|
A
obra será publicada na colección de
poesía "Arte de Trobar", editada
polo P.E.N. Clube de Galicia
O
poeta lucense Luís Valle Regueiro resulta
gañador do Premio de Poesía Caixanova
(26-Decembro-2008)
O
poeta lucense Luís Valle Regueiro foi o gañador
do VII Premio de Poesía Caixanova co traballo
A caída, que foi presentada baixo o lema “Caliban”.
Nesta sétima edición do certame,
organizado polo P.E.N. Clube de Galicia e Caixanova,
concorreron 67 poemarios inéditos. O xurado,
composto por Luís González Tosar, escritor e presidente do Centro
P.E.N. de Galicia; Anxo Angueira, poeta e profesor da Universidade de
Vigo; Elvira Riveiro, profesora da Universidade de Vigo; Arximiro
Villar, poeta, investigador e crítico literario; e Ramón Nicolás,
crítico literario, decidiu
outorgarlle o galardón á obra do lucense Luís Valle Regueiro pola súa
“coherencia estética e un equilibrio estrutural próximo ao minimalismo
expresivo”. Así mesmo, tamén quixeron destacar que “resulta
significativo o tratamento que fai o autor da poética do íntimo cun
suxestivo repertorio simbólico e un rexistro lingüístico contido pero
escolleito”. Amais da dotación económica do premio, A caída
será publicada na colección de poesía “Arte de Trobar”,
editada polo P.E.N. Clube de Galicia. Luís Valle Regueiro
é o sétimo gañador deste certame,
un dos máis prestixiosos do país en
poesía, tras Carlos Penela por Sombras, rosas, sombras
(2007), Marilar Aleixandre por
Mudanzas (2006), Arcadio López-Casanova con Herdo do canto
(2005), Román Raña por As metamorfoses do
túnel (2004), María do Cebreiro con Non deixes que o poema te
coñeza (2003) e Xavier Seoane, por Dársenas do ocaso
(2002).
|
|
|
|
Un
longo e tortuoso camiño: Adaptación,
crise e cambio no Bloque Nacionalista Galego (1982-2008)
é de autoría de Xosé Ramón
Quintana Garrido
Un
estudo sobre a evolución do BNG desde 1982
ata os nosos días é premiado co Ramón
Piñeiro de Ensaio
(22-Decembro-2008)
A obra Un longo e tortuoso camiño: Adaptación,
crise e cambio no Bloque Nacionalista Galego (1982-2008), da que é
autor o profesor Xosé Ramón Quintana Garrido, resultou gañadora do Premio Ramón
Piñeiro de Ensaio 2008, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de
Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para
a investigación en humanidades, e Editorial Galaxia coa colaboración de Unión
Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 22 de decembro, ás 11.00
h.,
no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta oitava edición do Premio Ramón Piñeiro,
que será publicado por Galaxia o próximo
ano, aborda o tema de da evolución,
entre o radicalismo e a adaptación, do BNG, desde 1982 á actualidade. O xurado
recoñece así os méritos dunha obra na que destaca a capacidade do autor para
interpretar e reconstruír, con rigor intelectual e eficacia expositiva, o
proceso recente do BNG. Análise feita á luz da ciencia política e dos abondosos
fondos documentais empregados polo autor.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, María López Sández, Rosa Marta
Gómez Pato, Ramón Villares e Carlos Lema, salientou a calidade dos nove
orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.
O
profesor ourensán Xosé Ramón Quintana Garrido é especialista
en historia política e historia social. Publicou con Marcos Valcárcel o libro Ramón Otero Pedrayo.
Vida obra e pensamento (Ir Indo), ademais de
diversos artigos en revistas especializadas e publicacións colectivas.
|
|
|
|
O
prazo de entrega de orixinais remata o 13 de abril
do 2009
Comeza
a conta atrás para os Premios Xerais 2009
(22-Decembro-2008)
Edicións
Xerais de Galicia ven de convocar as bases para
a 26ª edición do Premio Xerais de Novela,
a 4ª edición do Premio Fundación
Caixa Galicia de Literatura Xuvenil e a 24ª
edición do Premio Merlín de Literatura Infantil.
O
prazo de entrega de orixinais para cada un dos diferentes
premios remata o 13 de abril do 2009. O xurado,
formado por cinco membros escolleitos entre lectores,
recoñecidos profesionais da cultura e un
secretario con voz e sen voto en representación
de Edicións Xerais emitirá o seu fallo
no curso da Cea “Xerais” que se celebrará
o día 6 de xuño.
[Bases
da 26ª edición do Premio Xerais de Novela]
[Bases
da 4ª edición do Premio Fundación
Caixa Galicia de Literatura Xuvenil]
[Bases
da 24ª edición do Premio Merlín
de Literatura Infantil]
|
|
|
|
A
entrega dos premios celebrarase o 27 de decembro
na Casa da Concello de Padrón
Iván
García Campos, novo gañador dos Premios
Pedrón de Ouro de narración breve
(22-Decembro-2008)
O xurado da XXXIV edición do Premio Nacional
de Narracións Curtas "Modesto Rodríguez
Figueiredo", que convoca a Fundación
do Pedrón de Ouro en colaboración
do Concello de Padrón, outorgou o primeiro
premio ao escritor Iván García Campos
polo relato Unha casa chea de xanelas. O
xurado, que estivo composto por Avelino Abuín
de Tembra (Presidente da Fundación do Pedrón de Ouro),
María Xesús Senín Fernández (en representación do Concello de Padrón),
Carlos Negro Romero (en representación da AELG),
Román Raña (en representación do PEN CLUBE DE GALICIA),
Xesús Manuel Valcárcel (designado pola Fundación do Pedrón de Ouro),
Xesús Santos Suárez (moderador e membro da Fundación do Pedrón de Ouro)
e David Otero (secretario e membro secretario da Fundación do Pedrón de Ouro)
destacaron do relato de García Campos a capacidade narrativa, o detallismo na
construción psicolóxica dos personaxes, o multiperspectivismo para crear a
historia mestura de realidade e imaxinación. Tamén se destaca a gradación de
accións, o detallismo e obsérvase cualitativamente a pluralidade de emisores
nos contextos sociais así como as referencias temáticas do momento e asemade a
elementos narrativos de definición cinematográfica.
Iván
García Campos, habitual nos premios de narracións
curtas, xa fora premiado na 34ª edición
destes mesmos premios, así como no Certame
literario de relatos curtos “Os Viadutos”,
no Certame de Narración Curta Ánxel Fole
ou no Concurso de Contos para a Mocidade
de Ourense.
Tras
as conclusións do xurado, outorgáronse
dous accésit ás obras Colleita
de sombras de Chelo Suárez e a Un
pintor malogrado de Alberto Gómez Aneiros.
Asemade, o xurado propuxo pola súa calidade literaria a publicación das obras
Ai padriño!, A corrente salvaxe
e Happy sunday.
Os
premios entregaranse o vindeiro 27 de decembro na
Casa do Concello de Padrón. Tanto
os traballos premiados como os propostos para publicación, se así o permiten
os seus autores, serán publicados nun tomo da Colección “ Premios
Modesto R. Figueiredo" pola
Editorial O Castro.
|
|
|
|
Os
fundadores da Asociación Galega de Editores
foron homenaxeados no apartado de Edición
Histórica
O
libro das viaxes imaxinarias, PAlAbrAs
brAncAs,
Fin de século en Palestina,
Lolita,
Agustín Fernández Paz e
Gadisa,
premiados na IV Noite da Edición
(21-Decembro-2008)
A
Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou o pasado
venres 19 de decembro a
IV Noite da Edición, unha gala coa que o gremio editorial pretende
reunir anualmente a todos aqueles que traballan o día a día da realidade material
do libro, a súa produción e a súa edición e na que se entregaron os Premios da
Edición 2008, concedidos polos propios editores. O evento, patrocinado polo
Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), tivo lugar no Verbum-Casa das
Palabras de Vigo e acudiron a el os profesionais do sector e destacadas
autoridades do mundo do libro, a cultura e a política en Galicia.
Nesta IV Noite da Edición foron homenaxeados no
apartado da Edición Histórica os fundadores da Asociación Galega de Editores,
que celebra no 2008 o seu vinte e cinco aniversario. Recolleron o premio Bieito
Ledo, da editorial Ir Indo, e Olegario Sotelo Blanco,
de Sotelo Blanco Edicións. Ámbolos
dous editores quixeron rendirlle homenaxe, na recollida
do premio, a aqueles compañeiros fundadores
que xa non están entre nós e que iniciaron
o camiño da Asociación Galega de Editores.
Asemade, Bieito Ledo incidiu na creación
da AGE, no ano 1983, como o terceiro fito do libro
galego xunto a Xeración Nós con Ánxel
Casal e o posterior período de resistencia
cultural desde Bos Aires; e tras a fundación
de Galaxia. Rematou engadino que a identidade de
Galicia como pobo non existiría sen o libro
galego.
Posteriormente foron entregados os premios creados pola AGE para recoñecer a excelencia do traballo dos
compañeiros editores e dos integrantes doutros colectivos que se distinguiron ó
longo do ano 2008 polo seu labor a favor do libro ou a lectura. Estas distincións, sen dotación
económica, son outorgadas polas corenta e catro editoras que forman parte da
Asociación, previa presentación das candidaturas que cada unha considera
oportunas, tras dúas votacións para cada unha das seis categorías.
Premio
Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado do 2008: O
libro das viaxes imaxinarias (Xerais), ilustrado
por Xosé Cobas.
Finalistas: A fabulosa lenda do Rei Artur (Rodeira-Edebé), ilustrado por
Francesc Rovira; Celso
Emilio Ferreiro. Selección poética (Faktoría K
de Libros), ilustrado por Baldo Ramos; Rosalía de Castro. Selección poética (Faktoría K de Libros),
ilustrado por Belén Padrón; e Terra Libre (Edicións Xerais de
Galicia), ilustrado por Fran Jaraba.
Premio
Xosé Neira Vilas ao libro Infantil e Xuvenil:
PAlAbrAs
brAncAs (Xerais) de Elvira Riveiro Tobío.
Finalistas: A
pastelaría de Dona Remedios (Rodeira-Edebé), de Agustín Fernández Paz; Caracois (OQO
Editora), de Armando Quintero; Imaxina animais
(Kalandraka Editora), de Xosé Ballesteros; e O ladrón de
palabras (Edicións A Nosa Terra), de Anxo Fariña.
Premio
Ánxel Casal ao libro do ano: Fin
de século en Palestina (Galaxia) de Miguel
Anxo Murado.
Finalistas:
A arquitectura en Galiza: Aproximación á realidade
arquitectónica xeral de Galiza dende a Prehistoria ata os nosos días (Edicións Nigra Trea), de Manuel Torres Búa; A conta atrás (Faktoría
K de Libros), de Carlos Portela; A vida nova de Madame
Bovary (Editorial Galaxia), de Xosé Carlos Caneiro; Caderno de animalista (OQO Editora), de Antom Fortes; O libro
das viaxes imaxinarias (Edicións Xerais de Galicia), de Xabier P. Docampo;
e Os animais domésticos na Historia de
Galicia (3C3 Editores), de Diego Conde e José M. Vázquez Varela.
Premio
Lois Tobío ao libro traducido: Lolita
(Faktoría K de Libros), traducido por Xesús
Fraga.
Finalistas:
A fabulosa lenda do Rei Artur
(Rodeira-Edebé), traducido por
Isabel Soto e Xabier Senín; As
flores do mal (Editorial Galaxia), traducido por Gonzalo Navaza; Cantos e fragmentos (Edicións Positivas), traducido por Raúl
Gómez Pato; Deshonra (Rinoceronte Editora),
traducido por Moisés Barcía; Eu servín ao Rei de Inglaterra
(Rinoceronte Editora), traducido por Fernando de Castro; e Mal de escola (Edicións
Xerais de Galicia), traducido por Xabier Senín e Isabel Soto.
Premio
Xosé María Álvarez Blázquez
ao autor ou autora do ano: Agustín
Fernández Paz. Finalistas:Justo Beramendi e Miguel Anxo Murado.
Premio
Francisco Fernández del Riego á colaboración no labor editorial do ano:
GADISA, pola súa campaña
publicitaria “VIVAMOS COMO GALEGOS”.
|
|
|
|
Entre
todos os participantes sortearase un lote de libros
cortesía da Federación de Libreiros
de Galicia
Abertas
as votacións para elixir o mellor do 2008
(18-Decembro-2008)
Os editores, os escritores, os críticos, os
libreiros... Todos escollen as súas preferencias literarias do ano. Desde
Fervenzas Literarias propoñémosvos a todos os lectores e lectoras que deades a
vosa opinión e sexades vos quen votedes polos mellores libros, autores,
ilustradores,... do 2008.
Respecto ao pasado ano, queremos destacar a creación
literaria do país limitando as categorías
de Narrativa, Poesía, Ensaio, Literatura
Xuvenil e Infantil exclusivamente ao libro galego,
engadindo como novos os apartados de traducións
cara a nosa lingua. Outras categorías que
incluímos por vez primeira nesta edición
son: Mellor crítico/a literario, Mellor Libraría
e Mellor Blog cuxos contidos se centren principalmente
en temas literarios e/ou de creación. Cremos
que deste xeito contemplamos practicamente na súa
totalidade os diferentes aspectos literarios da
literatura galega.
Para agradecer as vosas achegas, sortearemos entre todos
e todas as participantes un lote de libros cedido
por xentileza da FEDERACIÓN DE
LIBREIROS DE GALICIA.
Agardamos polos vosos votos!!!
[Vota
polos teus mellores libros do 2008]
[Ver
os resultados de Os
mellores libros do 2007]
|
|
|
|
A
entrega realizarase no transcurso da Cea das Letras
en maio do 2009
A
AELG ven de nomear á escritora mexicana Elena
Poniatowska Escritora Galega Universal
(18-Decembro-2008)
A Asociación de Escritores en
Lingua Galega decidiu outorgar o galardón “Escritora Galega Universal” á
escritora mexicana Elena Poniatowska.
O galardón ofreceullo o presidente
da asociación, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, no transcurso da súa recente
estadía na Feira do Libro de Guadalajara (México).
A distinción entregáraselle
no transcurso da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación
de Escritores en Lingua Galega, xunto cos Premios AELG, uns galardóns que,
concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se
afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario. A Cea das
Letras celebrarase no mes de maio de 2009.
Xornalista e narradora,
nacida en París o 19 de maio de 1933, filla dunha mexicana, Paula Amor, e un nobre
polaco, Jean Poniatowska. Radica en México desde 1942. Foi bolseira do Centro
Mexicano de Escritores, de 1957
a 1958; ingresou no Sistema Nacional de Creadores
Artísticos, como creadora emérita, en 1994.
A súa carreira principiou no
exercicio do xornalismo, e ten publicada unha obra moi ampla, que inclúe varios
xéneros.
Entre os seus textos destacan
as novelas Hasta no verte
Jesús mío (1969), Querido Diego, te abraza Quiela, (1978), La
flor de Lis (1988), Tinísima (1992) e La piel del cielo
(2001); os ensaios: Todo empezó el
domingo (1963), La noche de Tlaltelolco (1971), Gaby Brimmer
(1979), Fuerte es el silencio (1980), El último guajolote (1982),
¡Ay vida, no me mereces!, (1985), Nada, nadie. Las voces del temblor (1988),
e Juchitán de las mujeres (1989); as coleccións de contos: Lilus
Kikus (1954), De noche vienes (1979), Métase mi prieta entre el
durmiente y el silbatazo (1982) e os libros de entrevistas: Palabras
cruzadas, Era, (1961), Domingo 7 (1982), Todo México (1990) e
Todo México, vol. II (1994).
Acadou múltiples premios
entre os que cómpre salientar: Premio Mazatlán 1970, por Hasta no verte
Jesús mío; Premio Xavier Villaurrutia 1970 (rexeitado), por La noche de
Tlatelolco; Premio Nacional de Periodismo 1978 (foi a primeira muller que recibiu
esta distinción) polas súas entrevistas; Premio Manuel Buendía 1987 (outorgado
por varias universidades de México), por méritos relevantes como escritora e
xornalista; Premio Mazatlán de Literatura 1992, por Finísima; Premio Alfaguara de Novela 2001, por La piel del cielo, e Premio Rómulo Gallegos 2007, pola súa
novela El tren pasa primero.
|
|
|
|
O
soportal permite a libre descarga de textos teatrais
O
Centro Dramático Galego presenta a plataforma
Dramaturxias de actualidade
(18-Decembro-2008)
O
Centro Dramático Galego presentou hoxe Dramaturxias
de actualidade, un soportal web específico para acadar a máxima difusión dos textos escritos polos autores de teatro galego actuais.
O
obxectivo de Dramaturxias de actualidade é
o de ser un depósito de acceso público
de textos dramáticos, e ao tempo , de servir como
plataforma de lanzamento para os creadores. Tampouco desbota ser un
lugar na rede onde atopar materiais, suxestións e informacións sobre o
que foi escrito recentemente ou está a ser escrito na actualidade desde
o sistema teatral galego.
Neste espazo virtual convivirán un número ilimitado de textos escritos
polos participantes no laboratorio de escrita permanente Pistas para
unha dramaturxia da actualidade -que dirixe dentro do CDC o autor e
director teatral Cándido Pazó- con outras obras de autores emblemáticos
da dramaturxia galega que queiran utilizar este medio para dar a
coñecer os seus textos e propostas. Tamén hai un espazo para títulos
actuais escritos en calquera lingua, así como para obras en reposición
e textos de espectáculos producidos nos últimos anos polas compañías
galegas e que estas queiran trasladar a estudosos, teatro amador e
escolar, ou a futuras reposicións e novas montaxes.
Para facer máis doada a localización
dos fondos, incorporouse un motor
de busca por distintas categorías, como son o autor/a, título, ano,
público, número de personaxes e texto libre. Tamén hai un foro de
intercambio de opinións e xeración de debates sobre obras, temáticas e
tendencias que conforman a escrita dramática de hoxe en día en Galicia.
A directora do CDG, Cristina Domínguez Dapena, xa adiantara no pasado
mes de novembro en Alacante no marco da Muestra de Teatro Español de
Autores Contemporáneos a posta en marcha desta web que suscitou grande
interese entre os dramaturgos congregados neste encontro, con escasos precedentes
no Estado Español.
[Dramaturxias
de actualidade]
|
|
|
|
O
segundo premio foi para o traballo A cidade medieval
de Tui, de Jesús Vila Pérez
Un
estudo sobre os Andrade, Premio de Historia Medieval
de Galiza e Portugal 2008
(17-Decembro-2008)
A
casa dos Andrade 1160-1540. Nobreza, mentalidade e ideoloxía na Galiza baixo
medieval de Francisco
Correa Arias foi a obra gañadora do Premio
de Historia Medieval de Galiza e Portugal 2008, convocado conxuntamente pola
Editorial Toxosoutos, a Fundación Comarcal Noia e a Fundación Comarcal Muros.
O xurado, presidido polo profesor de historia
medieval da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Barros Guimeráns,
tomou por unanimidade esta decisión destacando a importancia do tema para a
historia de Galiza Medieval e a orixinalidade e novidade do enfoque
metodolóxico global, que inclúe mentalidades, historia social, xenealoxía,
acontecementos..., baseado nunha recolleita extensiva de fontes orixinais.
O resto do tribunal estivo formado polo profesor
de historia da Universidade de Porto, Luis Miguel Duarte, polo profesor de
filoloxía galega da Universidade de Santiago de Compostela, Henrique Monteagudo
Romero, e polos profesores, Xerardo Agrafoxo Pérez e Pedro García Vidal.
O segundo premio, coa consideración de finalista,
foi outorgado ao traballo que leva por
título A cidade medieval de Tui de
Jesús Vila Pérez. O tribunal subliñou deste traballo polo interese descritivo dos acontecementos
políticos e sociais, economía e grupos sociais, monumentos e territorio da
cidade de Tui, dende o século XIII ao século XV, baseándose en fontes da
catedral de Tui. As obras, gañador e finalista, foron seleccionadas entre os
oito orixinais recibidos na Editorial Toxosoutos ata o trinta de setembro de
2008, data límite de recepción de traballos.
O veredicto desta oitava edición do Premio de
Historia Medieval de Galiza e Portugal 2008 fíxose público esta mañá, cabodano
da morte do Mariscal Pardo de Cela, no mosterio de San Xusto en Lousame.
O autor gañador, Francisco Correa Arias, xa obtivo
en 2003 este mesmo Premio de Historia Medieval coa obra, Fernán Pérez de
Andrade, o Bóo. Mentalidade e realidade social, que estudaba tamén
cuestións relacionadas coa caste dos Andrade; nese estudo o xurado destacou o
uso de fontes e o tratamento renovador do enfoque historiográfico. A obra gañadora e finalista serán publicadas pola
editorial Toxosoutos no vindeiro mes
de marzo dentro da súa colección Trivium,
adicada á investigación e estudos de historia medieval sobre Galiza e Portugal,
que vai polo número trinta e un, e no que xa foron editados os traballados
gañador e finalista de edicións anteriores.
[Edicións
anteriores do Premio Historia
Medieval de Galicia]
|
|
|
|
Na
xuntanza mantida hoxe en Compostela, confirmouse
a Coruña como sede permanente do Cultur.gal
Unha
nova campaña da Consellería de Cultura
e Deporte promove o consumo de cultura galega
(17-Decembro-2008)
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o director xeral
de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentaron hoxe a
campaña "A cultura que facemos escóllea no Nadal". Ten por
obxectivo principal contribuír a dar visibilidade aos produtos
culturais galegos, e lograr que libros, discos e filmes galegos estean
entre os elixidos á hora de adquirir os regalos de Nadal.
A campaña desenvolverase nas librarías, quioscos e tendas de discos de
todo o país, onde se colocarán elementos que identifiquen os espazos
nos que se sitúan os libros, CDs e DVDs galegos. Distribuiranse ademais
materiais de regalo para as persoas que adquiran produtos culturais
galegos: cadernos de notas e discos compactos cunha recompilación de
temas de grupos actuais de xéneros como o folk, o rock e o pop. A
campaña reforzarase con publicidade nos medios de comunicación.
O punto de partida propicio para esta campaña de Nadal deuno o éxito
que acadou a segunda edición de Cultur.gal, que se celebrou do 4 ao 7
de decembro no Palexco da Coruña. O Consello Asesor da feira, formado
por representantes dos distintos sectores das industrias culturais de
Galicia, reuniuse hoxe en Santiago e decidiu manter a cidade da Coruña
como sede permanente da feira, que se celebrará sempre nas datas
previas ao Nadal.
A decisión de que A Coruña sexa a sede de Cultur.gal tomouse logo de
avaliar como moi positiva a presenza de público na feira. Ao longo dos
catro días de celebración pasaron polo recinto arredor de 37.000
persoas, o que significa case cuadriplicar a asistencia á primeira
edición.
Esa presenza de público correspondeuse cunha boa participación nas
actividades programadas. O Consello Asesor valorou
Cultur.gal como un proxecto fundamental para contribuír a darlle
visibilidade á oferta cultural do país nas súas diferentes versións,
soportes e sectores.
|
|
|
|
O
mércores 17 de decembro a partires das 22.00
h.
Primeira
edición do fESTALEIRO, festa por unha cultura
libre
(16-Decembro-2008)
A
editorial independente Estaleiro Editora celebrará
o mércores 17 de decembro a primeira edición
de fESTALEIRO, festa por unha cultura libre. A festa
celebrarase no pub Tarasca de Santiago de Compostela
(R/ Entremuros, 13) dende as 22.00 h.
A
entrada á festa é gratuíta
e haberá sorteos de libros de Estaleiro Editora
e de outras editoras independentes, discos editados
sob licencias libres e outro material. A festa contará
coas actuacións dos grupos The Name e Ataque
Escampe. A banda de rock de serie B celebra tamén,
con este concerto, a despedida da súa exitosa
xira “A invención da pólvora”.
Estaleiro
Editora pretende, con este acto, divulgar diferentes
manifestacións artísticas do ámbito
da cultura libre e a creación de espazos
en que difundir o seus materiais, alternativos ao
circuíto oficial da literatura e do pensamento
subsidiados.
Estaleiro
Editora é un proxecto de difusión
cultural alternativa que pretende ofrecer unha edición
de calidade a prezos reducidos e autofinanciada,
co obxectivo de crear un espazo de liberdade para
a dinamización cultural, a innovación
literaria e o pensamento crítico. Desde o
seu nacemento, levan publicados os libros: Plan
de fuga, de Alberto Lema; Fume / Insomnio
de Rubén Ruibal e Carlos Losada; e A Revoluçao Pendente,
de Carlos Diegues. Todos eles están dispoñibles
mediante descarga libre dende a web de Estaleiro
Editora.
|
|
|
|
Entre
o 13 e o 20 de decembro a Fundación acollerá
unha serie de actividades culturais e literarias
O
sábado 13 de decembre inaugúrase a
Fundación Eduardo Pondal no concello de Ponteceso
(11-Decembro-2008)
Tras
un longo período de rehabilitación
da antiga casa reitoral de O Couto, na parroquia
de Cospindo (Ponteceso), o sábado 13 de decembro
terá lugar, ás cinco do serán,
a inauguración da Fundación Eduardo
Pondal.
Os
actos de celebración darán comezo
ás 11.00 h. da mañá cun roteiro
pondaliano desde Ponteceso ata o Monte Branco guiado
polo guía turístico Javier Couto Castro.
Á hora oficial da inauguración, despois
dunha sesión pirotécnica, descubrirase
a placa da Fundación Eduardo Pondal obra
do artesán Anxo Cousillas. As actuacións
musicais a cargo da Asociación Cultural Monte
Branco onde interpretarán, entre outras pezas,
o Himno Galego, darán paso a entrega en agasallo
ás familias da parroquia o libro 25
anos Monte Branco.
Para celebrar a posta en marcha da
Fundación levarase a cabo unha serie de actividades culturais e literarias que
se desenvolverán ata o 20 de decembro que
incluirá roteiros, conferencias, presentacións,
obradoiros, recitais,...
[Semana
Cultural na Fundación Eduardo Pondal]
|
|
|
|
Mondo
e outras historias publicouse por vez primeira
en 1989
Xerais
reedita a única obra do Premio Nobel Le Clézio
en galego
(11-Decembro-2008)
Coincidindo
coa entrega do Premio Nobel 2008 de Literatura ao
escritor francés Jean-Marie Gustave Le Clézio,
Xerais reedita a súa obra Mondo e outras
historias, publicada por vez primeira na Colección
Xabarín en 1987, o que supuxo a primeira
achega ao galego do premiado autor. Dita obra, traducida
por Valentín Arias e Raquel Villanueva, acadou
o Premio á Tradución do Ministerio de Cultura, e
o Premio Ramón Cabanillas, ámbolos
dous en 1989.
En Mondo e outras historias, protagonistas de nomes exóticos (Mondo,
Lullaby, Alia, Daniel Sindbad...), rapazas e rapaces que arelan
experimentar toda caste de sensacións, descobren as súas propias
fantasías gracias a viaxes que realizan a poder de imaxinación.
Suxeridoras viaxes que nos levan a Barasali, Dahlar Kebir ou Hazaran,
onde a luz, a cor, o sol, rexen as súas vidas que precisan saír ó mar,
botárense ó mundo á procura dos seus soños. Son adolescentes, cos seus
problemas, que procuran a natureza como elemento liberador.
|
|
|
|
Os
fundadores da Asociación Galega de Editores,
que este ano celebra o seu vinte e cinco aniversario,
recibirán un homenaxe no apartado de Edición
Histórica
Os
editores galegos entregarán os seus premios
na IV Noite da Edición o 19 de decembro no
Verbum vigués
(10-Decembro-2008)
O
Verbum de Vigo foi o espazo escollido para a celebración
da IV Noite da Edición, unha gala
que se celebrará o vindeiro venres 19 de
decembro, onde a organizadora Asociación Galega de
Editores pretende reunir a todos aqueles que traballan o día
a día da realidade material do libro, a súa produción e a súa edición.
Ao longo da mesma, entregaranse os Premios da Edición 2008, que
conceden os
propios editores. Entre os asistentes, está previsto que acodan profesionais do sector e destacadas
autoridades do mundo do libro, a cultura e a política en Galicia.
Nesta IV Noite da Edición serán homenaxeados no apartado da Edición
Histórica os fundadores da Asociación Galega de Editores, que celebra
no 2008 o seu vinte e cinco aniversario. Asemade entregaranse
previamente á cea os premios creados pola AGE para recoñecer a
excelencia do traballo dos compañeiros editores e dos integrantes
doutros colectivos que se distinguiron ó longo do ano 2008 polo seu
labor a favor do libro ou a lectura. O Premio Francisco Fernández del Riego, co que se pretende
recoñecer o traballo realizado por unha persoa ou colectivo de persoas,
entidade ou institución das que colaboran co sector editorial ou que
participan na promoción do libro editado en lingua galega e da propia
lingua, recaeu nesta edición na empresa GADISA pola tarefa desenvolvida a prol do
recoñecemento da cultura galega.
Na actualidade os membros da Asociación Galega de Editores están a
efectuar as súas votacións para cada elexir entre os finalistas a cada
un dos gañadores das cinco categorías restantes contempladas nos
Premios da Edición 2008, dos que non se saberá a identidade ata o
propio día da gala. Os finalistas para cada unha das categorías son:
Premio Ánxel Casal ao Libro do ano, co que se pretende recoñecer
un libro editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en
lingua galega entre o 1 de decembro de 2007 e o 30 de novembro de 2008.
Os finalistas son A arquitectura en Galiza: Aproximación á realidade
arquitectónica xeral de Galiza dende a Prehistoria ata os nosos días
(Nigra Trea)
de Manuel Torres Búa, A conta atrás (Faktoría K
de Libros) de Carlos
Portela, A vida nova de Madame Bovary (Galaxia) de Xosé
Carlos Caneiro, Caderno de animalista (OQO) de Antom
Fortes, Fin de século en Palestina (Galaxia) de Miguel Anxo Murado, O libro das viaxes imaxinarias
(Xerais) de Xabier P.
Docampo e Os animais domésticos na
Historia de Galicia (3C3 Editores) de Diego Conde e José M. Vázquez Varela.
Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano, co
que se pretende recoñecer un libro infantil ou xuvenil editado polos
membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de
decembro de 2007 e o 30 de novembro de 2008. Os finalistas son A
pastelaría de Dona Remedios (Rodeira) de Agustín Fernández Paz,
Caracois (OQO) de Armando Quintero, Imaxina animais
(Kalandraka) de Xosé
Ballesteros, O ladrón de palabras (A Nosa Terra) de Anxo Fariña e PAlAbrAs brAncAs
(Xerais) de Elvira Riveiro Tobío.
Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2008, co que se pretende
recoñecer un libro traducido para o galego e publicado polos membros da
AGE entre o 1 de decembro de 2007 e o 30 de novembro de 2008. Os
finalistas son A fabulosa lenda do Rei Artur (Rodeira) traducido por Isabel Soto
e Xabier Senín, As flores do mal (Galaxia) traducido por Gonzalo
Navaza, Cantos e fragmentos (Positivas) traducido por Raúl
Gómez Pato, Deshonra (Rinoceronte) traducido por Moisés Barcía, Eu servín ao Rei de Inglaterra
(Rinoceronte) traducido por
Fernando de Castro, Lolita (Faktoría K de Libros) traducido por Xesús
Fraga, e Mal de escola (Xerais) traducido por Xabier
Senín e Isabel Soto.
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do 2008, co que se
pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e
publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2007
e o 30 de novembro de 2008. Os finalistas son A fabulosa lenda do Rei
Artur (Rodeira) ilustrado por Francesc Rovira, Celso Emilio
Ferreiro. Selección poética (Faktoría K de Libros) ilustrado por Baldo Ramos, O libro das viaxes imaxinarias
(Xerais) ilustrado por Xosé Cobas, Rosalía de Castro. Selección poética
(Faktoría K de Libros)
ilustrado por Belén Padrón e Terra Libre (Xerais)
ilustrado por Fran Jaraba:
Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano, co
que se pretende recoñecer o traballo realizado por un autor ou unha
autora, ou colectivo de autores/as, en lingua galega durante 2008. Os
finalistas son Agustín Fernández Paz, Justo Beramendi e Miguel Anxo
Murado.
Aínda
que os premios non teñen dotación económica, farase entrega no acto dunha peza escultórica numerada a cada un dos galardoados.
[Ver
os gañadores da III Noite da Edición]
|
|
|
|
O
acto de presentación do terceiro volume da
triloxía Educación e Paz servirá
para renderlle homenaxe a Xesús R. Jarés,
fundador de Educadores pola Paz
EDUCACIÓN
e PAZ
(09-Decembro-2008)
Durante o ano 2008 celébrase o 25 aniversario
de Educadores pola Paz, grupo que forma parte do movemento de
renovación pedagóxica Nova Escola Galega. Para conmemorar esta
efeméride, Xesús R. Jares, desaparecido o pasado mes de setembro,
impulsou a publicación dunha triloxía, Educación e Paz, coa
intención de que recollese as achegas dos homes e mulleres que, ao
longo destes anos, veñen traballando arredor dos obxectivos que promove
Educadores pola Paz. Con esta intención naceron os tres libros que
constitúen o proxecto, deseñado en colaboración con Edicións Xerais de
Galicia: o primeiro deles recolle as actuacións levadas a cabo nestes
últimos vinte e cinco anos de Educadores
pola Paz; o segundo recolle as colaboracións que fixeron uns 40 ensaistas de distintas
disciplinas e países agrupadas en tres campos: o mundo no que vivimos,
os escenarios e propostas de paz e o papel da educación para a paz a
prol da paz, a cidadanía democrática e os dereitos humanos. E
o terceiro volume que, baixo o epígrafe
de 'Literatura e Paz', recolle textos narrativos e poéticos de autores e autoras galegos inspirados na cultura da paz.
Co
gallo do sesenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que
se celebra mañá, celebrarase no Auditorio do Centro Cultural Caixanova un acto cívico
no que se presentará ese terceiro volume: Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz.
O acto, que será conducido por Manuel Romón, contará coa participación
da Conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; do Alcalde de Vigo, Abel Caballero;
do director de Xerais, Manuel Bragado; e unha
representación dos trinta narradores e poetas galegos que participan no
volume de Literatura Galega pola Paz. Durante o acto dez
alumnos e alumnas dos IES do Castro e de Teis de Vigo lerán o texto da
Declaración e os profesores da Escola de Música Tradicional de Vigo,
compoñentes da agrupación Son de seu, interpretarán diversas pezas.
Este acto, ademais, constituirá a merecida e emotiva lembranza do
fundador de Educadores pola Paz Xesús R. Jares.
|
|
|
|
Desde
as institucións estidian manter Coruña
como sede das vindeiras edicións
Pecha
a segunda edición do Cultur.gal con preto
de corenta mil visitantes
(09-Decembro-2008)
A
edición 2008 do Cultur.gal pechou o domingo as súas portas cunha estimación de
37.000 visitantes ao longo dos catro días, un gran salto con respecto á
primeira edición, que aglutinou unhas 10.000 persoas. O director xeral
de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, fai un balance "positivo"
da feira, que "superou mesmo as mellores expectativas no que respecta á
presenza de profesionais e empresas, pero sobre todo de público".
O día de maior afluencia da Feira foi o domingo, cuns 13.000
visitantes. Na primeira xornada, pasaron polo Palexco unhas 4.000
persoas, unha cifra que se duplicou no seguinte día. Na xornada do
sábado achegáronse unhas 12.000 persoas.
[Autores
que pasaron polo Cultur.gal
08 na canle da AELG]
|
|
|
|
Unha familia galega e un océano de por medio. Vínculos e experiencias a través da memoria fotográfica e epistolar (c.1894-1972)
Un
estudo sobre a emigración galega resulta
gañadora do VII Premio Manuel Murguía
de ensaio
(03-Decembro-2008)
O
traballo Unha familia galega e un océano de por medio. Vínculos e experiencias a través da memoria fotográfica e epistolar (c.1894-1972),
do que é autora Maria Liliana da Orden, resultou gañador da VII edición
do premio de ensaio Manuel Murguía, convocado pola Deputación da
Coruña. O premio de ensaio foi dado a coñecer polo presidente
da corporación Salvador Fernández Moreda, que salientou a
calidade do traballo galardoado, que foi seleccionado entre os oito
presentádos ao certame.
O xurado,
composto por
Carmen Fernández Casanova, Luis Alonso Álvarez,
María Xosé Rodríguez Galdo, e Carmen Margariña Valderrama Currás, declarou gañador do premio, por
unanimidade de todos os seus membros, ao estudo sobre a emigración
galega, presentado baixo o lema de Emilia Eiré Besteiro, e realizado por María Liliana Da Orden, que reside na cidade arxentina de Mar de Prata.
O xurado
considera que a obra premiada constitúe un traballo innovador,
académico, co rigor metodolóxico propia deste tipo de ensaios, e que
estuda unha realidade transnacional. Trátase, pois, dun tema
esclarecedor dunha realidade galega: a emigración; co estudo dunha
familia dende o punto de orixe ata a incorporación ao destino: a
Arxentina.
Pola súa banda, o voceiro do
xurado, Luis Alonso Álvarez, catedrático da Universidade da Coruña,
salientou que "a obra constitúe un ensaio de microhistoria, de pequena
historia, pero ao tempo de grande. Podería ser unha fermosa novela que
principia co achado dun feixe de cartas esquecidas nun vello baúl do
faiado da casa familiar, pero é sobre todo unha fermosa historia en
absoluto novelada. Nela, a autora estuda a evolución dunha familia de
Salvaterra do Miño que emigra a América. E faino a través da memoria de
máis de 80 cartas e innumerábeis fotografías, recordos e entrevistas".
Para Luis Alonso trátase dun estudo "que reflicte a
emigración na década dos 50 dunha familia que escapaba da miseria
materia e moral que trouxeron para o noso país a posguerra e o
franquismo, esa longa noite de pedra, ao dicir do poeta". O voceiro do
xurado salientou tamén que é a primeira vez na historia do premio de
ensaio Manuel Murguía que non se lle concede o galardón a un galego de
aquí, se non a un galego de alén do mar.
O premio de ensaio, ademais
da dotación económica, supón
a publicación da obra por parte da Deputación
a través dunha editorial de prestixio.
|
|
|
|
O
volume está publicado pola Asociación
da Prensa da Coruña
A
cidade dos xornalistas réndelle tributo
aos profesionais da información que figuran
no rueiro coruñés
(04-Decembro-2008)
"Desde Salvador de Madariaga a Manuel Rivas, desde
Wenceslao Fernández Flórez a César Antonio Molina, esta cidade deu ao
xornalismo español algunha das súas sinaturas máis ilustres”, referiu
Fernández Moreda, presidente da Deputación da Coruña, durante
o transcurso da presentación de A cidade dos
xornalistas: A Coruña, 53 rúas e prazas con historia,
un libro que compendia as
biografías dos xornalistas que están presentes no rueiro coruñés, e
doutros tres autores que figurarán nun futuro inmediato tras a súa
aprobación no Pleno do concello o pasado luns. A publicación foi
editada pola Asociación da Prensa da Coruña, co patrocinio da
Deputación, e supón unha homenaxe ao conxunto dos autores que figuran
nela.
O libro, editado en
galego e castelán, contará cunha tirada de catro mil exemplares
e porase á venda
nas librerías da cidade. Editado en formato A4, ten un total de 226
páxinas, na que se inclúen, ademais das biografías, os mapas de
localización das rúas ou prazas dos autores homenaxeados.
|
|
|
|
Do
4 ao 7 de decembro
A
segunda edición do Cultur.gal abre mañá
as súas portas no Palexco da Coruña
(03-Decembro-2008)
O Cultur.gal,
a Feira Galega das Industrias Culturais, abrirá
mañá as súas portas no Pazo
de Exposicións da Coruña (PALEXCO)
ata o domingo 7 de decembro. Está Feira está
organizada pola Consellería de Cultura e
Deporte coa colaboración de diversas entidades dos diferentes sectores.
O
Cultur.gal deste ano ven cargado de actividades
para os seus catro días de duración:
exposicións de produtos e servizos, presentacións,
concertos, obradoiros infantís, encontros
profesionais, proxeccións audiovisuais,...
Na súa organización participan máis
de 100 entidades, o que fai de Cultur.gal o evento
con maior participación do tecido empresarial
da cultura galega.
Literariamente
falando, no Cultur.gal estarán presentes
unha trintena de empresas do sector literario entre
as que figuran editoriais, librarías e asociacións
que realizaran preto dunha trintena de presentacións
de novidades literarias e de sinaturas de libros
por parte dos seus autores e autoras. Medio cento
deses escritores e escritoras intervirán
no programa Falemos de libros de gravación
de entrevistas, que posteriormente se emitirán
pola rede e que están abertas a todo o público.
Nesta cita, organizada en colaboración coa
Asociación de Escritores en Lingua Galega
(AELG) figuran os nomes de Antón Reixa, Camilo
Franco, Chelo Suárez, Rosa Aneiros, Emma
Couceiro, Lino Braxe, Yolanda Castaño, Manuel
Lourenzo e María Reimóndez, entre
outros.
Para
o sábado 6 está prevista a realización
dunha xornada profesional sobre o libro e a edición
onde, baixo o título de “Presente e futuro do libro galego”
e na que intervirán Alfonso
García Sanmartín, presidente da AGE; Xurxo Patiño, presidente da
Federación de Libreiros; e Xoán Manuel Pazos do Consorcio Editorial en
representación dos distribuidores, debaterán sobre o estado actual da industria do libro e sobre o camiño que debera seguir.
O Cultur.gal é, polo tanto, o escaparate ideal para as empresas
culturais que queiran achegarlles os seus produtos e servizos a
todos os profesionais e á cidadanía en xeral, unha oportunidade
para todas aquelas persoas que queiran coñecer a oferta cultural
do país en todos os ámbitos e o mellor espazo de encontro e
interrelación para todos/as os/as profesionais relacionados coa cultura
en Galicia. Despois dunha primeira edición que tivo lugar en Pontevedra en maio de 2007, promovida pola AGE,
esta segunda edición pretende consolidar a feira, aumentar a
participación de todos os ámbitos culturais do país, incrementar a
presenza de público profesional e xeral e, polo tanto, darlles unha
maior proxección, visibilidade e difusión ás industrias culturais
galegas.
[Cultur.gal
08]
[Descargar
dossier do Cultur.gal 08]
[Ver
programa de actos na Axenda]
|
|
|
|
Componse,
ademais dos fondos galegos e casteláns, da
maior biblioteca particular galega de literatura,
poesía, ensaio e teatro portugués
e brasileño
A
familia de Jenaro Marinhas del Valle doa a súa
biblioteca privada á Biblioteca Nacional
de Galicia
(02-Decembro-2008)
Nun
acto público celebrado onte, a familia González
Marinhas fixo entrega en doazón á
Biblioteca Nacional de Galicia, da colección bibliográfica
privada de Jenaro Marinhas del Valle. Esta doazón celébrase coincidindo
coa conmemoración do centenario do nacemento do escritor coruñés.
Esta colección ocupará un lugar destacado na Galería de Bibliotecas de
Especial Interese que a Biblioteca Nacional de Galicia ten reservado
para os fondos de creadores e de persoas que, coma Jenaro Marinhas del
Valle, dedicaron a súa vida a unha labor de creación intensa, de
dignificación e de compromiso profundo co seu país e coa súa cultura.
Como parte do labor da Biblioteca Nacional de preservación e
conservación do patrimonio bibliográfico relacionado con Galicia, a
Consellería de Cultura e Deportes está a impulsar acordos con
bibliotecas de especial relevancia, tanto de particulares como de
institucións, para o depósito, cesión e doazón de obras de grande valor.
Os
fondos da biblioteca persoal de Jenaro Marinhas
del Valle componse de máis de 2.000 obras impresas,
especializada en literatura, poesía, filosofía, filoloxía, historia,
ensaio e teatro, a parte de coleccións de revistas e xornais galegos,
moitos deles de grande antigüidade.
Os títulos en galego e español son uns 1.200. O avó e tataravó de
Jenaro Marinhas del Valle inician a colección con obras editadas nos
séculos XVII e XVIII, ou comezos do XIX (como, por exemplo, Os
sepulcros de Harvey, de 1830).
En español, sobresaen edicións moi
antigas de Valle Inclán, Azorín, Unamuno pero tamén de Kant, Leibnitz
(en edición de 1877), Freud ou Oscar Wilde. Destacan ademais obras
teatrais de autores europeos -Ionesco, Pirandello ou Artaud, por
exemplo-, e pezas do existencialismo como as edición antigas de obras
de Camus ou Sartre.
Os títulos en galego son moitos, de todos os autores e épocas, e algúns
dedicados a el ou ao seu pai. Inclúe tamén edicións moi valiosas, como,
por exemplo, a edición facsímil das Cantigas de Santa María (códice de
San Lourenzo do Escorial), así como dicionarios e coleccións de arte e
historia.
Tamén
é de subliñar unha interesantísima sección dedicada a Portugal e Brasil
con perto de 1.000 obras, que lle confire un valor especial.
Seguramente esta sexa a máis completa das bibliotecas particulares
galegas sobre literatura, ensaio, poesía e teatro portugués e
brasiliano. Abrangue dende os clásicos -como Gil Vicente, por exemplo-
até fins do século XX: Eça de Queiroz, Antero de Quental, Camôes,
Pessoa, Brandâo, Almeida Garret, Castelo Branco, ou Lobo Antunes, entre
outros.
Esta colección, depositada na Biblioteca Nacional de Galicia, será unha
homenaxe permanente á súa figura, e á súa persoa, que asegurará a
salvagarda do seu legado bibliográfico e cultural, e permitirá a
lectores, a estudosos e a investigadores, ademais de consultar obras
difíciles de atopar fora desta colección, estudar e coñecer mellor a
súa vida e obra.
|
|
|
|
Unha
ducia de escritores miran cara o Atlántico
como inspiración
Vieiros
publica na súa web No lombo do Atlántico,
un conxunto de relatos onde auga e sal mudan en
palabra
(02-Decembro-2008)
Ao
longo do pasado verán, o xornal dixital Vieiros
foi publicando na súa web, da man de escritores
e escritoras de recoñecido prestixio, unha
serie de relatos tendo ao Atlántico, nas
súas máis diversas localizacións,
o seu punto de partida e de inspiración.
Polas
súas páxinas pasaron, entre marea
e marea: Suso de Toro, Alexandre Nerium, Luisa Castro,
Marta Dacosta, Xosé Neira Vilas, Xurxo Souto,
Pilar Beiro, Rexina Vega, Xabier Paz, Francisco
Fernández Naval, Xosé Vázquez
Pintor e Agustín Fernández Paz, que
reflectiron nos seus escritos a pegada do azul e
o salitre do océano.
Agora,
coa colaboración da Consellería de
Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia,
todos eses relatos quedan recompilados no libro
No lombo do Atlántico: Relatos de auga
e sal, dispoñible para os lectores desde
a páxina web de Vieiros e descargable en
formato pdf.
[Descargar
No
lombo do Atlántico: Realtos de auga e sal]
|
|
|
|
Lareira
Literaria
Xavier
Manteiga, Marina Mayoral, Emilio Xosé Ínsua
e Alberte Pagán na Lareira Literaria
de decembro
(02-Decembro-2008)
Na
Lareira Literaria deste mes contamos coa presenza
de Xavier Manteiga, Marina Mayoral, Emilio Xosé
Ínsua
e Alberte Pagán.
O
guionista e escritor Xavier Manteiga, tras quedar
finalista do Manuel García Barros de Novela
con O soño de Caín, está á
espera da publicación desa novela. Mentres,
prepara un libro de aforismos, un cardume de breves reflexións vitais para
sobrevivir en tempos ruidosos.
Pola
súa banda, a monfortina Marina Mayoral xa
ten rematada unha novela que verá á
luz esta primavera. En Quen matou a Inmaculada de Silva
Marina Mayoral retoma
un episodio que xa aparecera anteriormente: a morte do fuxido Antón do Cañote e
da "señorita " Inmaculada de Silva no patio da casa patrucial dos Silva, en
Brétema. Ao mesmo
tempo cóntase nela como Etelvina de Silva descubre na súa adolescencia a súa vocación
de novelista e vive o primeiro amor. Tamén está traballando nun
novo libro, pero para ese teremos que agardar un
pouquiño máis...
Emilio Xose Ínsua posiblemente é o máis
profundo coñecedor e investigador da obra
de Antón Villar Ponte, tal e como queda reflectido
na súa obra ensaística. Sen esquecer
a súa obra poética, para o vindeiro
ano o Seminario de Estudos Terra de Viveiro publicará
o que será o seu terceiro traballo poético.
En Cancións no cuadraxésimo latexo
Ínsua reúne poemas
elexíacos, sociais, existenciais e intimistas. Antes veremos publicado
Antón Villar Ponte e a Galiza de alén mar,
onde Emilio Xosé Ínsua profundiza
na relación do
fundador das Irmandades da Fala co mundo da emigración galega.
Tras
publicar o pasado ano A mirada impasible. As películas de Andy Warhol en
Positivas. Alberte Pagán prepara unha segunda
parte onde o cineasta carballiñés
analiza a segunda tendencia no cine de Warhol, onde a cámara perde a
inmobilidade e se converte en protagonista dos filmes.
[Lareira
Literaria]
|
|
|
|