MESES ANTERIORES

 

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

O encontro deste ano xirará en torno á tradución na narrativa, a poesía e o teatro

O Pazo de Mariñán acolle o V Encontro de Escritores Galegos

 

(30-Novembro-2007)

 

Pazo de MariñánBaixo o lema Ámbitos da tradución, o Pazo de Mariñán acollerá o sábado, 1 de decembro, e o vindeiro domingo, a V edición do Encontro de Escritores Galegos, no que participarán unha vintena de autores, críticos literarios e tradutores galegos.

O profesor e tradutor Valentín Arias López, que entre outras moitas obras dirixiu a tradución ao galego de O Quixote de Cervantes, O estranxeiro de Camus; e das obras de Verne A Volta ó mundo en oitenta días e Viaxe ó centro da terra, será o encargado de pronunciar a conferencia inaugural das xornadas.

Esta iniciativa inclúese dentro das múltiples xuntanzas de creadores organizadas anualmente pola institución provincial coruñesa no pazo coruñés, sumándose a iniciativas como os encontros coa poesía e a pintura, ou aos encontros de escultura e doutras disciplinas artísticas.

Durante os tres días de duración do evento presentaranse un total de seis comunicacións sobre os tres xéneros literarios (narrativa, poesía e teatro), que correrán a cargo de Francisco Pillado, Miguel Pérez Romero, Henrique Harguindey, Manuel Bragado, Darío Xohán Cabana e Miguel Anxo Fernán Vello.

Ademais, o encontro contará coa asistencia de Valentín Arias López, Xulián Maure, Tareixa Roca, Marga Romero, María Xosé Queizán, Antonio Raúl de Toro Santos, Úrsula Heinze de Lorenzo, Gonzalo Navaza Blanco, Xano Trevinca, Xulio L. Valcárcel, Suso Pensado, Manuel Cartea Gómez, e Xosé Manuel Fernández Castro.

 

 [Ver programa do día 1 de decembro]

 [Ver programa do día 2 de decembro]

Arriba

 

 

 

A mostra comezará en Cambados e pasará por Celanova e Monforte de Lemos

Quince ilustradores participan na exposición Feismo ilustrado

 

(29-Novembro-2007)

 

Feismo ilustradoO Centro Comarcal do Salnés acolle mañá a presentación da exposición Feísmo ilustrado, organizada pola Consellería de Vivenda e Solo e a Consellería do Medio Rural xunto á Sociedade Parao para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia. A exposición, de carácter itinerante, pasará por Cambados (do 1 ao 15 de decembro), por Celanova (do 3 ao 15 de xaneiro) e por Monforte de Lemos (do 7 ao 21 de xaneiro).

Xaquín Marín, Miguelanxo Prado ou Kiko da Silva son tres, dun total de quince ilustradores, que amosarán o seu traballo para esta mostra, onde "a ilustración e o humor gráfico" -en palabras da Conselleira Teresa Táboas- "teñen a virtude de entrever, e mesmo de explicar, situacións complexas cunha claridade e nitidez que outros medios de expresión non son capaces de acadar".

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

Miguel Anxo Fernán-Vello, Yolanda Castaño, Ramiro Fonte ou Claudio Rodríguez-Fer serán algúns dos poetas convidados

I Encontro de poetas galegos en Lugo na celebración do VII aniversario da declaración da muralla como Patrimonio da Humanidade

 

(27-Novembro-2007)

 

I Encontro de Poesía Galega en LugoO concello de Lugo e La Estación Azul, de Radio Nacional de España-Radio3 organizan o I Encontro de poetas galegos que terá lugar en Lugo os vindeiros días 29 e 30 de novembro.

Serán dous días intensos que comezarán oficialmente o día 29 de novembro ás 12.00 h. coa inauguración do Encontro por parte de José López Orozco, e que contribuirán ó recoñecemento da cidade de Lugo e da súa muralla en toda España, coincidindo ademais co aniversario da súa declaración Patrimonio da Humanidade. Esta primeira sesión contará coa participación dos poetas Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Suso Pensado, Luz Pozo Garza e Claudio Rodríguez Fer.

Tamén o xoves, a partir das 19.00 h. estarán os poetas Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Arcadio López-Casanova, Chus Pato, Ana Romaní e Xavier Seoane

O encontro rematará o venres cunha última sesión, ás 19.00 horas, onde estarán Vicente Araguas, Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Salvador García-Bodaño, Luís González Tosar e Manuel Rivas. O Ministro de Cultura, César Antonio Molina, que tamén participará na mesa de debate da última sesión, será o encargado de clausurar o evento.

Cada unha das tres sesións nas que se divide o Encontro, e que durarán arredor de dúas horas, contarán coas interpretacións musicais dos cantautores Fran Pérez, Xabier Díaz e Luis Emilio Batallán.

Para levar a cabo este ambicioso proxecto, tamén colabora o Ministerio de Cultura a través da súa Dirección Xeral do Libro, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais.

 [Máis información no Concello de Lugo]

 [Máis información en Cabaret Voltaire]

Arriba

 

 

 

Inclúe as novidades editoriais do último cuatrimestre

A Asociación de Editores Galegos pon na rúa o número 2 do boletín Novas de Libros

 

(27-Novembro-2007)

 

Número 2 de Novas de LibrosA Asociación de Editores Galegos vai poñer nas librarías, centros de ensino, bibliotecas e medios de comunicación xeral e especializados o número 2 do boletín NDL (Novas de Libros), onde se recollen as novidades bibliográficas do último cuatrimestre. Este número estará na rúa despois da publicación do primeiro número no pasado mes de maio co gallo da Feira do Libro e da Industria Cultural Cultur.gal. Esta publicación da Asociación Galega de Editores pretende convertirse no instrumento de difusión das publicacións que son editadas en Galicia.

Desde a Asociación Galega de Editores apuntan que é moi importante elaborar materiais que permitan que se visualice o libro galego, que actualmente ten unha presenza moi residual nos medios de comunicación tradicionais (radio, prensa, televisión). Con ese obxecto formulouse a elaboración de materiais propios, que fosen unha canle de comunicación para chegar cando menos a aqueles sectores máis comprometidos coa lingua galega, pero tamén e a ser posible a un público máis amplo...

A revista atópase dividida en dous grandes apartados: un referente ós datos de contacto das editoras pertencentes á AGE e outro referente á información sobre novidades. Neste segundo apartado podemos atopar as últimas referencias en literatura, banda deseñada, literatura infantil e xuvenil, ensaio, arte e humanidades, ciencias, economía, dereito, manuais, diccionarios, libros de texto e publicacións periódicas do sector editorial galego.

 [Máis información]

 [Descargar o número 2 de NDL]

Arriba

 

 

 

Cúmprense 50 anos do pasamento do autor de Na noite estrelecida

O Concello de Cambados declara o 2009 ano de Cabanillas

 

(26-Novembro-2007)

 

2009 Ano CabanillasO pasado 11 de novembro o pleno do Concello de Cambados decidiu, por unanimidade dos tres grupos municipais, proclamar o 2009 Ano Ramón Cabanillas, dedicado para honrar a memoria do poeta cambadés no 50 aniversario da súa morte.

Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) foi poeta e galeguista. Profundamente vinculado ás Irmandades da fala, foi colaborador d'A Nosa Terra. De formación clásica viveu durante un tempo n'A Habana, estes dous factores marcaron a súa obra. É autor de poemarias tan importantes como Da Terra asoballada (1917), Na noite estrelecida (1926) ou Camiños no tempo (1949), a súa primeira obra despois de estalar a Guerra Civil.

Durante o 2009 o Concello cambadés ten preparada unha programación onde terá cabida recitais poéticos, representacións teatrais, concertos musicais, exposicións, festivais, congresos, conferencias, entre outros eventos destinados a homenaxear ó escritor. O Concello estará asesorado polo académico Francisco Fernández Rei e polo biógrafo do poeta, Luis Rei Núñez, que xa elaboraron un borrador de actividades. Tamén se creará unha comisión consultiva na que estarán representados os colectivos culturais e sociais cambadeses que desexen participar. O Concello vaise dirixir á Xunta de Galicia para que adopte os acordos oportunos en orde á declaración do ano 2009 como “Ano Cabanillas” e para que contemple nos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2009 os recursos económicos necesarios para financiar os actos conmemorativos que se celebren no ámbito da Comunidade Autónoma. Solicitarase tamén a participación da Deputación de Pontevedra para que o organismo provincial colabore nas actividades que se celebren para conmemorar esta efeméride. Ó inicio da sesión o alcalde, José M. Cores Tourís, presentou a maqueta da escultura de Cabanillas, realizada polo gran escultor Lucas Míguez, que o próximo ano será instalada nos xardíns da casa dos Fraga.

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

Marcos Valcárcel pronuniará unha conferencia sobre a Literatura Popular galega

Seis anos de Literatura no Liceo de Ourense

 

(24-Novembro-2007)

 

VI Aniversario sección Literatura Liceo de OurenseA Sección de Literatura do Liceo de Ourense cumpre seis anos de existencia. Ó longo destes anos desenvolveron, baixo a dirección do profesor Marcos Valcárcel, máis de trescentas actividades: conferencias, mesas redondas, roteiros literarios, exposicións, premios... onde participaron personaxes da categoría de Víctor Freixanes, Xosé Carlos Caneiro, Suso de Toro ou Xosé Neira Vilas.

Para celebralo invitan á cidadanía a achegarse o vindeiro luns ó Liceo de Ourense, onde Marcos Valcárcel impartirá unha conferencia titulada O pobo galego nunca parou de cantar: reviravoltas sobre a nosa Literatura Popular, acompañado dun Recital Poético-Musical.

Para rematar o acto terá lugar unha convivencia cun viño galego entre todos os asistentes á celebración, onde farase entrega dun agasallo literario. A partir das oito e carto no Liceo de Ourense, na rúa Lamas Carvajal número 5.

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

A revista Reverso presentará un número monográfico sobre poesía galega

Galicia estará presente na 21º Feira Internacional do Libro de Guadalaxara

 

(23-Novembro-2007)

 

21 Feira do Libro de GuadalaxaraMañá dará comezo a 21º edición da Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México. Por vez primeira, as editoriais galegas estarán presentes na primeira Feira latinoaméricana.

Entre os días 24 de novembro até o 2 de decembro, un total de 23 de editoriais poderán amosar as súas novidades. A maioría delas estarán no expositor organizado pola Consellería de Cultura e Deporte, aínda que Nova Galicia Edicións e Kalandraka Editora disporán de expositor propio. Xuntos a estas, tamén estarán presentes os Servizos de Publicacións das Universidades de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña no expositor da UNE (Unión de Editoriais Universitarias).

Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura, apoiará coa súa presenza a delegación galega. Precisamente, aproveitará o marco desta feira, que reúne gran parte do sector editorial de Latinoamérica e tamén empresas provintes de todo o mundo, para dar a coñecer o programa de actividades que se desenvolverán en febreiro na Feira do Libro da Habana, onde Galicia será por primeira vez cultura convidada. Esta presentación pública terá lugar o luns día 25 ás 11 horas.

O sábado día 24 tamén se presentará un número monográfico sobre poesía galega que edita Reverso. A experta Teresa Seara escolleu para este especial textos de Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Manuel Álvarez Torneiro, X. L. Méndez Ferrín, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xulio L. Valcárcel, Xavier Seoane, Chus Pato, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Eva Veiga, Olga Novo, Yolanda Castaño, Emma Pedreira Lombardía. Leva ilustracións de Alfonso Costa.

Dentro da delegación galega asisten representantes do PEN Clube de Galicia, que levarán a cabo un acto literario dentro do recinto da Feira o luns día 25 ás 20 horas. Participarán Luís González Tosar, Camiño Noia, Bieito Iglesias e Gonzalo Navaza.

A Secretaría de Educación Pública de México seleccionou a obra de tres autores galegos para o Plan Nacional de Lectura

A Secretaría de Educación Pública (SEP) dese país vén de seleccionar tres obras do catálogo de Kalandraka Editora, escritas por autores galegos, que se van incorporar ao Plan Nacional de Lectura. Os libros seleccionados son Smara, de Paula Carballeira, Once damas atrevidas, de Xosé Manuel González, e Chibos chibóns, de Olalla González. É o sexto ano consecutivo que a SEP conta coa produción editorial de KALANDRAKA para incorporala aos seus programas educativos e de difusión da lectura, que permitirán achegar esas obras a todos os centros docentes e bibliotecas mexicanas.

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

Ata o 15 de xaneiro os visitantes poderán ver e levar eses libros censurados en moitos países

A Biblioteca do Fórum Metropolitano da Coruña expón unha mostra de libros prohibidos

 

(22-Novembro-2007)

 

Os libros prohibidosDende que o home adquiriu os seus primeiros coñecementos, reflectiu as súas ideas, crenzas, sentimentos e vivencias en millóns de textos. Moitos deles perderonse, outros caeron no olvido e unha gran cantidade foi pasto das chamas da intolerancia. Os libros sufriron ao longo da súa historia a censura e prohibición por algún elemento de poder: igrexas, gobernos, organizacións morais, poderes fácticos... para impedir que a xente pensase, opinase, e crese libremente sen atrancos. Na Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano ten preparada unha pequena selección de libros e películas que sufriron e sofren a censura da intolerancia.

Entre a selección de libros podemos atopar o Sempre en Galiza de Castelao, que non puido ser publicado na época; Os hermanos Karamazov, prohibido en Rusia; Ratos e homes de Steinbeck, prohibido nos EUA por connotacións comunistas ou O reiciño de Galicia de Victor Hugo, censurado pola Igrexa.

Estes libros poderán verse (e collerse) na Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano (R/Rio Monelos, s/n) na Coruña ata o 15 de xaneiro.

 [Máis información]

 [Listaxe de libros]

Arriba

 

 

 

Varias librarías colaborarán adicando un espazo ás obras finalistas

Todo preparado para a Noite da Edición 2007

 

(21-Novembro-2007)

 

Noite da Edición 2007O gremio editorial galego celebrará o próximo 14 de decembro a III Noite da Edición, unha gala coa que a Asociación Galega de Editores pretende reunir anualmente a todos aqueles que traballan o día a día da realidade material do libro, a súa produción e a súa edición e na que se entregarán os Premios da Edición 2007, concedidos polos propios editores. O evento, patrocinado polo Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), terá lugar no Aquarium Finisterrae da Coruña e está previsto que a el acodan os profesionais do sector e destacadas autoridades do mundo do libro, a cultura e a política en Galicia.

Nesta III Noite da Edición serán homenaxeados no apartado da Edición Histórica os editores de A Nosa Terra, La Voz de Galicia e Alvarellos Editora. Asemade entregaranse no transcurso da cea os premios creados pola AGE para recoñecer a excelencia do traballo dos compañeiros editores e dos integrantes doutros colectivos que se distinguiron ó longo do ano 2007 polo seu labor a favor do libro ou a lectura.

Paralelamente está previsto que a Cea da Edición de Galicia sexa precedida dunha semana adicada á edición e ós libros seleccionados polos editores como os mellores do ano 2007. Con tal fin as librarías Sisargas, Cruceiro, Novo Colón, Xiada, Nós, Lume, Didacta e Cidade Escolar adicarán nos seus escaparates e instalacións da Coruña unha especial atención ós libros finalistas dos premios a través de carteis anunciadores e expositores preparados con esta finalidade.

Están estabelecidas seis categorías, os finalistas daranse a coñecer o próximo 8 de decembro. Ditas categorías son:

 - Premio Ánxel Casal ao Libro do ano.

 - Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano.

 - Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2007.

 - Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do 2007.

 - Premio Francisco Fernández del Riego á colaboración no labor editorial do ano.

 - Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

A exposición estará aberta do 20 de novembro ao 20 de xaneiro en Vigo

Inaugúrase este martes a exposición Xohán Ledo. As caras do libro, onde se poderá contemplar a obra do primeiro portadista de Galaxia

 

(18-Novembro-2007)

 

Xohan Ledo baixo a pluma de Carlos MasideO 10 de xuño do 2006 faleceu Ricardo García Suárez, máis coñecido como Xohán Ledo, á idade de 88 anos. Xohán Ledo foi o primeiro deseñador e portadista da Editorial Galaxia, onde chegou da mán de algúns dos galeguistas supervivientes. En Galaxia exerceu a dirección artística.

Segundo Francisco Fernández del Riego a obra de Xohán Ledo non se limitou só ao labor de ilustrador, xa que tamén reflectiuse nela a análise crítica. Entre as súas portadas atópanse A lús do candil, Os vellos non deben namorarse ou Xente no rodicio.

Escribiu tamén moitos textos de arte. No seu entusiasmo por Shakespeare foi traducindo de a poco Ricardo III e Xulio César.

O número de Nadal dos Cadernos Grial no 2006 estivo adicado a súa figura. Este martes inaugurarase unha exposición co título Xohán Ledo. As caras do libro onde os visitantes poderán contemplar a súa obra. Será ás 19.30 h. no Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, Pazo de Castrelos. A exposición estará aberta ao público do 20 de novembro ao 20 de xaneiro do 2008.

Co gallo da exposición desenvolveranse un ciclo de mesas redondas:

 - 29 de novembro. Xohán Ledo e a historia do libro galego

 - 12 de decembro. A edición. Problemas, expectativas e horizontes

 - 20 de decembro. Os creadores. Escritores para un país

 - 9 de xaneiro. As caras do libro. Ilustración e deseño

 - 17 de xaneiro. Distribuidores e libreiros

 - 23 de xaneiro. Os libros de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes

 [Máis información]

 [Ciclo de mesas redondas]

Arriba

 

 

 

O ourensán José Manuel Pacho estrease ó grande co seu primeiro libro

A choiva do mundo gaña o XIX premio de narrativa "Torrente Ballester"

 

(14-Novembro-2007)

 

Premio de Narrativa "Torrente Ballester"O xurado do XIX premio de narrativa "Torrente Ballester", que convoca anualmente a Deputación da Coruña, decidiu por unanimidade outorgar o premio a José Manuel Pacho Blanco, un avogado e profesor de dereito que debuta no mundo das letras coa obra galardoada, A choiva do mundo.

A obra premiada, foi calificada polo xurado como “unha aposta literaria de vangarda na construción dun texto extraordinariamente rico na súa forma de mosaico fragmentario que se sitúa na superación dos xéneros literarios”.

Nesta edición participaron 296 orixinais procedentes de 18 paises, dos cales 23 foron en galego.

Ángel Basanta, que actuou como voceiro do xurado, cualificou a obra de José Manuel Pacho Blanco como “unha aposta literaria de primerísima magnitude. O amor, o desamor, a morte, a tolemia están presentes na obra, nun galego cosmopolita. Utiliza como fío conductor os grandes temas de sempre para reflexionar sobre a complexidade do ser humano”.

Entre os premiados nos Torrente Ballester atopamos a Víctor Freixanes (A cidade dos Césares), Manuel Rivas (¿Que me queres, amor?) ou a Xosé Vázquez Pintor (A memoria do boi). A última obra premiada en galego foi As humanas proporcións do ferrolán Xesús Constela Doce.

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

O AGADIC busca consolidar ás empresas culturais galegas

O Consello da Xunta da luz verde ao proxecto de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais

 

(15-Novembro-2007)

 

Presentación AGADICO Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). O seu obxectivo será consolidar o tecido industrial das empresas culturais do país e garantir que a cultura galega teña un lugar de seu no mundo.

Segundo apunta a Consellería de Cultura este novo organismo substituirá o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM, creado en 1989) ampliando as súas competencias a todos os eidos da cultura. A Axencia irá máis aló da música e das artes escénicas para funcionar como un verdadeiro organismo de apoio ao conxunto das industrias culturais.

A creación da Axencia tramitarase como unha reforma da Lei de Creación do IGAEM e en breve será enviada ao Parlamento para a súa aprobación definitiva. Para cando estea en funcionamento, AGADIC converterase na primeira axencia regulada segundo as normas de Dereito Público e terá uns procedementos e controis rigorosos.

Para acadar estes obxectivos, a Axencia Galega das Industrias Culturais apoiará a creación e consolidación de empresas do sector cultural e o establecemento de colaboracións entre elas; así como a distribución e comercialización dos produtos dentro e fóra do noso país. Segundo consta no borrador, os destinatarios da Axencia serán as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, así como de espectáculos en vivo.

A Axencia tamén se encargará de fomentar a creación e a utilización de infraestruturas e de equipamentos por parte dos axentes culturais, sobre todo para facilitar o acceso aos habitantes de núcleos pequenos de poboación.

Un Consello asesor garantirá o coñecemento da realidade das industrias culturais e as súas necesidades.

O AGADIC naceu na polémica tras o informe do Consello Económico e Social de Galicia, o órgano consultivo da Xunta de Galicia en materia socioeconómica que avaliou negativamente o anteproxecto de Lei de Creación do AGADIC na medida en que supón máis un paso no fenómeno de “fuxida do Dereito Administrativo” que, en aras a unha pretendida “eficiencia”, non é máis que unha escusa para evitar os controis propios do dereito público.

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

Os días 23 e 24 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra

Cinema e Literatura no III Simposio internacional Letras na Raia

 

(14-Novembro-2007)

 

Letras na RaiaA Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), xunto co patrocinio da D.X. de Xuventude e a colaboración da Academia Galega do Audiovisual organizan o III Simposio "Letras na Raia", que este ano levará por título "Cinema e Literatura".

Segundo apuntan desde a AELG estes encontros naceron para establecer relacións entre os novos/as creadores/as literarios/as das dúas culturas, para (re)coñecérense, compartiren puntos de vista e opinións, creando un diálogo positivo fronte os problemas e situacións comúns.

O simposio de este ano contará cunha conferencia do escritor Xavier Queipo, proxectaránse os filmes A costa dos murmurios de Margarida Cardoso e A mariñeira, de Xosé Antón Dobao sobre texto de Darío Xohan Cabana e haberá un espazo para o debate con catro mesas redondas:

 - A literatura no cinema: adaptadores e adaptados.

 - Outros formatos do visual: medios e linguaxes diferentes do cinema convencional.

 - A dupla escrita: escrita para ver, escrita para ler.

 - O cinema e a literatura: o común e o diferente.

 [Máis información]

 [Descargar programa]

Arriba

 

 

 

Promocionarase a literatura galega nos centros dependentes de Vicepresidencia

A AELG e Vicepresidencia cooperarán na difusión da literatura e dos escritores e escritoras en lingua galega

 

(14-Novembro-2007)

 

Sinatura de colaboración entre a AELG e a Vicepresidencia da XuntaEsta mañá Cesareo Sánchez Iglesias, en calidade de presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega e Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta de Galicia asinaron un protocolo de colaboración para levar a cabo actividades de promoción e difusión da literatura e dos escritores galegos nos centros de servizos sociais que dependan de Vicepresidencia

En virtude deste protocolo de colaboración, a Vicepresidencia e a asociación de Escritores en Lingua Galega cooperarán na realización de programas e actividades destinados á difusión da literatura e dos escritores e escritoras en lingua galega entre os usuarios dos centros de servizos sociais dependentes da Vicepresidencia.

Coa posta en marcha destas actividades, preténdese humanizar e socializar os equipamentos sociais, converténdoos en espazos sensibles e abertos ao seu contorno, así como en escenarios transmisores e recreadores de cultura. Tamén se persegue fomentar as relacións sociais dos usuarios destes centros.

A realización de actividades de promoción da literatura e dos escritores galegos servirán para poñer en contacto aos usuarios destes centros coas producións culturais do noso país, achegando a literatura galega á súa vida cotiá, contribuíndo ao mesmo tempo, ao respecto, coñecemento e dignificación da obras destes escritores entre a cidadanía. É un xeito, ademais, de fomentar as dinámicas de interacción, coñecemento, educación e discusión no eido da literatura e cultura galega, entre as persoas usuarias destes centros.

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

O señor Ibrahim e as flores do Corán e Cuspirei sobre as vosas tumbas son os dous primeiros títulos da colección que incorporará próximamente a Vladimir Nabokok e a Bernardo Atxaga

Faktoría K celebra o seu segundo aniversario cunha nova colección de narrativa para adultos

 

(13-Novembro-2007)

 

Lecturas de alturaFaktoría K celebra o segundo aniversario da súa fundación co lanzamento de 'Lecturas de altura', unha nova colección de narrativa para adultos. ‘Lecturas de altura’ é o lema da liña editorial en galego, que incorporará ao seu catálogo a algúns dos referentes da literatura universal de todos os tempos como Boris Vian, Eric-Emmanuel Schmitt, Vladimir Navokov ou Bernardo Atxaga. Os dous primeiros libros desta colección son O señor Ibrahim e as flores do Corán de Eric-Emmanuel Schmitt, con tradución de Emma Lázare e Cuspirei sobre as vosas tumbas de Boris Vian e traducido por David Gippini.

'Periferias' corresponde á liña editorial de Narrativa K en castelán, Faktoria aspira a abrir unha fenda na paisaxe literaria estatal, coa introducción do máis interesante que se teña publicado nos últimos anos de autores galegos, portugueses, brasileiros, angolanos, caboverdianos e outros do ámbito da lusofonía. Males de cabeza, de Fran Alonso, e La frontera infinita, de Celso Emilio Ferreiro, inauguran esta nova andaina de ‘Periferias’

Arriba

 

 

 

O acto conmemorativo será na Galería Sargadelos de Lugo a partir das 20.00 h.

A editorial Alvarellos celebra os seus trinta anos no mundo da edición

 

(11-Novembro-2007)

 

Editorial AlvarellosXa pasaron trinta anos desde a publicación de Botei 40 anos de Enrique Alvarellos e Poesía dun labrego de Paco Ledo, os dous primeiros títulos que saíron do prelo co selo editorial de Alvarellos e 50 recetas con filloas, o último libro publicado pola editorial.

Para conmemorar esta data tan significativa, Alvarellos publicou en abril Alvarellos: 30 anos de edición en Galicia, un volume onde 31 autores reflexionan sobre o libro, a edición e a cultura do país, ademáis de rendir unha sentida e merecida homenaxe ó fundador da editorial, Enrique Alvarellos Iglesias, falecido hai xa tres anos.

Este martes Alvarellos Editora celebra o acto conmemorativo do seu trinta aniversario na Galería Sargadelos de Lugo, a cidade que viu nacer este proxecto editorial. O acto contará coa presenza de Xosé López Orozco, alcalde de Lugo; Concepción Casas, co-fundadora da editorial; Henrique Alvarellos Casas, director da editorial; Xosé Alonso, xornalista, e Xesús Mato, crego e músico. A celebración estará amenizada coa actuación dun trío musical e proxectaranse imaxes históricas dos inicios desta empresa cultural. Todos os asistentes serán agasallados co libro Alvarellos: 30 anos de edición en Galicia.

 

Arriba

 

 

 

Por vez primeira Galicia estará na feira de Angoulème, a máis importante do mundo en banda deseñada

A banda deseñada galega estará presente nas principais feiras internacionais do sector

 

(10-Novembro-2007)

 

Festival International de la Bande DessineeA banda deseñada galega darase a coñecer nas principais feiras e eventos de carácter internacional adicadas específicamente a promocionar a banda deseñada e onde teñan unha especial incidencia.

O Director Xeral de Creación e Difusión Cultural Luis Bará anunciou onte no Parlamento que por primeira vez Galicia estará cun stand de seu no Festival International de la Bande Dessinée de Angoulême, a máis importante do mundo e que se celebrará do 24 ao 27 de xaneiro. A Consellería de Cultura levará unha selección das principais obras e autores.

Tamén está prevista a asistencia ó Saló Internacional del Cómic de Barcelona, a Feira do Libro de Boloña e Frankfurt, unha exposición na Feira do Libro de La Habana, onde Galicia será o país convidado.

[Máis información]

[Páxina web do Festival de Angoulème]

Arriba

 

 

 

Marica Campo, Daniel Salgado, Rafa Villar, Modesto Fraga, X. Antón Dobao e Pilar Beiro inauguran Edoy Leliadoura

Sotelo Blanco Edicións publica seis títulos na súa nova colección de poesía

 

(09-Novembro-2007)

 

Colección Edoy Leliadoura de Sotelo BlancoSotelo Blanco Edicións leva ás librarías a nova colección de poesía Edoy Leliadoura, herdeira da mítica colección Leliadoura, na que se publicaron algúns dos libros máis importantes da poesía galega dos anos 1980, e que foi, tamén, testemuño e actor do renacer poético da Galicia daqueles anos.

Os seis primeiros títulos que sacará Sotelo Blanco son:  Sextinario, trinta e seis + tres, de Marica Campo, Os poemas de como se rompe todo, de Daniel Salgado, Memoria de Ahab, de Rafa Villar, Derrotas con raíces, de Modesto Fraga, Onde o ollar comeza a doer, de X.Antón L.Dobao e Bingo de Pilar Beiro.

Segundo afirma Sotelo Blanco na súa páxina web, Edoy Leliadoura aspira a ser o reflexo das diversas constelacións poéticas que atravesan e iluminan a poesía galega actual. Constelacións que están representadas nos primeiros volumes que hoxe presentamos da colección, ao tempo que non renuncia a pór en galego importantes voces da poesía universal.

Esta colección vaise presentar o vindeiro xoves 15 de novembro na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela ás 19.30 h., nun acto onde estarán presentes os autores acompañados do director da colección Xesús González Gómez e o editor, Olegario Sotelo Blanco.

[Máis información]

Arriba

 

 

 

O 65.78 % dos galegos non acuden nunca a unha biblioteca

O Instituto Galego de Estatística publica un informe coas estatísticas de ocio e hábitos culturais

 

(07-Novembro-2007)

 

Instituto Galego de EstatísticaA conselleira de Cultura presentou hoxe un estudo elaborado polo Instituto Galego de Estatística en ralacións ós habitos de consumo cultural dos galegos no ano 2006.

Un dos datos máis alarmantes é que o 58.54 % dos galegos non leron ningún libro o ano pasado. Pontevedra é a provincia cun porcentaxe maior de lectores e Ourense a que menos. En cuanto a xénero, as mulleres len máis de 10 puntos cos homes.

Un dos datos positivos son o número de lectores frecuentes, xa que a práctica totalidade dos lectores (un 77.76 %) len ou a diario ou varias veces ao mes. As mulleres tamén len con máis frecuencia cos homes.

Outro dos datos máis inquietantes é a escasa asistencia ás bibliotecas, o 65.78 % da poboación recoñece non haber acudido en ningunha ocasión á biblioteca o ano pasado. Os que máis acuden son os que viven en concellos entre 20.000 e 50.000 habitantes.

[Ver estudo]

Arriba

 

 

 

O concello de Rianxo acolle este seminario onde se reunirán participantes galegos e doutros países

Auliga organiza o VIII Seminario Internacional de Tradución e Poética

 

(06-Novembro-2007)

 

VIII Seminario Internacional de Tradución e Poética (AULIGA)A Asociación Amigos da Universidade Libre Iberoamericana en Galicia organiza entre os días 14 a 17 de novembro na Casa de Cultura de Rianxo o VIII Seminario Internacional de Tradución e Poética que convoca anualmente e que parte de creadores das linguas española, galega e portuguesa, alén doutras especialmente convidadas. Na edición deste ano destaca a presentación dunha obra traducida, do galego ao francés, de Claudio Rodríguez-Fer, e un libro sobre a obra filolóxicolingüística e a súa importancia para a Filosofía do pensador galego Ángel AMOR RUIBAL (1869-1930), de A. Domínguez Rey. 

Este Seminario favorece asemade unha troca de experiencias literarias entre escritores españois, galegos, portugueses ou doutras comunidades lingüísticas. Realízase ademáis un Obradoiro de Escritura, Tradución e Poética, asistido polos escritores, críticos e profesionais destas materias invitados especialmente ao Seminario.  Os encontros, convocados pola asociación interuniversitaria AULIGA (Amigos da Universidade Libre Iberoamericana en Galicia), contan co apoio permanente do Ilmo. Concello de Rianxo, a colaboración da Área de Lingüística do Departamento de Lingua Española e Lingüística Xeral da Faculdade de Filoloxía da UNED de Madrid, do grupo de investigación “Lingüística y poética” (LINPO, G121H1) da UNED, o Centro Asociado da UNED-A Coruña, e para esta convocatoria, coa axuda da Direción Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura e da Deputación de A Coruña. 

Entre os participantes desta edición contamos con personaxes da calidade de Antonio Domínguez Rey, Nel Rodríguez ou Xosé Ricardo Losada.

[Ver programa]

Arriba

 

 

 

X.M. Carballo, Pilar García Negro, Manuel López Foxo e Bernardo Penabade debatirán nunha mesa redonda a obra da escritora d'O Incio

Marica Campo Chairega de Honra

 

(06-Novembro-2007)

 

Marica CampoO vindeiro 10 de novembro a escritora Marica Campo (Val do Mao-O Incio, 1948) será nomeada Chairega de Honra no concello de Guitiriz. O acto, que se desenvolverá no IES "Poeta Díaz Castro" de Guitiriz, onde Marica desenvolve a súa actividade como docente, se completará cunha mesa redonda onde se analizará a obra da autora. Esta mesa dará comezo ás 12.00 h. e participarán X. M. Carballo, Pilar García Negro, Manuel López Foxo e Bernardo Penabade.

Ás 14.00 h. os asistentes compartirán un xantar no hostal "A Casilla" de Guitiriz. O prezo é de 15 € e para seapuntar os interesados ten que chamar aos seguintes teléfonos: 646 413 890 e no 982 372 040.

Representación da obra O Premexentes non pode cos paxaros rebezos de Marica Campo, polo Grupo de Teatro "Prosopon" do IES "Poeta Díaz Castro" de Guitiriz, ás 17.00 h.

Para rematar este día, ás 18.00 h. haber&