MESES ANTERIORES

 

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

O tema elixido este ano xirará sobre o Imaxinario na literatura

Mondoñedo e Lugo acollen a XXIV edición de Galeusca

 

(30-Outubro-2007)

 

XXIV Edición de GaleuscaEntre os días 1 e o 4 de outubro as cidades de Lugo e Mondoñedo serán sede da XXIV edición de Galeusca, un encontro de escritores en lingua galega, catalá e éuscaro que o ano pasado celebrouse en Pamplona co tema central do tabú na literatura. Este ano, e sendo a cuna de Álvaro Cunqueiro unha das sedes, o tema a desenvolver no podería ser outro máis que o Imaxinario na Literatura, ese ente inaprensible e con todo esencial ao que poderiamos considerar fonte e canle de toda literatura.

O congreso da literatura galega, catalá e vasca comezará o día 1 no Gran Hotel de Lugo e contará cunha importante representación de escritores destes países. Un dos momentos máis emotivos será o acto-homenaxe a Basilio Losada e Xosé Estévez.

[Ver programa]

Arriba

 

 

 

A Facultade de Humanidades da UDC e o Concello de Fene homenaxean o poeta ferrolán no 20º aniversario do seu óbito

O concello de Fene lembra a Xosé María Pérez Parallé cun congreso do 5 ao 8 de novembro

 

(29-Outubro-2007)

 

Congreso Homenaxe a Xosé María Pérez ParalléXosé María Pérez Parallé naceu en Ferrol en 1909 aínda que a maior parte vivíu na parroquia de Barollobre, no concello de Fene. A poesía de Pérez Parallé foi unha poesía de carácter popular, moi apegada á vida campesiña e mariñera.

Este ano, vinte anos despois do seu pasamento, a Facultade de Humanidades de Ferrol, o Concello de Fene e a A.C.R.D. Liga de Amigos de Barallobre, en colaboración coa Deputación da Coruña, a Xunta e Caixa Galicia organizan un Congreso arredor da figura do ilustre poeta ferrolán do día 5 ao 8 de novembro con ponencias, mesas redondas, visitas e recitado de poemas.

Isaac Díaz Pardo será o encargado de abrir o congreso o día 5 pola tarde, para deixar paso a Xosé Luis Méndez Ferrín que pronunciará unha ponencia sobre a poesía de Pérez Parallé.

Xesús Alonso Montero, Javier Rodríguez González, Xaquín Marín ou o Presidente da Real Academia Galega Xosé Ramón Barreiro Fernández entre outros participarán nos diversos actos.

[Ver programa completo]

Arriba

 

 

 

O Encontro deste ano contará coa presenza dun importante grupo de ilustradores do Estado

A AGPI organiza o IV Encontro Galego da Ilustración

 

(26-Outubro-2007)

 

IV Encontro Galego de IlustraciónHoxe venres e mañá 27 de outubro terá lugar en Santiago de Compostela o IV Encontro Galego de Ilustración organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Este IV Encontro é considerado pola AGPI como o máis ambicioso pola cantidade e calidade dos convidados e dos actos.

O Encontro comezará ás 12.00 h. do venres no Casino de Santiago cunha rolda de prensa coa presenza do presidente e a xerente de FADIP (Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales) e pola tarde reunirase a Directiva da FADIP na Galería Sargadelos.

O sábado celebraránse os seguintes actos de portas abertas na Fundación Caixa Galicia: Estudo económico da ilustración española, Os dereitos de autor na Ilustración gráfica, Ilustrar en España, Europa e o mundo. O Encontro rematará cunha homenaxe ó ilustrador Siro López, xubilado recentemente a quen se fará socio de honra.

Este ano contarase coa presenza dun nutrido grupo de ilustradores de diferentes zonas do Estado e do estranxeiro: Miguel Teso (Madrid), Horacio Altuna (Arxentina), Gerardo Trives (Madrid), Cristina Durán (Valencia), Dani Maiz (Bilbao), Carmen Castro (Valencia) e Mariona Sardá (Barcelona).

[Ver programa de actos]

Arriba

 

 

 

Historia da chuvia que cae todos os días de Roberto Salgueiro González, gañador do Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2007

O ribadense Rubén Ruibal gaña o Premio Nacional de Literatura Dramática

 

(23-Outubro-2007)

 

Rubén Ruibal, gañador do Premio Nacional de Literatura DramáticaO Ministerio de Cultura ven de facer público o Premio Nacional de Literatura Dramática 2007 que recaeu na obra Limpeza de Sangue de Rubén Ruibal, publicada por Xerais na colección Biblioteca Dramática Galega coeditada co Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM).

Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) é a primeira obra publicada por Ruibal e xa acadou o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais do ano 2005. Os seus protagonistas, Fernando e Pantaleón, procedentes de mundos aparentemente opostos coinciden, á espera do seu transplante ou do inevitable pasamento, na sala de diálise dun hospital. Igualados pola situación e obrigados a facerse mutua compañía, coñecen outros aspectos da vida aos que a rutina diaria non lles permitiu que lles prestasen atención. Ven nacer así unha amizade inimaxinable, mentres todo ao seu redor continúa o seu obsesivo, prexuízoso e sistemático funcionamento, no que nin sequera unha inocente proposta roubada de Príncipe e mendigo de Mark Twain abrirá unha nova porta.

O xurado foi presidido polo Director Xeral do Libro, Rogelio Blanco, o resto dos membros foron: Mónica Fernández Muñoz, Rosario Álvarez Blanco, Guillermo Heras, Lourdes Ortiz, María Dolores Blanco, Manuel Sánchez, Francesc Masip, Sebastián Gartzia, Jesús Moreno, Domingo Miras, Mauro Armiño e o gañador do ano pasado Santiago Martín Bermúdez.

Limpeza de sangue inauguró a Colección Dramática Galega de Xerais de Galicia e aínda non foi representada sobre un escenario. A comezos do 2008 o IGAEM perderá os dereitos de representación da obra.

Roberto Salgueiro, Premio Álvaro Cunqueiro de Textos Teatrais 2007

Roberto Salgueiro González coa obra Historia da chuvia que cae todos os días é o gañador do Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais segundo fixo público hoxe a actriz Paula Carballeira, en nome do xurado que resolveu este ano os galardóns de creación literaria no eido teatral que cada ano convoca o IGAEM.

Salgueiro álzase por cuarta vez co Cunqueiro. O autor trata nesta ocasión de botar unha ollada, desde unha perspectiva realista, sobre o noso país. A través do enfrontamento entre un pai e un fillo o texto pretende analizar dúas xeracións tan diferentes como semellantes, a constitución de Galicia como espazo universal, onde a emigración condicionou a nosa constitución e pasados os anos, a inmigración volve poñernos en situación de análise.

 

Arriba

 

 

 

No simposio deste ano están programadas seis conferencias e tres mesas redondas

Os Editores Galegos organizan o IV Simposio o Libro e a Lectura, este ano centrado no Libro e mercado

 

(22-Outubro-2007)

 

 IV Simposio O Libro e a Lectura "Libro e mercado"A Asociación Galega de Editores organiza un ano máis o Simposio O Libro e a Lectura, que na súa cuarta edición abordará a temática "Libro e mercado". O evento, que conta co respaldo do Centro Español de Derechos Repográficos (CEDRO) e no que colabora o Consello da Cultura Galega, terá lugar os próximos 15 e 16 de novembro en Santiago de Compostela.

O encontro contará con seis conferencias impartidas por profesionais da edición e tres mesas redondas nas que os diferentes actores do sector aportarán a súa visión actual e perspectiva de futuro da realidade editorial non só no panorama galego senón tamén nacional e mesmo internacional.

Intervirán Antonio González Iturbe, que exporá a súa visión sobre o que queren ler os lectores e o presidente da Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros (CEGAL), Fernando Valverde, que aportará a súa percepción da oferta e a demanada no sector editorial. Manuel Valente, de Ediçoes Asa, que abordará a diferencia entre editores de cultura e editores de mercado, e Mónica Martín, da Axencia Literaria catalana MB, que fará unha achega á visión do mercado dende o punto de vista profesional do seu ramo.

O xoves día 15 celebraranse dúas mesas redondas: "Os libros máis vendidos" e "Literatura e mercado: unha relación complexa" que pretende ser unha achega á opinión que sobre o mercado do libro teñen renombrados expertos do sector como o xerente de Distribucións Arnoia, Alberto Abreu, a crítica literaria Ana Salgado e o libreiro Xurxo Patiño. O venres 16 de novembro está programada outra mesa redonda onde intervirá Luis Ventoso, xornalista de La Voz de Galicia, Ramón Reboiras e Francisco Novo, do programa Miraxes da TVG, amesa redonda, baixo o epígrafe "A visibilidade do libro galego" será unha boa ocasión para achegarse á realidade editorial galega.

[Máis información]

Arriba

 

 

 

Cardume de Regina Vega, Illa Soidade de An Alfaya, Minimaladas de Carlos López e O ceo dos afogados de Francisco Castro

Xerais lanza ás librarías os Premios Xerais 2007

 

(20-Outubro-2007)

 

Premios XeraisA vindeira semana Xerais de Galicia pon nas librarías os libros gañadores dos Premios Xerais 2007:

- Premio Xerais de Novela: Cardume, de Rexina Vega. Unha novela ambientada nun Vigo industrial e atlántico, un crisol de personaxes que evolucionan e logran subsistir as miserias dunha cidade desacougante.

- Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil: Illa soidade, de An Alfaya. Unha novela iniciática que nos descobre unha vida marcada pola paixón e a soidade, con reflexións sobre a autonomía persoal e o respecto polo diferente. Unha obra que retrata o mundo da indixencia, da mendicidade, dos sen teito, dos esmoleiros, dos vagabundos.

- Finalista Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil: O ceo dos afogados, de Francisco Castro. Un relato que aborda -baixo a aparencia dunha novela de aventuras e intriga- a importante cuestión da comunicación dos seres humanos cos animais e o desenvolvemento sostible do planeta.

- Premio Merlín de Literatura Infantil: Minimaladas, de Carlos López. sesenta mini historias protagonizadas por animais cheas de orixinalidade, imaxinación e beleza ilustradas por David Pintor.

Arriba

 

 

 

O desenvolvemento das xornadas poderánse seguir na aula do Centro Multimedia de Galicia da biblioteca González Garcés da Coruña

A AELG organiza as I Xornadas Virtuais de Literatura cun  programa adicado a Xosé María Álvarez Blázquez e Agustín Fernández Paz

 

(19-Outubro-2007)

 

I Xornadas Virtuales de LiteraturaA Asociación de Escritores en Lingua Galega organiza en colaboración  coa AS-PG, o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza, e para o mes de novembro de 2007, a I Edición das Xornadas Virtuais de Literatura, unha iniciativa de formación en liña para os docentes de Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato.

As I Xornadas Virtuais de literatura estarán dedicadas a dous autores:

a) Xosé María Álvarez Blázquez, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008

b) Agustín Fernández Paz, autor de relevancia internacional.

Ofrecerase unha reflexión especializada sobre as obras destes autores desde varios puntos de vista, sen esquecer unha oferta de metodoloxías útiles para a procura persoal de contidos no vasto universo da Internet. Ao mesmo tempo, as propostas didácticas relativas á obra das figuras estudadas terán un lugar destacado. Estas xornadas terán lugar nas tardes dos mércores días 7, 14, 21 e 28 de novembro, de 17:00 a 20:00 horas.

Os relatores do temario serán: Víctor Freixanes, Ramón Nicolás, Xosé M! Álvarez Cáccamo, Agustín Fernández Paz, Mercedes Queixas, Xabier P. Docampo, Óscar Sánchez e Pedro Silva.

O público en xeral poderá seguir mediante internet o desenvolvemento destas xornadas.

[Máis información]

Arriba

 

 

 

A Praza das Letras, que ata agora viña publicándose en papel mudará nun espazo virtual o vindeiro 24 de outubro, Día da Biblioteca

Nace a Praza das Letras como un espazo interactivo de literatura na web

 

(18-Outubro-2007)

 

Praza das LetrasA Praza das Letras, publicación editada pola Consellería de Cultura e Deporte anuncia no seu número 4 a conversión da revista nun espazo dixital, un portal concibido como un punto de información y documentación sobre o noso campo literario.

Anuncian que estabelecerán redes de ligazóns coas principais web de temática literaria existentes: Biblioteca Virtual Galega, Lg3 de Culturagalega.org, Bivir, Filix e outras.

Entre os obxectivos marcados está:

 - Recompilar e facer visíbel a información web existente sobre literatura galega.
 - Promover a lectura en galego entre a cidadanía.
 - Comunicar a vizosa actividade da nosa literatura.
 -
Incentivar a creación escrita.
 - Promover a literatura galega no exterior.

A nova Prazas das Letras contará: cunha sección de novas, axenda de actos, a ficha dun libro que sexa novidade, unha reportaxe semanal, lecturas temáticas, entrevistas, libros recomendados,...

A data prevista para esta nova Praza das Letras é o 24 de outubro, coincidindo coa celebración do Día da Biblioteca.

[Praza das Letras]

Arriba

 

 

 

A Fundación presentou un inventario con case 200.000 referencias

A Fundación Camilo José Cela solicita á Xunta de Galicia que se declare Ben de Interese Cultural o legado do Nóbel de Iria Flavia

 

(17-Outubro-2007)

 

Fundación Camilo José CelaA Fundación Camilo José Cela comunicou onte que presentou, no Rexistro da Consellería de Cultura, a documentación necesaria para que a Xunta de Galicia declare Ben de Interese Cultural o legado de seu fundador. Dita solicitude, que se realiza ao amparo da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e dacuerdo co disposto no Decreto 430/1991, supón o comezo dun procedemento que, a seu término, permitiría a declaración de Ben de Interése Cultural mediante Decreto da Xunta de Galicia, a proposta da Consellería de Cultura.

O legado cultural de Camilo José Cela dispón dun fondo documental composto por unha colección única de manuscritos, ademais dun epistolario de 70.000 cartas, unha biblioteca de mais de 45.000 volumes, unha hemeroteca de 45.000 exemplares, una pinacoteca con 600 cadros e outros documentos e coleccións que aportan numerosas chaves sobre a personalidade e a obra do premio Nobel.

O expediente de solicitude incorpora un listado preto das 200.000 referencias, que ilustran un periodo histórico significativo e que constitúe, no seu conxunto, unha obra maestra do xenio creador do home e ten unha excepcional significación literaria.

Con esta iniciativa, a Fundación Camilo José Cela segue o exemplo doutras institucións de fora de Galicia como o legado do tamén premio Nobel Juan Ramón Jiménez, declarado Ben de Interese Cultural mediante Decreto 520/2004 da Junta de Andalucía.

[Máis información]

Arriba

 

 

 

Mañá preséntase a web no marco da Feira do Libro de Frankfurt

readgalicia.com, unha fiestra da literatura galega para o mundo

 

(11-Outubro-2007)

 

readgalicia.comA Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte e a Asociación de Editores Galegos presentarán mañá venres a web readgalicia.com na Feira do Libro de Frankfurt. Readgalicia.com, que se presentará en galego, castelán e inglés supón unha fiestra das letras galegas no exterior. A web abre con 169 títulos dividido en seis categorías: Ficción, infantil, non ficcón, poesía, teatro e xuvenil.

As fichas dos libros ofrecen información sobre a ficha, o posuidor dos dereitos de autor e un fragmento traducido. O obxectivo é que esta plataforma se converta nun lugar de referencia para que empresas editoriais estranxeiras coñezan a produción literaria galega; así como ofrecerlles a información necesaria para que establezan colaboracións coas editoriais galegas.

[readgalicia.com]

Arriba

 

 

 

O Plan de Lectura, presentado onte pola Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, prevé investir 50 millóns de euros ata o 2011

Preséntase no Parlamento o primeiro plan de lectura de Galicia

 

(11-Outubro-2007)

 

Plan de Lectura para GaliciaA conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou onte no Parlamento o primeiro plan para fomentar a lectura co que contará Galicia, e que foi aprobado por unanimidade polos tres grupos parlamentarios.

Este programa, que contará cun investimento de 50 millóns de euros ata o 2011, ordea por primeira vez de forma integral todos os esforzos que se realizarán para incrementar o hábito da lectura e fortalecer todos os actores do sector, desde libreiros a bibliotecas ou editores.

Entre as liñas de actuación do Plan destaca a mellora da imaxe social do libro a través de campañas de publicidade, celebración de eventos relacionados coa escrita ou a cooperación con bibliotecas, librarías, editoriais e autores. Outras accións destínanse ao fortalecemento do sistema bibliotecario cun programa de dotación de fondos ou cun incremento das bibliotecas virtuais de lingua galega. Pero o Plan tamén subliña a importancia de darlle un pulo á lectura no ensino e de crear programas de formación destinados a promotores e mediadores da lectura. Os datos do Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega sinalan que, se ben a case totalidade dos galegos e galegas entenden o noso idioma, só o len o 68 %. Por isto, o Plan de Lectura porá especial fincapé na consideración social do libro en galego.

A Consellería de Cultura tamén promoverá a creación dunha Oficina da Lectura como unidade permanente de coordinación, control e apoio do Plan de Lectura. Ademais dende a administración apoiarase un programa de traduccións do corpus universal e científico e crearase un portal de lectura que recolla textos dixitalizados.

Por outra banda, Galicia contará con datos de seu sobre o sector cultural grazas ao Observatorio da Cultura Galega, no que participan, ademais de Cultura, o Instituto Galego de Estatística e o Consello da Cultura Galega. O Observatorio elaborará información independente sobre o sector cultural, entre eles, os hábitos culturais dos galegos e galegas, de forma que se mellorará a calidade das análises e avaliacións.

[Máis información]

[Descargar Plan de Lectura]

Arriba

 

 

 

Este ano cúmprense os cen anos do pasamento deste polígrafo ourensán

O Liceo de Ourense organiza unhas xornadas de lembranza a Arturo Vázquez Núñez

 

(10-Outubro-2007)

 

Xornadas en Lembranza de Arturo Vázquez NúñezArturo Vázquez Núñez (Ourense, 15 de novembro de 1852 - Ourense, 2 de marzo de 1907) foi un dos máis destacados polígrafos ourensáns do século XIX, especialista en Historia e Arqueoloxía. Pertenceu á xeración de Valentín Lamas Carvajal (nacido en 1849) e Manuel Curros Enríquez (nacido en 1851) cos que mantivo estreita relación. Formou parte da destacada tertulia intelectual do Museo de Ourense xunto a Benito Fernández Alonso, Marcelo Macías, Manuel Martínez Sueiro e outros.

Publicou a maioría dos seus traballos de investigación no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense. Tivo unha grande influencia na formación intelectual dos membros máis destacados da Xeración Nós, pois sendo un destacado bibliófilo, puxo a súa extensa biblioteca da rúa de San Fernando (hoxe Irmáns Villar) á disposición dos estudosos da cidade. Tamén escribiu para xornais ourensáns, entre outros en El Heraldo Gallego fundado por Valentín Lamas Carvajal en 1874; El Trabajo, onde foi redactor; El Avisador Orensano; Álbum Literario, e O Tío Marcos d´a Portela, tamén impulsado por Lamas e primeiro xornal monolingüe da historia de Galicia. Vázquez Núñez foi tamén cronista da nosa cidade, membro correspondente da Academia da Historia e da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, ademais de membro fundador da Real Academia Galega.

As xornadas darán comezo o 16 de outubro cunha ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, de seguido inaugurarase unha exposición bio-bibliográfica e rematará coa conferencia a cargo de Francisco Fariña Bustos 'Vázquez Núñez e a Comisión Provincial de Monumentos'. Os actos continuarán o 18 de outubro onde Jesús de Juana López falará sobre 'Vázquez Núñez, biografía dun ourensán de pró'. O profesor Marcos Valcárcel rematará estas xornadas coa conferencia 'Vázquez Núñez e o xornalismo ourensán'

[Descargar programa]

Arriba

 

 

 

A Consellería de Cultura presenta unha escolma de poesía galega e o soportal readgalicia.com, un catálogo galego-castelán-inglés coa producción dos últimos anos

Mañá comeza a Feira do Libro de Frankfurt, a feira do sector máis importante do mundo

 

(09-Outubro-2007)

 

Feira do Libro de Frankfurt 2007A produción editorial galega estará presente na feira do libro de Frankfurt, a máis importante do mundo, dentro do expositor organizado pola Consellería de Cultura e Deporte.

Desde mañá até o domingo, un total de 13 editoriais galegas poderán amosar as súas novidades e establecer contactos con diferentes actores do sector. A Consellaría presentará o venres readgalicia.com, un catálogo on-line das obras galegas con traducións ao inglés.

As editoriais asistentes no expositor da Consellería son: A Nosa Terra, Rinoceronte, Edicións Tórculo, Primera Persona, Faktoría K de Libros, Hércules de Ediciones, Nova Galicia, Toxosoutos, Kalandraka Editora, Editorial Galaxia, Rodeira-Edebé, Baía Edicións e OQO Editora.

A Consellería presentará estes venres no marco da feira un catálogo on-line en galego, inglés e castelán. Readgalicia.com funcionará como unha fiestra permanente á produción literaria galega. Este sitio web é un catálogo de dereitos que ofrece unha selección de case 200 obras da literatura galega actual. As fichas de información sobre as obras inclúen fragmentos coa súa correspondente tradución ao inglés; así como datos útiles para establecer contactos. O obxectivo é que esta plataforma se converta nun lugar de referencia para que empesas editoriais estranxeiras coñezan a produción literaria galega; así como ofrecerlles a información necesaria para que establezan colaboracións coas editoriais galegas.

Por outra banda, como parte das actividades de promoción nesta feira, Cultura presentará o día 13 unha escolma de poesía galega. 20 Gedichte aus galicien / 20 poemas é unha edición bilingüe alemán-galego con poemas de Rosalía de Castro, Manuel Antonio, María Mariño, Álvaro Cunqueiro, Xosé María Álvarez Blázquez, Luz Pozo, Manuel María, Uxío Novoneyra, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Xosé María Álvarez Cáccamo, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Xavier Queipo, Miguel Anxo Fernán Vello, Ana Romaní, Marga do Val, María Reimóndez, Yolanda Castaño e Mónica Góñez.

[Máis información]

Arriba

 

 

 

Monográficos, exposicións, encontros con autores, presentacións... na vella Auria desde o 3 ata o 22 de outubro

Onte deu comezou en Ourense as XIX Xornadas de Banda Deseñada

 

(04-Outubro-2007)

 

XIX Xornadas de Banda Deseñada Onte deu comezo a décimo novena edición das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, que decorrerán entre o 3 e o 22 de outubro de 2007.

Entre as exposicións podemos destacar as monográficas dedicadas a Lola Lorente, Carlos Vermut e Pepo Pérez.

Alén disto, as Xornadas repiten a experiencia da microexposición Delicatessen, unha mostra composta por só dez pranchas no espazo expositivo da Biblioteca do Campus de Ourense. Nesta edición, o autor seleccionado é Diego Blanco, premiado en distintos certames e activo membro do colectivo Polaqia. Blanco publicou en fanzines e revistas como Carne Líquida ou Barsowia, e forma parte da experiencia colectiva de Ediciones Ultralimitadas.

Entre as exposicións colectivas desta edición das Xornadas, destacan a do Certamen Injuve de Cómic e Ilustración 2006, organizado polo Instituto de la Juventud, con presenza entre os premiados de varios galegos (David Rubín, Diego Blanco, Brais Rodríguez e Roque Romero); a titulada ConSecuencias: Historieta uruguaya, coordinada por Felipe Hernández Cava tamén para o Injuve, cunha ollada ao panorama actual dos autores de BD no Uruguai; Dez anos de BD galega, organizada pola Agpi, coa colaboración do festival Viñetas desde o Atlántico, que constitúe un repaso aos autores fundamentais nestes últimos anos no panorama da banda deseñada en Galicia; GZcrea 2007, con pranchas dos traballos gañadores e seleccionados na modalidade de Banda Deseñada do Certame Galego de Creadores Novos, convocado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia; e a do Premio Castelao 2007, que contén as páxinas do álbum Aventuras de Cacauequi, de Jacobo Fernández, gañador deste concurso convocado pola Deputación da Coruña.

Encontros cos autores, actividades colectivas do Lab·Ou (Laboratorio Galego de BD experimental), presentacións de publicacións, e a entrega do Premios Ourense de BD comporán o resto do programa.

 

Arriba

 

 

 

O tradutor ferrolán foi o primeiro en traducir do galego ó chinés e viceversa

A AGPTI homenaxea a Fernando Pérez-Barreiro Nolla como colofón do Día Internacional da Tradución

 

(03-Outubro-2007)

 

Homenaxe a Fernando Pérez-Barreiro NollaO tradutor ferrolán Fernando Pérez-Barreiro Nolla recibiu hoxe no Auditorio de Galicia unha homenaxe no acto central da celebración do Día Internacional da Tradución, celebrado o 30 de setembro.

Fernando Pérez-Barreiro naceu en Ferrol no ano 31 e reside en Londres desde o 63. É licenciado en Dereito (Universidade de Santiago de Compostela), e BA (First Class Honours) en Lingua e Literatura Chinesas (Polytechnic of Central London). Entre as súas publicacións destacan: "Irlanda e as novas formas da vida internacional" (Ponencia na I Conferencia anual Plácido Castro); "Plácido Castro e o problema político de Irlanda" (en "Grial"); "A traxedia de Macbeth" (traducción de Shakespeare ao galego); "Flores e leña" (Panorama e antoloxía de narracións chinesas contemporáneas); "A transliteración do chinés" (na revista "Viceversa" da Universidade de Vigo); "Breviario do pensamento clásico chinés" (na biblioteca virtual "Bivir") e é coautor do Libro Branco da Acción Exterior de Galicia (Xunta de Galicia, 2004).

O acto-homenaxe, organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) coa colaboración da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura contou coa presencia de Fernando Pérez-Barreiro, Ánxela Bugallo, Luis Bará e Eva Veiga.

[Máis información]

Arriba

 

 

 

Félix Villares, Ramón Loureiro, Uxío García Amor e Ricardo Polín falarán en torno ó poeta de Castro de Rei

A II Xornada Cultural-Literaria Mindoniense estará adicada ó poeta Xosé Crecente Vega

 

(02-Outubro-2007)

 

II Xornada Cultural Mindoniense. Xosé Crecente VegaO colectivo cultural Ao carón da lareira, na súa tarefa por potenciar a cultura galega, van organizar unha xornada cultural en homenaxe ó poeta Xosé Crecente Vega, un dos poetas que saíron do seminario de Mondoñedo. Será a II xornada-cultural mindoniense despois do éxito acadado coa primeira xornada, onde xuntáronse máis de 30 escritores xuntos por primerira vez ao redor da figura de Álvaro Cunqueiro.

 A xornada comezará ás 11:30 en Xuvia, na igrexa de Santa Rita. Continuará en Castro de Rei, despois haberá unha lectura de poemas no Carballo de Luxís e rematará en Mondoñedo, lugar no que se fará unha conferencia en torno ó autor homenaxeado Esta conferencia será impartida por Félix Villares, Ramón Loureiro, Uxío Amor e Ricardo Polín. Todos expertos dalgunha forma en Crecente Vega e tamén no resto de autores do seminario.

[Descargar programa] 

Arriba

 

 

 

O libro galego estará en Uruguai, México, Barcelona, Alemaña, Cuba, Arxentina e Italia

A industria editorial galega estará presente nos principais encontros do mercado editorial

 

(01-Outubro-2007)

 

Consellería de Cultura e DeporteSegundo informa hoxe a Consellería de Cultura e Deporte a industria editorial galega estará presente nos vindeiros meses nos principais encontros internacionais do mercado editorial. A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou hoxe o calendario das feiras nas que a Consellaría financia e xestiona a presenza da literatura galega.
O programa de promoción exterior da industria editorial galega supón un salto cuantitativo e cualitativo. A produción editorial galega e as empresas do sector estarán presentes en sete feiras internacionais: Montevideo (Uruguai), Guadalajara (Mexico), Liber (Barcelona), Frankfurt (Alemaña), Habana (Cuba), Bos Aires (Arxentina) e Bolonia (Italia). Ademais, unha delegación galega asistirá por primeira vez á feira de Londres e á Bienal de Rio de Janeiro para realizar un estudo sobre o interese destas feiras para a industria galega e avaliar a eventual asistencia formal das industrias editoriais galegas en edicións posteriores.
As feiras editoriais son importantes encontros para reforzar a proxección internacional do sector editorial galego. Ao abeiro do stand da Consellaría as editoriais asistentes poderán dar a coñecer as súas producións, negociar colaboracións, compartir dereitos e coñecer casas editoras, distribuidoras e demais actores do sector provintes de países de todo o mundo.

.

[Ver información na web da Consellería de Cultura e Deporte] 

Arriba

 

 

 

» Mondoñedo e Lugo acollen a XXIV edición de Galeusca

» O concello de Fene lembra a Xosé María Pérez Parallé cun congreso do 5  ao 8 de  novembro

» A AGPI organiza o IV Encontro Galego da Ilustración

» O ribadense Rubén Ruibal gaña o Premio Nacional de Literatura Dramática

» Os Editores Galegos organizan o IV Simposio o Libro e a Lectura, este ano  centrado no Libro e mercado

» Xerais lanza ás librarías os Premios Xerais 2007

» A AELG organiza as I Xornadas Virtuais de Literatura cun programa  adicado a Xosé María Álvarez Blázquez e Agustín Fernández Paz

» Nace a Praza das Letras como un espazo interactivo de literatura na web

» A Fundación Camilo José Cela solicita á Xunta de Galicia que se declare  Ben de Interese Cultural o legado do Nóbel de Iria Flavia

» readgalicia.com, unha fiestra da literatura galega para o mundo

» Preséntase no Parlamento o primeiro plan de lectura de Galicia

» O Liceo de Ourense organiza unhas xornadas de lembranza a Arturo  Vázquez Núñez

» Mañá comeza a Feira do Libro de Frankfurt, a feiro do sector máis  importante do mundo

» Onte deu comezo en Ourense as XIX Xornadas de Banda Deseñada

» A AGPTI homenaxea a Fernando Pérez-Barreiro Nolla como colofón do Día  Internacional da Tradución

» A II Xornada Cultural-Literaria Mindoniense estará adicada ó poeta Xosé  Crecente Vega

» A industria editorial galega estará presente nos principais encontros do  mercado editorial

 

Novas Outubro 2007