MESES ANTERIORES

 

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

Agosto 2008

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

XV Encontros da Terra Cha e Día da chaira

Homenaxes a Antón Santamarina e a Manuel María na Terra Cha

 

(28-Agosto-2008)

 

Asociación Cultural Xermolos Xermolos é unha asociación que leva máis de vintecinco anos vinculada á cultura e á xuventude que a rodea. Ao longo destes anos realizou numerosas actividades como conferencias, cursos, xornadas, festivais...

Dentro da súa intensa actividade cultural presentan para o vindeiro mes de setembro os XVI Encontros na Terra Cha e o Día da Chaira.

XVI Encontros da Terra Cha

Esta decimosexta edición dos tradicionais Encontros da Terra Cha estará adicada a Antón Santamarina Delgado, primeiro presidente das Mocidades Galeguistas de Bos Aires.

A edición deste ano celebrarase en Guitiriz o venres 5 de setembro e comezará ás 14.00 h. cun xantar de irmandade no Hostal "A Casilla".

Posteriormente terá lugar, a partires das 16.30 h., na Casa das Palabras un concerto de Mini e Mero de A Quenlla e unha táboa redonda con Xavier Alcalá, Xosé Martínez Romero, Antón Moreda, Avelino Pousa Antelo e Pilar Xeremías.

Estes Encontros pecharanse coa inauguración da exposición na Casa das Palabras: “Irmáns Suárez Picallo”, coa colaboración do Concello de Sada.

Os interesados en asistir ao xantar (15 euros) poden apuntarse chamando ao 646413890 ou ao correo electrónico xermolos@xermolos.org

 

Día da Chaira

Lembrando a triste data do 8 de setembro, día no que finou o poeta chairego Manuel María, celebrarase un ano máis o día da Memoria da Chaira Enteira, homenaxe a Manuel María en Outeiro de Rei, organizado conxuntamente pola Asociación Xermolos e a Fundación Manuel María.

O Día da Chaira comezará cun xantar de irmandade na Casa Rural Reboreda de Abaixo en Outeiro de Rei ás 14.00 h. A partir das 16.30 h. haberá unha lectura de poemas de Manuel María nas Penas das Rodas. A continuación o cemiterio de Outeiro de Rei acollerá unha pregaria en lembranza e clausurando o día celebrarase o rito da navalla no Campo de Santa Isabel.

Para apuntarse ao xantar (15 euros), ou para máis información están dispoñibles os teléfonos 646413890 ou o enderezo electrónico xermolos@xermolos.org.

 

 

Arriba  

Homenaxease así a un dos grandes galeguistas e intelectuais vivos

Avelino Pousa Antelo, gañador do VII Premio Ramón Piñeiro "Facer País"

 

(28-Agosto-2008)

 

Avelino Pousa Antelo O galeguista e intelectual Avelino Pousa Antelo gañou o VII Premio Ramón Piñeiro "Facer País" que foi presentado onte á mañá en Santiago de Compostela. O xurado tivo que valorar as corenta candidaturas presentadas, e escolleu ao galeguista Pousa Antelo pola súa "entrega permanente ó país como galeguista, docente, cooperativista, escritor, político e animador cultural". Agora, a organizadora do premio, a Asociación Val de Láncara, preparará os actos de homenaxe ao gañador.

En anteriores edicións do premio, o xurado premiou tamén a coñecidas personalidades da cultura galega como Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro, Xosé M. Beiras, Neira Vilas e A Nosa Terra.

Nado na Barcala (A Baña), Avelino Pousa Antelo (Lucho do Peto) foi afiliado ás "Mocedades Galeguistas" e tomou parte na propaganda do Estatuto de Autonomía de 1936. Agrarista e cooperativista, colabora coa sociedades agrarias barcalesas. Tras pasar pola Orotava (Tenerife) e por Zaragoza por motivos laborais regresa a Galicia en 1970, ó grupo escolar de Pontecesures, onde exerceu ata a súa xubilación en xaneiro de 1983. Actualmente é presidente da Fundación Castelao, vicepresidente da Fundación Fernández Florez e vocal das Fundacións Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda.

En 1963 obtén o Premio Xornalístico Ramón Mourente de temas agrarios. Un ano máis tarde, o premio "Luís Sánchez Harguindey", tamén de temas agrarios. A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias outórgalle en 1998 a Insignia de Ouro e Esmalte da Unión de Cooperativas. Foi nomeado Padriño de Honra da primeira promoción de diplomados da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago (1999) e da promoción de 2002 da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense (UVI). En 2000, a Universidade Compostelá outorgoulle a súa Insignia de Ouro.

Colaborador nos anos 30 de La Voz de Barcala —órgano da Federación Agropecuaria do Distrito de Negreira—, publicou centos de artigos en xornais e revistas sobre temas agrarios e cooperativos, ademais doutros temas tamén políticos. Entre os seus libros figuran Temas de Agricultura (1951), Cooperativa de explotación comunitaria para unha parroquia rural (1968), ¿Valen ou non as cooperativas comunitarias para o campo galego? (1971), Reforma das Estructuras Agrarias de Galicia (1971), A Escola Agrícola de Granxa Barreiros (1988) e Galicia, tarefa urxente (1992).

[Máis información]

 

 

Arriba  

¡Pero non me compare o catalán co galego!

A AELG lamenta que George Steiner descoñeza e desprece a lingua e a literatura galega

 

(28-Agosto-2008)

 

George SteinerA entrevista concedida polo pensador George Steiner ao xornalista e escritor Juan Cruz para el País o pasadp 24 de agosto levantou ampollas por mor dunhas palabras do intelectual francés sobre a lingua galega. Desde a Asociación de Escritores en Lingua Galega lamentan o descoñecemeno e desprezo de Steiner da lingua e literatura galega e manifestan o seu descontento co seguinte texto:

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) lamenta profundamente as declaracións de George Steiner a respecto do noso idioma e da nosa literatura. Non podemos aceptar, nin pasar por alto, que unha persoa de probada valía intelectual, que no seu día recibiu o premio Príncipe de Asturias da Comunicación, manifeste un descoñecemento tan elevado da nosa literatura e non teña reparos en demostralo nunha entrevista, amosando un total desprezo polo que non coñece, facendo gala da súa ignorancia e demostrando unha nula gratitude cos cidadáns do Estado que un día o premiou.

A AELG quere pensar que estamos ante un caso de descoñecemento temerario da nosa  tradición literaria, e non ante un prexuízo, que non poderíamos entender nunha persoa desta traxectoria e que, no entanto, si é quen de entender a cuestión catalá. Por tanto convidamos ao señor George Steiner a visitar o noso país e coñecer a nosa lingua e a nosa cultura, manifestándolle que nos encantará ilustralo sobre as antigas e fértiles orixes da lingua galega e da súa literatura, que transcendeu as fronteiras da Península, converténdose o noso legado literario medieval en modelo literario culto de referencia, e aínda hoxe é obxecto de admiración e estudo en todos os países do mundo, como o demostra a produción editada nas diversas manifestacións de xéneros literarios, ora clásicos ora en proceso de reinterpretación, as traducións a múltiples linguas europeas,  a súa presenza en congresos, seminarios, encontros e outros foros literarios canda representantes doutros sistemas literarios, os importantes premios e recoñecementos conseguidos polos escritores e escritoras en lingua galega, no panorama estatal e internacional, así como os milleiros de páxinas escritas, dentro e fóra do país, ao redor da reflexión teórica que a creación literaria en lingua galega provoca nos estudosos e críticos.

Para a AELG esta é unha demostración palpábel da necesidade de impulsar as estruturas estábeis xa existentes e espalladas polo mundo, destinadas á promoción e ensino da lingua e da cultura galegas, así como crear outras novas que vinculen a identidade galega, e as súas diferentes manifestacións, cos centros internacionais de prestixio, á procura da necesaria internacionalización da nosa lingua e cultura desde presupostos claramente identificadores dunha terra con cultura milenaria e unha identidade propia.

[Ver entrevista de George Steiner a Juan Cruz en El País]

 

Arriba  

A Asociación Galega de Editores realizou o traballo de promoción da literatura do país

O libro galego estará nas librarías e bibliotecas de Brasil

 

(25-Agosto-2008)

 

20a Bienal Internacional do Livro de São Paulo Tras o paso da Asociación Galega de Editores (AGE) na 20ª Bienal Internacional do Libro de São Paulo, que se celebrou na mencionada cidade brasileira do 14 ao 24 de agosto, vén de confirmar a relevancia que para o sector editorial galego ten a promoción exterior nas feiras profesionais de ámbito internacional. As empresas do sector estiveron representadas en dito evento polas obras máis significativas do seu catálogo e por varios membros do gremio que puideron acudir ao evento grazas á viaxe organizada pola Cámara de Comercio de Pontevedra a través do Plan Foexga.

Na cita brasileira houbo máis de 60 encontros editoriais e gremiais e concitou o interese de numerosos axentes do sector do libro de Brasil. O traballo da AGE, que contou coa colaboración da Cámara Brasileira do Libro a través de Dolores Manzano do Projeto Apex, e co consultor de comercio exterior e bolseiro do IGAPE na cidade de Sao Paulo Juan Ricardo Montes, estaba dirixido a presentar e visibilizar a edición galega entre os profesionais do sector do libro brasileiro, que amosaron o seu interese non só de vender os seus libros senón tamén de mercar os dereitos de edición de obras galegas.

O traballo desenvolvido no encontro internacional vai permitir contar con fondos da edición galega nas librarías da cidade de São Paulo, materializar a venda de dereitos de diversas publicacións das editoras galegas participantes, a venda de libros traducidos ao portugués para a distribución directa nas librarías e tamén a posibilidade de colaborar co proxecto de bibliotecas do estado de São Paulo a través do profesor universitario, físico e filósofo Shalon J. Ruiz Goldfarb, promotor e coordinador do Proxecto Sao Paulo:un estado de lectores, que conta co apoio da iniciativa privada e da sociedade civil brasileira. O obxectivo deste programa creado no ano 2003 é a democratización do acceso á lectura, coa captación de fondos para a posta en funcionamento e dotación de bibliotecas de todo o estado de Sao Paulo.

Na recta final de ano, a AGE afrontará tres novos retos para a promoción exterior do libro galego. Está prevista a asistencia, en colaboración coa Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, á Feira Internacional do Libro Liber de Barcelona e a Feira Internacional de Frankfurt (Alemaña) no próximo mes de outubro, e á Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México) a finais do mes de novembro.

 

 

Arriba  

O acto conmemora o 800º aniversario da fundación da cidade

A visión da Coruña por viaxeiros dos séculos XVIII, XIX e XX queda reflectida nun libro

 

(24-Agosto-2008)

 

A Coruña, nos textos dos viaxeiros. Séculos XVIII, XIX e XXA Concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo, presentou en María Pita o libro A Coruña nos textos dos viaxeiros. Séculos XVIII, XIX e XX. No acto, a responsable de Cultura estivo acompañada polo autor da obra, o xornalista, escritor e editor Xan Arias-Andreu Rodríguez.

O texto está editado conxuntamente polo Concello da Coruña e a editorial Trifolium e conmemora o 800 aniversario da fundación da cidade. A Coruña nos textos dos viaxeiros. Séculos XVIII, XIX e XX é unha selección de textos escritos por 28 persoas que nalgún momento da súa vida se desprazaron ou viviron nesta cidade. Destes 28, catro son galegos e hai tamén catro mulleres en total.

A edil de Cultura afirmou que "toda A Coruña queda reflectida nesta obra a través da súa paisaxe, habitantes, costumes, monumentos e opinións". Ademais destes aspectos, o libro achégase a cuestións como o estado do comercio ou da industria e a contextura cultural e educativa. Segundo indicou o autor Xan Arias, "a través das súas páxinas é un pracer verificar o interese dos viaxeiros por coñecer, por descubrir non só os aspectos exteriores da cidade, senón tamén os relacionados coa súa vida, cos seus costumes, co seu carácter".

O alcalde da Coruña, Javier Losada, foi o encargado de redactar o prólogo da obra.

 

Arriba  

A Coruña á luz das letras

A Coruña faise literatura no seu 800º Aniversario

 

(22-Agosto-2008)

 

A Coruña á luz das letras A Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Editorial Trifolium, en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello da Coruña, veñen de editar o libro A Coruña á luz das Letras, nunha edición conmemorativa do 800º aniversario da fundación da cidade da Coruña.

Na publicación, A Coruña reflíctese na escrita dos nosos autores e autoras: Cesáreo Sánchez, Felipe-Senén, Francisco X. Fernández Naval, Lois Diéguez, Margarita Ledo Andión, Mª do Carme Kruckenberg, Nacho Taibo, Salvador García-Bodaño, X. H. Rivadulla Corcón, Xavier Alcalá, Xavier Seoane, Xosé Vázquez Pintor, Xulio L. Valcárcel e Yolanda Castaño, entre outros. Privilexio de ollarmos A Coruña desde as súas reflexións, impresións, vivencias e recordos. Opinións libres e plurais, caleidoscopio de pensamentos, emocións e sensibilidades que transmite o orgullo de ser unha cidade culturalmente vizosa.

O libro será presentado o vindeiro martes día 26 de agosto, ás 19.00 h., na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña (R/ Durán Loriga, 10), con asistencia de: María Xosé Bravo, concelleira de Cultura do Concello da Coruña e Cesáreo Sánchez, poeta e presidente da AELG.

Celebrarase no acto un recital poético a cargo dalgúns dos colaboradores do libro: Eva Veiga, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Xulio L. Valcárcel, Salvador García-Bodaño e Xavier Alcalá.

 

 

Arriba  

Praza dos Libros 2008

Carballo convertirase na capital literaria de Galicia durante catro días

 

(18-Agosto-2008)

 

Praza dos Libros 2008Carballo acollerá entre o 21 e o 24 de agosto unha nova edición da Praza dos Libros, unha feira literaria que ten como obxectivo a promoción da lectura, das librarías da comarca, dos autores galegos e da cultura de rúa. Durante catro días o Xardín Municipal acollerá dez casetas que se encherán de libros, actividades lúdicas, presentacións, música, escritores e incluso recitais poéticos para que os veciños e veciñas poidan desfrutar dos libros.

A Concellería de Cultura de Carballo, organizadora do evento, conta coa colaboración de seis librarías de Carballo, A Laracha, Vimianzo ou A Coruña: ‘Brañas’, ‘Como unha novela’, ‘Couceiro’, ‘Orizales’, ‘Roget’ e ‘Trasgo’. As presentacións de libros de autores da comarca tamén terán unha presencia destacada, con escritores como Rafael Lema Mouzo, Fernando Cabeza Quiles, ou Alberto Lema. Tamén estará Camilo Nogueira para falar das súas obras Galiza na Unión ou Europa, o continente pensado, publicadas por Galaxia.

Pero ademais do puramente literario, as actividades paralelas serán moitas e variadas, con agasallos para os visitantes, contacontos, a presencia dun stand do 'Reizentolo', unha exposición para conmemorar o centenario do pasamento de Curros Enríquez, o autobús itinerante de promoción da lectura ‘Máis libros, máis libres’ parará na Praza dos Libros o domingo 24 de agosto, ou unha Ciclobiblioteca. Mención especial merecen os concertos, coa presencia de Nordestin@s o venres 22, ou de Brath o domingo 24, que despois de suspender o concerto que tiñan programado por culpa da choiva, regresarán a Carballo para ofrecer o seu repertorio.

En representación dos libreiros, Ramón Tasende, da libraría Brañas de Carballo, quixo resaltar a calidade da programación e do propio cartel promocional da Praza dos Libros. Á súa vez, Belén Lendoiro, Concelleira de Cultura, subliñou a importancia de que as actividades coincidan coa feira de Carballo tanto o xoves coma o domingo, coa intención de "vender os libros como un produto máis". Por último, o Alcalde, Evencio Ferrero, destacou a Praza dos Libros como unha "oportunidade magnífica para reencontrarse cos libros e con escritores que teñen aportado moito a este país" e como unha cita de importancia para os amantes dos libros e da lectura.

[Ver programa de actos]

 

Arriba  

O curso xirará sobre as diferentes etapas do poeta e sobre a súa estadía colombiana

Noia acolle un curso de verán sobre Avilés de Taramancos

 

(18-Agosto-2008)

 

Avilés de Taramancos A traxectoria vital de Avilés de Taramancos (1935-1992) desenvólvese nun marco espazo-temporal que o leva de Galicia a Colombia e do país andino á terra, á súa Ítaca particular: Taramancos. Ao tempo, as circunstancias socio-políticas do tempo en que viviu –marcado pola sublevación militar do 36 e a longa noite de pedra do franquismo– até chegar á democracia, conforman unha personalidade e unha obra que cómpre analizar no marco da Memoria Histórica.

A Casa de Cultura "Avilés de Taramancos" de Noia acollerá, do 4 ao 6 de setembro, o curso de verán da Universidade de Santiago Avilés de Taramancos e a Memoria Histórica, dirixido por Aurora Marco López, Profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega.

Os obxectivos fundamentais do curso xiran en volta das diferentes etapas do poeta, inseridas no contexto histórico da xeración da guerra e do franquismo e nos vinte anos de estadía colombiana, que son así mesmo obxecto de análise. Polo curso pasarán, entre outros, o profesor Lourenzo Fernández Prieto, Manuel Caamaño Suárez, Ana Romaní ou Xosé Manuel Beiras.

 [Máis información]

 

 

Arriba  

Do 11 ao 17 de agosto

Arranca a XI Edición de 'Viñetas desde o Atlántico', a máis comprometida da súa historia

 

(11-Agosto-2008)

 

Viñetas desde o Atlántico 2008O alcalde da Coruña, Javier Losada, inauguró a XI Edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña 'Viñetas desde o Atlántico', afanado nesta edición no cómic máis social e comprometido.

Nesta edición, achegará aos seus visitantes as realidades do alzheimer, o autismo, ese fenómeno crecente e masivo dos "avós coidadores", ou o por fin asumido cambio climático.

A mostra, de forma excepcional, este verán abandona a súa sede central, o Quiosco Alfonso e trasládase a outro espazo emblemático na cidade, a Fundación Caixa Galicia. "Entendemos isto como un ano de transición e sentíndonos cómplices absolutos co motivo que nos fixo deixar a nosa "casa", nos Xardíns de Méndez Núñez, isto é, unha estupenda exposición sobre Alfonso IX para conmemorar o 800 aniversario da cidade", explica o director do Salón do Cómic, o debuxante Miguelanxo Prado. Os espazos expositivos da Fundación Caixa Galicia súmanse aos outros recintos xa habituais de Viñetas: Palexco, o Palacio Municipal de María Pita, a Sala de Exposicións Salvador de Madariaga, na rúa Durán Loriga ou mesmo o Aquarium Finisterrae. O francés Jean Louis Tripp -convidado ao Salón do Cómic na pasada edición- foi o encargado de debuxar o cartel conmemorativo destas Viñetas 2008.

Neste XI "Viñetas desde o Atlántico", un salón xa maduro que abandona os condicionantes máis ligados ao mercado e ao consumo para fixar a atención neses problemas de profundo calado social, as persoas afeccionadas ao mundo do cómic contarán con presenzas de luxo. Así, estarán na Coruña F. Solano López, o arxentino mestre de debuxantes, cunha retrospectiva do eternauta, o británico Mark Buckingham, debuxante habitual de serie Fábulas e recente premio Eisner ao mellor debuxante, o estadounidense Howard Cruse, autor de Stuck Rubber Baby e Wendel e a parella formada por Catel Muller e José Louis Bocquet, creadores de Kiki de Montparnasse. Ademais, acudirán a Viñetas Luc Brunschwig e Etienne Lle Roux, autores de "La memoria en los bolsillos" (unha historia referida á realidade dos avós coidadores) e o francés de orixe libanesa OIivier Ka, co seu álbum "Por qué he matado a Pierre", unha historia autobiográfica formalmente exquisita sobre a memoria dun personaxe que sufriu abusos na súa infancia. Os autores españois que asistirán a esta cita coruñesa son David Aja e Daniel Acuña. Aja, nos seus inicios ilustrador de publicacións periódicas, comezou a traballar para Marvel no ano 2006 cun par de historias curtas de X-Men, editorial en que continúa actualmente. Acuña é o creador de Claus & Simon e actualmente traballa tamén para Marcel - onde se encarga de Los Eternos- e DC.

Dúas exposicións profundan neste xiro social do Salón do Cómic coruñés, os orixinais do álbum de Paco Roca Arrugas - o premio á mellor obra e guión álbum do Salón de Barcelona 07- que compón unha visión real e enternecedora arredor da enfermidade do alzheimer e a mostra "O planeta fálanos", un proxecto gráfico que aborda o problema do cambio climático. Esta exposición, organizada pola Fundación Divina Pastora e comisariada polo debuxante Sergio Bleda, contou coa participación dos debuxantes Josep de Haro, José Lanzón Piera, Vicente Cifuentes, Melchor Prats (Mel), o propio Sergio Bleda, Álex San Vicente (Sanvi), Javier Rodríguez, Francisco Ruizgé, Enrique Carlos, Juan Álvarez e Jorge Gómez, Víctor Santos, Enrique Cerdán Fontes, Sergio Córdoba, Rafa Fontériz, Tirso Cons, Ricardo Olivera (Fritz) e Arturo Vermellas da Cámara, artistas que traballaron ao fío do guión de Stygryt. A idea do planeta fálanos é a de potenciar unha mensaxe optimista e de concienciación, antes que insistir no negativo e apabullar o lector/a con chemineas fumarentas, augas contaminadas ou solos rachados, segundo explican os promotores desta iniciativa.

As persoas afeccionadas poderán gozar tamén doutra importante mostra, os orixinais da obra "María y yo" de Miguel Gallardo, que aborda dende a proximidade paterna o problema do autismo e conta as aventuras das viaxes e a vida cotiá coa súa filla María.

Como xa é tradición, o Aquarium súmase á Festa de Viñetas, acollendo unha mostra sobre os faros no cómic promovida pola Autoridade Portuaria de Santander.

[Ver as actividades na Axenda]

 

Arriba  

O proxecto da biblioteca podería estar contratado en cinco ou seis mese

Os técnicos do Ministerio de Cultura dan o visto bo á construción da Biblioteca Pública de Vigo

 

(08-Agosto-2008)

 

Reunión Biblioteca Pública de Vigo O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, José Mariño, recibiu este xoves aos técnicos do Ministerio de Cultura responsables da edificación das bibliotecas. Joaquín Bao, arquitecto xefe do área de arquivos e bibliotecas da subdirección de obras de la xerencia de infraestruturas do Ministerio de Cultura, e Isabel Moya, secretaria técnica do mesmo organismo, revisaron a situación xurídica do solar, a localización e a súa idoneidade técnica e validaron que se "adapta magníficamente", en verbas de Abel Caballero, ás necesidades da Biblioteca, que terá unha extensión superior aos 6.000 metros cadrados.

O vindeiro día 25 de agosto, data na que o Plan Xeral entra en vigor, o Concello iniciará os estudos xeotérmicos e arqueolóxicos e se comezarán as negociacións cos propietarios dos terreos para adquirir a titularidade dos mesmos e poder así ceder o solar ao Ministerio.

O proxecto da biblioteca podería estar contratado en cinco ou seis meses, dependendo do tempo que se alonguen as conversas cos titulares do solo e se é preciso chegar ou non as expropiacións. Antes, probablemente a finais do verán, se asinará o convenio entre as partes.

O mecanismo de designación do arquitecto encargado do deseño da Biblioteca aínda está por determinar. O Concello de Vigo pretende que un arquitecto de renome se encargue do proxecto. Tampouco se exclúe unha designación directa, tendo en conta o estudo que o prestixioso arquitecto Rafael Moneo está a elaborar para o entorno da Praza do Rei.

O rexidor mostrouse "satisfeito" polo interese do ministro de Cultura, César Molina, neste proxecto e augurou para Vigo unha "biblioteca de alto nivel".

 

 

Arriba  

A cidade como fonte de inspiración literaria

Verbas na rúa amosará fragmentos de textos literarios e poemas relacionados coa Coruña

 

(07-Agosto-2008)

 

Verbas na RúaO Concello da Coruña colocará 42 textos literarios ao longo das rúas Riego de Agua, rúa Real e Cantón Grande. A actividade, baixo o nome de Verbas na rúa, pretende devolverlle á cidade as palabras que unha vez inspirou a poetas, novelistas e historiadores. A primeira cita -"Para a utilidade do meu reino constrúo unha poboación no lugar que se chama Crunia, xunto á torre de Faro"- que corresponde a Alfonso IX, estamparase ao comezo da devandita rúa, xunto á praza de María Pita.

Os textos rotuláronse sobre adhesivos redondos de 55 cm de diámetro realizados nun material de última xeración resistente á auga e á sucidade que non pode despegarse facilmente, pero que non deixa residuos no chan unha vez retirado. Os textos seleccionados, elixidos dunha bibliografía de máis de 200 títulos, foron extraídos de obras como La Tribuna de Emilia Pardo Bazán; La cruz de San Andrés de Camilo José Cela, pola que recibiu o Premio Planeta; María das Batallas de Alfredo Conde; Os libros arden mal de Manuel Rivas... entre moitas outras.

Entre as citas máis curiosas están as atopadas en Robinson Crusoe de Daniel Defoe, "recomendoume encarecidamente que non fose por mar senón por terra ata A Coruña, que atravesase a baía de Biscaia ata A Rochelle, que seguise por terra ata París..." E a de Arthur Conan Doyle, "... partía de Liverpool un barco de vela con destino á Coruña; tomei pasaxe nel pensando que a viaxe me proporcionaría tempo...", en El médico moreno.

Tamén hai espazo para a poesía, a historia e mesmo as memorias, como é o caso de César Antonio Molina: "Gran parte da miña infancia paseina no porto da Coruña, xogando a despedir os barcos cargados de emigrantes que marchaban a Montevideo e Bos Aires". Así, os que decidan pasear a partir do día 7 de agosto pola rúa Riego de Agua poderán atoparse con palabras que configuran recordos, citas históricas ou versos como os de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Miguel Anxo Fernán Vello, Gonzalez Garcés, Francisca Herrera, Ánxeles Penas, Xavier Seoane e Luisa Villalta.

Para a elaboración desta actividade foi crucial a colaboración da Biblioteca de Estudos Locais e o libro Poemas coruñeses. Antoloxía de textos poéticos dos séculos XIX e XX sobre A Coruña de Henrique Rabuñal e que publicou o VIII Centenario en colaboración con Espiral Maior. Pedro A. Ramos García foi o encargado de atopar na ampla bibliografía, tanto en galego como en castelán, as referencias á Coruña.

 

Arriba  

O filibustero do mar da Marola, de Antonio Cordero, foi a obra gañadora da última edición celebrada

A Fundación Xosé Neira Vilas convoca a 5ª edición do Premio Estornela de Teatro para Nenos

 

(07-Agosto-2008)

 

5 ª edición do premio ESTORNELA de teatro para nenos A Fundación Xosé Neira Vilas de Gres-Vila de Cruces ven de convocar a 5ª Edición do Premio Estornela de Teatro para Nenos co propósito de estimular a creación teatral e de achegar ás nenas e nenos ó mundo do teatro.

O Premio Estornela ten unha dotación económica de 1.500 euros e a obra gañadora será publicada por Ediciós do Castro.

O prazo de admision remata o 30 de outubro do 2008 e a entrega do Premio será no mes de decembro.

Este premio comezou a súa andaina no ano 2000, cando se premiou Música da Noite, de Manuel Lourenzo e onde O País Acuático de Eduardo Alonso obtivo unha mención especial. No 2002 premiouse Os Mundiños, de Heidi Kühn-Bode. Na súa terceira edición, no 2004, o premio foi outorgado, de xeito compartido, a tres obras: O Ensaio, de Xosé Agrelo; O porco que perdera a cabeza, de Ana María Galego Gen e Xoguetes, de Fran Peleteiro. Na última edición celebrada, no 2006, a obra premiada foi O filibustero do mar da Marola, de Antonio Cordero Álvarez.

[Máis información e Bases do Premio]

 

 

Arriba  

Do 4 ao 6 de setembro

Galiza non se vende no Festival da Poesía do Condado

 

(07-Agosto-2008)

 

XXII Festival da Poesia no CondadoSalvaterra de Miño acollerá, do 4 ao 6 de setembro, a 22ª edición do Festival da Poesía do Condado, que organiza a Sociedade Cultural e Desportiva (SCD) do Condado.

Ao longo das tres xornadas pasarán polo escenario preto de vinte poetas e unha ducia de grupos musicais procedentes de máis de seis países, amais das exposicións, mesas redondas, audiovisuais e outras actividades populares.

A edición deste ano estará centrada nas demandas de Galiza non se vende, e a SCD do Condado pretende que o vixésimo segundo festival sirva como ponto de encontro das entidades que conflúen na plataforma, como altofalante do sentir popular e como homenaxe a todas aquelas loitas que continúan a librarse ao longo de Galicia.

[Máis información e programa]