|
Os
nomes dos gañadores o vindeiro 7 de xuño
na Illa de San Simón
Finalistas
dos Premios Xerais 2008
(31-Maio-2008)
Tras
a súa primeira sesión de deliberación, celebrada na tarde de hoxe, os
xurados dos Premios Xerais 2008 declararon as obras finalistas nas tres
modalidades.
O xurado da
25ª edición do Premio Xerais de Novela,
formado polos escritores Xabier Puente Docampo, Xosé Miranda, Santiago
Jaureguizar, Uxía Casal, Estíbaliz Espinosa e Francisco Alonso
Villaverde (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto,
entre as cincuenta e catro obras participantes, declarou finalistas as
presentadas baixo os seguintes lemas: As sereas de Tubinga, Flora
da xunqueira e Memoria de sal.
O xurado da
3ª edición do Premio Fundación
Caixa Galicia de Literatura Xuvenil,
formado por Isabel Bilbao Freire (responsable de acción externa da
Fundación Caixagalicia), Xabier Senín Fernández (profesor e tradutor),
Andrea Maceiras Lafuente (estudante de Filoloxía), Antonio Piñeiro
Rodríguez (estudante de 3º da ESO, CEIP Alfonso VII de Caldas de Reis),
Einés Monteagudo Vilavedra (estudante de 3º da ESO do IES de Ames) e
Xosé Manuel Moó Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz
e sen voto, entre as vinte e oito obras participantes, declarou
finalistas as presentadas baixo os lemas: Eu son ti, O derradeiro
inverno e Tusitala.
O xurado da
23ª edición do Premio Merlín
de literatura infantil,
formado por Manuel Figueiras Fernández (profesor e responsable da BLIX,
Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil), Adolfo Gálvez Pazos
(profesor e responsable de Biblioxest), Beatriz Pereiro Pérez
(profesora), Óscar Villán (ilustrador), Laura Sáez Fernández (tradutora
e intérprete) e Helena Pérez Fernández (editora), en representación de
Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes,
declarou finalistas as presentadas baixo os lemas: Cómpre botar unhas
palabriñas máxicas, Indanonseiben,
Paspallasazul e XX27/ni-0.
Os tres xurados determinarán as obras
gañadoras, nunha vindeira reunión, a celebrar o sábado 7 de xuño. A
festa de fallo dos premios terá lugar no serán dese mesmo día e, como
en edicións anteriores, na illa de San Simón.
|
|
|
|
Os
dez galardoados dos Premios Nacionais recibirán
os premios nunha gala que se celebrará en
Santiago de Compostela o 14 de xuño
Manuel
Lourenzo, Premio Nacional da Cultura
Galega en Artes Escénicas
(31-Maio-2008)
O xurado dos Premios Nacionais da Cultura Galega outorgou
onte tres novos
galardóns, os únicos que faltaban por coñecer. Os premiados son
Mercedes Peón (Música), Manuel Lourenzo (Artes Escénicas) e o
Laboratorio de Formas (Iniciativa Cultural). Os dez galardonados
recibirán os premios nunha gala que terá lugar en Santiago o sábado 14
de xuño.
Na categoría de Artes Escénicas, os membros do xurado escolleron como premio nacional ao polifacético
Manuel Lourenzo,
por ser o pai do teatro independente galego e destacar como actor,
director, dramaturgo, autor de textos teatrais e ademais desenvolver un
importante traballo de base como profesor. Ademais de varios traballos para
a radio, a televisión e o cinema, coordenou
xunto con Francisco Pillado varias publicacións,
como os Cadernos da Escola Dramática Galega,
o Caderno do Espectáculo da Compañía
Luís Seoane, Castrodouro-Teatro,
Elsinor-Teatro e na actualidade a Revista
Casahamlet. Ambos son autores tamén de
varios estudios sobre a historia da nosa dramática,
como O teatro galego (Ediciós do Castro),
Antoloxía do teatro galego (Ediciós
do Castro) e Dicionário do teatro galego
(Sotelo Blanco).
O
teatro de Manuel Lourenzo volve aos temas da traxedia
grega para denunciar situacións da historia
recente. Lourenzo é autor de máis
de cincuenta obras dramáticas, entre as que
se atopan Traxicomedia do vento de Tebas namorado
dunha forca (Ediciós do Castro), As
criadas, Defensa de Helena (Sotelo Blanco),
Electra (Cadernos da Escola Dramática
Galega), Últimas faíscas de setembro
(Deputación da Coruña), Veladas
indecentes (Laiovento) e Insomnes (Biblioteca-Arquivo Teatral "Francisco Pillado Mayor").
Verqueu ao galego pezas dos clásicos gregos
e de autores como Goethe, Büchener, Fassbinder
e Heiner Müller e levou a escena a dramaturgos
como Sófocles, Eurípides, Puschkin,
Chekov, Strindberg, Brecht e Genet, e a autores
galegos como Castelao, Cunqueiro, Otero Pedrayo,
Euloxio R. Ruibal, Xesús Pisón, etc.
O seu labor como escritor e director teatral foi
recoñecido con máis dunha vintena
de premios, entre os que se atopan o Premio Abrente,
o Facho de poesía, o Celso Emilio Ferreiro
de Poesía, o premio do Festival Internacional
de Teatro de Ribadavia ao mellor director, o Rafael
Dieste en dúas ocasións, o Premio
Nacional de Literatura Dramática e o Pedrón
de Ouro.
Con estes novos tres recoñecementos, xa está completa a listaxe de
galardóns dos Premios Nacionais da Cultura, que queda como segue:
Arquitectura e espazos públicos: Manuel Gallego Jorreto
Artes escénicas: Manuel Lourenzo
Artes visuais: Francisco Leiro
Cine e audiovisual: Margarita Ledo
Cultura tradicional e de base: Museo do Pobo Galego
Iniciativa cultural: Laboratorio de Formas
Literatura: Xosé Luís Méndez Ferrín
Música: Mercedes Peón
Patrimonio cultural: Remodelación urbana de Pontevedra
Pensamento e cultura: Francisco Díaz-Fierros.
A
Consellería de Cultura convoca estes Premios coa finalidade de facer unha mención
pública a aquelas persoas ou colectivos que se teñan destacado no
enriquecemento da cultura galega, tanto coas súas obras como coa súa
participación en distintas iniciativas no eido da creación ou do
fortalecemento do noso patrimonio cultural. Os seleccionados foron
escollidos entre as máis de 200 candidaturas presentadas, ademais das
propostas polos propios membros do xurado. Os galardóns, de carácter
anual, teñen unha dotación de 15.000 euros.
|
|
|
|
Ao
longo de catro días o pazo de Mariñán
convertirase nun foro para o diálogo e o
intercambio de opiniónse experiencias
V
Diálogos Literarios de Mariñán
(29-Maio-2008)
O
Pazo de Mariñán, na localidade coruñesa
de Bergondo acollerá, do 4 ao 7 de xuño
os xa tradicionais Diálogos
Literarios,
onde se abordará a diversidade das literaturas
ibéricas e que nesta edición alcanza
a súa quinta edición. Ademáis
serven, en palabras de Kristina Berg, para facer
"xustiza á memoria de Carlos Casares".
De feito, é a Fundación Carlos Casares,
co patrocinio da Deputación da Coruña,
titular do Pazo quen, dentro das actividades que
desenvolven, organiza este foro para o diálogo e o
intercambio de opinións e experiencias entre escritores, críticos,
tradutores, editores, profesores e políticos procedentes de Galicia,
España, Portugal e Iberoamérica, nun ambiente no que se
prioricen valores como a pluralidade, a tolerancia e a convivencia.
Os Diálogos artéllanse en sesións de mañá e tarde ao longo de varias
xornadas. En cada unha delas, dous convidados, moderados por un
terceiro, expoñen cadanseu relatorio, logo do cal principia unha quenda
de coloquio entre todos os asistentes a partir das suxentións que
propicia a temática particular de cada sesión e os enfoques das
intervencións previas.
O
programa dos V Diálogos de Mariñán,
coordinados nesta ocasión polo escritor e
crítico Román Raña, é
o seguinte:
4 xuño, mércores
20.00
h. Conferencia de apertura: Título por concretar
Acto público
no Centro Sociocultural Caixa Galicia, A Coruña (r/ Médico Rodríguez, 2 - 4):
Lasse Söderberg
5 xuño, xoves:
10.00
h. – 11.15 h. Ollos novos.
Con Inma López Silva
e Rexina Vega. Moderador, Carlos L. Bernárdez
11.15
h. – 11.30 h. Café
11.30
h. – 13.00 h. Faladoiro
13.30
h. Acto de inauguración: coa presenza de representantes das institucións organizadoras e patrocinadoras
14.15
h. Xantar inaugural
17.00 h.
– 18.15 h. Outras palabra.
Con Joan Margarit
e Fernando Pinto do Amaral. Moderadora, Dolores Vilavedra
18.15 h.
– 18.30 h. Café
18.30 h.– 20.30
h. Faladoiro
21.00
h. Cea
6 xuño, venres:
10.00 h. – 11.15 h. Letras da vida. Con
Gustavo Martín Garzo e Xosé Miranda. Moderador, Manuel Bragado
11.15 h. – 11.30 h. Café
11.30 h. – 13.30 h. Faladoiro
14.15 h. Xantar
17.00 h. A arquitectura e os xardíns
pacegos de Mariñán. Visita ao Pazo de Mariñán guiada por Álvaro Trillo,
enxeñeiro de montes e investigador
20.00 h. A vida como festín. Acto
público. Auditorio da sede da Fundación Caixa Galicia, A Coruña (Cantón Grande,
21-24). Con Juan Cruz e Bieito Iglesias. Moderador, Ramón Nicolás
21.30 h. Cea n’A Coruña
7 xuño, sábado:
10.00 h. – 11.15 h. Mirada norte. Con
Iban Zaldua e Darío Xohán Cabana. Moderador, Gonzalo Navaza
11.15 h. – 11.30 h. Café
11.30 h. – 13.30 h. Faladoiro
14.15 h. Xantar
17.00 h. – 18.15 h. Lembranzas de
poesía. Con María do Carmo Kruckenberg e Manuel Álvarez Torneiro.
Moderador, Luís González Tosar
18.15 h. – 18.30 h. Café
18.30 – 20.30: Faladoiro
21.00: Cea
|
|
|
|
O
escritor ourensán é unha das figuras
fundamentais na segunda metade do século
XX
Méndez
Ferrín, primeiro Premio Nacional da Cultura
Galega en Literatura
(28-Maio-2008)
O xurado dos Premios Nacionais da Cultura Galega
outorgou o galardón Premio Nacional da Cultura Galega na categoría
de Literatura a Xosé Luís Méndez
Ferrín.
O xurado dos Premios Nacionais destacou do escritor ourensán a calidade da súa
obra, mantida ao longo de varias décadas, que o fai un escritor
recoñecido a nivel internacional. Méndez Ferrín é a figura fundamental
da literatura galega na segunda metade do século XX. Protagonizou o
cambio de rumbo das nosas letras nas décadas dos sesenta e os setenta,
con obras como o poemario Con pólvora e magnolias (Xerais) e o libro de relatos
O crepúsculo e as formigas (Xerais). Foi quen de construír unha voz propia e
inconfundible, na que conviven realismo, fantasía e simbolismo. O seu
forte compromiso político e coa lingua plásmanse nas súas creacións,
tanto narrativas como poéticas.
Hoxe
tamén falláronse o Premios Nacionais da Cultura Galega
en Pensamento e Cultura Científica, que foi
concedido ao edafólogo Francisco Díaz-Fierros
e o premio no apartado de Patrimonio Cultural, que
recaeu na remodelación urbana de Pontevedra.
ANteriormente xa foron premiados Manuel Gallego Jorreto
(Arquitectura e Espazos Públicos), o escultor
Francisco Leiro (Artes Visuais), a profesora Margarita Ledo (Cinema e
Audiovisual) e no Museo do Pobo Galego (Cultura Tradicional e de Base).
Nos próximos días daranse a coñecer os tres premios restantes: Artes
Escénicas, Música e Iniciativa Cultural.
|
|
|
|
Os
actos de homenaxe serán o sábado 31
de maio ás 12.00 h. coa presenza de Manuel
Taboada, Xosé Neira Vilas e Víctor
F. Freixanes
O
Concello de O Pino nomea a Luís Seoane como
Fillo Predilecto a título póstumo
(28-Maio-2008)
O Auditorio da Casa da Cultura de O Pino acollerá, o sábado
31, o acto de nomeamento de Luis Seoane como Fillo Predilecto de O
Pino, entregado a título póstumo. A iniciativa foi aprobada nun pleno
celebrado o pasado 26 de marzo, a proposta da Concellería de Educación
e Cultura, e cos votos a favor dos tres grupos municipais, que
coincidiron en resaltar a importante relación que Seoane tivo con O
Pino, en concreto con Arca, plasmada en debuxos e textos. A pesar de
non ter nacido no concello, súa nai sí era de Arca, e el pasou nesta
parroquia boa parte da súa infancia e xuventude. Cando volveron de Bos
Aires-tiña Seoane 6 anos-seus pais herdaron unha leira en Arca e
construíron a casa familiar-que aínda hoxe está en pé- xusto diante de
onde se ubica o Albergue de Peregrinos do Pedrouzo. Un inmoble que lles
foi arrebatado na Guerra Civil, por pertenceren ó bando republicano.
Os
actos de homenaxe terán lugar o sábado, 31 de maio, ás 12.00
h.
na Casa da Cultura. Intervirán, ademais do Alcalde, Manuel Taboada, un
home que é toda unha referencia na cultura galega e ademais foi amigo
de Seoane, Xosé Neira Vilas, que suple a ausencia doutro dos grandes
amigos do galeguista, Isaac Díaz Pardo, a quen as súas obrigas no
Padroado do Museo do Pobo Galego impiden a asistencia a esta cita.
Tamén intervirá o profesor e director de Galaxia, Víctor Freixanes. Ás
súas intervencións hai que sumar o descubrimento do nome que, a
partires desa data, terá a Casa da Cultura, que oficialmente pasará a
denominarse como Centro Sociocultural Luis Seoane.
Queda
así testemuña da importante e constante relación que Seoane tivo
unha importante e constante relación con
Arca xa que, ademais da etapa vivida aquí, constantes visitas unha vez
rematado o seu exilio e o manuscrito Cierro los ojos y veo,
que escribiu no ano 1978, apenas un antes de morrer, e onde pón de
manifesto as súas orixes. Un texto que tamén contén algúns debuxos do
autor, relacionados con Arca e co seu entorno.
|
|
|
|
O
xurado valorou a contemporaneidade e a súa
aposta pola renovación da escrita
Construcións,
de Eduardo Estévez, XIV premio de poesía
"Miguel González Garcés"
da Deputación da Coruña
(27-Maio-2008)
A obra titulada Construcións, do poeta Eduardo Estévez, resultou
gañadora do XIV premio de poesía "Miguel González Garcés", instituído
pola Deputación da Coruña. O presidente da institución provincial,
Salvador Fernández Moreda, foi o encargado de dar a coñecer a decisión
do xurado, que seleccionou entre as 55 obras presentadas o poemario
Construcións, presentado baixo o lema "Ramón Caaveiro".
Eduardo Estévez, nado en Bos Aires e residente na actualidade na
cidade da Coruña, xa obtivo un accésit na VII edición deste premio de
poesía, correspondente ao ano 1997, pola súa obra Só paxaros sairon
desta boca.
O
premio "Miguel González Garcés" está considerando como un dos máis
importantes galardón poéticos de cantos se convocan en Galicia. Ademais
da dotación económica, a Deputación da Coruña edita a
obra gañadora na súa colección de poesía, que xa ten 25
títulos, aos que se suman os dous que se incorporarán nos vindeiros
meses como resultado desta nova edición do certame. Trátase, segundo
Fernández Moreda, dunha das mellores coleccións de poesía galega
contemporánea.
Pola súa banda, o voceiro do xurado, Manuel Forcadela, afirmou que
a selección do gañador tivo lugar tras un intenso debate por parte do
xurado, "que valorou a contemporaneidade da súa escrita e a aposta do
autor pola renovación da nosa tradición estética", así como "a liña de
construción expresiva" da obra "na que se pode advertir unha
proximidade do cotián". O comisario do premio, Xavier Seoane, destacou a elevada
participación coa que contou esta edición do certame e destacou o
prestixio dos integrantes do xurado. Seaone subliñou tamén a variada
estética das obras presentadas, "o que demostra a boa saúde da poesía
galega, tanto nos aspectos técnicos e formais como de contido".
A Deputación editará 1.500 exemplares das obras gañadora e
finalista do certame, que se presentarán no derradeiro trimestre do
presente ano.
O premio, creado no ano 1991, está dotado con 6.500 euros, ademais
da publicación da obra gañadora. Entre os gañadores e finalistas do
galardón en anteriores edicións atópanse recoñecidos nomes da lírica e
da literatura galega como Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Álvarez
Torneiro, Estevo Creus, Román Raña, Xulio L. Valcárcel ou Xosé María
Álvarez Cáccamo.
|
|
|
|
O
escritor melidense recibirá a Letra E da
Asociación de Escritores en Lingua Galega
o próximo sábado 7 de xuño
Xosé
Vázquez Pintor será homenaxeado na
súa terra
(27-Maio-2008)
A homenaxe O
Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua
Galega, chega este ano a súa XIV edición recaendo, por decisión unánime da súa
asemblea de socios e socias, na figura de Xosé
Vázquez Pintor, que será homenaxeado
na terra onde naceu, Melide.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na
traxectoria da asociación, e tense constituído ao longo dunha década como unha
celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo
fundamental nesta cita cultural. Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se
vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a
través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha
recoñecido/a artista galego/a), a plantación
dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor, e que neste caso é un
buxo), a colocación dun monolito
conmemorativo ou a inauguración dun
espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido
polo/a homenaxeado/a.
Programa de actos.
Sábado, 7 de xuño de 2008
11.30 h.
Xardíns da Capela de San Roque
Plantación dun buxo (árbore simbólica do escritor) e
descubrimento da Pedra Escultórica dedicada ao homenaxeado.
Interveñen: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG,
e o escritor Xosé Vázquez Pintor.
12.30 h.
Biblioteca Pública Municipal
A Biblioteca Pública Municipal recibirá o nome de Xosé
Vázquez Pintor.
Intervirán: Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG,
Socorro Cea, alcaldesa de Melide, e o homenaxeado, Xosé Vázquez Pintor
13.30 h.
Salón de plenos do concello de Melide
Acto de entrega da Letra E
Intervirán: Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, e
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG
Lectura da laudatio,
pronunciada polo escritor Ramón Caride Ogando.
Entrega dunha peza escultórica do artista Silverio Rivas
a Xosé Vázquez Pintor.
Intervención do homenaxeado
14.30 horas
Xantar de confraternidade
Aberto aos/ás socios/as da AELG, vecindade de Melide e
demais persoas interesadas, no Restaurante Sony (Estrada de Santiago, s/n)
Xosé Vázquez Pintor recibirá este galardón que
xa foi entregado con anterioridade a Antón Avilés de Taramancos (1995,
Taramancos), Bernardino Graña (1996, Cangas do Morrazo), Manuel María (1997,
Outeiro de Rei), María Xosé Queizán (1998, Vigo), Xosé Neira Vilas (1999, Gres-Vila
de Cruces), Uxío Novoneyra (2000, Parada do Courel, póstumo), Luz Pozo Garza (2001,
Ribadeo), Xosé Chao Rego (2002, Vilalba), Xosé Fernández Ferreiro (2003, Nogueira
de Ramuín), Salvador García Bodaño (2004, Teis-Vigo), Pura e Dora Vázquez (2005,
Ourense), María do Carme Kruckenberg (2006, Vigo) e Manuel Lourenzo (2007, O Valadouro).
|
|
|
|
Ata
o 31 de maio na Casa da Cultura Pintor Lloréns
de Sada
Mostra
sobre os irmáns Xohán Antón
e Ramón Suárez Picallo en Sada
(27-Maio-2008)
O
sábado 31 de maio remata a Mostra dedicada
aos irmáns Xohán Antón e Ramón
Suárez Picallo que principou o pasado 15
de maio e que se pode visitar na Casa da Cultura
Pintor Llorens do concello de Sada.
Esta
mostra está enmarcada nos actos que ao longo deste ano homenaxearán a Xohán Antón e Ramón Suárez Picallo e
onde se pretende amosar ao público a vida e obra destes dous destacados
sadenses que foron represaliados polo franquismo por defenderen o seu
ideal galeguista. Ademais dos dez paneis informativos
que constitúen o corpo base da exposición, débense subliñar as
aportacións desinteresadas de artistas locais coma o escultor Valdi ou
o pintor Suárez de Concha. Tamén se amosan obxectos persoais de Ramón
Suárez Picallo, cedidos para esta mostra pola familia.
A mostra recolle datos biográficos dos irmáns Suárez Picallo, da súa
vinculación con Sada, do seu pobo ; do Ateneo Político e Social, da
represión do 36, da II República, do trauma da Guerra Civil... Tamén se
poden contemplar exemplares orixinais como o albúm da Cortes
Republicanas de 1931, un orixinal da Constitución da II República
-obsequio aos Deputados electos-, así coma fotografías familiares e
unha adicatoria de Castelao.
[Paneis exposición irmáns Suárez Picallo]
|
|
|
|
O
xurado das diferentes categorías dará
a coñecer aos finalistas o vindeiro sábado
31 de maio
Comeza
a conta atrás dos Premios Xerais 2008
(26-Maio-2008)
O sábado 31, tras a reunión que manterán o día anterior os xurados das
diferentes categorías, anunciaranse as obras finalistas dos Premios Xerais
2008.
Para a 25ª edición do Premio Xerais de Novela,
dotado con 25.000 euros, presentáronse cincuenta e catro obras. O xurado está
formado por: Xabier Puente Docampo (escritor), Xosé Miranda (escritor),
Santiago Jaureguizar (escritor e xornalista), Uxía Casal (escritora), Estíbaliz
Espinosa (escritora) e Francisco Alonso Villaverde (editor), en representación
de Xerais, con voz e sen voto.
Na 3ª edición do Premio Fundación Caixa
Galicia de literatura xuvenil compiten vinte e oito obras e está dotado con
10.000 euros. O xurado está formado por: Isabel Bilbao Freire (responsable de
acción externa da Fundación Caixagalicia), Xabier Senín Fernández (profesor e
tradutor), Andrea Maceiras Lafuente (estudante de filoloxía), Antonio Piñeiro
Rodríguez (estudante de 3º da ESO, CEIP Alfonso VII de Caldas de Reis), Einés
Monteagudo Vilavedra (estudante de 3º da ESO do IES de Ames) e Xosé Manuel Moó
Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da 23ª edición do Premio Merlín de
literatura infantil e no que concorren trinta e dúas obras, está formado por:
Manuel Figueiras Fernández (profesor e responsable da BLIX, Biblioteca de
Literatura Infantil e Xuvenil), Adolfo Gálvez Pazos (profesor e responsable de
Biblioxest), Beatriz Pereiro Pérez (profesora), Óscar Villán (ilustrador),
Laura Sáez Fernández (tradutora e intérprete) e Helena Pérez Fernández (editora),
en representación de Xerais, con voz e sen voto. Este premio está
dotado con 10.000 euros.
As
obras gañadoras coñeceranse o sábado
7 de xuño na tradicional festa que terá
lugar ese mesmo día na illa de San Simón.
|
|
|
|
Entre
os días 5 e 7 de xuño
Lleida
acolle o XXV encontro Galeusca
(26-Maio-2008)
Co obxectivo de establecer políticas de actuación comúns e reflexionar
sobre a situación da industria editorial nas culturas con lingua propia
do territorio español, celébrase a quinta edición do Galeusca de
Editores. A cidade de Lleida acollerá dende o xoves 5 ata o sábado 7 de
xuño unha serie de mesas redondas que versarán sobre as axudas á
edición, a gratuidade do libro de texto, os dereitos de autor e a
proxección no exterior, e nas que está previsto que participen
representantes da Asociación Galega de Editores (AGE) desprazados ao
encontro neses días.
Os actos programados arrincarán o xoves 5 de xuño cunha cea de benvida
a todos os asistentes, para dar paso ao día seguinte a unha intensa
xornada. A mesa redonda As axudas á edición. Actualización da
información das axudas nos diferentes territorios Galeusca. Pinceladas
sobre axudas en Europa. As axudas do Ministerio de Cultura, na que
está previsto que participe por parte da AGE o xerente de Ir Indo
Edicións, Xelasio Suárez, dará paso a outra mesa matutina baixo o
título Repercusión sobre a edición en linguas minorizadas da
gratuidade no libro de texto, coa intervención, entre outros, do
presidente da AGE e director de Rodeira, Alfonso García Sanmartín. A
mañá rematará coa participación da xerente de Editorial Galaxia, Pilar
Sampil, na mesa A colaboración entre editores no intercambio de
dereitos de autor.
Xa na tarde do venres 6 de xuño desenvolverase a mesa redonda A
proxección exterior das culturas. Experiencias das distintas
asociacións. Posibilidade de accións conxuntas: vantaxes e
inconvenientes, na que está previsto que, ademais dos membros dos
outros gremios asistentes a Galeusca, participe a directora de Baía
Edicións, Belén López. A xornada rematará coa presentación da campaña
de fomento da lectura promovida polo Departamento de Cultura da
Generalitat de Catalunya. Entre as actuacións principais da campaña
destacan subscricións gratuítas a mozos de 18 anos a un medio de prensa
escrita ou a distribución nos transportes públicos de primeiros
capítulos de novidades editoriais Tamén se lanzará unha campaña de
difusión nos medios de comunicación, co lema Leer nos hace + grandes.
[Ver reportaxe completa na web da AGE]
|
|
|
|
Estas
xornadas están enmarcadas na campaña
para o recoñecemento do escritor ferrolán
para o Día das Letras Galegas 2009
A
Fundaçom Artabria organiza as xornadas 'Ricardo
Carvalho Calero no século XX galego'
(26-Maio-2008)
Nos dias 27, 28 e 29 de Maio, a sala de actos da Vice-Reitoria do
Campus de Esteiro, en Ferrol, acolle unhas xornadas de formación e
divulgación da obra de Carvalho Calero, ‘Fillo Predilecto de Ferrol’ e
‘Fillo Ilustre da Galicia’, organizadas pola Fundaçom Artábria dentro da
campaña polo recoñecemento da súa figura con o Dia das Letras de 2009.
Nas Xornadas van intervir algunhas e algúns dos maiores
especialistas nos mais diversos aspectos da producción científica e
literaria do autor ferrolán, alén do doutor en História Bernardo Máiz
Vázquez, que fará unha contextualización histórica de Carvalho no século
XX galego o martes ás 12.00 h.; pola
tarde, o profesor da Universidade de Vigo José-Martinho Montero
Santalha falará sobre a obra filolóxica de Carvalho Calero. De
seguido,
ás 18.15 h., o profesor de Portugués na Escola Oficial de Idiomas de
Ferrol, Maurício Castro, presentará unha comunicación dedicada a
sintetizar as contribucións de Carvalho para a sociolingüística galega.
O mércores, a partires das 16.30
h., o profesor de Literatura
Galega na Universidade da Coruña Xosé María do Barro presentará unha
comunicación intitulada Carvalho Calero: toda umha vida de investigador
da Literatura Galega. A seguir, polas 18.15 h., o escritor e docente
ferrolán Henrique da Costa falará sobre Os signos identitários da
prosa de ficción de Ricardo Carvalho Calero.
As Xornadas concluirán o
xoves 29, coas comunicacións sobre
poesía e o teatro, a cargo de duas profesoras de literatura,
especialistas ambas na obra de Carvalho. A docente da Universidade de
Santiago Carmen Blanco tratará a poesía, coa ponencia É poeta…; a
profesora da USC en Lugo Araceli Herrero
Figueroa pechará as Xornadas coa conferencia Carvalho: Dramaturg e Dramatiker, onde
se ocupará da obra dramática
do protagonista das Xornadas.
Estas
Xornadas están organizadas pola Fundaçom
Artabria coa colaboración do Concello de
Ferrol. A inscrición é de balde e
pode ser feita o primeiro día das xornadas
chamando ao teléfono 696 55 00 56.
|
|
|
|
Difusora
de Artes e Ideas publicará 3.000 exemplares
deste primeiro volume
Historias
de Galiza recolle os relatos escritos en banda
deseñada por xóvenes creadores galegos
(21-Maio-2008)
O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, presentou onte
á mañá no
Centro Galego de Arte Contemporánea, o libro Historias de Galiza, un
volume que recolle os relatos de 5 xóvenes creadores galegos en banda
deseñada. Son historias de ficción que aluden ao período comprendido
entre o mesolítico e a conquista romana.
Con esta actuación
preténdese por unha banda, potenciar,
facilitar e promover o importante nivel creativo que se está a dar en
Galicia entre os xóvenes autores de banda deseñada, e por outra, situar
a historia do noso país coma un contexto válido para a creación de
ficción. Historias
de Galiza é o primeiro dos cinco
volumes sobre a historia de Galicia que vai editar Difusora de Artes e
Ideas co patrocinio da dirección xeral de Xuventude. Neste primeiro
volume, que ten unha tirada de 3.000 exemplares, participan cinco
xóvenes autores de banda deseñada: Idoia de Luxán Vázquez, Jerónimo
Piñeiro de Castro, Juan Luís Pérez, Carlos Alfonso Fernández, Jaime
Eizaguirre. Nos seus relatos dan vida a cinco historias de temáticas e
estilos diferentes, escritas en base ao guión de Carlos Rafael de
Ramos. O libro recolle, na súa parte final, unha pequena reseña
histórica sobre as diferentes épocas nas que se desenvolven as
historias, ademais de darlle a esta obra de banda deseñada un aspecto
engadido no formativo. Neste senso, Cela resaltou que Historias de
Galiza é unha obra que combina o disfrute do cómic coa aprendizaxe da
historia do noso país, desde o mesolítico ata a actualidade.
[Máis información]
|
|
|
|
Espiral
Maior publicará, como en anos anteriores
a obra gañadora, que este ano foi para Gramática
da afirmación de Paulino Peña
Álvarez
O
venres celebrarase o acto de entrega do XI Certame
de Poesía Concello de Carral
(21-Maio-2008)
O
venres 23 de maio terá lugar na Biblioteca
Municipal de Carral a cerimonia de entrega do XI
Certame de Poesía Concello de Carral, que
este ano recaeu no poeta ourensán Paulino
Peña Álvarez pola súa obra
Gramática da afirmación. O xurado do XI Certame de Poesía “Concello de Carral”, formado por
Luciano Rodríguez, Ánxeles Penas García e Xosé Luís Mosquera Camba,
baixo a presidencia da Concelleira de Cultura María José García Fariña
destacou desta obra “a súa madurez lírica, o excelente manexo da lingua,
o contrapunto que establece entre lingua e terra, a súa gran
musicalidade, o sorprendente das súas imaxes, e que é un libro
constructivo”.
No
mesmo acto presentarase a obra gañadora do
pasado ano Nadja c’est moi
de Xosé Luís Mosquera Camba, publicada
pola editorial Espiral Maior; Valentina Carro Padía
presentará a súa performance poética
A perfomance da vulvareta; presentarase o poemario Poemas II do Club de
Poesía de Carral; e, por último, o espectáculo Palabras contadas, unha
narrativa musical de Camilo Franco con música en directo de Magín
Blanco.
O acto, que dará comezo ás 20.30 h., contará coa participación de José Luis Fernández Mouriño
(Alcalde de Carral), Xosé Luis Mosquera Camba,
Ánxeles Penas, Luciano Rodríguez e de Miguel Anxo Fernán Vello.
Deste
xeito, consolídase unha das referencias literarias
do país, en edicións anteriores fíxeronse
co certame Fernando Díaz-Castroverde, Rafael
Lema, Rafa Villar, Lucía Novás, Baldo
Ramos, Eduardo Estévez, Xurxo Alonso, Marcos
S. Calveiro e Isidro Novo.
|
|
|
|
Ferrol
e o que queda por chover está dispoñible
en formato pdf ou en tapa blanda
Alberte
Momán súmase ás novas tecnoloxías
para a publicación do seu novo poemario
(20-Maio-2008)
O
escritor e poeta Alberte Momán súmase
as novas tecnoloxías para a publicación
do seu novo poemario. Ferrol e o que queda por
chover é a nova achega do autor ferrolán
á venda exclusivamente pola internet, unha nova experiencia coa que se pretende integrar as novas ferramentas
de edición e distribución masivas no sistema literario galego.
Ferrol
e o que qeuda por chover está dispoñible
na web www.lulu.com
en dúas modalidades: a descarga do poemario
en formato pdf ou en soporte físico en tapa
blanda.
Momán
define o seu novo traballo como "unha restrospectiva histórica moi persoal sobre o Ferrol que me tocou
vivir. Tamén dese outro Ferrol que viviron por min, das súas
experiencias plasmadas na miña imaxe".
Alberte
Momán (Ferrol, 1976) é autor de obras como
O lobo da xente (Edicións Positivas)
ou O alento da musa (Difusora), recentemente
foi premiado no Certame Literario do Concello de
Ames na modalidade de poesía.
[Ferrol
e o que queda por chover en Lulu.com]
|
|
|
|
A
Consellería de Cultura e Deporte achega máis
de 158.000 euros para o desenvolvemento de actividades
Convocadas
axudas para a promoción da lectura en asociacións
culturais
(19-Maio-2008)
A Consellería de Cultura e Deporte fomenta a realización de
actividades de animación á lectura e a posta en marcha de clubs de
lectura por todo o país. Para iso vén de convocar unha liña de
subvencións que achega 158.560 euros para que asociacións e
institucións culturais poidan desenvolver os seus propios programas de
fomento da lectura. A convocatoria de axudas
publicouse o pasado venres no DOG. Están dirixidas a asociacións e institucións
culturais sen ánimo de lucro, que contan cun prazo de un mes desde hoxe
para solicitalas. Cada beneficiario pode recibir un máximo de 10.000
euros.
O obxectivo destas subvencións é que as asociacións creen e manteñan
obradoiros de animación lectora, concurso de lectores, clubs do libro e
outras actividades similares de fomento da lectura.
[Ver convocatoria no DOGA]
|
|
|
|
Gómez
Alfaro deixounos unha extensa obra poética
merecedora de multitude de premios literarios
Faleceu
repentinamente o poeta Xosé Carlos Gómez
Alfaro
(18-Maio-2008)
O
pasado mércores faleceu de forma repentina
e inesperada o escritor, poeta e mestre Xosé
Carlos Gómez Alfaro cando participaba como
xurado nun concurso literario no colexio Manuel
Rodríguez Sinde de A Guarda.
Natural
de As Chabolas (Ribadavia), impartía desde
1978 aulas no Colexio PP. Somascos de A Guarda.
Gómez
Alfaro deixounos unha ampla obra poética
e literaria, amais das súas colaboración
en diferentes medios de comunicación como
La Región, La Voz de Galicia ou El Faro de
Vigo entre outros. Autor en lingua galega desde
1970, destacar da súa obra As labaradas da lembranza (autoeditado), Matria de
néboa (Ed. do castro), Alba plena do Alén (Espiral
Maior), Os ciclóns do sino (Deputación
de Ourense),
Ofertorio de solpores (Espiral Maior), Pasos cara á alba (Follas
Novas), Alén do lume
(Espiral Maior), O clamor da eclipse (Espiral Maior) e Confíteor (Litoral
das Rías) entre outros moitos que lle definiron
como un mestre do soneto e que o levaron a gañar
diversos certames e premios literarios como Meigas
e Trasgos, o Rosalía de Castro, Concello
de Marín, Felicianio Rolán e Antón
Tovar e o Premio de Poesía Cidade de Ourense
nos anos 2004 e 2006.
|
|
|
|
Considerao
vexatorio para os galegos e galegas
A
Asociación de Escritores en Lingua Galega
rexeita a reedición do libro Superchistes
gallegos
(18-Maio-2008)
A
Asociación de Escritores en Lingua Galega
rexeita a reedición do libro Superchistes
gallegos mediante o seguinte cominicado:
"En relación coa reedición do libro Superchistes Gallegos do autor arxentino Ricardo Parrotta, baixo o
seudónimo Pepe Muleiro, publicada pola Editorial Sudamericana, a Asociación de
Escritores en Lingua Galega fai as seguintes consideracións:
AELG lamenta profundamente a publicación do libro por
parte dunha editora de prestixio contrastado como é a Editorial Sudamericana,
por permitir acoller no seu catálogo, xunto a obras dun enorme prestixio
intelectual, unha publicación vexatoria para os galegos e galegas.
AELG denuncia que, dunha forma supostamente irónica, se
atenta discriminatoria e gratuitamente contra a identidade moral e cultural dun
dos países máis vellos de Europa.
AELG demanda, no marco das estreitas e fraternais relacións
culturais e sociais entre Galiza e Arxentina, froito de vínculos inesquecibeis de
fonda raíz, a intervención dos organismos competentes na procura dunha
rectificación pública por parte da editora responsable.
AELG amosa a súa
solidariedade a toda a colectividade galega da Arxentina, colectividade que foi
quen de contribuir ao longo dos tempos ao engrandecemento do país argentino, á
vez que esixe o respeito e dignidade dun pobo, o galego, cunha cultura
altamente recoñecida, diversa e rica."
|
|
|
|
A
Fundación Amigos de Galicia editará
1600 exemplares da obra gañadora
Antítese
Nativa, do noiés Manuel Lôpez Rodrígues,
gañador da edición 2008 do Premio
de Poesía Suso Vaamonde
(15-Maio-2008)
Antítese Nativa é o título do poemario firmado por Manuel
Lôpez Rodrígues e que vén de ser galardoado co Premio de Poesía Suso Vaamonde
2008 convocado pola Fundación Amigos de Galicia en colaboración co Concello de
Vilagarcía e co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta
de Galicia.
O fallo do xurado deuse a coñecer hoxe na rolda de prensa que tivo lugar
no Concello vilagarciá e na que participaron o presidente e o membro da
Fundación Amigos de Galicia, Jesús Busto e Luis Rial, respectivamente, así como
o concelleiro de Cultura de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón. Do poemario gañador
da XIV edición do Premio de Poesía Suso Vaamonde o xurado salientou a variedade
léxica e o importante traballo lingüístico que ten este compendio de poemas de
amor á terra e á muller escrito por Manuel Lôpez Rodrígues usando como medio o
verso libre.
O xurado estivo formado por Luís G. Tosar, Xosé Alonso e Antón
Grande.
O autor, natural do municipio coruñés de Noia (membro do recoñecido Colectivo
Literario Sacou), recollerá o premio, dotado con 1.000 euros, no acto
público que terá lugar o sábado 17 de maio en Vilagarcía, no transcurso da
Festa das Letras Galegas. Ademais, a Fundación Amigos de Galicia publicará
Antítese Nativa cunha tirada de 1.600 exemplares.
Este premio está adicado á memoria
de Suso Vaamonde (1950-2000).
Compositor dende os dezaseis anos, comeza a darse a coñecer
na antiga Asociación Cultural de Vigo. Seguindo por este
camiño, entra dende mozo en contacto coa movida roqueira
en Vigo, que o leva a formar parte dos grupos musicais Os Copens
e Marco Balorento , este último polo 1966, e co que gaña
o seu primeiro premio nun festival organizado por unha emisora
de radio da cidade. De aí pasa ó movemento Voces
Ceibes a principios dos anos 70, deixando un pouco de lado o seu
labor de letrista para, acompañado da súa inseparable
guitarra, poñer voz e música ós poemas galegos.
En palabras de Manuel María, foi a "Persoa máis representativa na historia da música do noso país".
|
|
|
|
Diferentes
actos lembrarán a figura do bardo de Logrosa
O
concello de Negreira homenaxea a Xosé Manuel
López Ardeiro
(14-Maio-2008)
O Concello de Negreira pon a punto os últimos
preparativos para a homenaxe ao poeta Ardeiro, o día 15 de maio en Negreira, e
ao cal non faltarán persoeiros da cultura galega da talla dos poetas
Salvador García Bodaño, Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes ou
Xulio López Valcárcel. Por motivos dunha viaxe ó estranxeiro caeuse a
última hora, Miguel Anxo Fernán Vello, aínda que si estará o presidente
do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, entre outros destacados
persoeiros.
Os actos abriranse ás sete e
media da tarde na zona das Brañas coa
descuberta da placa co nome de Xosé M. López Ardeiro que levará dende
agora unha nova rúa da vila. Media hora despois, na capela do pazo do
Cotón comezará o concerto que ofrecerá o orfeón Terra A Nosa, da
Fundación Caixa Galicia, cos seus arredor de cincuenta membros. A
partir das nove nunha segunda parte da homenaxe, no auditorio da Casa
da Cultura proxectarase o vídeo "Ardeiro na lembranza", no que durante
uns corenta minutos ofrécense testemuñas de amigos, veciños ou
familiares do poeta, ao que seguirá a lectura de poemas, para
remata-los actos coa actuación musical do guitarrista negreirés, Xosé
Guzmán.
Xosé
Manuel López Ardeiro faleceu o pasado 23
de decembro á idade de 63 anos. Natural de
Logrosa, na vila de Negreira, foi autor dunha extensa
obra poética e literaria, ademáis
de colaborar en numerosas publicacións e
libros colectivos. Entre as súas obras destacan
Un xardín no tempo (tresCtres Editores)
e Versos de ausencia e desagravio (Espiral
Maior).
|
|
|
|
O
autor analiza neste escrito o importante que é
para a normalización lingüística
a fornada de grupos musicais actuais que cantan
en galego
O
escritor e xornalista Xesús Fraga obtén
o 'IV Premio a artigos xornalísticos normalizadores
Concello de Carballo'
(14-Maio-2008)
O xurado do 'IV Premio a artigos xornalísticos
normalizadores Concello de Carballo', despois de examinar detidamente
os 40 traballos que se presentaron ao certame, fallou os dous premios
que establecía o concurso.
O primeiro
premio recaeu no artigo titulado A bendita
intranscendencia do pop, de Xesús Fraga Sánchez. O autor analiza
neste escrito o importante que é para a normalización lingüística a
fornada de grupos musicais actuais que cantan en galego con total
normalidade, sen ter que cargar coa responsabilidade de facer país ou
salvar o idioma, igual que antes fixera o movemento bravú, 'Os
Resentidos' ou Andrés do Barro.
Xesús
Fraga é
redactor e locutor de 'La Voz de Galicia' e 'Radio Voz' e
tamén colaborador do programa da TVG 'Libro Aberto'. Como escritor ten
publicados os libros: Tute para catro (Xerais), A-Z
(Xerais) e Solimán (Xerais). Tamén publicou a tradución
ao galego de Arthur e George (Rinoceronte), de Julian Barnes.
O segundo premio foi para o artigo Carta dun
trífido esquizoide, do tamén xornalista Kiko Neves.
No texto, saliéntase a modernidade, necesidade e practicidade do
galego, e faise cunha comparativa co sueco e cunha destacada calidade
literaria con tintes rupturistas e con destacados valores estilísticos.
Os
dous artigos serán publicados nas nove publicacións
que colaboran no certame: A Nosa Terra, A Peneira,
Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión
da A Coruña, La Voz de Galicia, O Acontecer,
Tempos Novos e Vieiros.
Os obxectivos deste premio son promover a reflexión sobre a situación
social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e
promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego da nosa lingua
na prensa escrita.
A entrega dos premios terá lugar o vindeiro sábado, día 17
de maio, a partir das 19.00 h. no Xardín Municipal para poñer o peche ao maratón de lectura 'Oito horas lendo'.
|
|
|
|
Ramón
Villares salientou a oportunidade de unir nesta
publicación a Nicomedes Pastor Díaz
e a Xosé María Álvarez Blázquez
O
Consello da Cultura Galega edita unha publicación
que homenaxea a Xosé María Álvarez
Blázquez como bibliófilo, editor e
erudito
(14-Maio-2008)
O Consello da Cultura Galega presentouu onte unha publicación
conmemorativa do “Día das Letras Galegas”. Trátase da edición facsímile
do manuscrito autógrafo Égloga de Belmiro e Benigno, de Nicomedes
Pastor Díaz; do facsímile dese texto impreso e editado en 1951 pola
editorial Monterrey, dirixida por Xosé María Álvarez Blázquez
(1915-1985), autor das Notas para unha edición crítica, publicadas
nos Cuadernos de Estudios Gallegos e tamén incluídas na publicación
que homenaxea, como editor, bibliófilo e erudito, á figura a quen este
ano a Real Academia Galega dedica a efeméride das Letras Galegas.
Ramón Villares, Presidente do CCG, salientou a oportunidade dunha
iniciativa que permite unir os nomes de Nicomedes Pastor Díaz, “poeta
auroral do Pre-Rexurdimento” e de Xosé María Álvarez Blázquez, “na súa
dimensión de bibliófilo, erudito, editor e recuperador de tesouros
literarios como foi o caso desta Égloga”. O Presidente do CCG agradeceu as axudas de Xosé María Álvarez
Cáccamo, fillo do homenaxeado; de Eduardo Pardo de Guevara, director do
Instituto “Padre Sarmiento” e da revista “Cuadernos de Estudios
Gallegos; de Francisco Fernández del Riego, director da Fundación
Penzol, onde se conserva o manuscrito, e de Ramón Mariño Paz, que
achegou a versión do manuscrito “no marco do proxecto que se está a
desenvolver neste Consello sobre os textos literarios anteriores ao
Rexurdimento, que logo serán publicados baixo o rubro de “Papés de
imprenta condenada”.
[Máis información]
|
|
|
|
A
Consellería de Cultura anuncia que antes
de que remate o presente ano xa estará en
marcha
A
nova Axencia Galega de Industrias Culturais substituirá
ao actual IGAEM e ampliará as súas
funcións
(13-Maio-2008)
O Parlamento aprobou hoxe o
ditame elaborado pola Comisión IV de Educación e Cultura do Proxecto de
Lei de Creación da Axencia Galega de Industrias Culturais. A
conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, interviu no peche do
debate no Parlamento, onde dixo que coa aprobación desta lei "o cambio
que precisaba a cultura galega está en marcha".
A
conselleira cualificou a creación de AGADIC como "un acto de
responsabilidade institucional, unha decisión estratéxica coa que
Galiza se adianta a unha tendencia que será xeral no futuro máis
próximo no eido das políticas públicas". A Lei de Creación desta
axencia entrará en vigor logo da súa publicación no DOG. A continuación
aprobarase vía decreto o seu Estatuto de Funcionamento.
AGADIC substituirá ao IGAEM e estenderá o seu radio de acción para
funcionar como verdadeiro organismo de apoio á produción e distribución
do conxunto das industrias culturais.
O obxectivo de AGADIC é consolidar o tecido industrial no sector
cultural galego para ter empresas con ingresos suficientes e estables,
fomentando a creación e comercialización de bens e servizos culturais
de calidade e favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas
como elementos singularizadores. A Axencia tamén pretende fomentar a
demanda de produtos culturais na sociedade galega e, á vez, aumentar a
exportación.
Os destinatarios da Axencia serán as empresas culturais privadas
dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización
de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, así
como de espectáculos en vivo. Coa creación de AGADIC impulsaranse en
paralelo as dimensións social, artística e patrimonial da cultura
mediante unha especialización da Dirección Xeral de Creación e Difusión
Cultural nos ámbitos do apoio á creación artística e á dinamización da
base sociocultural da cultura galega. Desde a Consellería de Cultura
anuncian que antes de que remate o 2008 AGADIC iniciará a súa andaina.
Para garantir o coñecemento da realidade das industrias culturais e as
súas necesidades, crearase un Consello asesor no que estarán as
asociacións e agrupacións máis representativas dos sectores culturais."
[Máis información]
|
|
|
|
Obradoiros,
contacontos, presentacións... encherán
de literatura e libros a céntrica praza compostelana
A
Praza de Cervantes celebra durante toda a semana
o Día das Letras Galegas
(12-Maio-2008)
Dende
o lúns 12 de maio ata o sábado 17,
a céntrica Praza de Cervantes na capital
galega acollerá unha serie de actividades
para conmemorar o Día das Letras Galegas.
O
lúns 12 de maio haberá obradoiros
de manualidades onde os rapaces de 6 e 7 anos e
de 8 a 9 anos traballarán sobre a obra publicada
por OQO O que ben che quer. A partires das
18.00 h. Sesión de contacontos a cargo de
Kalandraka Editora.
Ao
día seguinte, o ilustrador e creador da popular
serie dos Bolechas, Pepe Carreiro, pronunciará
sendas charlas ás 12.00 h. pola mañá
e ás 18.00 h.
O
mércores 14 ás 12.00 h., a editorial
Sotelo Blanco organizará un encontro con
nenos traballando sobre o libro A rebelión
das rúas; unha fala das rúas máis
emblemáticas de Santiago e o significado
de moitos dos seus nomes. Ás 18.00 h. Covadonga
Blanco e Teresa Otero impartirán un obradoiro
de papiroflexia.
Ás
12.00 h. do xoves Manuel Núñez Singala
falará sobre o seu libro Comedia Bífida
(Galaxia), onde o autor trata sobre o galego e a
súa situación actual na sociedade.
Ás 16.00 h., Carlos Blanco, profesor de ensino
medio e autor de varias obras de poesía realizará
un obradoiro onde os rapaces aprenderán a
traballar e divertirse con poemas de varios autores.
Covadonga Blanco e Teresa Otero repetirán,
como o día anterior, un obradoiro de papiroflexia.
Ás 20.00 h. presentarase o libro Fundación
Bautista Álvarez.
Para
o día 16, desde as 10.00 h. aexposición
e venda durante todo o día na rúa
de libros galegos. Nieves Costas animará
aos máis pequenos con dúas sesións
de contacontos. A primeira, ás 10.30 h. estará
dirixida a nenos de 6-7 anos e ás 12.00 h.
para nenos de 8-9 anos. Ás 16.00 h. Obradoiro
de poesía a cargo de Carlos Negro e ás
19.00 h. a revista humorística Retranca celebrará
o seu especial Letras Galegas coa presenza do seu
director, Kiko da Silva e os colaboradores da revista.
Para
rematar a semana, e coincidindo co Día das
Letras Galegas, haberá unha exposición
e venda de libros na rúa durante todo o día.
Pola
súa parte, a libraría Couceiro, sita
no número 6 da Cervantes, celebrará
o Día das Letras Galegas facendo un 10 %
de desconto en todo o libro galego o venres 16 e
sábado 17 de maio.
|
|
|
|
'O
modelo de préstamo demostrou durante anos
as súas profundas carencias pedagóxicas
e o descontento que xera entre o sector docente,
así como a negativa incidencia na industria
cultural galega e as súas repercusións
no proceso de normalización lingüística'
Pais,
profesores e docentes rexeitan o sistema de préstamo
do libro de texto e avogan por axudas directas:
Informa da AGE
(12-Maio-2008)
Reproducimos
aquí o informe da Asociación Galega
de Editores sobre o sistema actual de préstamo
do libro galego:
"O 82% dos pais galegos considera que a principal desvantaxe do sistema
de préstamo dos libros de texto, vixente nesta Comunidade Autónoma, é
que impide ao alumno empregar os manuais como ferramenta de traballo,
limita as súas oportunidades de aprendizaxe e comprensión e non
establece a gratuidade total; o modelo xera moito rexeitamento entre o
sector docente e tampouco é aceptado de bo grado polos equipos
directivos que ven na súa xestión administrativa unha enorme traba ao
seu traballo.
Todos os grupos enquisados –docentes, equipos directivos e pais-, en
caso de poder elixir, decántanse por un modelo alternativo de axudas
directas tanto para eles como para os seus fillos, ao que ven maiores
vantaxes pedagóxicas. Este sistema tamén é apoiado pola industria do
libro –editores, libreiros e distribuidores- de Galicia, que avogan por
unha gratuidade real baseada nun modelo, moderno e eficaz
pedagoxicamente, viable economicamente e socialmente xusto de axudas
directas canxeables mediante bono-libro ou tarxeta electrónica.
Estas e outras conclusións fixéronse públicas o pasado 7 de maio en
Santiago durante a presentación do informe "Como se percibe o Sistema
de Préstamo de Libros de Texto no Contexto Escolar Galego", realizado
pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de
Santiago de Compostela (USC PSICOM), no que por primeira vez se analiza
e valora a percepción que teñen algúns dos principais axentes afectados
pola medida, como pais, profesores e equipos directivos.
Momento óptimo
Este traballo de investigación realizouse nunha excelente conxuntura,
tendo en conta que o sistema de préstamo en Galicia se instaurou
progresivamente en toda a Ensinanza obrigatoria dende 2003 e está
establecido completamente no actual curso 2007-2008.
A gran maioría dos proxenitores declara non estar moi satisfeito co
modelo mentres que só o 18% dos mesmos di estar contento e a principal
vantaxe que ven ao modelo galego, en especial os pais, é o aforro
económico que supón. Ao comparar o modelo vixente co modelo alternativo
de axuda directa, a maioría de docentes e pais galegos consideran que o
segundo é mellor para fomentar a motivación e o interese dos alumnos
(51,6%), é mellor para apoiar o rendemento académico dos alumnos
(68,8%) e é mellor para aumentar a calidade da ensinanza (72,2%).
Dende o punto de vista social, o sector docente opina maioritariamente
que o sistema de axudas directas atende máis axeitadamente aos
principios de xustiza e equidade social, opinión que é apoiada polo 50%
dos pais. Tanto os equipos directivos como o resto do profesorado
galego afirman que o modelo máis fácil de xestionar para os centros
educativos é o de axudas directas, mentres que a xestión do modelo de
préstamo é un dos seus puntos débiles. O 98% dos equipos directivos
enquisados prefire xestionar o sistema de axudas directas debido
fundamentalmente á enorme carga de traballo que supón o préstamo.
Libros en mal estado
O mantemento dos libros supón un grave problema para os pais. Entre o
16% e 18% considera que os seus fillos recibiron os libros en mal
estado e/ou sucios, e é outro dos aspectos que lles motiva a rexeitar o
sistema. Para os profesores supón un grave inconveniente o non poder
traballar directamente nos libros de texto, polo que se ven obrigados a
recorrer con máis frecuencia ás fotocopias como recurso didáctico. Un
24,5% dos profesores afirma haber incrementado o uso de fotocopias para
desenvolver a docencia.
En conclusión, o informe pon de manifesto as principais deficiencias e
virtudes do modelo de gratuidade de libros de texto en Galicia e
establece unhas pautas de acción e recomendacións para mellorar o
modelo. A gratuidade universal para os libros de texto e materiais
didácticos complementarios é unha aspiración lexítima, pero esta non se
debe facer a calquera prezo.
O modelo de préstamo demostrou durante anos as súas profundas carencias
pedagóxicas e o descontento que xera entre o sector docente, así como a
negativa incidencia na industria cultural galega e as súas repercusións
no proceso de normalización lingüística. O informe revela que segue
existindo moito descoñecemento e desinformación sobre as consecuencias
reais da implantación do préstamo. O aforro económico para as
Administracións dun sistema de gratuidade mediante préstamo é menor do
que a primeira vista puidera pensarse, segundo o documento que pecha as
súas conclusións cunha serie de recomendacións e pautas de acción."
[Ver informe na web da AGE]
|
|
|
|
Os
premios fallaronse onte no Balneario de Mondariz
O
soño da febre, De provincia a nación
e Arte e parte, novamente premiados na XXXI
edición dos Premios da Crítica de
Galicia
(11-Maio-2008)
Miguel Anxo
Murado por O soño da febre (Galaxia),
Justo Beramendi por De Provincia a Nación.
Historia do galeguismo político (Xerais),
Arte e parte. Dos patriarcas á arte suicida
(Galaxia), Xaime Quessada, a Editorial Ouvirmos
pola colección A Tiracolo e o Arquivo do
Reino de Galicia foron os gañadores da XXXI
edición dos Premios da Crítica de
Galicia que se fallaron onte no Balneario de Mondariz.
O soño
da febre, que xa foi merecedor recentemente
dos premios concedidos pola Asociación de
Escritores en Lingua Galega e do Antón Losada
Diéguez no pasado mes de abril foi premiado
no apartado Creación Literaria.
Outro multipremiado
é a colosal obra de Justo Beramendi, que
acadou o premio no apartado de Investigación.
De provincia a nación foi premiado
pola AELG, no Antón Losada Diéguez
e nos Irmandade do Libro dos libreiros galegos.
Amais, Justo Beramendi foi Pedrón de Ouro
2008 e a súa obra foi considerada polos lectores
de Fervenzas Literarias como segunda mellor obra
de ensaio do 2007.
Tras ser considerada
polos lectores de Fervenzas Literarias como o mellor
libro de ensaio do 2007, Arte e Parte. Dos patriarcas
á arte suicida de Xurxo Borrazás
foi premiado onte como mellor obra de Ensaio
e Pensamento. Arte e parte ofrécese ao público como escenario de conflito, como
problematización duns conceptos culturais tan asumidos que se
converteron en paisaxe e deixaron de ser útiles.
O
tristemente finado Xaime Quessada foi premiado no
apartado Ciencias e Artes da Representación.
A colección A tiracolo da discográfica
Ouvirmos en Música e o Arquivo do
Reino de Galicia en Iniciativa Cultural foron
o resto duns premios que se entregarán o
vindeiro 31 de maio.
Os Premios da Crítica de Galicia foron convocados desde 1978 polo Círculo Orensán Vigués. En 1992 faise cargo deles a Fundación Premios da Crítica.
Dende 1993 outórgase tamén a distición de Galego egrexio a unha personalidade caracterizada por manter ao longo da súa vida un firme compromiso coa cultura galega.
|
|
|
|
A
AELG e o Concello de Santiago asinan un convenio
de colaboración co obxectivo de asentar en
Compostela un foro literario multicultural
Escritores
en Compostela achegará catro escritores
de sona internacional á capital de Galicia
cada ano
(08-Maio-2008)
O concelleiro de Cultura do Concello de Santiago, Néstor
Rego, e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo
Sánchez, asinaron hoxe un convenio cuxa finalidade é asentar en Santiago de
Compostela o foro literario multicultural denominado Escritores en Compostela, que fará da cidade espazo nuclear ao
redor do que converxeren sucesivos encontros entre os escritores e escritoras
galegos con outros de ámbito internacional.
Tanto a Concellería de Cultura do Concello de Santiago
como a Asociación de Escritores en Lingua Galega coincidiron no acto de
presentación do convenio na conveniencia e necesidade de xuntar esforzos e
impulsar iniciativas, programas, accións e proxectos conxuntos dirixidos á
promoción e difusión da literatura galega, achegándoa a toda a cidadanía
galega.
Como resultado do convenio asinado por ambas as dúas
partes, ao longo deste ano 2008 organizarase un máximo de catro visitas de
escritores ou escritoras pertencentes a diferentes sistemas literarios de
ámbito internacional, co gallo de partillaren a súa experiencia creadora e
creativa cos escritores e escritoras galegos.
Dúas visitas xa se levaron a cabo: a do escritor belga
recentemente traducido ao idioma galego, Jean-Philippe Tousaint, e a escritora
cubana Nancy Morejón. A outra ou outras visitas, até un
máximo de catro en total, está pendente
de confirmar en función da súa axenda, mais os encontros programaríanse para o
3º e 4º trimestre do presente ano.
|
|
|
|
Serán
protagonistas nesta edición Talía
Teatro e o escritor Xelucho Abella
A
A.C. Monte Branco do Couto organiza a XXVI edición
de Festiletras
(08-Maio-2008)
A Asociación Cultural Monte Branco do Couto,
coa colaboración do concello de Ponteceso, presentou o programa para a
XXVI edición da festa das letras.
Como todos os anos, o Couto convértese na referencia cultural, non só comarcal, se non tamén galega polo
esforzo e traballo das xentes que forman parte desta entidade cultural.
Desde o sábado 10 ata o domingo 18 de maio
libros, obradoiros, teatro, exposicións,
contacontos... encherán de cultura Ponteceso.
Nesta
edición homenaxearase a Talía Teatro
e ao escritor Xelucho Abella. Talía Teatro
cumpre neste 2008 o seu XX aniversario; o domingo
11 representaranse as obras Menos lobos,
O merlo branco e Quero ser grande.
Ao longo do día haberá obradoiros
teatrais impartidos por Arthur Trillo e Toño
Casais.
O
día 17 de maio, coincidindo co día
das Letras Galegas, homenaxearase ao escritor Xelucho
Abella, teólogo e concelleiro do PSG-EG nos
concellos de Malpica e Ponteceso. Xelucho é
autor dos libros A cidade maldita (Xerais),
Gundar e o cabalo de oito patas (Casals),
As aventuras de pelusa (Casals) ou A ermida
do diaño (Galaxia).
[Web de Festiletras] [Programación]
|
|
|
|
A
versión Beta da web permite descargar Protexta,
o suplemento cultural
Nace
Tempos Dixital: Información, opinión
e debate na rede
(08-Maio-2008)
En
abril de 1997 aparecía nos quioscos e librarías o número 0 da
revista Tempos Novos.
A súa tarefa durante máis de dez anos sería interrogar libremente o
curso do país, á marxe dos poderes, e informar para o debate e o
coñecemento. Agora nace na internet Tempos Dixital,
que cabo da súa irmá maior en papel, tentará crear opinión rigorosa do
que vai acontecendo cada sete días e mobilizar unha hemeroteca de máis
de 130 números, que segue a medrar. Amais, esta proposta cadra coa
dunha web 2.0. Quérese dicir que o protagonismo lle acae a unha rede
social que se organiza para valorar, reflexionar e mesmo producir os
contidos da publicación electrónica...
O
soportal Tempos Dixital, na súa busca de
información, opinión e debate na rede,
como reza o seu subtítulo, está dividido
nas seccións Política, Economía,
Entreculturas, Ciencia e Tecnoloxía, Sociedade,
Encontros e Comunicación. Amais, está
dispoñible a versión en pdf do seu
suplemento cultural Protexta e unha hemeroteca cos
artigos antigos.
Tempos
Dixital está coordinado polo xornalista Aurelio
Castro.
[Tempos Dixital]
|
|
|
|
Tardes
de lecer na Fundación Wenceslao Fernández
Flórez
A
Fundación Wenceslao Fernández Flórez
recibe unha subvención da Deputación
da Coruña para dar a coñecer o legado
literario e humano do escritor coruñés
(07-Maio-2008)
A Deputación da Coruña e Fundación
Wenceslao Fernández Flórez asinaron no día de onte un convenio co cal a
Deputación achega este ano un total de 18.000 € para financiar o ciclo de
actividades culturais ‘Tardes de lecer na FWFF’ co obxectivo de promover o
coñecemento da obra literaria e da figura do autor
coruñés.
Nesta iniciativa inclúense actividades
como concertos de música clásica e tradicional, recitais de poesía e
representacións teatrais, conferencias e presentacións de libros, proxeccións de
películas e celebración de datas sinaladas como o Día das Letras Galegas, ou o
Día da Poesía.
A Deputación da Coruña, membro do
Padroado da Fundación Fernández Flórez é propietaria da casa do autor coruñés en
Cecebre "Villa Florentina" , cedida como sede á Fundación, pretende así,
colaborar naqueles proxectos, actividades e accións culturais que incidan na
difusión da obra dos autores galegos, no marco do compromiso que mantén coa
promoción da cultura galega.
O presidente da institución
provincial, Salvador Fernández Moreda, valorou moi positivamente o acordo
asinado xa que permitirá afondar no coñecemento da figura do ilustre escritor
coruñés e da súa obra.
Pola súa banda, o director da
Fundación Wenceslao Fernández Flórez, Antonio Montero, agradeceu a colaboración
prestada pola Deputación e resaltou a importante acción cultural que a fundación
desenvolve ao longo do ano, e o importante número de persoas que participan
nelas.
[Máis información]
|
|
|
|
Era
director do Instituto Galego de Estudos Comunitarios
da Fundación Isla Couto e membro do consello
de redacción de GRIAL, amais de autor dunha
vintena de libros
Deixounos
Xan Bouzada
(06-Maio-2008)
Xan Bouzada
Fernández, membro do consello de Redacción de GRIAL e director do Instituto
Galego de Estudos Comunitarios da Fundación Isla Couto faleceu onte, 5 de maio,
como consecuencia dunha longa enfermidade.
Bouzada, nado en Lugo o 1 de decembro de
1951, era doutor en Socioloxía e profesor titular do Departamento de
Socioloxía, Ciencia Política e Filosofía da Facultade de Ciencias Sociais e da
Comunicación da Universidade de Vigo.
Incorporouse á redacción de GRIAL en 1989, na etapa que dirixiu Carlos Casares,
e á que pertenceu ata hoxe. Ao longo destes case vinte anos, participou
activamente nos labores da revista con numerosas colaboracións, encargándose,
ademais, da coordinación dos monográficos "Os dilemas da acción
cultural" (número 130, 1996), "Sobre a sociedade da cultura"
(149, 2001), "Demografía galega, un devalo imparable?" (162, 2004),
"Espazos da cultura" (168, 2005). Nestes días distribuíuse o último
número (177, 2008), onde coordinou a sección "Desafíos da educación".
Autor e editor de máis dunha vintena de libros sobre socioloxía da cultura,
políticas culturais, sociolingüística e desenvolvemento local e comunitario,
entre os que se atopan: Mapa cultural de Galicia: a situación socio-cultural
dos concellos galegos (Xunta de Galicia, 1991), Políticas culturales y
sociedad democrática (Asociación Española de Sociología de la Cultura y de las Artes,
1999), Cultura e concellos. As estratexias de promoción cultural no ámbito
local (Consello da Cultura Galega, 2000), O proceso de normalización do
idioma galego (3 vol., 2002-2003), Cultura e participación (Consello
da Cultura Galega, 2003) e Cultura e novas tecnoloxías (Consello da
Cultura Galega, 2006).
En Galaxia publicou Redes sociais e conxuntos de acción (1996), O
desenvolvemento comunitario local (1999) e Familia e comunidade: a
familia como actor nos procesos de desenvolvemento local (2001).
Ademais de membro da International Sociological Asociation e da Asociación
Galega de Socioloxía, entre 1994 e 1998 foi presidente da Asociación Española
de Sociología de las Artes y la
Cultura (AESCA).
Déixanos Xan Bouzada en plena madureza intelectual e profesional, con varios
proxectos inacabados e unha fonda pegada en cantos o coñecemos polo seu intenso
e infatigable compromiso coa lingua e a cultura de Galicia, á que dedicou o
mellor das súas angueiras.
|
|
|
|
Toda
a información sobre os lugares de solta nos
vindeiros días
Espazo
Lectura ceibará 120 libros en galego en celebración
do Día das Letras Galegas
(06-Maio-2008)
Espazo Lectura prepara unha gran solta de libro galego para o próximo
sábado 10 de maio. Constituirá a acción central deste colectivo
para as Letras
Galegas e será a primeira vez que se produza unha liberación masiva e
conxunta de libros no Val Miñor. A partir do sábado, o Bookcrossing
buscará lectores e lectoras entre nós. Ceibaranse arredor de 120 libros
en galego en distintos puntos dos tres concellos (Baiona, Gondomar e
Nigrán). Eses puntos serán debidamente anunciados na web de Espazo
Lectura e todos os
libros estarán rexistrados na páxina oficial de bookcrossing
por Espazo Lectura. A solta complementarase coa edición dun folleto
explicativo impreso coa colaboración dos tres gobernos municipais, e
cunhas chamativas pegatinas (ademais das etiquetas bookcrossing de
Espazo Lectura) que serán adheridas ás capas dos libros liberados.
Espazo Lectura é un colectivo sen ánimo de lucro, ubicado no Val Miñor, que organiza
actividades que teñen como finalidade o fomento e a
animación á lectura, con especial cometido na animación á lectura en
lingua galega, así como calquera outro tipo de fins que teñan que ver
coa promoción da lectura e do libro como referente de benestar social e
coa consideración do libro como elemento socializador, indispensable
para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade
analítica e, en definitiva, a calidade de vida e o ocio das persoas.
[Espazo Lectura] [Bookcrossing España]
|
|
|
|
Poetas
Galegos da Posguerra
O
Liceo de Ourense analiza as figuras de Xosé
Mª Álvarez Blázquez, Uxío
Novoneyra, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro
e Antón Tovar nun ciclo de conferencias
(04-Maio-2008)
O ano 1936 significou en Galicia a traxedia
para milleiros de familias e tamén un drama inmenso para o
futuro da cultura galega, esplendoroso nese momento. A expresión en
galego quedou reducida durante os primeiros anos a poetas falanxistas
e panexiristas do novo réxime. Outras grandes voces galegas
estaban xa no exilio naquel momento. Hai que agardar a 1947, coa
aparición de Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño, para
albiscar un certo rexurdir da lírica galega. Neses anos nace a
Editorial Galaxia (1950), as primeiras revistas poéticas
bilingües («Posío», «Alba», «Gelmírez», etc.) e as primeiras coleccións
poéticas como Benito Soto, coordinada por Celso Emilio, ou Xistral
en Monforte, que se relacionaron con moitas outras de toda España.
Prepárase así o terreo para a fecundación dos
grandes poetas da posguerra. Entre eles, a maioría nacidos
entre 1920 e 1940, que hoxe a crítica clasifica como Promoción de
Enlace e Xeración das Festas Minervais. Moitos deles renovarán o
cultivo da poesía en galego ó abeiro das tendencias poéticas que
brillaran especialmente na época das vangardas, antes da guerra: o
neotrobadorismo, o imaxinismo, o popularismo ou o paisaxismo. Outros
ensaiarán novas vías como o berro existencial da Escola
da Tebra ou a nova poesía social. Moitos, polas circunstancias
históricas vividas, nin sequera coñecían ben a tradición dos poetas
galegos e sentiron ademais a pegada doutros poetas en castelán,
sobre todo da Xeración do 27. Case todos empezaron facendo poesía nos
dous idiomas: moitos deles apostarían logo pola expresión
monolingüe en galego. Contaban co apoio dalgúns medios como o xornal
compostelán «La Noche» e o seu suplemento cultural ou, máis
logo, a admiración dos novos escritores do grupo Brais Pinto.
A
sección de literatura do Liceo de Ourense
nos achega, nesta sexta edición do ciclo Visións de Galicia, a
algunhas desas grandes voces ben representativas
do seu momento e do seu país: Manuel María, Xosé María Álvarez
Blázquez, Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro e Antón
Tovar. Diferentes especialistas farán un achegamento rigoroso á
súa obra e personalidade: son cinco nomes que marcan
algúns dos grandes camiños da nosa lírica contemporánea e que
ademais permanecen no tempo, auténticos clásicos da mellor poesía
escrita en galego. Ó carón deles figuraron nomes tan relevantes
como Luís Pimentel, Xosé María Díaz Castro, Pura Vázquez, Xoana
Torres, Manuel Cuña Novás, María Mariño, Luz Pozo Garza,
Eduardo Blanco Amor, Antón Avilés de Taramancos ou Álvaro
Cunqueiro, entre outros.
Programa
(todas
a partires das 20.15 h.):
Día
5 de maio: Conferencia de Xohán Xesús
Cabana Xosé María Álvarez
Blázquez.
Día
9 de maio: Conferencia de Luis González Tosar
Uxío Novoneyra.
Día
12 de maio: Conferencia de Miguel Anxo Fernán-Vello
Manuel María.
Día
15 de maio: Conferencia de Ramón Nicolás
Celso Emilio Ferreiro.
Día
19 de maio: Conferencia de Marcos Valcárcel
Antón Tovar.
[Máis información]
|
|
|
|
Interveñen
Manuel Lourenzo, Santiago Fernández e Anahí
Varela
Un
espectáculo poético-musical a cargo
de Casa Hamlet percorrerá Galicia
(04-Maio-2008)
Baixo
o título Quen poidera convosco voar
a compañía de teatro Casa Hamlet percorrerá
vilas e cidades de Galicia e Madrid nun recital-concerto
poético sobre a obra de Manuel Curros Enríquez
no centenario do seu pasamento. Neste espectáculo
poético-musical recitarán os poemas
de Curros Manuel Lourenzo, Santiago Fernández
e Anahí Varela.
Polo
de agora están confirmadas as seguintes datas
e lugares: 4 de maio no Teatro Colón da Coruña
(ás 20.00 h.), 13 de maio na Casa de Galicia
de Madrid (ás 20.00 h.), 20 de maio na Casa
da Cultura de Betanzos (ás 12.00 h.) e o
23 de maio no local social de Berdillo (ás
20.30 h.)
|
|
|
|
Un
Maratón de Lectura en galego abrirá
os actos
O
Centro Cívico Os Mallos prepara as súas
actividades para conmemorar o Día das Letras
galegas
(04-Maio-2008)
O
Centro Cívico Municipal Os Mallos da Coruña
prepara as súas actividades para conmemorar
o 17 de maio o Día das Letras Galegas adicado
a Xosé María Álvarez Blázquez.
O
13 de maio organizan un Maratón de Lectura
en galego onde convidan a participar a todos aqueles
que se queran achegar un texto en galego de algún
autor ou mesmo propio. Os interesados han de se
achegar ao Centro para solicitar quenda de lectura.
Abrirá o acto o ilustre Isaac Díaz
Pardo a partires das 17.00 h.
A
continuación, A caricia da serpe, un grupo
de poesía musicada, formado entre outros
por Lino Braxe e Miguel Ladrón de Guevara
ofrecerá unha actuación musical.
O
día anterior á celebración
das Letras Galegas haberá unha representación
teatral da obra de Manuel Núñez Singala
O achado do Castro, interpretada polo Grupo
de Teatro Ateaco. Acceso de balde recollendo a invitación
a partires do 9 de maio no Departamento de Conserxería.
|
|
|
|
A
obra será publicada pola editorial Espiral
Maior
Paulino
Peña Álvarez gaña o XI Certame
de Poesía 'Concello de Carral' co poemario
Gramática da afirmación
(04-Maio-2008)
O xurado do XI Certame de Poesía 'Concello de Carral', acordou
elixir o poemario titulado Gramática da afirmación, do ourensano
Paulino Peña Álvarez, como gañador desta edición do concurso
literario.
O xurado, formado por formado por Luciano Rodríguez, Ánxeles Penas
García e Xosé Luís Mosquera Camba, baixo a presidencia da Concelleira
de Cultura María José García Fariña, e con Carlos Lorenzo Pérez como
secretario, destaca da obra “a súa madurez lírica, o excelente manexo
da lingua, o contrapunto que establece entre lingua e terra, a súa gran
musicalidade, o sorprendente das súas imaxes, e que é un libro
constructivo”.
A esta edición do premio de Carral presentáronse 38 poemarios, e
está previsto o acto de entrega do premio para o día 23 de maio na
Biblioteca Municipal de Carral. Paulino Peña recibirá como premio 2.000
euros, ademais de ver publicado o seu libro na colección de Poesía da
Editorial Espiral Maior.
Paulino Peña, licenciado en
Filosofía e Ciencias da Educación, é mestre de ensino primario e
coordinador provincial dos equipos de normalización e dinamización
lingüística de Ourense. Este é o primeiro premio importante que acada
este poeta ourensán, despois de que gañara en Bilbao, en dúas ocasións,
o 'Anduriña voandeira', e noutra ocasión o convocado polo Concello de
Serra de Outes. Paulino Peña ten traballado durante varios anos na promoción das
letras galegas, encargándose da coordinación e edición dos vídeos sobre
os autores homenaxeados cada 17 de maio. Ademais é autor de múltiples
unidades didácticas sobre as Letras Galegas. Todos estes traballos
están dirixidos ao sector do ensino e promovidos pola Xunta de Galicia.
[Máis información]
|
|
|
|
"Revivir
o latexo daquel momento fundacional" declarou
o reitor da Universidade da Coruña na presentación
As
universidades galegas presentan unha reprodución
facsímile do manuscrito do himno galego
(04-Maio-2008)
As
tres universidades galegas presentaron na rúa
Tabernas, sede da Real Academia Galega, unha reprodución facsímile do manuscrito do himno de Eduardo Pondal, a
partitura da música composta por Pascual Veiga e varias cartas da
correspondencia mantida entre ambos autores que conforman parte do contido
de O Himno galego. Documentos históricos 1890-1907, un libro co que as
tres universidades galegas conmemoran o centenario da primeira
interpretación do himno galego.
Ao
acto, que estivo presidido por Xosé María
Barja, reitor da Universidade da Coruña,
asistiron o
vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Iván
Area; o
vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago,
Lourenzo Fernández; o arquiveiro-bibliotecario da Real Academia Galega,
Xosé Luis Axeitos e o catedrático de Lingua Galega e Portuguesa da UDC,
Manuel Ferreiro. Todos destacaron a importancia da colaboración das
institucións que deu como froito a publicación desta reprodución
facsimilar. O reitor da Universidade da Coruña destacou que o volume
é “unha achega necesaria ao
centenario do himno que nos permite coñecer e mesmo revivir o latexo
daquel momento fundacional”.
|
|
|
|
Lareira
Literaria
Paula
San Vicente, Xoán Babarro, Ramón Loureiro
e Edicións Xerais de Galicia na Lareira Literaria
de Maio
(04-Maio-2008)
Paula
San
Vicente, Xoán Babarro, Ramón Loureiro
e Edicións Xerais de Galicia cóntanos
ás súas novidades e proxectos sobre
vindeiros libros e traballos.
Paula
San Vicente, tras gañar o Certame Carvalho
Calero de Narración curta con Fíos-de-contas
(Laiovento) prepara un novo libro de relatos co
tema principal da vellez.
Pola
súa banda, o ourensán Xoán
Babarro, tras un intenso 2007 con tres libros dirixidos
ao público máis novo, ofreceranos
neste ano a poesía completa do asturiano
Antolín Santos Mediante, poeta nado en Taramundi
e cunha importante publicación en galego.
Para o público infantil, publicará
Cormarín, a historia dun corvo mariño
que veremos como medra e, para finais de ano, un
libro de poemas onde parte de tópicos da
poesía pondaliana.
Mentres
agardamos pola vindeira novela de Ramón Loureiro,
onde vai estar moi presente a imaxinación
ao servizo da creación da terra, sairá
en breve Príncipes de Bretaña en
Compostela, ilustrado por Gonzalo Pernas, unha particular homenaxe á Cidade de Compostela e ao Camiño de Santiago
que publicará Biblos.
Xerais
prepara un maio cheo de novidades, desde as achegas
ao público infantil cos novos libros de Ramón
Caride e Iván Sende ata as novelas de Marcos
S. Calveiro, Begoña Paz ou Carmen Blanco;
sen esquecer os premios Game Over e Historia da chuvia que cae todos os días, premios Manuel María de Literatura Dramática Infantil e o Premio Álvaro Cunqueiro.
Outras interesantes novidades pódense ver
na Lareira Literaria deste mes.
[Lareira
Literaria]
|
|
|
|