MESES ANTERIORES

 

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

Premiados María Reimóndez, Vicente Molina Fox e Haruki Murakami

Estudantes de bachelerato elixen os premiados na XIII edición do premio literario Arcebispo Juan de San Clemente

 

(28-Xuño-2007)

 

María ReimóndezMembros da organización e parte do xurado da XIII edición do premio literario Arcebispo Juan de San Clemente, acompañados do concelleiro de cultura de Santiago de Compostela Nestor Rego, deron a coñecer onte os nomes dos gañadores da edición deste ano. Un certame onde o xurado está formado por estudantes de bachelerato de toda Galicia. Nesta edición os centros elexidos por sorteo foron, Cacheiras-Teo pola Coruña, o de Trives por Ourense, o Luís Seoane de Pontevedra e o IES de Foz por Lugo xunto co IES Rosalía de Castro convocante do premio.

Na modalidade de lingua galega, a novela O club da calceta de María Reimóndez fíxose co galardón. As outras novelas finalistas foron Spam, de Francisco Castro e Dez segundos de memoria, de Diego Ameixeiras.

El abrecartas, do escritor ilicitano Vicente Molina Fox, gañou en lingua castelán. Os outros finalistas eran Mauricio o las elecciones primarias, de Eduardo Mendoza e Abril Rojo, de Santiago Roncagliolo.

Finalmente, no apartado internacional, o xurado proclamó como gañadora a novela Kafka en la orilla do xaponés Haruki Murakami, que se impuso ás outras obras finalistas: El mar, de John Banville e Perdido el paraíso, de Cees Nooteboom.

 

Arriba

 

 

 

Xaquín Lorenzo Fernández 'Xocas'. Centenario.

O Museo do Pobo Galego organiza unha exposición no centenario do nacemento de Xocas

 

(27-Xuño-2007)

 

Xaquín Lorenzo 'Xocas'O Museo do Pobo Galego actualiza a montaxe realizada en 2004, ano oficial dedicado a Xaquín Lorenzo (1907-1989), para conmemorar o centenario do seu nacemento, que se cumpre o 23 de xuño de 2007. A mostra ábrese cun achegamento ao perfil biográfico e humano do homenaxeado, nado no seo dunha familia acomodada e ilustrada da cidade de Ourense; a súa mocidade, a universidade e os seus primeiros pasos no Seminario de Estudos Galegos; os seus mestres, Cuevillas, Otero Pedrayo e Risco; a crise da guerra e as penalidades da posguerra para os membros ou simpatizantes da causa galeguista; o recoñecemento do seu labor, sen esquecer aquela faceta da súa personalidade, minuciosa e dotada dun peculiar sentido do humor, que o fixo interesarse polas habilidades manuais, como a fotografía ou a confección de soldados de chumbo. Abórdase logo a súa obra como etnógrafo e arqueólogo, e conclúe cunha escolma de imaxes que resumen as celebracións do ano 2004 en ensalzamento da súa figura. Como complemento da parte gráfica inclúese unha selección da súa bibliografía e dos seus obxectos privados.

A mostra estará aberta até o vindeiro 29 de xullo.

Arriba

 

 

 

Pérez Touriño remarca o traballo destas institucións e a súa vinculación coa figura de Castelao

O Proxecto Galicia de Hércules de Edicións e o semanario e editora A Nosa Terra recibirán a medalla Castelao 2007

 

(22-Xuño-2007)

 

Emilio Pérez TouriñoO presidente da Xunta de Galicia anunciou onte que o vindeiro xoves, 28 de xuño, o Goberno que preside entregará as Medallas Castelao á Fundación Érguete, ao Proxecto Galicia e ao semanario A Nosa Terra. Así o subliñou en rolda de prensa, logo de presidir o Consello da Xunta que aprobou, no día de onte, o decreto polo que se concede esta distinción.

Na súa intervención, o xefe do Executivo galego lembrou a decisión adoptada polo Goberno que preside o ano pasado de reducir o número de medallas e situalas en tres, e remarcou que este ano se decidiu conceder as distincións á Fundación Érguete, ao Proxecto Galicia e ao semanario A Nosa Terra pola “súa tarefa e a súa vinculación con Castelao”.

Proxecto Galicia
O Consello da Xunta acordou entregar a Medalla Castelao ao Proxecto Galicia, promovido por Hércules de Edicións, que, sinalou, “reúne importantes figuras da intelectualidade e da cultura de Galicia en torno a ese proxecto”.

O Proxecto Galicia, que o mes pasado celebraba o seu tomo 50, correspondente a serie Dereito reúne figuras relevantes da intelectualidade galega (entre eles, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Fernando González Laxe, Xosé Manuel González Reboredo, Darío Villanueva Prieto, Francisco Javier Río Barja, Xulio Correa Corredoira, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Siro López Lorenzo e, ata o momento do seu pasamento –1996 e 2003 respectivamente–, Xosé Filgueira Valverde e Domingo García-Sabell) e constitúe un empeño editorial sen precedentes en Galicia.

O Proxecto Galicia é unha aposta pola divulgación enciclopédica do patrimonio cultural galego e inclúe tomos relativos á arte, á cartografía, ao ambiente, á literatura ou á historia de Galicia, entre outros eidos.

A Nosa Terra
Por último, o presidente galego remarcou que o Consello da Xunta tamén acordou distinguir coa Medalla Castelao ao semanario A Nosa Terra, con motivo da aparición desta publicación.

A Nosa Terra celebra este ano os 100 anos de vida e os 30 desde a súa reaparición en Galicia, logo de que a ditadura franquista obriga a esta publicación a exiliarse en Bos Aires. Por este motivo, o Goberno galego acordou concederlle este ano a Medalla Castelao.

Ao longo da súa historia, o semanario manifestou un longo compromiso na defensa do idioma e da cultura galega atraendo a este proxecto as voces máis senlleiras do xornalismo e a literatura galegas. 

Arriba

 

 

 

Era o único manuscrito que faltaba do escritor de Iria Flavia

A Fundación Cela recollerá o manuscrito de Pabellón de reposo, escrito en 1943

 

(19-Xuño-2007)

 

Camilo José CelaConservar e reunir os manuscritos dun autor non é algo doado. O feito de reunir na Fundación Camilo José Cela tódolos manuscritos do Nóbel de literatura constitúe un feito de capital importancia que impulsou ó propio autor o por en marcha a Fundación.

A Fundación Caja Madrid adquiriu o manuscrito de Pabellón de reposo, o único que faltaba na Fundación Cela, para cedelo en depósito á colección da Fundación. Hoxe pola mañá, na sé da entidade madrileña, terá lugar a presentación do manuscrito nun acto onde estará presente a Ministra de Cultura, Carmen Calvo, e faraise entrega do mesmo á presidenta da Fundación, Marina Castaño, viúva de Cela.

O vindeiro xoves ás 19.30 h., nun acto presidido polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, terá lugar a recepción de Pabellón de reposo na sé da Fundación Cela.

 

Arriba

 

 

 

O estudo permitiría incremetar a protección destas casas e mellorar a súa posta en valor

A AELG e a Consellería de Cultura realizarán un inventario de casas de autoras e autores

 

(18-Xuño-2007)

 

Casa-museo Curros Enríquez en CelanovaAs vivendas nas que medraron os escritores e escritoras ou as que habitaron durante a escrita das súas obras poden ser de interese como elementos culturais e patrimoniais.

A Consellería de Cultura e Deporte e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) colaborarán para realizar o seu primeiro inventario, que poderá servir para mellorar a súa conservación e poñelas en valor mediante a súa difusión e a creación de roteiros.

O inventario contará cun estudo documental e fotográfico sobre a vivenda, unha memoria que recolla a relación biográfica dos autores e autoras coa casa; así como outra memoria literaria das súas obras. O inventario completarase cunha avaliación do valor arquitectónico.

Cultura financiará con 12.000 euros a realización deste traballo, que se encargará de executar a AELG e que se prevé que estea rematado para finais de ano. Comezarase coas vivendas dos escritores e escritoras considerados clásicos para logo ir abrindo o abano.

Difusión e posta en valor

O estudo e documentación permitirá incrementar a protección destas casas ao contar cunha identificación definida e cunha descrición exhaustiva das súas características e do seu valor. Así mesmo, prevese que o inventario poida servir para mellorar a súa posta en valor mediante a creación de roteiros literarios ou dándolle a importancia necesaria á hora de promover o patrimonio cultural das vilas e cidades do noso país.

Os resultados do inventario serán difundidos a través dun sitio web, que incluirá un mapa interactivo e visitas virtuais para dar a coñecer esta parte da vida dos nosos escritores e escritoras e, tamén, a súa riqueza arquitectónica.

 

[Máis información]

Arriba

 

 

 

A colección quere promover os estudos locais

A lembranza da derradeira estadía de Valle-Inclán na cidade abre a colección 'Cadernos de Compostela'

 

(16-Xuño-2007)

 

Presentación 'Cadernos de Compostela'Onte presentouse en Santiago de Compostela o primeiro título da colección 'Cadernos de Compostela', promovida pola Concellería de Cultura do consistorio compostelán. Estas publicacións nacen co obxectivo de promover os estudos locais. O libro 'Valle-Inclán en Compostela. A derradeira estadía en Galiza', escrito polo neto de Valle-Inclán, Javier del Valle-Ínclán Alsina, quen declarou na presentación que 'Quixemos aproveitar para informar sobre os derradeiros meses de Valle-Inclán en Compostela, dende ese 7 de marzo de 1935, data en que chegou para instalarse na clínica do doutor Manuel Villar Iglesias'.

A Concellería de Cultura de Compostela xa está a traballar en novos cadernos de Compostela, un deles dedicado ó dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bodaño.

[Máis información]

Arriba

 

 

 

Pérez Touriño destaca que o Plan de fomento da lectura de Galicia contribuirá a “incrementar o protagonismo do libro na sociedade do país”

A Xunta de Galicia destinará 30 millóns de euros ao fomento da lectura nos vindeiros catro anos

 

(15-Xuño-2007)

 

Emilio Pérez TouriñoO presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, destacou onte a importancia do Plan de Fomento da Lectura de Galicia aprobado esta mañá polo Consello da Xunta. Explicou que se trata dunha iniciativa derivada do Lei do libro recentemente aprobada polo Parlamento galego e que proximamente se vai remitir á cámara autonómica para a súa tramitación.

Pérez Touriño explicou que o obxectivo primordial desta iniciativa é “incrementar o protagonismo do libro na sociedade do país”, é dicir “aumentar o hábito lector da poboación de Galicia a través do achegamento do libro á cidadanía”, tendo en conta de maneira especial “a realidade lingüística e cultural” de Galicia.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o máximo mandatario autonómico explicou que o Plan de Fomento da Lectura de Galicia ten un horizonte de aplicación entre 2007 e 2011 e un investimento total de 30 millóns de euros.

Pérez Touriño destacou que se trata dunha iniciativa que “nace con consenso dos axentes sociais e culturais do país e busca crear ese afianzamento, ese achegamento a un elemento central, tan prezado como é a lectura na vida cultural dun país e na formación das súas xentes”.

Explicou que este Plan se artella en varias liñas de actuación, das cales resaltou o “fortalecemento do sistema de bibliotecas”, que prevé mellorar a calidade de todo o sistema bibliotecario público e escolar do país. Así mesmo puxo o acento na creación “dunha oficina da lectura” como “unha unidade permanente para seguir, impulsar, avaliar e garantir mellor o cumprimento do Plan de lectura”.

[Máis información]

Arriba

 

 

 

Viaxe literaria a Lóuzara

A AELG e a Aociación Cultural Ergueitos de Sarria lembran a Fiz Vergara Vilariño cunha ruta literaria por Lóuzara

 

(14-Xuño-2007)

 

LóuzaraO sábado 16 de xuño a Asociación Cultural Ergueitos de Sarria volverá realizar a viaxe literaria que todos os anos levan a cabo por Lóuzara, para lembrar a Fiz Vergara Vilariño, para estar coa súa familia, para percorrer os lugares que el andou e amou e para gozar unha xornada de poesía e natureza.

Os interesados/as reuniranse diante da Casa da Cultura de Sarria ás 12:30 horas. Iniciarase a viaxe cara Paredes de Lóuzara para comezar cun xantar con troitas do río Lóuzara e año asado, regado con viño de Quiroga. Despois do faladoiro irase a Santalla, á casa do Fiz, levaránselle unhas flores e leranse os seus poemas diante da Fonte da Cova, ao pé do muíño. A seguir percorrerase o camiño á beira do río até a fervenza de Augadalte.

Este ano acompañarán durante toda a ruta doce artistas plásticos/as, que colaboran asumindo cada un deles un dos poemas e dos lugares escollidos para realizar unha intervención plástica que fixe a ruta literaria que a A. C. Ergueitos realiza todos os anos por Lóuzara. Estes artistas son: Eduardo Valiña, Poy, Caamaño, Fernando Yánez, Primitivo Lareu, Caxigueiro, Suso Otero, Paco Pestana, Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Miguel Macía e Mónica Alonso.

Esta ruta literaria, froito da colaboración entre a AELG e a A.C. Ergueitos, inicia o proxecto de rutas literarias deseñado pola AELG.

[Máis información na web da AELG]

Arriba

 

 

 

Promoción de grandes proxectos editoriais

A Consellería de Cultura e Deporte convoca axudas para a creación e promocións de grandes proxectos editoriais

 

(14-Xuño-2007)

 

Consellería de Cultura e DeporteSe onte a Consellería de Cultura e Deporte publicou as axudas para a tradución de obras ó galego e a tradución de obras en linguia galega a outras linguas, hoxe tócalle o turno ós grandes proxectos editoriais, con outra partida orzamentaria de 192.000 euros, repartidas en 91.872 € para o presente ano e 100.128 € para o vindeiro ano. Para a obtención destas axudas primarán a calidade da obra, da lingua, da edición e o interese para colectivos de especial importancia para o desenvolvemento intelectual de Galicia.

[Ver DOGA]

Arriba

 

 

 

Cultura e Deporte busca a exportación da literatura galego ao exterior

A Consellería de Cultura e Deporte promove con 200.000 euros a tradución de obras desde e para o galego

 

(13-Xuño-2007)

 

Consellería de Cultura e DeporteXa está publicado no DOGA a convocatoria de axudas para a tradución de obras ó galego, e a tradución de obras escritas orixinariamente en galego a outras linguas. A Consellaría de Cultura dispón dun orzamento de 95.700 euros para este ano e de outros 104.300 o ano que vén.

Con este esforzo financeiro, a Consellaría pretende facilitar a exportación da nosa produción literaria a mercados exteriores noutras linguas, así como facer posible que os lectores e lectoras do noso país teñan á súa disposición obras de referencia e de actualidade noutras literaturas.
As axudas están dirixidas ás empresas editoras e cobren entre o 50% e o 75% dos gastos de tradución para o galego desde outras linguas, cun límite de 6.000 euros. Para o caso de obras orixinalmente escritas ao galego, mantense o mesmo límite pero o sistema de cuantificación varía: entre 20 e 30 euros por páxina cando a lingua de destino sexa algunha das faladas na Península Ibérica e entre 25 e 50 euros para as restantes linguas.

Á hora de avaliar os proxectos, a Consellaría prestará atención, entre outros criterios, a calidade e o interese das obras e o seu uso nas bibliotecas públicas. Tamén terá en conta aqueles casos de especial importancia cultural pero con pouca demanda comerciala representación”.

[Ver DOGA]

Arriba

 

 

 

A Deputación da Coruña comprométese a levar aos escenarios 'Unha primavera para Aldara'

Teresa Moure, gañadora do Rafael Dieste de Teatro

 

(12-Xuño-2007)

 

XIII Edición do premio de teatro Rafael DiesteOnte a mañá deuse coñecer por unanimidade do xurado a concesión a Teresa Moure do premio da XIII Edición do Rafael Dieste de Teatro, pola obra 'Unha primavera para Aldara', premio instituido pola Deputación da Coruña, ao que este ano se presentaron un total de 21 orixinais. O premio está dotado con 6.500 euros, ademais da publicación da obra galardoada e da súa representación  en diversos escenarios da provincia.

O voceiro do xurado, o actor e director teatral Gustavo Pernas, reafirmou a elección do xurado “pola sólida estrutura dramática, a potencia dos conflitos e a magnífica construción de personaxes” da obra da escitora monfortina, así como “a aposta por unha dramaturxia histórica” e “polo seu alto nivel literario” .

A trama de “Unha primavera para Aldara” sitúase nun cenobio no ano 1465, na época das grandes loitas irmandiñas. Gustavo Pernas afirmou que a posta en escena “constitúe un desafío”, xa que se trata dunha obra de 160 páxinas con grande complexidade escénica. “É unha obra rica en posibilidades respecto á súa representación”, afirmou.
Segundo o responsible da area de cultura da Deputación da Coruña Celestino Poza, a Deputación da Coruña realizará “unha aposta importante para a súa representación”.

[Máis información]

Arriba

 

 

 

XXI Encontro de poetas de A Rúa

Recitais poéticos e actuacións musicais tomarán esta semana A Rúa

 

(11-Xuño-2007)

 

XXI Encontro de poetas de A RuaDesde o xoves ata o sábado, o Centro Cultural Avenida de A Rúa acollerá o XXI Encontro de Poetas, onde haberá acuacións poéticas e musicais con participantes das máis diversas nacionalidades, organizado polo Instituto de Estudios Valdeorreses e o Concello de A Rúa.

O xoves 14 abrirá o Encontro o grupo poético-músical Xílgaro, formado en Vigo no 2004 por seis poetas co obxectivo de promocionar e difundir a poesía, presentará o espectáculo Lorca y su mundo. Unha homenaxe ó poeta granadino, onde farase un percorrido pola súa vida e obra.

O venres haberá un recital poético amenizado coa actuación do dúo Miguel e Edith.

Para rematar este Encontro, no recital do sábado homenaxearase á figura da poeta llanisca Teresa Armas Gago e a actuación musical de Jaime Correa y Carmen Gago. O finalizar, tras a entrega dos galardóns ós participantes farase unha cea de confraternización.

[Ver programa completo]

[Ver cartel Encontro]

Arriba

 

 

 

Noite das letras na Illa de San Simón

Premios Xerais 2007

 

(09-Xuño-2007)

 

Premiados_Xerais_2007Onte á noite a Illa de San Simón converteuse nunha gran festa das letras. Máis de 300 persoas vinculadas ó mundo da cultura e da sociedade galega déronse cita nun marco incomparábel no fondo da ría de Vigo.

Teresa Moure actuou como mantedora literaria acompañada da música de Xabier Blanco, o gaiteiro de Moaña.

'Minimaladas', de Carlos López, foi o gañador do XXIIº Premio Merlín 2007 cun libro onde recolle oitenta e catro minihistorias protagonizadas por animais. Carlos López (Boimorto, 1967) é a mitade do dúo de humor gráfico Pinto&Chinto. Carlos López Gómez declarou, no momento de recibir o premio Merlín, que baixo o título de Minimaladas reuníu unha gavela de relatos moi breves protagonizados cada un deles por un animal diferente. “Por deformación profesional, dada a miña condición de humorista gráfico en prensa, as narracións comparten o denominador común do humor. Foi divertido escribilas; confío en que sexa divertido lelas”.

An Alfaya (Vigo, 1964) foi a gañadora do IIº Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2007 con 'Illa Soidade', onde relata a historia de Lucía quen, nunha viaxe en tren cando vai iniciar os estudos de xornalismo, vai rememorando a súa relación con Soa, unha esmoleira a que coñeceu cando pretendía deter unha vaga de insolidariedade cos indixentes que se produce no seu barrio. An Alfaya, que foi galardoada co premio Lazarillo 2005 de Literatura Infantil e Xuvenil declarou, no momento de recibir o premio Fundación Caixa Galicia, que “Todos somos illas. Quizais as illas máis deshabitadas son aquelas que forman arquipélagos de soidade. O mundo da indixencia, da mendicidade, dos sen teito, dos esmoleiros, dos vagabundos..., vese retratado en Illa Soidade pola ollada de Lucia, que busca na escuridade un pouco de luz”.

'Cardume, unha novela sobre o Vigo da posguerra, obra prima da profesora, tradutora e especialista na obra de Álvaro Cunqueiro Rexina R. Vega foi a novela gañadora do Premio Xerais 2007. Rexina R. Vega declarou que “esta é unha primeira novela, una primeira novela serodia, que chega cando xa vai fóra a mocidade. Este libro está escrito mentres os nenos, os meus nenos, dormían. Desde que teño uso de razón quixen ser escritora e tardei moito, tanto que crin que ese desexo ía apodrecerme dentro. Quixen probarme por fin na escritura de ficción, liberarme das trabas da eséxe, do saber institucional ao que estaba afeita na escritura da crítica e do ensaio, e deixei, por primeira vez, que a escritura fose algo libre e gozoso, un discurso non vicario”.

[Máis información]

Arriba

 

 

 

Gonzalo Navaza e Manuel Rivas, galardoados

Entregados en Carballiño os premios Losada Diéguez

 

(09-Xuño-2007)

 

Premios Losada DiéguezOnte entregáronse en Boborás (O Carballiño) os premios Losada Diéguez para o mellor traballo de investigación literaria e a mellor novela do ano.

O escritor, profesor e autor Gonzalo Navaza Blanco recibiu o galardón na categoría de Investigación polo seu libro 'Reboreda, os camiños da identidade' que recolle as caraterísticas históricas e a toponimia desta zona pontevedresa.

Manuel Rivas, despois de recoller esta mesma semana o premio Libro do ano 2006 de máns da ministra de Cultura na Feira do Libro de Madrid, acadou un novo premio polo galardoado 'Os libros arden mal'.

Arriba

 

 

 

XIII Edición dos premios Ánxel Casal

O Ánxel Casal promove a creación literaria entre alumnos e alumnas do ensino secundario galego

 

(09-Xuño-2007)

 

XIII Edición Ánxel CasalO alcalde de Santiago de Compostela Sánchez Bugallo e a concelleira de Educación e Mocidade Elvira Cienfuegos presidieron a entrega dos premios da XIII Edición Ánxel Casal nas súas modalidades de conto, poesía e teatro. O orzamento é de 5.990 euros.

Como nas edicións anteriores, os premios para cada unha das categorías son de 1.000 euros e o segundo de 700.

O gañador da categoría de conto foi Memorias dunha servilleta de Aldara Novoa Justo, do IES Blanco Amor (Ourense). O finalista foi Eduardo Rodríguez Louredo, do IES O Ribeiro (Ribadavia) co conto Vítimas do odio.

En Poesía a obra gañadora foi Trapecista fúlxida de Alba Cid Fernández, do IES Xesús Ferro Couselo (Ourense). Versos invariábeis, de Olalla Tuñas Martínez, do IES Virxe do Mar (Noia), acadou o segundo premio.

Andrea Porto Mato, do Peleteiro de Santiago, recibiu o premio na categoría de teatro por Esperpentos actuais.

Arriba

 

 

 

Finalistas dos Premios Xerais

Este sábado fallaranse os premios Xerais de novela, o premio Caixa Galicia de Literatura xuvenil e o premio Merlín de Literatura infantil

 

(05-Xuño-2007)

 

Premios XeraisO xurado da 24ª edición do Premio Xerais de Novela dotado con 15.000 euros e formado por: Xosé Lois Vilar (empresario e arqueólogo), Lara Rozados (xornalista de "Vieiros"), Xurxo Patiño (libreiro, libraría Librouro, Vigo), Abe Rábade (Músico), Belén López (Xornalista de "Diario de Pontevedra") e Francisco Alonso Villaverde (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou, entre as vinte e catro obras presentadas, declarar finalistas as tres obras presentadas baixo os lemas: "Fanto Fantini" Título: Cardume, "A perspectiva desde a porta" e "A. Dositeo Carnero" Título: "Un sábado longo".

O xurado da 2ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil dotado con 7.500 euros, formado por: Verónica Rego (responsable de publicacións da Fundación Caixagalicia), Óscar Sánchez López (crítico de cine), Erea Fabeiro Rey (estudante de 1º de bacharelato do IES Auga da Laxe de Gondomar), Elena Caride Miana (estudante de 2º de Bacharelato, IES Sánchez Cantón de Pontevedra), José Carrero González (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou, entre as vinte e cinco obras presentadas, declarar finalistas as tres obras presentadas baixo os lemas: "Da Illa", "Capitán Alberto" Título: "Illa soidade" e "Jonathan é un delfín".

O xurado da 22 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil dotado con 7.500 euros formado por: Ana Amado Reino (profesora de lingua galega no colexio Galaxia de Ribeira), Patricia Buján Otero (tradutora e profesora da Universidade de Vigo), Paula Fernández González (crítica de literatura infantil no "Faro da Cultura"), Andrés Meixide Gayoso (ilustrador), Mercedes Núñez Fernández (profesora do Colexio Andersen de Vigo) e Helena Pérez Fernández (editora), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou, entre as vinte e oito obras presentadas, declarar finalistas as tres obras presentadas baixo os lemas: "A mala semente" Título: "Carabranca", "Carbueiro" Título: "Minimaladas" e "Nácara Nácara".

Os tres xurados terán o vindeiro sábado, 9 de xuño, a súa deliberación definitiva que será dada a coñecer na festa dos premios que terá lugar durante o serán na illa de San Simón. Neste acto intervirá como mantedora literaria a escritora Teresa Moure e actuará Xavier Blanco "O gaitero de Moaña".

[Máis información]

Arriba

 

 

 

Esta é a primeira edición dun premio que espera consolidarse coma un referente no ensaio sobre o audiovisual

A Axencia Audiovisual Galega fai públicos os premios Mari Luz Morales

 

(01-Xuño-2007)

 

Premio Mari Luz MoralesA Axencia Audiovisual Galega deu a coñecer onte aos galardoados co I Premio de ensaios breves Mari Luz Morales que recaeron en José Luís Castro de Paz, Fernando Redondo Neira, Aurelio Castro Varela, Severo Fernández Calaza e Gonzalo G. Velasco nas categorías de temática audiovisual galega e internacional. Nesta primeira edición dos premios Mari Luz Morales, a pioneira galega na actividade da crítica cinematográfica española, a maior parte dos traballos recoñecidos polo xurado coincidiron na súa reflexión sobre o xénero documental.
Na categoría sobre auidovisual  galego decidiron outorgar o primeiro premio ao traballo titulado `L
ilifilms: viaxe ao centro da experiencia cinematográfica’ de Fernando Redondo Neira; o segundo premio foi para `Ramón Barreiro: un fotógrafo e cineasta galego no Madrid republicano’ de José Luís Castro de Paz; e o terceiro premio recaeu en `As cousas no seu estado natural. O audiovisual de Margarita Ledo’ de Severo Fernández Calaza. No apartado internacional as propostas mellor consideradas foron en primeiro lugar para `Joaquín Jordá: situación no dominio da arte’, de Aurelio Castro Varela; en segundo para `Prácticas documentais nun mundo de ficción? (Tren de sombras, 1996, José Luis Guerín)’ de Severo Fernández Calaza; e, como terceiro, `Cine de suspense e sorpresa: M. Night Shyalaman’, de Gonzalo G. Velasco.
O xurado estivo composto polo poeta e xornalista de El País, Daniel Salgado; o historiador da arte e poeta, José Antonio Cascudo, e a filósofa especializada en estética, Cristina García. A Axencia Audiovisual Galega ten previsto nos vindeiros días subir á súa páxina web
www.axenciaaudiovisualgalega.org  os ensaios galardoados para que sexan accesibles ao público
.

[Máis información]

Arriba

 

 

 

A mostra coincide coa presentación do tomo 50 do Proxecto Galicia

A Fundación Rodríguez Iglesias organiza unha exposición con máis dun millar de libros galegos

 

(01-Xuño-2007)

 

Fundación Rodríguez IglesiasOnte, coincidindo coa presentación do tomo 50 do Proxecto Galicia, pertencente a serie Dereito, inaugurouse na sé da Fundación Rodríguez Iglesias unha mostra de libro galego. A exposición, de indubidábel valor, inclúe primeiras edicións e rarezas, publicadas desde o século XVIII ata os nosos días.

A exposición estará aberta ó público ata a 25 de xullo, e os visitantes que se acheguen á mostra poderán contemplar as obras de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal ou Otero Pedrayo. A colección compleméntase cunha colección de carteis e un apartado especial para as obras publicadas no exilio.

Os actos remataron cunha conferencia a cargo de Darío Villanueva, catedrático de teoría da literatura, que falou sobre o presente e futuro do libro.

Arriba

 

 

 

» Estudantes de bachelerato elixen os premiados na XIII edición do premio  literario Arcebispo Juan de San Clemente

» O Museo do Pobo Galego organiza unha exposición no centenario do  nacemento de Xocas

» O Proxecto Galicia de Hércules de Edicións e o semanario e editora A  Nosa Terra recibirán a medalla Castelao 2007

» A Fundación Cela recollerá o manuscrito de Pabellón de reposo, escrito en  1943

» A AELG e a Consellería de Cultura realizarán un inventario de casas de  autoras e autores

» A lembranza da derradeira estadía de Valle-Inclán na cidade abre a  colección 'Cadernos de Compostela'

» A Xunta de Galicia destinará 30 millóns de euros ao fomento da lectura  nos vindeiros catro anos

» A AELG e a Asociación Cultural Ergueitos de Sarria lembran a Fiz Vergara  Vilariño cunha ruta literaria por Lóuzara

» A Consellería de Cultura e Deporte convoca axudas para a creación e  promocións de grandes proxectos editoriais

» A Consellería de Cultura e Deporte promove con 200.000 euros a  tradución de obras desde e para o galego

» Teresa Moure, gañadora do Rafael Dieste de Teatro

» Recitais poéticos e actuacións musicais tomarán esta semana A Rúa

» Premios Xerais 2007

» Entregados en Carballiño os premios Losada Diéguez

» O Ánxel Casal promove a creación literaria entre alumnos e alumnas do  ensino secundario galego

» Este sábado fallaranse os premios Xerais de novela, o premio Caixa  Galicia de Literatura xuvenil e o premio Merlín de Literatura infantil

» A Axencia Audiovisual Galega fai públicos os premios Mari Luz Morales

» A Fundación Rodríguez Iglesias organiza unha exposición con máis dun  millar de libros galegos

             

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                        

 

Novas Xuño 2007