MESES ANTERIORES

 

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

O obxectivo é ser país invitado á Feira de Guadalaxara de 2011

A Consellería de Cultura fai balance da Feira do Libro da Habana

 

(28-Febreiro-2008)

 

Balance da Feira do Libro da Habana A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, fixo balance dos resultados da presenza de Galicia como país convidado na Feira Internacional do Libro da Habana (FILH), que definiu como "grande éxito" da delegación galega tanto en termos de calidade da proposta como de proxección da cultura galega.

A FILH rematou o pasado domingo cun balance de 520.000 visitantes, 32 países participantes, 81 expositores internacionais (entre eles os stands das feiras de Frankfurt e Guadalaxara) e 1,2 millóns de libros vendidos. A proxección internacional da Feira maniféstase no número de xornalistas acreditados -60- de 14 países, entre os que se encontran as principais axencias internacionais (Associated Press, Reuters ou France Presse) e as principais televisións do mundo (CNN, BBC ou a ZDF alemana).

Bugallo explicou que a FILH foi un marco moi "frutífero" para o establecemento de "contactos estratéxicos entre os axentes culturais galegos con outros de todo o ámbito latinoamericano". A participación de Galicia na Habana supuxo, segundo a conselleira, "un salto de xigante no noso posicionamento como cultura e como país no mundo".

A responsable de Cultura explicou a presenza galega na FILH como un primeiro paso "clave para a proxección de alto nivel no ámbito do libro e da cultura en xeral en América Latina", sendo un investimento cultural estratéxico para o futuro da proxección cultural galega. Bugallo citou como próximo obxectivo de Galicia ser convidada na Feira de Guadalaxara, para o que xa fomos candidatados para a edición de 2011.

Desde o punto de vista institucional a Consellaría de Cultura asinou catro acordos de colaboración con distintos organismos cubanos. Coa Escola Internacional de Cine y TV de Cuba de intercambio en materia de formación, de materiais e de producción audiovisual; co Instituto Superior de Arte co fin de colaborar no desenvolvemento de proxectos conxuntos de traballo, vencellados á docencia ou á actividade artística; co Instituto de Literatura e Lingüística para a dixitalización da documentación integrada no Arquivo Galego, as memoria do Centro Galego ademais de publicacións periódicas da colonia galega en Cuba. Ademais, asinouse outro acordo co Museo Nacional de Belas Artes para a catalogación dos fondos galegos.

Ánxela Bugallo afirmou a súa convicción de seguir investindo recursos en proxección exterior da cultura galega: "nunca na historia se fixo promoción internacional da cultura e para nós é un obxectivo ineludible da nosa política".

 [Máis información]

 [A Feira do Libro da Habana en Cifras]

Arriba

 

 

 

O premio de narrativa "Torrente Ballester" chega a súa XX edición

A Deputación da Coruña convoca os seus premios literarios e de banda deseñada

 

(27-Febreiro-2008)

 

Deputación da CoruñaA Sección de Cultura e Deportes  da Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia as bases para os premios do IV premio de Banda Deseñada "Castelao", o XIV premio de poesía "Miguel González Garcés", o VII premio de literatura infantil e xuvenil "Raíña Lupa", o VII premio de ensaio "Manuel Murguía" e o XX premio de narrativa "Torrente Ballester".

O IV premio de Banda Deseñada "Castelao" ten unha dotación económica de 6500 €. A obra premiada será publicada e cos traballos orixinais formarase unha exposicón de carácter itinerante. O prazo de admisión de orixinais finaliza o día 31 de maio de 2008. O gañador da III edición foi Jacobo Fernández Serrano coa obra Aventuras de Cacauequi.

O XIV premio de poesía "Miguel González Garcés", para obras presentadas en galego, está premiado cunha cantidade que ascienda aos 6500 €. O prazo de admisión remata o 15 de abril e a obra gañadora será publicada pola propia Deputación da Coruña. A poeta das Pontes Medos Romero foi a gañadora da edición do 2007 con O pozo da feridia.

O VII premio de literatura infantil e xuvenil "Raíña Lupa" conta tamén cun único premio de 6500 € e a publicación da obra gañadora por parte da Deputación da Coruña ou a través de outra editorial. As obras presentadas, que han de ser escritas orixinalmente en galego, deberán presentarse antes do 16 de agosto. Viaxe a Libunca (Galaxia), de Antonio Yáñez Casal, foi a obra premiada na última edición do Raíña Lupa.

O VII premio de ensaio "Manuel Murguía", para ensaios de carácter histórico, referidos a Galicia, inéditos e non premiados con anterioridade, podendo abarcar calquera período da historia, ten un premio de 6500 €. Na IV edición foi premiada Prensa e comarca. Medios de comunicación en Negreira, A Baña e Brión no século XX, de Xosé Amancio Liñares Giraut e Omayra Lista Liñares.

No XX premio de narrativa "Torrente Ballester" poderán presentarse obras escritas en galego ou en castelán e se otorgará un premio único e indivisible dotado con 25.000 €. O prazo de entrega finaliza o 1 de xulio. O escritor novel Xosé Manuel Pacho Blanco foi a gañadora da pasa edición con A choiva do mundo.

  [Ver BOP da Coruña do 27 de febreiro]

Arriba

  

 

Palabras con memoria ou palabras en perigo de extinción

Novas iniciativas da Asociación de Escritores en Lingua Galega

 

(27-Febreiro-2008)

 

Asociación de Escritores en Lingua Galega A AELG ven de por en marcha dúas novas iniciativas en prol da literatura e das letras galegas.

Por unha banda, no seu soportal abriron unha fiestra ás palabras con memoria, unha iniciativa da AELG que ten por obxecto recuperar palabras nosas en desuso, ou sexa, en perigo de extinción. E tamén palabras e expresións que non recollen os dicionarios. O visitante da web, ademais de consultar un glosario que se actualizará mensualmente, poderá enriquecelo enviando os vocábulos que teña arrombados no faio da lembranza.

Por outra banda abren, coa financiación da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, unha nova convocatoria dos obradoiros de creación literaria destinados ao ensino obrigatorio e post-obrigatorio non universitario, impartidos por escritores/as socias da AELG nos centros de ensino nos meses de marzo, abril e maio. Estes obradoiros non supoñen custe económico ningún para os centros.

Os obradoiros, dunha duración total de 10 horas, tenden como obxectivo principal o proporcionar ao alumnado estratexias para a escrita creativa dadas pola experiencia do/a escritor/a.

 [Palabras con memoria]

 [Obradoiros de creación literaria]

Arriba

 

 

 

O espectáculo Rosalía XXI reuniu a 800 espectadores no Teatro Mella da Habana

Galicia despídese da Feira da Habana co premio ao mellor expositor estranxeiro

 

(26-Febreiro-2008)

 

Feira do Libro da HabanaGalicia despediuse o domingo da Feira do Libro da Habana á que ata onte asistiron máis de 500.000 persoas e na que se venderon máis dun 1.200.000 exemplares. O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, participou no acto de clausura da feira xunto a director do Instituto do Libro cubano, Iroel Sánchez, subliñando a "presenza orgullosa de Galiza na Habana" como unha gran oportunidade para "abrir a nosa cultura ao mundo".

Como colofón á presenza galega, o expositor da Consellería de Cultura recibiu o premio ao mellor stand estranxeiro "polo seu exquisito deseño e por ofrecer un verdadeiro mosaico á altura da súa idiosincrasía". O xurado tamén resaltou a imaxe tan diferente que ofreceu o stand galego fronte ao resto dos expositores que deixaron en segundo plano o deseño.

O espectáculo ‘Rosalía XXI’ que se estreou o sábado no Teatro Mella (e que en breve poderemos disfrutar en Galicia) congregou a máis de 800 persoas que asistiron a esta nova visión da poeta galega. Abe Rábade Quartet ofreceu dez temas compostos exclusivamente para a ocasión que musicalizaban os poemas da escritora galega xunto a un espectáculo audiovisual e a voz de Guadi Galego. O público tamén puido desfrutar da actuación de Pablo Milanés que interpretou un poema de Curros Enríquez dedicado a Rosalía.

Como un dos últimos actos o sábado tamén presentouse, no recinto da feira, a tradución ao galego do éxitoso título de Ramonet, Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet (Xerais), que foi un dos máis solicitados no expositor dos editores galegos.

Rosa Aneiros, Teresa Moure, Marta Dacosta e Antía Otero, como moderadora, participaron no encontro Da man e da voz das mulleres. Todas elas coincidiron na existencia dunha literatura que se recoñece feita por mulleres pero negaron unha adxectivación da literatura como feminina. Aneiros considera que é preciso "non entrar no xogo de pór adxectivos á literatura"; por outra banda Marta Dacosta criticou a escasa presenza que se lle deu as autoras ao longo da historia e reivindicou "a desconstrución dos mitos". Mentres, Teresa Moure repasou con ironía os tópicos femininos e denunciou como "a muller aparece trivializada sempre nos medios de comunicación".

  [Máis información]

Arriba

  

 

O obxectivo é poñer a disposición da cidadanía e da comunidade ciéntifica os fondos localizados na rúa do Hórreo

O Parlamento de Galicia e o Consello da Cultura Galega catalogarán os fondos de Carballo Calero e dos irmáns Villar Ponte localizados no Parlamento de Galicia

 

(24-Febreiro-2008)

 

O Parlamento de Galicia e o Consello da Cultura Galega catalogarán os fondos dos irmáns Vilar Ponte e Carballo Calero A Presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, e o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinarán o luns, día 25, ás 12 horas no Pazo do Hórreo, un protocolo de colaboración para a catalogación, ordenación e integración dos fondos bibliográficos e documentais de Ricardo Carballo Calero e dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte. Trátase de poñer ese patrimonio cultural a disposición da cidadanía e da comunidade científica.

Os traballos consistirán na catalogación informatizada e a preparación material do fondo bibliográfico das dúas bibliotecas e na descrición e catalogación informatizada, clasificación e ordenación das unidades arquivísticas e integración dos rexistros nas bases de datos con ligazóns ás imaxes digitalizadas dos dous arquivos persoais.

O Parlamento ten a titularidade e a custodia destes dous importantes fondos. Dende 1997 no caso de Carballo Calero e dende 2001 no dos irmáns Villar Ponte. Os fondos de Carballo Calero “reflicten as inquedanzas, a traxectoria e a fasquía dun dos nosos lingüistas máis sobranceiros do século XX, testemuña e protagonista do segundo espertar cultural do país na idade contemporánea e defensor consecuente dos dereitos individuais e colectivos do pobo galego. Percorrendo esta biblioteca un pode sondar o evolucionar da nosa vida literaria, humanística e creadora, a través de primeiras edicións, iniciativas culturais pioneiras compromisos cívicos compartidos”.

Dos irmáns Villar Ponte saliéntase que “representan a ósmose entre a loita polas libertades en épocas convulsas e a defensa do autogoberno; un exemplo de coherencia política paradigmático do que aínda somos debedores no proceso de consolidación e dinamización da nosa personalidade cultural, lingüística e identitaria. A través da documentación existente poderase albiscar o perfil humano que subxace a ese compromiso de clara trascedencia política”.

  [Máis información]

Arriba

 

 

 

Este é o segundo ano que a biblioteca arousá organiza a homenaxe sobre a matriarca das letras galegas

A Biblioteca Pública de Vilargarcía de Arousa inaugura unha mostra sobre Rosalía de Castro

 

(23-Febreiro-2008)

 

Exposición Rosalía de CastroO pasado 22 de febreiro inaugurouse nas instalacións da Biblioteca Pública de Vilagarcía de Arousa unha interesante mostra sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro. A poeta de Padrón, que da nome á biblioteca, é homenaxeada polo aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro de 1837.

Os concelleiros de Cultura e Educación, Xosé Castro Ratón e Susana Camiño, acompañados da directora da Biblioteca, Mercedes Castro, inauguraron a mostra que se caracteriza por ter un deseño moi visual, atractivo á vez que cómodo para que os visitantes poidan obter unha información esencial sobre a vida e a obra de Rosalía e sobre os distintos fondos bibliográficos desta autora cos que conta a Biblioteca, así como para consultar algúns deles na propia mostra.

A información biográfica e bibliográfica recóllese a través de reseñas en dous paneis informativos, mentres que as obras máis destacadas de Rosalía exhíbense nos catro expositores en forma de cubo que flanquean o espazo situado no baixo da Casa da Cultura e que está presidido por un colorido cadro co rostro da autora de Cantares Gallegos. Por último, e co obxectivo de facilitar a consulta das obras aos máis pequenos, o espazo central da mostra conta cunha mesa circular ó redor da cal os cativos poderán sentarse para ler algúns dos poemas de Rosalía.

A Biblioteca organizará visitas guiadas para os distintos centros educativos do municipio. Nestas visitas, ademais de expoñerlles os contidos da mostra aos alumnos, haberá lecturas de poemas de Rosalía de Castro na que participarán profesores e nenos. Como actividade complementaria á exposición, a Biblioteca está a xestionar a través da Fundación Rosalía de Castro e da Xunta de Galicia a visita ás instalacións municipais dun escritor galego para facer unha lectura pública dos versos da creadora de Campanas de Bastabales.

Este é o segundo ano consecutivo que a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro organiza unha exposición sobre a autora que lle da nome. A directora explicou que a mostra tivo unha grande acollida o ano pasado e que propiciou un notable incremento de préstamos de obras de Rosalía. As expectativas deste ano son aínda máis optimista, dado que a exposición ten máis contidos e os fondos da autora galega pasaron dos 51 existentes en 2007 aos 69 cos que a Biblioteca conta na actualidade.

  [Máis información]

Arriba

  

 

O soutomaiorense publicou recentemente en A Nosa Terra As Escolas de Fundación en Galiza

Faleceu Luis Obelleiro

 

(23-Febreiro-2008)

 

Lois Obelleiro. Foto: galizacig.com Este xoves finou, despois dunha longa doenza, o sindicalista, historiador e escritor Lois Obelleiro.

Luís Obelleiro Piñón naceu en Arcade en 1953 e era Doutor en Historia. Membro do Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego en varias etapas, formou parte da Executiva Nacional da formación frentista –na que asumiu responsabilidades como secretario de Política Municipal e de Organización- até Decembro de 2006. Foi tamén, en representación do BNG, membro do Consello de Administración da CRTVG. Foi membro fundador do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e da Intesindical Nacional Galega (ING). Estivo moi ligado a Arcade e a Soutomaior, onde foi concelleiro.

Como escritor publicou recentemente As Escolas de Fundación en Galiza (A Nosa Terra); foi coautor de Historia de Galicia (A Nosa Terra) e xunto a Pepe Carreiro crearon a colección infantil A Nosa Historia (A Nosa Terra).

  [Artigo de Manuel Mera]

Arriba

 

 

 

A escritora recibirá en persoa o galardón na Cea das Letras o vindeiro 26 de abril

A AELG distingue á escritora cubana Nancy Morejón co galardón Escritor/a Galego Universal

 

(19-Febreiro-2008)

 

Nancy MorejónCesáreo Sánchez, poeta e presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg), entregou onte á escritora cubana Nancy Morejón, na Habana e no marco das actividades da Feira do Libro, unha distinción consistente nunha pluma estilográfica como símbolo do galardón Escritor/a Galego Universal que lle foi concedida polos escritores galegos.

A escritora cubana estará presente este ano na tradicional Cea das Letras, que organiza a Aelg, para recibir en persoa o galardón de Escritor/a Galego Universal, atendendo a súa actividade como dinamizadora cultural, estudosa da literatura afrocubana e defensora infatigable dos dereitos da muller.

Nancy Morejón naceu na Habana en 1944. Licenciada en Lingua e Literatura Francesas, non só é unha das voces máis orixinais da Cuba posterior a 1959, senón que pola súa labor crítica e ensaística, asi como pola súa importante contribución en organismos culturais, tense convertido nunha figura imprescindible da actual literatura cubana. Traducida a varias linguas, ten traducido, a súa vez, a poetas como Paul Éluard, Aimé Césaire, Jacques Roumain e René Depestre, entre outros. Entre outros galardóns ten no seu haber o Premio Nacional de Narrativa no ano 2002.

No transcurso da tradicional Cea das Letras, que se celebrará o sábado 26 de abril, a Aelg premiará igualmente á Asociación Sociopedagóxica Galega, á Mostra de Teatro de Rivadavia e ó autor melidense Xosé Vázquez Pintor.

Arriba

  

 

A rodaxe, que debeu comezar no 2007, conta cun orzamento de máis dun millón de euros

Ismael González vai levar ao cinema as Memorias dun neno labrego de Neira Vilas

 

(18-Febreiro-2008)

 

Memorias dun neno labrego. O filmeEu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre.

Así comeza unha das obras cumio da literatura galega, as Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas. Un libro co que o ourensán Ismael González Díaz leva tempo querendo levar ao cinema.

O filme, que obtivo unha subvención por parte da Axencia Audiovisual Galega no ano 2006 de 200.000 € (que se perdeu "por un problema de papeleo") ten un orzamento de pouco máis de un millón de euros, será producido pola productora de Ismael González -Ismael González PC- e interpretado por un elenco artístico formado por Xulio Abonjo, Mela Casal, Lino Braxe, María Barcala, Dorotea Barcea e Uxía Blanco.

Ismael González xa produciu e dirixiu no 2002 o documental Neira Vilas. Memorias dun neno labrego. O libro onde o escritor de Gres reconstrúe coas súas lembranzas a Galicia da posguerra que fornece a súa novela e personaxes. Nesa reconstrucción histórica van aparecendo as persoas e personalidades que, logo, substentarán a valía da obra, a persoalidade e a actuación de Xosé Neira Vilas en Arxentina, Cuba e Galicia. Este documental, producido por Acuarela Comunicación, tivo unha excelente acollida tanto en España coma no extranxeiro.

  [Máis información]

  [Ficha na Axencia Audiovisual Galega]

Arriba

 

 

 

O escritor melidense Xosé Vázquez Pintor gañou o premio coa novela Para dicir abril

Publicado o Premio Risco de Creación Literaria 2007

 

(17-Febreiro-2008)

 

Xosé Vázquez PintorSotelo Blanco Edicións publica a nova novela do escritor de Melide Xosé Vázquez Pintor, Para dicir abril, incluída na súa colección Medusa Narrativa. Esta obra resultou gañadora do Premio Risco de Creación Literaria 2007, certame organizado anualmente pola Fundación Vicente Risco en colaboración co concello de Ourense.

Cunha estrutura encabezada por poemas de Safo de Lesbos, en Para dicir abril a protagonista vai esmiuzando, nun xogo de intertextualidades, o que é a súa vida, marcada por un pasado de relacións imposibles de esquecer, dende a primeira infancia ata o momento presente. Vázquez Pintor, cunha linguaxe luminosa e unha poeticidade de imaxes que esixen do lector unha participación activa, explora nesta obra algunhas das vetas máis escuras do ser humano...

Xosé Vázquez Pintor foi gañador dos premios Eduardo Pondal (1981) con Ofidios de diario, o Cidade de Ourense (1989) con Na vertical da noite, o Esquío (1989) con No corazón mancado, o Uxío Novoneyra (2000) con Banzados, o Carvalho Calero (2000) con Quen me faga voar, O Torrente Ballester (2000) e Crítica Española (2001) con A memoria de boi, ou o Torque de Prata (2004) con Tal era vivir.

 [Máis información]

Arriba

  

 

A Fundación Curros Enríquez organiza os actos que se desenvolverán no centenario da morte do escritor de Celanova

2008, o Ano de Curros Enríquez

 

(14-Febreiro-2008)

 

Centenario Curros EnríquezO Padroado da Fundación Curros Enríquez aprobou un orzamento de 57 mil euros, aportados por algúns dos patróns institucionais como o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense, a Consellería de Cultura e Deporte, a Consellería de Educación e Caixanova, para fixar as actividades que se celebrarán en 2008 en conmemoración do centenario da morte de Manuel Curros Enríquez.

Os restos do poeta Manuel Curros Enríquez atópanse na actualidade no cemiterio de San Amaro da cidade de A Coruña. Con tal motivo os actos do 7 de marzo, propio día de conmemoración do 100 aniversario da súa morte, centraránse nesta cidade. Ata ela desplazaranse os membros do Padroado desta Fundación para realizar unha ofrenda floral, visitar o CEIP Curros Enríquez da cidade herculina, homenaxear ao vate diante do seu principal monumento nos Xardíns do Méndez Núñez e finalmente anunciar o Premio Celanova, Casa dos Poetas na edición de 2008 na sede da Real Academia Galega.

Actos de homenaxe a Curros tamén terán protagonismo de maneira especial na súa vila natal, Celanova, en colaboración coa Consellería de Cultura; en Ourense gracias ao ofrecemento do Liceo e en Madrid onde xa se está en contacto coa Casa de Galicia. A colaboración da Real Academia Galega durante este ano do centenario intensificarase coa organización dunha exposición con material orixinal de Curros. Entre outros obxectos viaxarán a Celanova a bandeira coa que foi envolto o cadáver, a coroa que se lle entregou en 1904 no acto de coroación poética (acto que significou o primeiro recoñecemento público a un poeta en galego en vida), unha colección de partituras de poemas musicados e primeiras edicións, algunhas con apuntamentos do propio Curros. Esta mostra inagugurarase en Celanova e exporase unicamente a continuación na Coruña.

Durante 2008 a Fundación Curros Enríquez itinerará unha exposición de creación propia sobre a vida e obra de Manuel Curros. Os paneis que formarán esta obra poderán visitarse en casas de cultura e centros de ensino, como por exemplo os denominados co nome do poeta, por todo o territorio galego ao longo do ano.

O Centro da Cultura Popular “Xoaquín Lorenzo” colaborará coa organización de varias conferencias sobre o homenaxeado que serán impartidas polos profesores Marcos Valcárcel e Afonso Vázquez-Monxardín. Ademais o Centro da Cultura Popular centrará gran parte do próximo número do mes de maio da Revista Raigame na figura de Curros Enríquez e celebrará na Casa dos Poetas en colaboración con esta Fundación e a Facultade de Ciencias da Educación unha mesa redonda sobre as casas dos escritores como centros de dinamización do patrimonio literario.

Outra das grandes propostas para este ano do centenario e no que xa se está a traballar é a edición dun disco de María do Ceo con poemas dos autores de Celanova, sendo Curros o protagonista. Tamén Curros será o punto de referencia para outras actividades aprobadas polos membros desta entidade como a organización dunha lectura conxunta de poemas nas 54 localidades galegas que contan con rúas denomidas Curros Enríquez. Asi mesmo se retomará o proxecto da ‘Ruta do Rexurdimento’, nesta ocasión será o Consello da Cultura Galega a entidade colaboradora, que pretende divulgar conxuntamente os lugares de referencia dos principais autores desta etapa como son Curros, Rosalía e Pondal, é dicir, Celanova, Padrón e Ponteceso.

Entre os cursos e seminarios que se celebrarán destaca o de xornalismo audiovisual coa Fundación Carlos Casares e mais o de turismo literario que acollerá a Casa dos Poetas organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Este ano será a excusa para a celebración de varios encontros: un de tódolos autores nacidos ou relacionados con Celanova, outro de poetas novos e finalmente un de escritores-funcionario.

Por suposto tamén estarán presentes as celebracións musicais a través de concertos de autores con composicións ligadas ao poeta entre os que podemos avanzar un concerto homenaxe de música coral por parte da Coral Solpor de Celanova.

Por último en relación ao autor protagonista do 2008 continuarán as actividades para escolares ofertadas desde a Casa dos Poetas como o programa ‘O Curros de Celanova’ (programa que combina visitas turísticas, a ruta de sendeirismo denominada ‘currosiana’ e a lectura de poemas) e a reinterpretación fotográfica do poema Unha boda en Einibó, asi como a celebración de obradoiros e actividades de animación á lectura.

 

Arriba