MESES ANTERIORES

 

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

O protocolo de colaboración foi asinado por Ramón Villares e Cesareo Sánchez Iglesias

Asinado convenio entre a Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega'

 

(28-Maio-2007)

 

Cesareo Sánchez IglesiasO Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron o venres un protocolo de colaboración institucional no que se comprometen a fomentar a creación de literatura na lingua do país e a difundir o seu coñecemento dentro e fóra das fronteiras autonómicas.

Entre outras cousas, o CCG e a AELG colaborarán na organización dunha serie de xornadas de debate sobre os textos de creación literaria, crítica e científica en galego, no deseño de obradoiros literarios destinados á sociedade galega, así como en actividades para vencellar as letras galegas e outras literaturas do mundo. Ao mesmo tempo, as entidades colaborarán na consolidación das súas respectivas webs, co establecemento de relacións de comunicación e de servizos destinados ó público.

A primeira actividade prevista serán unhas xornadas sobre crítica literaria, organizadas pola sección de Crítica da AELG e que coordinará Dolores Vilavedra.

O protocolo foi asinado por Ramón Villares, presidente do CCG, e Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, quen salientaron a importancia do convenio.

[Máis información na web do CCG]

[Máis información na web da AELG]

Arriba

 

 

 

Unha importante exposición ó redor do libro galego e unha conferencia de Darío Villanueva conmemorarán o logro

O Proxecto Galicia de Hércules de Edicións alcanza os cincuenta volúmenes'

 

(26-Maio-2007)

 

Hércules de EdiciónsPor vez primeira en Galicia unha mesma obra logra alcanzar o seu tomo número 50, algo que Hércules de Ediciones ten conseguido co Proxecto Galicia, unha aposta editorial que busca recoller nunha soa obra todo o coñecemento sobre Galicia. Ó longo das súas páxinas constrúese a identidade do pobo galego. Así, estudos sobre Historia, Arte, Xeografía, Cartografía, Antropoloxía, Literatura, Botánica, Zooloxía, Ecoloxía, Dereito e en breve Heráldica contan co aval de ser o froito e a colaboración dos mellores expertos.

Hércules ten decidido conmemorar este feito; para iso, coincidiendo coa data da presentación do tomo 50 (correspondente a serie Dereito), inaugurará unha exposición sobre O Libro Galego que fara un percorrido retrospectivo con importantes aportacións bibliográficas, incluidas as do exilio. Incluirá primeiras edicións das obras máis importantes da literatura galega, ademais de raros impresos.

Completará os actos unha conferencia na que o catedrático de Teoría da Literatura e ex rector da USC, Darío Villanueva, falará sobre o presente e o futuro do libro en Galicia.

Previamente a estes actos, o Padroado da Fundación e o Consello Editorial do Proxecto Galicia terán unha xuntanza para programar o calendario de actividades da Fundación, que comezarán no mes de setembro.

Arriba

 

 

 

Os responsables da elaboración do estudo sinala que o sistema de préstamo dos libros está resultando desastroso para o sector editorial galego

Presentado o informe 'Viabilidade do sector editorial en lingua galega'

 

(25-Maio-2007)

 

Asociación Galega de EditoresO informe advirte dun perigo real de desaparición das editoriais máis pequenas do sector, aínda independentes, e que non foron compradas polos grandes grupos editoriais. Estas son con diferenza, as que menos editan no noso país e as que menos posibilidades teñen de adaptarse a un mercado cada vez máis pequeno e agresivo.

O sistema de pseudogratuidade dos libros de texto, instaurado polo Goberno de Galicia desde o ano 2003, conduce o sector editorial en lingua galega a unha das situacións máis delicadas da súa curta historia, segundo as conclusións do informe presentado hoxe en Santiago pola Asociación Galega de Editores (AGE) e a Asociación Nacional de Editores de Libro e Material de Enseñanza (ANELE). Libreiros, editores e distribuidores non se opoñen de ningún modo á gratuidade dos manuais de texto, pero avogan por un modelo moderno e eficaz desde o punto de vista pedagóxico, economicamente viable e socialmente xusto, é dicir, defenden un modelo de gratuidade de axudas directas á familia que substitúa o sistema de préstamo.

O informe, elaborado pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC PSICOM), sinala que o sistema de préstamo está resultando desastroso para o sector editorial galego. o galego é a lingua oficial española  na que menos material educativo se edita, O sector editorial en galego rexistrou unha fortísima e progresiva caída nas vendas de libros de texto desde que se instaurou o sistema d préstamo no 2003. Nese primeiro ano de aplicación, as vendas do sector reducíronse nun 18 %, chegando no último bienio do ciclo a valores inferiores ao 10%.

 [Ver informe completo]

Arriba

 

 

 

77 obras compiten por acadar o primeiro premio nunha das tres modalidades

Os premios Xerais fallaranse o sábado 9 de xuño na Illa de San Simón

 

(25-Maio-2007)

 

Premios Xerais na Illa de San SimónVintecatro obras compiten polo Premio Xerais de Novela, vintecinco polo Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil e vinteoito polo Premio Merlín de Literatura Infantil.
O luns 4 de xuño anunciaranse as obras finalistas.Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o 1 de xuño.Os premios serán fallados o sábado 9 de xuño na illa de San Simón.
O xurado da 24ª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorren vintecatro obras, está formado por: Xosé Lois Vilar (empresario e arqueólogo), Lara Rozados (xornalista de “Vieiros”), Xurxo Patiño (libreiro, libraría Librouro, Vigo), Abe Rábade (Músico), Belén López (Xornalista de “Diario de Pontevedra”) e Francisco Alonso Villaverde (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da 2ª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, dotado con 7.500 euros e no que concorren vintecinco obras, está formado por: Verónica Rego (responsable de publicacións da Fundación Caixagalicia), Óscar Sánchez López (crítico de cine), Erea Fabeiro Rey (estudante de 1º de bacharelato do IES Auga da Laxe de Gondomar), Elena Caride Miana (estudante de 2º de Bacharelato, IES Sánchez Cantón de Pontevedra), José Carrero González (estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da 22 ª edición do Premio Merlín de literatura infantil, dotado con 7.500 euros e no que concorren vinteoito obras, está formado por: Ana Amado Reino (profesora de lingua galega no colexio Galaxia de Ribeira), Patricia Buján Otero (tradutora e profesora da Universidade de Vigo), Paula Fernández González (crítica de literatura infantil no “Faro da Cultura”), Andrés Meixide Gayoso (ilustrador), Mercedes Núñez Fernández (profesora do Colexio Andersen de Vigo) e Helena Pérez Fernández (editora), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

 

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

O libro supón unha homenaxe ó fundador da editorial, Enrique Alvarellos Iglesias

Trinta anos de edición en Galicia

 

(24-Maio-2007)

 

Alvarellos: 30 anos de edición en GaliciaCúmprense agora trinta anos desde que Enrique Alvarellos Iglesias fundou en Lugo un novo proxecto cultural, Alvarellos Editora. Trinta anos despois, e dous desde o pasamento do fundador, é seu fillo Henrique Alvarellos Casas quen toma as riendas da editorial.

Coincidindo coa efeméride, Alvarellos Editora saca ó mercado Alvarellos: 30 anos de edición en Galicia, unha homenaxe ó fundador, Enrique Alvarellos Iglesias, onde trinta e tres autores reflexionan sobre o libro galego e a edición en Galicia desde a Transición ata hoxe. A obra, cun limiar de Henrique Alvarellos, contén unha galería gráfica con fotos, documentos e recortes de prensa desde 1977 a 2007.

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

23 microrrelatos presentáronse no concurso

Fallado o Iº Concurso de microrrelatos Lemosgalego

 

(21-Maio-2007)

 

Iº Concurso de microrrelatos Lemosgalego"Chego tarde á cita, seino, pero non podía deixar sen atar a mamá. Espero que o can non roia as cordas e a ceibe. Non sobreviviría." de Peke, impúsose a outros 22 microrrelatos no Iº Concurso de microrrelatos Lemosgalego. Un orixinal concurso onde os participantes deben mandar unha historia de menos de 140 caracteres.

Lemosgalego, unha iniciativa levada a cabo por varios bloggers, é unha rede de lectores e lectoras de libros en galego e conta xa con máis de vinte membros en menos dun mes.

 [Ir Lemosgalego]

 [Ir Iº Concurso de microrrelatos Lemosgalego]

Arriba

 

 

 

A Axencia Galega das Industrias Culturais substituirá e ampliará o Igaem

A Consellería de Cultura creará unha Axencia para fortalecer as empresas culturais galegas

 

(16-Maio-2007)

 

Presentación IGADICA conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou onte o borrador de anteproxecto de lei de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), que se tramitará como unha reforma da Lei de Creación do IGAEM e que se prevé que estea aprobada polo Parlamento este ano. Para cando estea en funcionamento, a Axencia ampliará as competencias deste máis aló da música e das artes escénicas para crear un verdadeiro organismo de apoio ao conxunto das industrias culturais, xa que se considera que o actual IGAEM non se adapta ao contexto cultural actual.

O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para ter empresas con ingresos suficientes e estables, fomentando a creación e comercialización de bens e servizos culturais de calidade e favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores. A Axencia tamén pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, á vez, aumentar a exportación. Para que a creatividade e a identidade galegas estean presentes no mercado cultural global, Galicia precisa de empresas fortes, capaces de crear e de exportar a nosa cultura.

Para acadar estes obxectivos, a Axencia Galega das Industrias Culturais apoiará a creación e consolidación de empresas do sector cultural e o establecemento de colaboracións entre elas; así como a distribución e comercialización dos produtos dentro e fóra do noso país. Para isto poderá establecer marcas de referencia e campañas publicitarias para reforzar a posición dos produtos culturais galegos.

A Axencia poderá participar en consorcios, conceder subvencións e facilitar liñas de créditos en condicións vantaxosas. Neste sentido, poderá concedelos ela mesmo ou actuando como intermediaria entre as empresas e as entidades financeiras privadas, en especial para poder afrontar grandes proxectos desde a iniciativa privada.

Segundo consta no borrador, os destinatarios da Axencia serán as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, así como de espectáculos en vivo.


 [Descargar o borrador]

Arriba

 

 

 

O exito desta edición garante a celebración o vindeiro ano

Culturgal pechou onte con 10000 visitantes

 

(14-Maio-2007)

 

CulturgalUnhas 10000 persoas visitaron desde o xoves ata onte os preto dos 60 stands e as actividades paralelas que se deron cita no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Libros, proxeccións de films, discos, actuacións en directo e novas tecnoloxías foron os pratos que se cociñaron esta fin de semana. Un éxito que, en palabras do director do Culturgal, Roberto Pérez Pardo, garanten a celebración de vindeiras edicións, posibelmente cun cambio de datas e onde se intentará involucrar no proxecto a máis entidades e empresas do mundo da cultura

 

Arriba

 

 

 

Agora comezan os trámites para levalo ó Parlamento

A mesa polo libro aproba o Plan de Lectura presentado pola Consellería de Cultura

 

(12-Maio-2007)

 

Mesa do LibroA conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, reuniu no CGAC á Mesa do Libro, composta por unha vintena de representantes do sector, para impulsar a aprobación no Parlamento do Plan de Lectura, que achegará 50 millóns de euros ata o 2011.

Así mesmo, o encontro tamén serviu para sentar as bases do proxecto de decreto do Consello Asesor, un órgano consultivo que estudará os índices de lectura e de produción editorial.
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, tamén participou no acto ao que asistiron a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, xunto a unha vintena de representantes desta industria cultural. A xuntanza serviu para acelerar os trámites que levarán ao Plan da Lectura a ser aprobado polo Parlamento e para concretar as medidas que se van levar a cabo.

Desde a Consellaría de Cultura promoverase a creación dunha Oficina da Lectura como unidade permanente de coordinación, control e apoio do Plan de Lectura. Ademais dende a administración apoiarase un programa de traduccións do corpus universal e científico e crearase un portal de lectura que recolla textos dixitalizados.

 [Máis información]

Arriba

 

 

 

Concurso, sorteos, recitais, actividades musicais e presentacións de libros conforman o programa

Esta fin de semana arranca a XXV Feira do Libro de Lugo

 

(11-Maio-2007)

 

Presentación da XXV Feira do Libro de LugoA praza maior da cidade amuraiada acolle esta fin de semana a XXV edición da Feira do Libro, que festexa o cuarto de século de historia ininterrumpida cun programa completo e moi variado.

Un total de dez stands, tres deles de Lugo e o resto das outras provincias galegas, conforman a oferta cultural desta edición. “O número de comerciantes é inferior ao de outros anos por coincide coa feira de Pontevedra, que cambiou a súa data no último momento”, explicou Antonio Fernández Mayra, organizador da Feira.
O programa elaborado para esta edición conta cunha serie de actividades dirixidas ao público de todas as idades, pero especialmente aos máis pequenos, con sesión de contacontos, obradoiros e tamén talleres.
O Alcalde lembrou a importancia que teñen actividades como estas para seguir impulsando a lectura tradicional. “Aínda que nos atopemos nos tempos das novas tecnoloxías, o tacto, o olor e a sesación de ter un libro nas mans non poderá ser reemplazado por nada”, dixo.
Pola súa banda, Fernández Mayra indicou que a praza Maior é un marco magnífico para esta feira, o que fai que ano a no énchase de xente, tanto de visitantes como de libreiros e especialistas

 [Ver programa completo]

Arriba

 

 

 

Premio convocado anualmente polo diario El Progreso e a Fundación Caixa Galicia

Carlos Fernández e Anxo Rey obteñen o XXI premio de investigación Ánxel Fole con "Urda e Mundo. Un ensaio sobre Rof Carballo"

 

(09-Maio-2007)

 

Juan Rof CarballoO xurado da XXI edición do premio Ánxel Fole declarou gañador onte, na sé da Fundación Caixa Galicia de Lugo, gañador á obra Urda e Mundo. Un ensaio sobre Rof Carballo, do filósofo Carlos Fernández Fernández e o escritor Anxo Rey Ballesteros. O premio, dotado cunha cuantía de 9000 € e que versa cada ano sobre a figura dun notable lugués, xirou este ano en torno á figura de Juan Rof Carballo, médico e escritor, fillo doutro lugués ilustre, Juan Rof Codina.

O director xeral do diario El Progreso e voceiro do xurado, José de Cora, adiantó que o galardón do ano que ven vai estar dedicado á figura de Purificación de Cora y Mas-Villafuerte, fundador do diario El Progreso, que no 2008 cumpre o seu primeiro centenario.

 

Arriba

 

 

 

Novo recoñecemento a Manuel Rivas por Os libros arden mal

A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou o sábado a Cea das Letras

 

(07-Maio-2007)

 

Asociación de Escritores en Lingua GalegaO sábado pola noite celebrouse en Santiago de Compostela a tradicional Cea das Letras, que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega e que reuniu a un cento de persoas, entre elas a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

No acto, levado por Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas, entregáronse os galardóns anuais deste colectivo. Os premiados foron:

- Premio Mellor obra infantil e xuvenil (convocado pola AELG e Gálix) para Marica Campo, con Abracadabra.

- Premio á traxectoria xornalística (convocado pola AELG e o Colexio de Xornalistas) para Antón Lopo.

- Premio de poesía para Xavier Rodríguez Baixeiras por O pan da tarde.

- Premio de ensaio para Manuel Forcadela pola obra Diálogos na néboa: Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro.

- Premio de narrativa para Manuel Rivas por Os libros arden mal.

- Premio mellor tradución para Eva María Almazán por Brooklyn Follies, de Paul Auster.

- Premio autor teatral para Gustavo Pernas Cora, por Medidas preventivas.

- Premio ás institucións para a radio galega polo programa Diario Cultural.

- Premio de escritor galego para Pepetela.

 

Arriba

 

 

 

Polas catro témporas. Colaboracións en La Voz de Galicia e o Correo Galego (1992-1999)

O Consello da Cultura Galega homenaxea cun libro a Antonio Fraguas e a Compostela

 

(04-Maio-2007)

 

Antonio Fraguas FraguasOnte presentouse no Consello da Cultura Galega o libro Antonio Fraguas. Polas catro témporas. Colaboracións en La Voz de Galicia e o Correo Galego (1992-1999). Unha obra na que se homenaxea a un intelectual, profesor, investigador, historiador e galeguista egrexio e tamén a Compostela. Así o explicou Ramón Villares, Presidente do CCG, e así o ratificaron Xosé López, vicepresidente e coeditor do libro, e Ignacio Carballo, delegado de La Voz de Galicia en Santiago, e Caetano Díaz, director de Galicia Hoxe, cabeceira que recolleu a testemuña e continúa o camiño aberto por O Correo Galego.

Ramón Villares referiuse a Antonio Fraguas (1905-1999) como “pozo de sabiduría popular e culta, recollida nos libros e na tradición oral e ofrecida xenerosamente aos seus paisanos por un home formado e socializado no Seminario de Estudos Galegos”. De todo eso hai mostras no libro presentado no salón de actos do CCG e tamén, particularmente, “do seu grande coñecemento de Compostela, unha cidade que non conta con grandes coñecedores”, segundo Ramón Villares.

Os 35 textos procedentes de O Correo Galego, e publicados entre 1994 e 1999 na contraportada do suplemento “Lecer”, son, pola contra, moi heteroxéneos e permiten un percorrido polos amplos e fondos coñecementos que o autor tiña das distintas e ricaces expresións da cultura popular.
Todo eso e máis figura nas trescentas páxinas desta edición impulsada polas seccións de Comunicación e Antropoloxía Cultural do CCG.

Arriba

 

 

 

E/Oco habitado, de Xosé Antonio Neira Cruz

Entrega do premio Fiz Vergara Vilariño de Poesía

 

(03-Maio-2007)

 

VII Premio FIz Vergara VilariñoMañá venres terá lugar no hotel NH Alfonso IX de Sarria a entrega do VII Premio Fiz Vergara Vilariño de Poesía, que organizan o Concello de Sarria e a asociación cultural Ergueitos. O xurado, conformado polos escritores Emma Pedreira, Isidro Novo, Miguel Anxo Fernán Vello, máis o alcalde de Sarria, José Antonio García, en calidade de presidente e a presidenta de Ergueitos, María Casar, como secretaria decidiron, por unanimidade, outorgarlle o premio da esdición deste ano a Xosé Antonio Neira Cruz pola obra E/Oco habitado. O premio está dotado con 3000 €, a publicación da obra en Espiral Maior e unha escultura inédita da artista da Fonsagrada Mónica Alonso.

O acto, onde está confirmada a presenza de diferentes autoridades, estará amenizado con música e danza

Arriba

 

 

 

III Festival Internacional de BD de Beja

Debuxantes galegos en Portugal

 

(02-Maio-2007)

 

III Festival Internacional de BD de BejaEntre os días 5 e 20 de maio vaise celebrar en Beja (Portugal) o III Festival Internacional de Banda Deseñada. No evento mostraranse unha exposición individual de Miguelanxo Prado, e outra colectiva cos traballos dalgúns dos debuxantes máis importantes na banda deseñada galega como David Rubín, Diego Blanco, Emma Ríos, Kike Benlloch, Kiko da Silva, Miguel Robledo e Víctor Rivas

 

Arriba

 

 

 

Benquerida catástrofe

Presentación da nova novela de Teresa Moure no Culturgal

 

(02-Maio-2007)

 

Teresa MoureDespois do éxito acadado con Herba Moura, a escritora Teresa Moure, unha das escritoras galegas máis galardoadas dos últimos anos, porá á venda a súa última novela, Benquerida Catástrofe, no espazo Culturgal, que se celebrará do 10 ó 13 de maio no Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra. Esta nova novela propón unha indagación sobre esoutro sexo que levamos dentro. Unha ficción que cuestiona a identidade como algo inherente aos corpos.
 

 

Arriba

 

 

 

» O Asinado convenio entre a Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Consello da Cultura Galegas

» O Proxecto Galicia de Hércules de Edicións alcanza os cincuenta  volúmenes

» Presentado o informe 'Viabilidade do sector editorial en lingua galega'

» Os premios Xerais fallaranse o sábado 9 de xuño na Illa de San Simón

» Trinta anos de edición en Galicia

» Fallado o Iº Concurso de microrrelatos Lemosgalego

» A Consellería de Cultura creará unha Axencia para fortalecer as  empresas  culturais galegas

» Culturgal pechou onte con 10000 visitantes

» A Mesa polo Libro aproba o Plan de Lectura presentado pola Consellería de   Cultura

» Esta fin de semana arranca a XXV Feira do Libro de Lugo

» Carlos Fernández e Anxo Rey obteñen o XXI premio de investigación Ánxel  Fole con "Urda e Mundo. Un ensaio sobre Rof Carballo"

» A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou o sábado a Cea das  Letras

» O Consello da Cultura Galega homenaxea cun libro a Antonio Fraguas e a  Compostela

» Entrega do premio Fiz Vergara Vilariño de Poesía

» Debuxantes galegos en Portugal

» Presentación da nova novela de Teresa Moure

             

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

          

                       

 

Novas Maio 2007