a relación entre o turismo e a cultura desde unha visión antropolóxica. Este libro será de balde e en formato e-book.

A Lareira entendida en todas as súas acepcións chega ao seu cumio co xornalista e escritor Miguel Vila, autor dunha extensa obra gastronómica e profundo coñecedor e estudoso da cociña galega en todas as súas variantes. Nestes intres ultima a edición e coordinación dun libro sobre o requeixo. Entre os seus futuros proxectos está a revisión do seu Dicionario Galego de Gastronomía publicado en 1999 e un traballo sobre un prato de ricos e de pobres, o caldo galego.

Este é o vicio máis nefando. Escribes porque estás fodido, para que despois, polo que escribiches, te fodan os editores, os críticos, ou o público”. O vicio nefando será a vindeira novela do escritor estradense Xosé Manuel Martínez Oca, que publicará Baía Edicións no primeiro trimestre do 2009. Con esa descrición sobre o título que da unha das personaxes da novela non hai moito máis que engadir dunha novela que sen dúbida dará moito que falar.

 

[Lareira Literaria]

 

 

Arriba

 

» O Instituto Cervantes dedica un espazo web a Ramiro Fonte

» O libro galego ten unha nova cita internacional na XX edición da Feira do  libro de Guadalajara

» A Asociación de Escritores en Lingua Galega ten catalogadas 94 casas de  escritores e escritoras galegos

» Eidos poéticos na lingua e pensamento en Rianxo

» Un club de lectura virtual acercará aos universitarios as literaturas  galegas e portuguesas

» Un acordo entre a Real Academia Galega e a Consellería de Cultura  permitirá a dixitalización dos fondos da institución

» Presentada unha guía para fomentar a expansión dos clubs de lectura  como complemento ao acto de ler

» Inaugúrase a exposición Editar en galego baixo a censura franquista

» Xoguetes póstumos, de Emma Pedreira, gaña o III Premio de Poesía  Erótica Illas Sisargas

» Tui acollerá en decembro o Congreso Álvarez Blázquez

» Cea-Homenaxe a Marcos Valcárcel

» A vida do outro, de Carlos G. Reigosa, obra gañadora do XX Premio de  Narrativa Torrente Ballester

» Susana Sánchez Arins obtén por unanimidade o XXI Premio Nacional de  Poesía Xosémaría Pérez Parallé

» Máis de cen empresas e entidades estarán presentes na segunda edición  do Cultur.gal

» Falece aos 77 anos Camilo Gonsar, un dos precursores da Nova Narrativa  Galega

» Peche e conclusións da XXV edición do Galeusca

» Ler ou dar a ler para construír a memoria

» Homenaxe a Jenaro Marinhas del Valle no centenario do seu nacemento

» Neira Vilas e Anisia Miranda, 'Chairegos de Honra'

» A Escola Fermín Penzol chega esta semana a súa carta edición

» A xornalista e poeta Ana Romaní, premiada polo Gremi d'Editors de  Catalunya

» Valencia e Sueca acollen a XXV edición dos Encontros Galeusca

» Concha Blanco, Xerardo Pereiro Pérez, Miguel Vila Pernas e Xosé Manuel  Martínez Oca na Lareira Literaria de novembro

 

Novas Novembro 2008