MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

Agosto 2008

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

O programa poderá verse hoxe ás 15.40 h. e por Internet na televisión á carta d'A Galega

Estréase na CRTVG un documental sobre Isaac Díaz Pardo

 

(29-Setembro-2007)

 

Galicia Documental. Isaac Díaz PardoHoxe poderá verse n'A Galega Isaac, unha conversa e documental co artista e intelectual galego Isaac Díaz Pardo, a través da cal os espectadores coñecerán as súas impresións sobre a situación da sociedade contemporánea e, ao mesmo tempo, da Galicia actual. Aos seus 87 anos, cunha saúde intelectual envexable, Isaac é quen de ofrecernos a súa opinión sempre comprometida e excepcionalmente libre e libertaria.

Ao longo desta conversa, temas como as guerras, a pobreza, as desigualdades sociais, a falta de referentes intelectuais… iranse mesturando con paradas en Galicia (lembranzas da Guerra Civil e da posguerra, problemas estruturais, converxencia europea…) e con referencias á súa historia persoal.

Intelectual galeguista, Isaac Díaz Pardo, ademais dun personaxe clave na historia deste país, é probablemente a persoa pública máis valorada e querida en Galicia ao ter ese don especial de ser próximo e real para a xente da casa.

O documental non pretende ser unha homenaxe, senón unha análise de diferentes temas de actualidade desde a perspectiva dun home que forma parte da mellor xeración de intelectuais e artistas nacidos en Galicia. Aos seus 86 anos goza dunha saúde intelectual envexable e pode transmitirlle ao espectador a súa visión global do século XX e a entrada no século XXI.

O documental está dirixido por Xosé Abad e é unha coproducción entre EAF Produccións e a TVG, coa colaboración da Xunta de Galicia.

O documental xa foi estreado onte na Fundación Caixa Galicia de A Coruña .

[Máis información] 

Arriba

 

 

 

A 25º Feira Internacional do Libro vaise celebrar en Barcelona entre os días 3 e 5 de outubro

O Diario Cultural e o Faro de Vigo premiados no Liber polo fomento da lectura en medios de comunicación

 

(27-Setembro-2007)

 

Premios LIBER Fomento da LecturaLIBER, a 25º Feira Internacional do Libro que se celebrará no Recinto de Montjuïc entre os días 3 e 5 de outubro será o escenario onde a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) concederá os VII premios ó Fomento da Lectura nos Medios de Comunicación pola súa labor en pro da difusión dos libros e o fomento da lectura.

Na modalidade de prensa escrita o premio vai recaer no xornal Faro de Vigo, que edita o seu suplemento cultural tódolos xoves Faro da Cultura, coordinado por Xosé Ramón Pena e que fai pouco tempo chegou ó número 200.

O Diario Cultural da Radio Galega, dirixido pola xornalista e escritora Ana Romaní, vai ser galardoado co premio na modalidade de radio. O programa, que comezou a súa emisión alá no ano 1990, pode escoitarse de lúns a venres desde as 15.10 h á 16.00 h.

[Máis información] 

Arriba

 

 

 

No Consello estarán representados los gremios vinculados ó mundo do libro en Galicia

Publicado o Decreto polo que se regula a composición e funcionamiento do Consello Asesor do Libro

 

(26-Setembro-2007)

 

Consello Asesor do LibroHoxe saíu publicado no DOGA o Decreto 178/2007 polo que se regula a composición e funcionamiento do Consello Asesor do Libro. O Decreto crea o Consello Asesor do Libro como organismo dedicado ao estudo e ao asesoramento á Administración autonómica no referente ás políticas relacionadas co contido da lei.

O Consello estará formado por quince membros, con voz e voto: sete membros das Administracións local e autonómica e oito mebros elixidos polos diferentes axentes do libro e de fomento da lectura en Galicia, designados, xunto cos seus suplentes, pola presidencia do Consello Asesor entre os escritores, os tradutores, os ilustradores, os editores, as artes gráficas, os distribuidores, os libreiros e os bibliotecarios. A Presidencia corresponderá a Conselleira ou Conselleiro resposable de Cultura e a Vicepresidencia ao o titular do centro directivo competente na materia do libro e da lectura.

Entre as funcións do Consello Asesor do Libro están: a elaboración de informes de seguimento dos índices de lectura da poboación galega e da produción editorial realizada en Galicia e en lingua galega, a elaboración de propostas de actuación para o fomento da lectura e para a mellora dos diferentes subsectores da edición e comercialización do libro, así como a emisión de informe en todas as cuestións relacionadas coa planificación da política do libro e os regulamentos que rexan e desenvolvan a dita política.

Haberá unha comisión permanente formada por sete mebros e diferentes grupos de traballo.

[Ver Decreto] 

Arriba

 

 

 

O sábado 6 de outubro organizarase unha mesa redonda sobre a figura de O Vello Pancho

Galicia estará na Feira Internacional do Libro de Uruguai

 

(26-Setembro-2007)

 

Consellería de Cultura e DeporteA Consellería de Cultura e Deporte participará na 30 edición da Feira do Libro de Uruguai, que dá comezo mañá e se desenvolverá ata o vindeiro 7 de outubro na cidade de Montevideo. Deste xeito Galiza estará presente por primeira vez na feira sendo o único país non americano que contará cun espazo propio na mesma, cun stand no que exhibirá a súa producción editorial.

Así mesmo, a Consellaría, en colaboración co Patronato da Cultura Galega de Montevideo, organizou diversas actividades que se desenvolverán ao longo da Feira, dirixidas á divulgación das nosas letras no país uruguaio e contando con personalidades do mundo da cultura galega de Uruguay.

Na xornada inaugural terá lugar a presentación do libro "Relato dun emigrante", do editor e libreiro Manuel Losa. O venres, membros do Patronato da Cultura Galega procederán á lectura pública de obras de Castelao. Para a xornada seguinte está programado un recital e concerto de homenaxe á poesía galega, coa participación da cantante Cristina Fernández. O luns, o escultor José Villaverde e o xornalista Mané de Gulfar encargaranse de presentar unha lectura poética da man do actor Andrés Pazos, que recitará poemas galegos publicados na revista uruguaia "La Tertulia". Na xornada que precede ao peche da Feira, o sábado 6, organizarase unha mesa redonda sobre a figura do poeta José Alonso y Trelles, "El Viejo Pancho". Este autor xa fora lembrado nunhas xornadas celebradas hai poucos días en Ribadeo, o seu pobo natal, que pretenderon explorar os vínculos culturais entre Galiza e Uruguai a través da súa figura e en conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento.

[Máis información] 

[Ver programa da Feira] 

Arriba

 

 

 

A exposición está organizada por libraría Komic, que celebra o seu 20º Aniversario

Exposición de Fran Bueno e David Rubín en Compostela

 

(25-Setembro-2007)

 

Libraría Komic 20º AniversarioKomic, a libraría galega decana especializada en banda deseñada celebra o seu 20º aniversario. E non mellor xeito de celebralo que organizando unha exposición cos orixinais de dous grandes da banda deseñada: Fran Bueno e David Rubín.

Fran Bueno (Santiago de Compostela, 1967) é un veterano, vencedor do Concurso Nacional de Comics de Xetafe en 1988 é a data de hoxe, ó único galego asentado profesionalmente na banda deseñada en Estados Unidos. David Rubín (Ourense, 1977) foi galardoado recentemente co premio Mellor Autor Novel do 2006 no Salò Internacionsl del Cómic de Barcelona e a súa Tetería del Oso Malayo acadou o Premio Crítica á mellor obra estatal do 2006.

A exposición poderá verse no Centro Sociocultural do Ensanche en Santiago de Compostela do 3 ao 13 de outubro. A celebración do aniversario completarse cunha conferencia o día 11 de outubro sobre a visión exterior da banda deseñada galega na que participarán Fran Bueno, David Rubín e Álvaro Pons e un concerto tamén o día 11 a cargo de A Banda de Nash na Sala Nasa.

[Máis información] 

Arriba

 

 

 

Manolo Montero foi protagonista de moitos libros

O vindeiro día 23 de setembro adicarase unha homenaxe a Manolo Montero Merlin en Mondoñedo

 

(21-Setembro-2007)

 

O mago MerlínManuel Montero é un libreiro mindoniense que recompila coleccións de valores gráficos, históricos e literarios para mostrar na súa libraría-museo. Montero coñeceu a Álvaro Cunqueiro desde cativo. Xuntos comentaron libros e coñeceron personaxes na barbería do Pallarego.

O movemento cultural Ao carón da lareira, xunto con algunhas persoas do mundo da cultura van facer este domingo día 23 unha homenaxe a este personaxe entrañable da cultura de Mondoñedo e de toda Galicia. Será ás 12 da mañá en Mondoñedo, diante do seu museo, debido ó 50 aniversario da súa librería e da súa obra persoal.
 
Manolo Montero, "Merlin", personaxe de gran valía, protagonista de moitos libros de diversos autores galegos,nacionais, e internacionais,entrañable, sinxelo e sincero.
A Merlín, o artista Francisco Pérez Porto, en colaboración con Ramón Loureiro, o entonces conselleiro de cultura Couce Fraguela e algunhas persoas máis do mundo da cultura, promoveron a homenaxe a Merlín cunha escultura na Parroquia de Esmelle, onde o autor da mesma escultura Pérez Porto, logrou unhas das súas mellores obras escultóricas. 
O acto preparado será sinxelo e entrañable, como é do gusto do mago máis emblemático da Galicia do Norte, a cal goza dunha riqueza cultural desde tempos inmemorables.
 

Arriba

 

 

 

O ourensán tamén foi considerado como autor revelación 2006 no 25º Salò Internacional do Còmic de Barcelona

La tetería del oso malayo, de David Rubín, mellor obra de banda deseñada do ano segundo a crítica especializada

 

(18-Setembro-2007)

 

La tetería del oso malayoNo marco das XII Jornadas del Cómic de Avilés, que se celebraron entre o 11 e o 15 de setembro fixéronse públicos os resultados da VII Edición dos Premios da Crítica, onde se votaron as persoas e obras publicadas no Estado español entre xullo do 2006 e xuño do 2007, isto é, entre a celebración dun Salò do Cómic de Barcelona e o Salò do ano seguinte.

O ourensán David Rubín, un dos nosos mellores creadores en banda deseñada e un dos máis premiados, fíxose co premio a mellor obra con La tetería del oso malayo (Astaberri), que se impuso ás outras obras finalistas: Orn: Historia Universal, El Viaje de Gasparetto, Cazador de Rayos 3 e Modotti. Igualmente Rubín foi seleccionado nos apartados Mellor debuxante e Mellor Guionista e Miguelanxo Prado estivo nominado ó premio a unha carreira autor nacional.

[Máis información]

Arriba

 

 

 

O acto de entrega será o día 19 na sede da Academia Galega na Rúa Tabernas da Coruña

A Asociación de Escritores en Lingua Galega fai entrega á Real Academia Galega dos documentos do seu Centro de Documentación de Escritores Galegos

 

(18-Setembro-2007)

 

Centro de Documentación da AELGNota do Consello Directivo da AELG:

«A Real Academia Galega (RAG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron o 16 de setembro de 2005, hai agora 2 anos, un Acordo Marco de Colaboración baseado no común interese na normalización cultural e lingüística de Galiza, procurando unha aplicación práctica do coñecemento da lingua e literatura galegas dentro e fóra das nosas fronteiras.

A filosofía que inspirou o acordo concrétase, entre outras accións, na constitución na propia sede da Real Academia dun Centro de Documentación dos Escritores/as da AELG, con documentación proporcionada pola Asociación, quen á súa vez a recada dos seus propios socios e socias, para pesquisa de investigadores, estudosos e especialistas.

Durante estes dous anos, a Aelg recompilou unha cantidade inxente de material documental que foi achegado polos socios e socias da AELG, e que foi dixitalizado para o Centro de Documentación da súa web coa colaboración da Deputación da Coruña, a Consellaría de Innovación e Industria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O material, que se entrega en 7 cartafoles, componse de miles de fotos, biografías, mostras de obras, traducións, paratextos (entrevistas, artigos publicados por ou sobre os escritores, prólogos, portadas de libros, recensións críticas... ) que, ao estaren dixitalizados, poden ser consultados de forma sinxela e desde calquera parte do mundo por un sistema de busca que permite atopar calquera palabra dentro do corpus. Alén disto, pódese ver na maioría dos documentos unha imaxe do orixinal.

Dado que a Real Academia é depositaria dun importantísimo fondo arquivístico documental dos escritores en lingua galega, a AELG considera esta institución como a mellor garantía de conservación dos arquivos entregados e agradece a súa colaboración.

Será o Presidente da Real Academia Galega, Sr. D. Xosé Ramón Barreiro, quen recibirá a documentación da man do Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias.»

 

Arriba

 

 

 

Despois de Anxos da Garda e Melodía de días usuados, esta bibliotecaria do Consello da Cultura Galega leva o premio con a súa primeira novela

Anxos Sumai gaña o II premio de Narrativa Breve Repsol YPF con Así nacen as baleas

 

(13-Setembro-2007)

 

Anxos Sumai Onte fallouse na sala Azimut do Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña o II premio de Narrativa Breve que convoca Repsol YPF en colaboración coa editorial Galaxia e a Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A primeira novela breve de Anxos Sumai, Así nacen as baleas, foi a obra galardonada co premio.

Segundo a autora, a novela trata un drama familiar que naceu dunha única imaxe a partir da que foi crecendo unha historia. O xurado estivo formado por Xosé Luís Axeitos, Miguel Anxo Fernán-Vello, Henrique Rabuñal, Anxo Tarrío e Carlos Lema.

Xosé Luís Axeitos Agrelo, que exerceu de voceiro e leu o fallo do xurado, destacou o labor rigoroso do xurado que mantivo un intenso debate e que finalmente acordou conceder o premio á obra de Sumai, cualificándoa como "novela de memoria", "moi ben escrita, perfeccionista", e engadiu que "chamou a atención a todos os membros do xurado".

A publicación da obra estará a cargo da Editorial Galaxia, que a tirará do prelo nos primeiros días de novembro.
 

Arriba

 

 

 

IV Simposium do Libro e a Lectura

A Asociación Galega de Editores prepara o programa do IV Simposium do Libro e a Lectura

 

(11-Setembro-2007)

 

Literatura e Mercado. IV Simposio sobre o libro e a lectura A Asociación Galega de Editores traballa no avance da programa da que será a cuarta edición do Simposium O Libro e a Lectura.
A actividade tense convertido nun referente anual para estudiantes, editores, bibliotecarios, e todos aqueles que interveñen ou interactúan no mundo do libro.
O IV Simposium vai abordar un aspecto controvertido e de moita actualidade: O libro e o mercado. Está previsto que expertos -procedentes de diferentes comunidades autónomas españolas- interveñan no seu desenvolvemento, previsto para os días 15 e 16 de novembro no auditorio da sede do Consello da Cultura Galega.
Máis de setenta persoas asistiron e participaron na pasada edición, organizada baixo o tema : Bibliotecas, Lectura e Edición.
 

[Máis información]

Arriba

 

 

 

O proxecto terá unha duración de tres anos e contará cun investimento de máis de 167.000 euros

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia e a Consellería de Innovación e Industria realizarán o Dicionario Enciclopédico das Tic

 

(06-Setembro-2007)

 

Dicionario Enciclopédico Galego das TICA Consellaría de Innovación e Industria e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia asinarán un convenio de colaboración para a realización do Dicionario Enciclopédico Galego das TIC, que incluirá os termos e definicións conceptuais que expresan o universo das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións. O desenvolvemento deste dicionario precisará un investimento de 167.040 euros, achega que será sumida integramente pola Consellería de Innovación e Industria.

Este proxecto contará coa colaboración técnica e científica da Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación de Vigo e a colaboración lingüística da Real Academia Galega.

A produción do dito dicionario desenvolverase en tres anos e aloxarase nos dominios de Internet das dúas asociacións citadas e da Real Academia Galega, actualizándose de xeito permanente, e creándose no seu entorno grupos de traballo para o desenvolvemento conxunto da lingua e das tecnoloxías.

Asemade, celebraranse catro seminarios lingua-tecnoloxía en cidades galegas, co propósito de difundir este proxecto a través dos medios de comunicación e incorporar, ao mesmo tempo, a personalidades locais dos ámbitos de interese. 

 

Arriba

 

 

 

Día de memoria e lealdade a Manuel María

Ríndese homenaxe a Manuel María no seu terceiro cabodano

 

(04-Setembro-2007)

 

Manuel MaríaUn 8 de setembro do 2004 deixábanos nun hospital da Coruña a idade de 75 anos Manuel María, o 'gran poeta da nación galega'.

Na curta idade de 20 anos publica Muiñeiro na brétema, primeiro libro en galego tras a Guerra Civil, e que convertiríase no comezo dunha longa carreira literaria onde tivo cabida a narrativa, o teatro e especialmente a poesía. Nos anos 60 participou, na clandestinidade, na organización de partidos políticos nacionalistas. No ano 79 foi elixido concelleiro polo BNPG.

A súa amada Terra Chá, a lingua e Galicia estiveron sempre presentes ó longo das súas obras. A finais do 60 funda xunto a súa dona Saleta Gai a libraría Xistral en Monforte de Lemos e a editorial do mesmo nome, onde publicaría a Celso Emilio Ferreiro, Darío Xohán Cabana ou Margarita Ledo entre outros.

Este sábado, en lembranza do gran escritor chairego, vaiselle rendir unha homenaxe por esas terras que inspiraron grande parte dos seus poemas.

 

[Ver programa de actos en Axenda]

Arriba

 

 

 

Os interesados teñen como data límite o 31 de outubro

A Asociación Cultural Polaqia abre unha convocatoria pública de proxectos para novos colaboradores

 

(01-Setembro-2007)

 

'Barsowia' do colectivo PolaqiaA Asociación Cultural Polaqia, que desde o ano 2001 autoedita os seus propios traballos de banda deseñada ante a falta de alternativas comerciais, abre unha convocatoria para que os novos autores publiquen os seus traballos para a súa publicación no primeiro semestre do 2008.

Pódense enviar traballos en caquera formato, xénero, estilo, extensión sen a existencia de ningún tipo de condicionante. A data límite de recepción é o 31 de outubro. Os traballos débense enviar ó enderezo electrónico polaqia@gmail.com.

 

[Máis información]

Arriba

 

 

 

As actividades desenvolveranse entre hoxe até o vindeiro día 15 de setembro e percorrerá os lugares de Bamio, A Torre, Trabanca Sardiñeira, Rubiáns, Sobradela, Cea e Cornazo

A Concellería de Mocidade de Vilagarcía de Arousa pon en marcha un circuíto de contacontos nos centros socioculturais do rural

 

(01-Setembro-2007)

 

Contacontos no rural vilagarciánA Concellería da Mocidade e da Solidariedade do Concello de Vilagarcía retoma no mes de setembro o programa de descentralización de actividades coa organización dun circuíto de contacontos nos centros socioculturais das parroquias do rural. As sesións correrán a cargo dunha empresa de animación que utilizará monocreques para a posta en escena dos contos.

O circuíto iniciarase hoxe sábado, 1 de setembro, no centro sociocultural de Bamio ás 20:00 horas. A esta mesma hora desenvolveranse actividades similares nas instalacións culturais de A Torre , o xoves 6; en Trabanca Sardiñeira, o venres 7; e en Rubiáns, o sábado 8. O Circuíto fará escala en Sobradelo o xoves 13 cunha sesión que comezará ás 19:00 horas, mentres que as de Cea e Cornazo, o 14 e o 15 de setembro respectivamente, están programadas para as 20:00 horas.

A empresa Aurea Xestión será a encargada de desenvolver as sesións neste primeiro circuíto de conta contos posto en marcha polo departamento que dirixe a concelleira Ana Lorenzo. Entre os títulos a narrar nesta actividade atópanse “O crocodilo intelixente”, “A bruxa regañadentes”, “A casa da mosca chosca”, “Chibos, chibóns”, “A cebra Camila” e “Gato Guille e os monstros”, entre outros. Os catro primeiros contos, ademais de ser narrados, contarán co apoio escénico de monicreques, con música e coa participación dos cativos que se atopen entre o público, co obxecto de que a sesión sexa interactiva.

 

Arriba

 

 

 

» Estréase na CRTVG un documental sobre Isaac Díaz Pardo

» O Diario Cultural e o Faro de Vigo premiados no Liber polo fomento da  lectura nos medios de comunicación

» Publicado o Decreto polo que se regula a composición e funcionamiento  do Consello Asesor do Libro

» Galicia estará na Feira Internacional do Libro de Uruguai

» Exposición de Fran Bueno e David Rubín en Compostela

» O vindeiro día 23 de setembro adicarase unha homenaxe a Manolo  Montero Merlín en Mondoñedo

» La tetería del oso malayo, de David Rubín, mellor obra de banda deseñada  do ano segundo a crítica especializada

» A Asociación de Escritores en Lingua Galega fai entrega á Real Academia  Galega dos documentos do seu Centro de Documentación de Escritores  Galegos

» Anxos Sumai gaña o II premio de Narrativa Breve Repsol YPF con Así  nacen as baleas

» A Asociación Galega de Editores prepara o programa do IV Simposium do  Libro e a Lectura

» A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia e a  Consellería de Innovación e Industria realizarán o Dicionario Enciclopédico  das Tic

» Ríndese homenaxe a Manuel María no seu terceiro cabodano

» A Asociación Cultural Polaqia abre unha convocatoria públicaa de  proxectos para novos colaboradores

» A Concellería de Mocidade de Vilagarcía de Arousa pon en marcha un  circuíto de contacontos nos centros socioculturais do rural

 

Novas Setembro 2007