|
A
escritora luguesa ocupará a vacante deixada
por Miguel Ángel Arauxo tras o seu falecemento
Margarita
Ledo Andión foi nomeada Académica
electa da Real Academia Galega
(31-Marzo-2008)
O Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o 29
de marzo de 2008, acordou nomear académica electa a dona Margarita Ledo
Andión, para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento do
académico numerario don Miguel Anxo Araúxo Iglesias.
Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, Terra Chá, 1951)
é escritora,
cineasta, é actualmente catedrática de Comunicación Audiovisual na
Universidade de Santiago de Compostela.
Como poeta, publicou dous importantes libros nos primeiros anos da
década dos setenta, dentro dunha estética máis avanzada ca a dominante
naqueles anos, e que en gran medida anuncian camiños que se impuxeron
máis tarde. Margarita Ledo, aínda que a súa activa vida de
profesional da información poida facer esquecelo ás veces, é unha das
personalidades literarias máis interesantes do noso tempo.
Ten publicado numerosos traballos de
investigación sobre o sector audiovisual, nos que entre outros eixos
destacan as culturas minorizadas e o formato documental. Dirixe o
Observatorio do Audiovisual Galego (ODA), preside a Federación Lusófona
de Ciencias da Comunicación (LUSOCOM) e a Asociación Galega de
Investigación en Comunicación (AGACOM), tamén pertence a comisións
executivas e consellos editoriais de diversas entidades e publicacións.

|
|
As
subvencións están destinadas á
edición en soporte impreso, dixital ou audiovisual
A
Secretaría Xeral de Política Lingüística
destina máis dun millón de euros para
proxectos editoriais en lingua galega
(31-Marzo-2008)
A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia unha convocatoria
de axudas para fomentar a elaboración e a publicación de recursos
didácticos curriculares en lingua galega, para niveis non
universitarios. Destínase unha contía máxima de 1.050.000 euros.
A convocatoria de subvencións está destinada á edición, en soporte
impreso, dixital ou audiovisual, de diversos materiais didácticos
curriculares e complementarios, así como á elaboración de material para
a formación de adultos. Este último deberá incorporar as directrices do
Marco europeo común de referencia para as linguas. Os requisitos para poder acceder ás axudas son que as empresas
solicitantes dispoñan dun departamento de edición en Galicia e que os
títulos propostos estean correctamente realizados en galego. Ademais,
os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tiraxe mínima
de 1.000 exemplares e de 500 os editados en soporte dixital ou
audiovisual.
A calidade da obra, a orixinalidade, a adaptación dos contidos ao
currículo establecido, o tipo de contidos, a transversalidade ou a
calidade lingüística serán algúns dos criterios preferentes para a
concesión de subvencións.
A presentación de solicitudes poderá realizarse ata o 31 de abril. O
prazo máximo para a resolución das concesións non poderá exceder de
seis meses, contados a partir do 29 de marzo, o día seguinte ao da
publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

|
|
Encontros
do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 07/08
Responsables
de bibliotecas escolares intentan mellorar estes
recursos educativos nunhas xornadas
(30-Marzo-2008)
Os
vindeiros 3 e 4 de abril celebraranse, na localidade
de Sanxenxo, os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 07/08. Alí se reunirán os responsables das
bibliotecas escolares de todos os centros incluídos neste programa, co
obxectivo de intercambiar informacións e materiais e avanzar na súa
formación nos diversos aspectos da dinamización deste importante
recurso educativo. Ao longo destes encontros vanse analizar aspectos que
afectan e preocupan ás bibliotecas de centros
educativos.
Na
primera xornada o profesor José Antonio Camacho
exporá algúns dos obxectos de estudo
que ven preparando na súa tese de doutoramento:
como avaliar procesos e resultados na biblioteca
escolar. Aprender a ler: ler para aprender
é o título da ponencia da docente
e investigadora María de Lourdes Dionísio.
O director de Xerais e autor do blog Bretemas
Manuel Bragado falará dos blogs e sobre a
lectura en galego no marco da nova literacidade.
Para rematar, obradoiros a cargo de Antón
Castro, Charo Pita e José Fariña e
José Luis Barreiro.
O
venres 4 de abril Villar Arellano, directora da
biblioteca Civican da Fundación Caja Navarra,
mostrará a biblioteca escolar como centro
de recursos para a aprendizaxe e a alfabetización
internacional. Os recursos electrónicos nas
bibliotecas escolares e a súa relación
cos proxectos lectores será o tema a tratar
na conferencia de José Manuel Luque, coordinador
do Plan de Lectura e Biblioteca en Málaga.
A experta en estudos literarios e tecnoloxías
dixitais Laura Borràs intervirá cunha
ponencia sobre o fomento da lectura en contornos
dixitais. Rematará estes encontros o escritor
valencián Gonzalo Moure.

|
|
Darío
Xohán Cabana, Yolanda Castaño, Antía
Otero, An Alfaya, Mona Imai e María Lado
pasarán no mes de abril polo concello cangués
Abril
será o mes do libro en Moaña
(27-Marzo-2008)
A concellería de Cultura e Educación
do Concello de Moaña presenta a programación de Abril, mes
do libro, que organiza a Biblioteca Pública
Municipal de Moaña e a Lonxa Literaria. Ao
longo do mes de abril se desenvolverán recitais
poéticos, tertulias e obradoiros literarios
e contará coa presencia de Darío Xohán
Cabana, Yolanda Castaño, Antía Otero,
An Alfaya, Mona Imai e María Lado.
Mañá
venres haberá dous recitais poéticos
a cargo de Darío Xohán Cabana e Yolanda
Castaño. O poeta de Roás estará
a partir das 11.30 h. na Biblioteca municipal; esta
actividade está dirixida a escolares do concello
de Moaña. O acto de Yolanda Castaño
comezará ás 20.00 h. na Casa da Mocidade.
O
2 de abril, coincidindo co Día Internacional
do Libro Infantil e Xuvenil, as poetas Antía
Otero e Yolanda Castaño realizarán
un recital poético colectivo na Biblioteca
de Moaña. Esta actividade, dirixida tamén
aos escolares, dará comezo ás 11.30
h.
An
Alfaya falará da súa Sombra descalza
(Xerais), premio Lazarillo 2005, nun acto organizado
pola Lonxa Literaria. Na Casa da Mocidade a partir
das 18.00 h.
A
tradutora de A casa das belas adormentadas
(Rinoceronte) Mona Imai, participará ao redor
dunha tertulia literaria da obra do seu compatriota,
o xaponés Yasunari Kawabata. Ás 21.00
h. na Casa de Cultura de Abelendo, nun acto organizado
pola Lonxa Literaria.
A
partir do 20 de abril María Lado impartirá
un obradoiro de creación literaria na Biblioteca
Municipal de Moaña. Os interesados en inscribirse
ten que chamar ao teléfono 986314250.
Abril,
mes do libro rematará cun coloquio-obradoiro
literario na Biblioteca Municipal de Domaio. A duración
do mesmo é de dúas horas e a entrada
é libre. Comezará ás 18.00
h.

|
|
Os
usuarios de Bergondo, Guísamo, Arca e Redondela
contarán desde hoxe con este servizo
A
campaña 'Lendo espero' achega libros a 45
centros médicos galegos
(27-Marzo-2008)
A
campaña de fomento da lectura
‘Lendo espero’ chega a 45 centros médicos de toda Galicia co obxectivo de
promover este hábito entre todos os públicos. Este ano son 16 os
concellos inscritos no programa que se leva desenvolvendo de forma
estable dende o 2006 e que desde hoxe se instalará en Bergondo, Guísamo, Arca
e Redondela.
Especialmente dirixido aos cativos e cativas,
‘Lendo espero’ distribúe libros de diverso tipo nas salas de espera dos
servizos de pediatría nas distintas localidades galegas dende o 2006.
Esta iniciativa permitirá
introducir os libros na vida dos nenos e nenas como forma de
entretemento e por outra banda, búscase aproveitar o encontro de pais e fillos para
ler e demostrarlles aos pais a importancia da lectura como unha forma
de distracción e a riqueza que conleva.
Nos servizos de pediatría diporase dun punto de lectura, con libros e
información sobre as condicións de uso. Os usuarios poderán coller os
libros libremente, que estarán dirixidos, principalmente, a idades
novas e conterán abondosas imaxes. Para o mantemento cotiá e a
actualización dos fondos, a Consellería contará coa colaboración das
bibliotecas municipais.
Os últimos en acoller está campaña durante este ano foron Oleiros,
Rianxo, Carballo, Cedeira, Poio, Meis e Illa de Arousa. E está previsto
que a inclúan Bergondo, Guísamo, Arca, Redondela, Monterroso, Barbadás,
Xunqueira de Ambía, Caldas de Reis, Cuntis e Salvaterra do Miño.

|
|
Os
premios, dotados con 15000 euros, serán seleccionados
por un xurado formado por quince membros de recoñecido
prestixio
Créanse
os Premios Nacionais da Cultura Galega
(24-Marzo-2008)
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou esta
mañá no CGAC os Premios Nacionais da Cultura Galega, acompañada polos
quince membros do xurado que elixirán as dez modalidades dos galardóns:
Arquitectura e Espazos Públicos, Artes Visuais, Artes Escénicas,
Literatura, Música, Patrimonio Cultural, Pensamento e Cultura
Científica, Cine e Audiovisual, Iniciativa Cultural e Cultura
Tradicional e de Base.
Cultura convoca estes Premios
coa finalidade de facer unha mención pública a aquelas persoas ou
colectivos que se teñan destacado no enriquecemento da cultura galega,
tanto coas súas obras como coa súa participación en distintas
iniciativas no eido da creación ou do fortalecemento do noso patrimonio
cultural, tal e como aparece hoxe no DOG.
As candidaturas poderán ser presentadas polos membros do xurado e tamén
por institucións, entidades culturais e profesionais relacionadas coas
actividades artísticas, culturais e patrimoniais obxecto de cada
premio. Estes
galardóns convocaranse con carácter anual a partir deste ano e cada
categoría está dotada con 15.000 euros. Os premios recaerán
preferentemente en persoas –físicas ou xurídicas, que teñan destacado
por unha obra ou actuación desenvolvida no ano anterior ou en
recoñecemento do conxunto dunha traxectoria.
Todos os premios serán adxudicados por un xurado único, formado por 15
profesionais de recoñecido prestixio e representativos de cada sector
da cultura nas actividades obxecto dos respectivos premios. Son os
seguintes:María Xosé Agra Romero, Rosario Álvarez Blanco, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luis Barreiro Rivas, Xosé Manuel Buxán Bran, María Bouzas, Domingo Docampo Amoedo,
Laura Tato Fontaíña, María Isabel Fraga Vila, Celestino García Braña, Ana Romaní Blanco,
John Rutherford, Felipe Senén López Gómez, Xurxo Souto
e Ramón Villares Paz.
[Máis
información]

|
|
Rosalía
de Castro e Celso Emilio Ferreiro inauguran esta
nova liña editorial
Trece
Lúas, nova iniciativa editorial de Faktoría
K
(24-Marzo-2008)
Trala
recente conmemoración -o 21 de marzo- do
Día Mundial da Poesía, Faktoría
K presenta unha nova iniciativa editorial, a colección
Trece Lúas, que se inaugura con senllas
escolmas poéticas de dous dos autores máis
sobranceiros na Historia da Literatura Galega: Rosalía
de Castro e Celso Emilio Ferreiro. Dous libros con
páxinas despregables que conteñen
trece poemas cada un, ilustrados por Belén
Padrón e Baldo Ramos, respectivamente. Poesía
visual para ler pausadamente, meditar e contemplar
placidamente sobre un atril, para que os seus versos
e estampas inunden o espírito do lector.
Mañá
martes, 25 de marzo, ás 20 horas na Libraría
Couceiro de Santiago (Praza de Cervantes, 6) celebrarase
un acto de presentación no que van participar
a presidenta da Fundación Rosalía
de Castro, Helena Villar, o crítico literario
Ramón Nicolás, especialista na obra
de Celso Emilio Ferreiro, e o artista Baldo Ramos.
Un recital de poesía e música, para
achegarnos á vida e á obra dos autores.
Belén
Padrón dálle forma e cor a cada poema
de Rosalía, plasmando nas súas ilustracións
a súa visión do imaxinario ‘rosaliniano’.
Imaxes de contido onírico e simbólico
sobre o desamor, a morriña, a beleza da paisaxe,
a vida da paisanaxe, as inxustizas sociais, a saudade
e o desacougo interior. Baldo Ramos -natural de
Celanova, coma Celso Emilio Ferreiro- presenta unha
sucesión de imaxes de estilo surrealista,
formato caligráfico, cunha mestura cromática
na que contrastan negro, branco, vermello, amarelo,
lila e granate.

|
|
O
congreso se desenvolverá entre nos días
24 e 28 de marzo
Especialistas
de carácter internacional xuntaranse en Compostela
para analizar a literatura e a iconografía
do Camiño de Santiago
(21-Marzo-2008)
A Universidade
de Santiago de Compostela acolle o Congreso Internacional
In marsupiis Peregrinorum. Circulación
de textos e imaxes arredor do Camiño de Santiago
na Idade Media. Este Congreso inscríbese no marco do Programa de
Doutoramento Europeo en Filoloxía Románica que a Universidade de Santiago de
Compostela mantén coas Universidades de Milano, Zürich, Paris IV-Sorbonne, Pavia
e Siena. Nas xornadas de traballo previstas, concibidas desde unha perspectiva
multidisciplinar, participarán especialistas en historia, arte e literatura, así
como na lingua e no imaxinario que se construíu arredor do Camiño de Santiago
durante a Idade Media.
O Congreso dividirase en dúas partes
diferenciadas: unha primeira sección, integrada por unha serie de
relatorios nos que especialistas internacionais abordarán os temas obxecto de
estudo desde diferentes perspectivas, e unha segunda, na que os
doutorandos que desexen participar activamente no encontro tomarán a iniciativa
con comunicacións e mesas redondas, apoiados por estudosos expertos que abrirán
ou pecharán as xornadas.
O obxectivo último do Congreso é
fomentar o intercambio de experiencias entre especialistas de diversos ámbitos e
fomentar, así mesmo, a convivencia entre investigadores expertos nos campos da
historia, da arte, da lingua, da literatura e da cultura na súa relación co
Camiño de Santiago e novos investigadores que inician a súa actividade nestes
campos de estudo. [Máis
información]

|
|
Dentro
de pouco aparecerá unha segunda fase dirixida
ao pública máis novo
A
Consellería de Cultura e Deporte presenta
Praza das Letras, un portal para a promoción
do libro galego e a lectura
(14-Marzo-2008)
A Consellería de Cultura e Deporte presentou hoxe o portal en
Internet ‘PrazaDasLetras.org’, un proxecto creado para ser o referente
do libro galego en Internet. Este portal web integra toda a información
relacionada co sector do libro e nace para converterse na ferramenta de
referencia para coñecer e complementar as campañas e as políticas de
fomento da lectura e promoción do libro que desenvolve a Consellería.
Este portal dá
continuación á revista en soporte papel, da que xa se editaron catro
títulos. Funcionará como aglutinador na Rede das diferentes accións que
a Consellaría leve adiante para desenvolver o Plan de Fomento do Libro
e a Lectura, que Cultura presentou en outubro de 2007 e para o que hai
previsto un investimento de 50 millóns de euros ata o 2011.
‘PrazaDasLetras.org’ conta coa participación e o apoio de todos os
colectivos implicados no sector do libro. Busca dinamizar a actividade
social, creativa e económica do sector do libro e da lectura, e quere
ser a parte visible dunha estratexia que a Consellaría desenvolve no
mundo real para potenciar a industria editorial galega e os hábitos
lectores na sociedade. Na web destaca a amplitude dos contidos, con
información e recursos de utilidade para os lectores e as lectoras, os
propios axentes do sector e as administracións e entidades que
participan no fomento da lectura.
O portal conta cun extenso catálogo de autores en lingua galega, no que
aparecen máis de 850 escritores, ilustradores e tradutores, dos que
nuns casos se achegan datos básicos e noutros se inclúen reseñas
biográficas máis completas. Outro catálogo reúne arredor de 350
referencias editoriais en galego, coas últimas novidades e títulos
clásicos en narrativa, teatro, poesía e ensaio. Estes dous catálogos
serán ampliados progresivamente. Complétanse coa relación das
editoriais galegas e das asociacións que agrupan aos principais actores
do sector.
A sección de actualidade da web inclúe noticias relacionadas co libro
galego, áreas específicas dedicadas aos premios literarios e ás feiras
do sector, e unha completa axenda con todos os eventos arredor do libro
que se celebran en Galiza: presentacións, obradoiros, tertulias,
feiras, salóns, certames e outras actividades.
O portal conta cunha sección titulada ‘Coa lectura’, na que se engloban
contidos máis en profundidade, como entrevistas cos autores e outros
protagonistas do mundo editorial, reportaxes e dosieres sobre temas
específicos. Tamén hai espazo para as recomendacións literarias. En ‘Le
comigo’, personaxes de diferentes ámbitos da vida social galega
responden preguntas sobre as súas lecturas pasadas, presentes e
futuras. E en ‘Lecturas temáticas’, escritores e expertos recomendan
seleccións de libros galegos para achegarse a diferentes temas. Por
último, hai nesta sección un lugar para os ‘Clubs de lectura’, no que
aparecen aqueles que en Galiza ou noutros lugares do mundo se realizan
arredor do libro galego.
A última sección da web leva por nome ‘En acción’ e permite coñecer a
industria editorial e as campañas e políticas de fomento do libro e a
lectura. Nesta sección relaciónase a lexislación que concerne ao
sector, as diferentes campañas desenvolvidas pola Consellaría de
Cultura para fomentar a lectura e datos e análises sobre a situación do
sector. O espazo ‘Vendendo fóra’ dá conta das iniciativas para a
internacionalización do libro galego, con información sobre as
diferentes propostas e axudas. E en ‘Recursos na rede’ engádese unha
ampla relación de sitios web vinculados ao libro.
Está prevista unha segunda fase de desenvolvemento da web encamiñada a
incentivar a participación, cunha sección pensada para público infantil
e xuvenil, con novidades editoriais e ferramentas para achegar o ámbito
da lectura e da creación aos máis novos. O bloque máis interactivo da
web completarase cunha editora virtual, pensada para incentivar a
creación.
[Máis
información]
[Praza
das Letras]

|
|
Os
galardóns entregaranse na Cea das Letras,
á que asistirá Nancy Morejón
"Escritora Galega Universal"
A
AELG da a coñecer os finalistas dos premios
que outorga a asociación neste 2008
(12-Marzo-2008)
A
Asociación de Escritores en Lingua Galega
deu a coñecer hoxe os finalistas dos premios
AELG 2008 que se celebrará na tradicional
Cea das Letras o 26 de abril. A AELG recoñecese así a
mellor obra publicada no 2007 en cadanseu xénero: Literatura Infantil e Xuvenil (en colaboración con Gálix, cuxos
socios/as tamén votarán nesta categoría), Literatura
Xornalística (que premiará o/a autor/a coa mellor traxectoria xornalística no
2007, e para cuxa elección tamén se contará cos votos dos/as membros do Colexio
de Xornalistas), Tradución, Teatro, Narrativa, Ensaio e Poesía.
Esta é a listaxe de
finalistas dos Premios AELG 2008 correspondentes a cada xénero:
Literatura Infantil
e Xuvenil
-
Illa soidade (Xerais) de An
Alfaya.
-
Rinocerontes e quimeras (Tambre) de Marcos
S. Calveiro.
-
Boas noites (Xerais) de Paula Carballeira.
-
A lagoa das nenas mudas (Xerais) de Finda
Casalderrey.
-
Libro das alquimias (Galaxia) de Xesús
Constela.
-
Minimaladas (Xerais) de Carlos López.
-
O único que queda é o amor
(Xerais) de Agustín Fernández Paz.
-
Saladina (Galaxia) de Xavier Queipo.
Poesía
-
Ortigas (Espiral Maior) de Xiana Arias.
-
Sextinario: trinta e seis + tres (Sotelo
Blanco) de Marica Campo.
-
Hai cu (Xerais) de O Leo
-
Diccionario do estremecemento (Espiral maior)
de Migual A. Fernán-Vello.
-
Miño (Espiral Maior) de Francisco
X. Fernández Naval.
-
Morte do mar (Baía Edicións)
de Paulino Pereiro.
-
Cólera (Xerais) de María Xosé
Queizán.
Teatro
-
Crío-Xénese (Laiovento) de
Afonso Becerra.
-
Comedia bífida (Galaxia) de Manuel
Núñez Singala.
-
Ciclo de Marte (Linteo) de Millán
Picouto.
Ensaio
-
De provincia a nación (Xerais) de
Justo G. Beramendi.
-
Arte e parte. Dos patriarcas á arte suicida
(Galaxia) de Xurxo Borrazás.
-
Querer, crer, entrever (Laiovento) de Carlos
P. Martínez Pereiro.
Tradución
-
Fuxir (Galaxia) de Jean-Philippe Toussaint
e traducido por Carmen e Mª Dolores Torres
París.
-
O castelo branco (Galaxia) de Orhan Pamuk
e traducido por Eva Almazán.
-
Poemas canónicos (Rinoceronte) de
Konstantinos Kavafis e traducido por Yolanda Vilarchao.
-
O muiñeiro ouveador (Rinoceronte)
de Arto Paasilinna e traducido por Tomás
González Ahola.
Narrativa
-
As palabras da néboa (Galaxia) de
Francisco Castro.
-
Trinta e dous dentes (Galaxia) de Xavier
López López.
-
O soño da febre (Galaxia) de Miguel
Anxo Murado.
-
O señor Lugrís e a negra sombra
(Xerais) de Luís Rei Núñez.
-
Os ollos de K (Galaxia) de Antón Riveiro
Coello.
-
Made in Galiza (Galaxia) de Séchu
Sende.
-
Así nacen as baleas (Galaxia) de Anxos
Sumai.
Literatura
xornalística
Rosa Aneiros, Xosé Carlos Caneiro, Alfredo Conde, Bieito Iglesias, Gustavo Luca
de Tena, Manuel X. Neira, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Pereiro e Manuel
Rivas
O Premio AELG Internacional 2008, “Escritora Galega
Universal”, recaeu por decisión da Asemblea Anual de Socios/as na figura da
escritora cubana Nancy Morejón, que estará entre nós no mes de abril, asistindo
o sábado día 26 de dito mes á Cea das Letras, durante a que se entregarán os
galardóns. Así mesmo, a Asemblea aprobou conceder o Premio AELG para
Institucións 2008 á Mostra de Teatro de Ribadavia.
[Ver
os gañadores do ano pasado]

|
|
Na
nosa lyngoage galega recolle as actas do simposio
organizado en 2005 polo ILGA en colaboración
co Consello da Cultura galega
A
USC e o Consello da Cultura Galega presentan un
libro sobre a emerxencia do galego como lingua escrita
no medievo
(12-Marzo-2008)
Onte
presentouse no Consello da Cultura Galega o libro Na nosa lyngoage galega. A
emerxencia do galego como lingua escrita na Idade Media, que recolle
as actas do simposio organizado en novembro de 2005 polo Instituto da
Lingua Galega en colaboración co Consello da Cultura. A obra, que segundo Rosario
Álvarez, directora do ILG, “supón un fito nos estudos sobre o galego
histórico” é tamén unha homenaxe ao profesor e investigador Ramón
Lorenzo por parte dos seus compañeiros do ILG.
O volume, de case setecentas páxinas e
editado por Ana Boullón, reúne estudos que abordan o contexto histórico
e cultural, a relación entre o latín e o romance, a escrita do romance
no ámbito peninsular e diferentes aspectos da emerxencia do romance
escrito en Galicia na época baixomedieval. Son traballos feitos por
especialistas da Universidade de Santiago e doutras universidades
españolas e europeas que analizan desde dinstintas perspectivas
(histórica, paleográfica e lingüística) as circunstancias que fixeron
posible o inicio da escrita en galego na Idade Media. Os traballos
consideran asemade as situacións do noso contorno xeográfico e
lingüístico (Portugal, Castela e Cataluña) e o encadramento no ámbito
europeo.
A
expresión que lle dá título ao libro, “No nosa lyngoage galega”,
procede do regulamento do gremio compostelán dos Cambeadores redactado
en 1490 e exhumado por José Villaamil en 1907. Nel dise ao cambeador
que non utilice “ninguna lenguaje estranjera, aynda que a sabea, saluo
NOSA LYNGOAGE GALEGA OU CASTELLANA”, segundo explicou Ana Boullón. Esa
disposición é a primeira que regula o uso institucional do galego e o
castelán, pero non a máis antiga, documentada en 1290. En calquera
caso, apunta Boullón, trátase de indicios “que falan da identificación
dun grupo lingüístico que foi asentando a súa especificidade desde os
albores da Idade Media”.O presidente do Consello da Cultura
Galega, Ramón Villares, que presidiu o acto, gabouse do traballo feito
polo ILG e da colaboración prestada polo Consello. Felicitou tamén a
Ramón Lorenzo a quen se referiu como “un rei no estudo da lingua
galega”. [Máis
información]

| |