|
Biblos
publicará Santa Matriusca coincidindo coas
Letras Galegas
Aberto
o espazo web da segunda novela de Iria López
Teijeiro, Santa Matriusca.
(26-Decembro-2007)
Despois de gañar o
I Premio Biblos-Pazos de Galicia con Meniña
de cristal, e as súas traduccións
ao castelán e portugués, Iria López
Teijeiro prepara a publicación da que será
a súa segunda novela Santa Matriusca,
que Biblos lanzará coincidiendo coas Letras
Galegas 2008.
Como adianto á publicación
de Santa Matriusca está disponíbel
o espazo web da novela. Un completo blog con información
do libro, da autora, un adianto do primeiro capítulo
e o trailer da novela.
[Máis
información]

|
|
A
campaña iniciarase antes da conmemoración
do 23 de abril de 2008, Día Internacional
do Libro
Cultura
lanzará unha nova campaña de promoción
do libro e da lectura cun investimento de 1.300.000
euros
(21-Decembro-2007)
A Consellería de Cultura e Deporte lanzará nos próximos meses unha nova campaña
de promoción do libro e a lectura. Esta proposta ten por obxectivo integrar a
lectura entre os hábitos da poboación galega, favorecer o mercado do libro e
promover a utilización das bibliotecas públicas e contará
cun investimento de 1.300.000 euros.
Trátase dunha campaña dinámica baseada en accións participativas, que buscará
a máxima efectividade e desenvolverase tendo en conta os cambios de hábitos nos
lectores que se producen ao longo do ano. Estas medidas irán encamiñadas a
promover os hábitos lectores, a consolidar o libro galego e potenciar o acceso
ás bibliotecas.
Esta
iniciativa da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural encádrase dentro
do Plan da Lectura, que presentou Ánxela Bugallo no Parlamento en outubro. O
plan ordena por primeira vez de forma integral todos os esforzos que se realizan
para incrementar o hábito da lectura e fortalecer todos os actores do sector,
desde libreiros a bibliotecas ou editores, para o que se prevé un investimento
total de 50 millóns de euros até o ano 2011.
O Plan da Lectura é unha
obriga que se deriva da Lei do Libro e da Lectura, que entrou en vigor a finais
de xaneiro, para ordenar este sector de grande importancia cultural e económica.
Para elaborar o Plan, a Consellaría de Cultura mantivo un diálogo continuo con
todas as partes implicadas. Un dos aspectos máis importantes que engloba o Plan
é mellorar a imaxe social do libro e da lectura, liña na que se enmarca a nova
campaña de comunicación.
[Máis
información]

|
|
O
ensaio aborda o tema da paisaxe e a súa estreita
relación coa cuestión identitaria
María
López Sánchez gaña o Premio
de ensaio Ramón Piñeiro coa obra Paisaxe
e Nación: A creación discursiva do
territorio
(20-Decembro-2007)
A obra Paisaxe e Nación:
A creación discursiva do territorio, da que é autora María López
Sández, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro
de Ensaio 2007, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política
Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Unión
Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 20 de decembro, ás 11 horas no
Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de
Compostela.
María López
Sánchez, doutora en Teoría da Literatura e Literatura
Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela, fai unha proposta de
análise que parte do imaxinario social do nacionalismo para se achegar á paisaxe
como espazo, como ideoloxía e como fundamento da identidade nacional. A paisaxe
na pintura, a dimensión espacial e xeográfica dos fenómenos literarios e a
xerarquización do territorio analizada a través dos mapas leva á autora a
realizar un exhaustivo balance das diferentes concepcións da idea de paisaxe
para concluír na noción do espazo como
creación.
O xurado, que
concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado,
Alexandre García-Caballero, Manuel González González, Dolores Vilavedra
Fernández e Carlos Lema, e salientou a calidade dos oito orixinais presentados,
así como a variedade de temas abordados neles. A obra gañadora
será publicada pola Editorial Galaxia o vindeiro
ano.

|
|
Moncho
Iglesias escribe desde Belén un poemario
onde poemas e fotografías se explican mútuamente
Daniel
Salgado traduce por vez primeira ó galego
a Allen Ginsberg, bardo da xeración Beat
(19-Decembro-2007)
A
editorial compostelá Edicións Positivas
anuncia as súas novidades editoriais para
esta parte final do ano.
Ouveo
e outros poemas é a primeira obra de
Allen Ginsberg traducida (por Daniel Salgado) ó
galego, ademáis de ser a
obra máis importante do poeta da xeración
Beat. Compañeiro
de Kerouac, de Burroughs e Gregory Corso, Ouveo
foi considerada peligrosa polo FBI por se considerar
unha grande ameaza para a seguridade nacional.
Oda
ás nais perennes con fillos caducos entre
os brazos é o primeiro libro de poemas
en galego
de Moncho Iglesias. Escrito en Belén, cidade
onde reside, é quen de escribir con humor no medio de tanta
violencia, con alegría entre a morte constante, con optimismo alá onde non se ve
o futuro, con amor á xente no medio de tanto desprezo.
No
último número da revista ANIMAL a Plataforma SOS COUREL elabora un programa para sobrevivir, con
imaxes de Xan G. Muras, unha por cada mes, a modo de calendario.

|
|
Estarán
presentes os poemas de Miguel González Garcés,
Manuel María ou Luísa Villalta entre
outros
Espectáculo
poético-musical do grupo Ouriol na Biblioteca
"Miguel González Garcés"
da Coruña
(17-Decembro-2007)
O
grupo Ouriol levará á Biblioteca Pública da Coruña “O
Sexto Sentido”,un espectáculo que conxuga poesía e música nun diálogo suxestivo que procura a comunicación de
sensacións, emocións e sentimentos. O recital, que ten como fío conductor a
propia experiencia poética, traslada ao noso idioma versos de autores estranxeiros,
tales como Blake, Michaux, Kavafis, Wallace Stevens, Sylvia Plath, Pizarnik, Cirlot,
Gamoneda ou Celan; asemade, estará presente a poesía de poetas galegos como
Miguel González Garcés, Manuel María ou Luísa Villalta.
O grupo Ouriol está formado
polos músicos Fito Ares -instrumentos de vento- e Bernardo Martínez –percusión
e clarinete-; a voz recitadora é a da poeta Eva Veiga.
O espectáculo , que se inclúe no programa de actividades de animación á
lectura que vén desenvolvendo a Biblioteca “Miguel González Garcés”, terá lugar
o mércores 19 de decembro ás 20.30 h. no salón de actos e a entrada é libre e
totalmente de balde.

|
|
O
Salón de Plenos do Pazo de San Marcos acollerá
a entrega do premio ante máis de 100 persoas
O
académico da Lingua Galega Francisco Javier
Río Barja premiado co Otero Pedrayo 2007
(16-Decembro-2007)
O
humanista e xeógrafo lugués Francisco
Javier Río Barja recibirá o premio
literario "Otero Pedrayo" 2007 que este
ano convoca a Deputación de Lugo. Con este premio preténdese resaltar a figura e obra deste literato
contribuíndo ó mesmo tempo á exaltación da cultura galega promocionando
os seus valores e ós escritores que traballan pola defensa da nosa
cultura.
O xurado destacou o traballo deste académico da Lingua Galega e da
Academia das Ciencias como continuador do gran Otero Pedrayo. A entrega
do premio realizarase o día 20 de decembro ás 20:00 horas no Salón de
Plenos do Pazo de San Marcos. Ó acto están conviados máis de 100
persoas entre as que se atopan o Presidente da Xunta de Galicia, Emilio
Pérez Touriño, a Presidenta do Parlamento de Galicia, María Dolores
Villariño, a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o Conselleiro de
Traballo, Ricardo Varela, membros da Corporación Provincial, o Alcalde
de Lugo, José López Orozco, ademais doutras personalidades políticas,
das artes, das letras e das ciencias de Galicia.
Discípulo e compañeiro de Otero Pedrayo, Francisco Javier Río Barja é
continuador da teoría xeográfica humanista do escritor ourensán. Naceu
en Lugo en 1919 e vive en Santiago de Compostela. É catedrático de
Xeografía pola Universidade de Compostela. Ten estudos de Dereito,
Filosofía e Letras e Xeografía e Historia. Membro da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega, da
Academia de Ciencias de Galicia e do Instituto Galaico-Miñoto, foi
director do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” durante os
anos 1978 e 1994.
Entre os numerosos premios e distincións que ostenta destacan os
Premios Galicia de Investigación, das Artes e das Letras e Castelao da
Xunta de Galicia; Trasalba da Fundación Otero Pedrayo; Ramón Mourente
de Periodismo, Premio do Ministerio de Información e Turismo; Premio
Valle Inclán e Alfredo Brañas do Centro Galego de Bos Aires. Francisco
Javier Río Barja tamén foi galardoado con un estudo sobre a Terra Chá
pola Deputación de Lugo.
Da súa extensa bibliografía destacan tamén documentais sobre rexións
naturais galegas realizados en colaboración con Consello da Cultura
Galega e emitidos pola Televisión de Galicia. Coordinador de 5 tomos
sobre “Geografía de Galicia” (Proxecto de Galicia) é tamén autor
doutras publicacións como: “Bibliografía económica de Galicia” (1960);
“Didáctica da xeografía” (1981); “Cartografía xurisdicional de Galicia
no século XVIII” (1989); “Os ríos galegos. Estudio de morfología e
réxime” (1992); “Galicia, esa descoñecida” (2001).
[Máis
información]

|
|
Made
in Galiza, O único que queda é o amor,
Xavier Senín, Guía dos mamíferos
de Galicia, o Salón do Libro de Pontevedra
e Anxos Sumai inscriben os seus nomes na
literatura galega
Os
Editores Galegos elixen ós mellores do 2007
(16-Decembro-2007)
Os
Editores Galegos elixieron o venres pola noite
no Aquarium Finisterrae da Coruña ós
mellores libros editados entre o 1 de decembro
do 2006 e o 30 de novembro do 2007 nunha velada
na que estiveron presentas as conselleiras de Educación,
Laura Sánchez Piñón, e a conselleira
de Cultura, Ánxela Bugallo, ademáis
do presidente da Deputación de Pontevedra,
Salvador Fernández.
Premiados:
-
Premio Ánxel Casal ao libro do ano:
Made in Galiza (Galaxia) de Sechu
Sende.
-
Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano:
O único que queda é o amor
(Xerais) de Agustín Fernández Paz.
-
Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2007.
A
odisea (Rodeira) de Homero. Traducida por Xavier Senín.
-
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do 2007.
Guía
dos mamíferos de Galicia (Baía) ilustrado por Calros Silvar.
-
Premio Francisco Fernández del Riego á
colaboración no labor editorial do ano. Salón do Libro Infantil e Xuvenil de
Pontevedra.
-
Premio Xosé María Álvarez
Blázquez ao autor ou autora do ano.
Anxos Sumai.
Ademáis
homenaxeouse no apartado da
Edición Histórica os editores de A Nosa Terra, La Voz de Galicia e Alvarellos
Editora.
Confirmouse
que a celebración da IV Noite da Edición
2008 celebrarase en Vigo.

|
|
III
Implícate! Noite de Música e palabra
solidaria
A
cultura e a solidaridade daranse a mán este
domingo no Teatro Principal de Santiago de Compostela
(13-Decembro-2007)
A
ONG Implicadas no Desenvolvemento organizan para
o vindeiro domingo 16 de decembro o III IMPLÍCATE! NOITE DE MÚSICA E PALABRA SOLIDARIA
cuxo obxectivo é facer un chamamento á solidariedade das galegas e galegos, unindo
nesa noite a cultura galega e a solidariedade galega. O propósito
principal deste evento é dar a coñecer o traballo desta organización de
cooperación ao desenvolvemento galega, invitar ao público a ver o
mundo con outros ollos, a reflexionar, e a cambiar o mundo, dende
Galicia, dende a conciencia crítica e a acción clara. Igualmente, os
cartos
recadados con esta iniciativa destinaranse integramente a financiar
proxectos de cooperación para o desenvolvemento de Implicadas.
Nesta
noite daranse cita un cartel de artistas galegas/os que, de
xeito altruísta, colaboran no evento a prol da sensibilización cidadá e
da cooperación, figuran Nova Galega de Danza ou María Reimóndez
no apartado de danza; Iria Piñeiro e Paula Carballeira en teatro; os
grupos Loretta Martin ou Espido en música; poetas como María Lado,
Antón Lopo, Estíbaliz Espinosa e Miguel Anxo Fernán Vello; e as
comunicadoras Isabel Blanco e Yolanda Castaño que presentarán e
conducirán o evento.
A cita é este domingo 16, a partir das 20.30
h., no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O prezo é de 10 € entrada xeral e 6
€ para estudantado. Dadas as
características do local no que se celebrará o evento, o Implícate terá
un aforo máis limitado que en anos anteriores, polo que desde a organización
recomendan
mercar as entradas con suficiente antelación, ditas entradas pódense
mercar a través do servizo de vendas de Caixa Galicia (a través da web
e do teléfono 902 434443), no propio Teatro Principal, ou no local de
Implicadas en Vigo (Camelias, 49 - escaleira).

|
|
Na
cinza sempre hai esperanza doutro lume
Carlos
Penela Martín gaña o VI Premio de
Poesía Caixanova coa obra Sombras, Rosas,
Sombras
(12-Decembro-2007)
O
xurado do VI Premio de Poesía Caixanova decidiu onte outorgarlle o
galardón a Carlos Penela Martín pola obra Sombras, rosas, sombras. O
certame, dotado con 12.000 euros, é un dos de maior dotación do
panorama literario galego e un dos mellores que se realizan nas
diferentes linguas do Estado. Na edición deste ano presentáronse
un total de 78 traballos.
O xurado,
que estivo composto por Luís González Tosar, escritor e presidente do
PEN Clube de Galicia; Marilar Aleixandre, gañadora do V Premio de
Poesía Caixanova con Mudanzas; Dolores Sánchez Palomino, profesora da Universidade
da Coruña; Bieito Arias Freixedo, profesor da Universidade de Vigo, e Xosé Manuel Salgado Rodríguez,
profesor na Universidade de Santiago, decidiu por unanimidade
entregarlle o galardón ao texto presentado por Carlos Penela, de 32
anos e residente en Viena, pola súa "solidez poética" tanto no aspecto
formal coma no desenvolvemento dunha linguaxe innovadora e o mantemento
dunha permanente tensión estética. Luís González Tosar, como portavoz
do xurado, explicou que a obra resulta sorprendente xa que nos atopamos
ante un autor novo que presenta un "libro de madurez, de remate dun
ciclo, e non de comezar unha andadura".
Sombras,
rosas, sombras é un volume estruturado en varias partes moi ben
enlazadas, que fala da procura da identidade colectiva e individual,
situando ao ser humano diante do espello para cuestionar esa
identidade. Bieito Arias Freixedo, membro do xurado, salientou a
tensión permanente entre o lume e a sombra. Ademais, indicou que a
filosofía do libro pode resumirse na frase: "na cinza sempre hai a
esperanza doutro lume".
A
obra gañadora será publicada na colección de poesía que edita Caixanova
en colaboración co PEN Clube de Galicia, baixo o título xenérico de
Arte de Trobar. Desta mesma colección presentouse tamén onte o
último volume, Astro interior, unha antoloxía poética de Miguel Anxo
Fernán Vello, que inclúe unha escolma de poemas escritos polo autor
entre 1984 e 2007.
[Máis
información]

|
|
Manuel
Ferreiro impartirá unha charla sobre o Himno
Galego no día central dos actos
100
anos do himno galego en Ponteceso
(12-Decembro-2007)
Ponteceso,
local natal do bardo Eduardo Pondal, autor da letra do himno
galego, acollerá do 18 ao 20 de decembro
a celebración dos 100 anos do Himno Galego,
que terán lugar na Casa
dos Veciños de O Couto.
Abriránse as xornadas o martes 18 de decembro coa charla Nós temos
letra. Proposta didáctica para o profesorado ó redor do himno de 18
h.
a 19.30 h. Haberá un recital poético pondaliano de 19.45 h. a 21.00
h. a
cargo de Miro Villar, Alexandre Nerium e, aínda por confirmar, Manuel
Rivas.
O mércores 19, de 18
h. a 19.30 h. Xosé Neira Vilas disertará sobre A
estrea do Himnno galego en América no ano 1907. De 19.45 h. a 21.00
h. a
Coral Polifónica da Estrada interpretará o Concerto coral do Himno
galego. Letra de Xosé María Lema Suárez e música do seu director Javier
Comesaña.
Por último, o xoves 20, día do centenario, de 18.00
h. a 19.30 h. será a
charla Unha visión do Himno galego desde o 2007 a cargo de Manuel
Ferreiro Fernández, autor de De Breogán aos Pinos. O texto
do himno galego (Laiovento), o maior estudoso da obra de Pondal, para proceder
logo co Concerto do Himno galego a cargo da Banda de Música Eduardo
Pondal de Ponteceso.
A exposición “Nazón de Breogán” da Consellería de Vicepresidencia e Benestar estará aberta durante os tres días.
As xornadas están
especialmente dirixidas para profesores o público xeral pode tomar
parte, sempre tendo en conta os límites do aforo.

|
|
Para
o vindeiro ano o canon será aboado polas
tres administracións
O
Ministerio de Cultura asumirá o canon bibliotecario
correspondente a 2007
(11-Decembro-2007)
O
ministro de Cultura, o coruñés César
Antonio Molina anunciou onte, en rolda de prensa
en Santiago de Compostela, que o seu ministerio
asumirá por completo o pago do canon bibliotecario
correspondente ó ano 2007, para deste xeito
cumprir a normativa europea, xa que o Tribunal de
Xustiza da Unión Europea condenou ó
estado español a obrigar que se abone este
canon.
Para
o vindeiro ano, o ministro informou que o Estado
asumirá un tercio dos custos, mentres que
a administración autonómica e a local
pagarán unha pequena parte cada unha delas.
Para
rematar engadiu que no caso de non pagar, a multa
procedente da Unión Europea ascendería
a 10 millóns de euros, unha cantidade superior
ó pago do canon.

|
|
Ámbolos
dous libros competirán cos mellores do mundo
en maio do 2008
Dous
libros galegos premiados nos Premios Gourmand 2007
(10-Decembro-2007)
Os libros Vacas, a súa dignificación sexual e gastronómica
(Everest Galicia), de Flavio
Morganti, chef do restaurante Galileo en Pereiro de Aguiar (Ourense) e O viño, a viña
e a bodega na sabedoría popular (Ir Indo Edicións), de Edelmiro L. Mateo García,
membro dunha coñecidísima familia
bodegueira de Verín, resultaron gañadores dos Premios
Gourmand 2007, que recoñecen ós mellores libros de viño e cociña do
mundo.
A obra Vacas, a súa dignificación sexual e gastronómica resultou
gañadora nas categorías "Mellor libro de Cociña en España", "Mellor
monográfico culinario en galego", "Mellor cuberta dun libro de cociña
en galego" e "Mellor fotografía dun libro de cociña en galego". Pola
súa banda, o libro O viño, a viña e a bodega na sabedoría popular foi
recoñecido na categoría "Mellor libro de Historia do viño en galego".
Os gañadores de cada país competirán contra os gañadores doutros países
na mesma categoría polo premio "O mellor do mundo". Os resultados
daranse a coñecer durante un evento anual que terá lugar en maio de
2008. A partir de xaneiro poderanse consultar os diferentes
clasificados de cada país na páxina web da organización dos premios, www.cookbookfair.com.
O
ano pasado, o libro 45 recetas con ortigas (Alvarellos)
de Martín Álvarez foi premiado co Premio
Gourmand Medalla de Honra ao mellor monográfico
do mundo 2006.
[Máis
información]

|
|
A
Nosa Terra, La Voz de Galicia e Alvarellos Editora
serán homenaxeados no apartado da Edición
Histórica
Xa
se coñecen os nomes dos finalistas dos III
Premios da Edición de Galicia
(09-Decembro-2007)
Onte déronse a coñecer os
finalistas da III Noite da Edición que se celebrará o 14 de decembro no Aquarium
Finisterrae da Coruña. Os premios, organizados pola Asociación Galega de
Editores pretende recoñecer aos autores e entidades que traballan a prol do
libro en Galicia.
- Premio Ánxel Casal ao
libro do ano: De provincia a nación. Historia do galeguismo político
(Xerais) de Xusto Beramendi; Made in Galiza (Galaxia) de Sechu Sende;
Para que serve a Historia de Galicia (Lóstrego) de José Carlos
Bermejo.
- Premio Xosé Neira Vilas
ao Libro infantil e xuvenil do ano: Minimaladas (Xerais) de Carlos
López; O único que queda é o amor (Xerais) de Agustín Fernández Paz;
Xela volveuse vampira (Baía) de Fina Casalderrey.
- Premio Lois Tobío ao
Libro traducido do 2007. A odisea (Rodeira) de Homero; Cuspirei
sobre as vosas tumbas (Faktoria K) de Boris Vian; O señor Ibrahim e as
flores do Corán (Faktoría K) de Éric-Emmanuel Schmitt ; Só silencio me
responde (Rinoceronte) de Anna Akhmátova.
- Premio Isaac Díaz Pardo
ao Libro ilustrado do 2007. Guía dos mamíferos de Galicia (Baía)
ilustrado por Calros Silvar; Minimaladas (Xerais) ilustrado por David
Pintor; Titiritesa (OQO Editora), ilustrado por Mauricio A. C.
Quarello.
- Premio Francisco
Fernández del Riego á colaboración no labor editorial do ano. As quimbambas
da Radio Galega, Protexta de Tempos Novos, Salón do Libro Infantil e Xuvenil de
Pontevedra e Sección de Cultura do xornal Galicia Hoxe.
- Premio Xosé María
Álvarez Blanco ao autor ou autora do ano. Agustín Fernández Paz, Anxos
Sumai, Pepe Carreiro e Suso de Toro.
Tamén honrarase ao autor/a
do ano e á colaboración no labor editorial do ano. Ademáis, nesta III Noite da
Edición serán homenaxeados no apartado da Edición Histórica os editores de A
Nosa Terra, La Voz de Galicia e Alvarellos Editora. Asemade entregaranse no
transcurso da cea os premios creados pola AGE para recoñecer a excelencia do
traballo dos compañeiros editores e dos integrantes doutros colectivos que se
distinguiron ó longo do ano 2007 polo seu labor a favor do libro ou a lectura.
Paralelamente está previsto
que a Cea da Edición de Galicia sexa precedida dunha semana adicada á edición e
ós libros seleccionados polos editores como os mellores do ano 2007. Con tal fin
as librarías Sisargas, Cruceiro, Novo Colón, Xiada, Nós, Lume, Didacta e Cidade
Escolar adicarán nos seus escaparates e instalacións da Coruña unha especial
atención ós libros finalistas dos premios a través de carteis anunciadores e
expositores preparados con esta finalidade. [Máis
información]

|
|
O
neno do pixama de raias leva varios meses nas
listas de libros máis vendidos de todo o
mundo
Faktoría
K presenta dous supervendas
(07-Decembro-2007)
Coincidindo
co estreo cinematográfico d'A brúxula
dourada, Faktoria K vén de publicar a
versión galega da novela na que está
baseada, A aurora boreal, do escritor británico
Philip Pullman, traducida por Fernando Moreiras.
Ademais, a editorial viguesa segue contribuindo
á normalización da lingua coa tradución
d'O neno do pixama a raias, o gran éxito
literario do irlandés John Boyne, con Daniel
Saavedra como tradutor.
A
aurora boreal, galardoada en 1995 coa Medalla
Carnegie á mellor obra xuvenil, é
a primeira parte da triloxía titulada ‘A
materia escura’. Esta novela fantástica ambientada
na época victoriana contén todos os
ingredientes para atraer o interese de rapaces e
adultos: estranas desaparicións, segredos,
misións arriscadas, mundos paralelos e obxectos
máxicos. Aborda temas como a rebeldía
fronte ás convencións morais da época,
a loita do ben contra o mal e o afán por
adquirir coñecemento.
O
neno do pixama de raias, traducida a máis
de dous decenas de linguas, contará en breve
coa adaptación cinematográfica. O
neno do pixama de raias trata un tema tan trascendente e doroso na nosa historia recente como o holocausto
a través da perspectiva de Bruno, un rapaz
de nove anos.

|
|
Urco
Editora estréase con O corvo, de Edgar Allan
Poe
Fantasía,
ciencia ficción e terror en galego
(06-Decembro-2007)
O
20 de decembro presentarase en sociedade Urco Editora,
unha nova editorial radicada en Santiago de Compostela
que acepta o compromiso de acercar a literatura
de fantasía, ciencia ficción e terror
ao galego.
O
primeiro título que porán á
venda será un clásico, O corvo
de Edgar Allan Poe, nunha edición bilingüe
e ilustrada. Próximamente, Lovecraft, Washington
Irving, H.G. Wells ou Robert E. Howard entre outros
irán enchendo as tres coleccións que
conformarán o catálogo de Urco: Urco
Gótica, dedicada aos grandes mestres da literatura de terror-gótico dos séculos XIX e XX;
Urco Ciencia-Ficción e Urco Fantasía.
Urco
propón unha interesante iniciativa as persoas
interesadas en subscribirse nesta nova iniciativa,
un 10% de desconto en todos os libros que publiquen
(anuncian un título ao mes) sen custos de
envío a casa.
Os
asistentes á presentación do día
20 (na Fundación Caixa Galicia de Santiago
de Compostela, ás 20.00 h.) que desexen subscribirse
recibirán como agasallo de benvida o primiero
título da editorial, O corvo.
[www.urcoeditora.com]

|
|
O
escritor Jaureguizar propuso a candidatura para
Manuel Rivas
Méndez
Ferrín, único candidato ao Nóbel
(05-Decembro-2007)
Luis
González Tosar, presidente do PEN Clube de
Galicia anunciou onte, durante a homenaxe en Ourense
a Eduardo Blanco-Amor, que o PEN Clube propondrá
á Academia Sueca a selección de Xosé
Luís Méndez Ferrín como candidato
ao Nóbel das letras. Luis González
Tosar indicou que é o PEN Clube de Galicia,
ao igual que os outros 138 centros do PEN Clube
internacional, o único que elixe ó
representante das letras galegas na candidatura
aos Nóbel. O escritor e xornalista Santiago
Jaureguizar propuso desde o seu blog Cabaret
Voltaire
a oportunidade para Manuel Rivas.
O
autor de Crónica de Nós leva
optando ó galardón desde o ano 1998.
No caso de conseguilo, sería o primeiro escritor
en lingua minoritaria desde que en 1904 (na carta
edición dos Nóbel de Literatura),
o escritor occitano Frederic Mistral acadou o galardón
exaequo con José de Echegaray.

|
|
Doce
meses despois, que sabemos?
Ano
María Mariño: Un balance
(04-Decembro-2007)
Para que serviu o ano de María Mariño? Remocicaron as Letras nas
sombras do Courel e da autoría? Que fica tras os pasos á procura do
mundo dos furados? É Noia distinta? Crebar a lingua, tensar o idioma,
abríronse os portóns? Que vento escoitamos agora na fosa de altura?
Cóase Palabra no tempo e Verba que comenza polas fendas do canon?
Independizouse María Mariño dos adxectivos? Lémola? Lerémola outra?
Doce meses despois, que sabemos?, que queremos saber?.
O
Consello da Cultura Galega, a través da Comisión
de Igualdade organiza un encontro de debate o día
12 de decembro sobre a autora homenaxeada este ano
polas Letras Galegas. A xornada comezará
cunha mesa redonda moderada por Rosario Álvarez
onde intervirán Helena González, Esperanza
Mariño, Carmen Blanco e Pilar García
Negro. A continuación, Yolanda Castaño,
Lupe Gómez, María Lado e María
do Cebreiro participan nun recital titulado María
Mariño na voz das poetas dos noventa.
Estas
actividades desenvolveranse no Consello da Cultura
Galega ás 16.30 h.
[Máis
información]

|
|
Galaxia
presentará dous novos libros co seu traballo
xornalístico
Un
Simposio analizará a figura de Carlos Casares
(03-Decembro-2007)
A
Fundación Carlos Casares, a Cátedra Carlos Casares da Universidade de
Vigo e o Liceo de Ourense, organizan para os días
13, 14 e 15 de decembro o Simposio Internacional Carlos Casares.
No
Simposio trataranse as diversas facetas do escritor
ourensán. Así, os seus libros serán
analizados por especialistas, afondarase na súa
relación coa literatura infantil e xuvenil
e coa xeración Nós.
Estas
conferencias se desenvolverán no Liceo de
Ourense e nas dependencias da Universidade de Vigo
en Ourense. Está confirmada a participación
de Xosé A. Neira Cruz, Víctor F. Freixanes,
Dolores Vilavedra ou Luis González Tosar,
entre outros especialistas na vida e na obra de
Casares. Ase mesmo, Marcos Valcárcel guiará
aos asistentes nun roteiro literario polo Ourense
de Casares.
O
xoves 13, Galaxia presentará dous novos libros
coa obra xornalística de quen foi director
da mítica editoria.
Durante
o Simposio estará instaladas nas dependencias
do Liceo de Ourense unha exposición sobre
a vida e a obra de Carlos Casares.
[Descargar
programa]
[Máis
información]

|
|
O
escritor e crítico cinematográfico
Miguel Anxo Fernández é o coordinador
deste volume
Presentado
Rodado en Galicia, un libro que recolle 174
películas rodadas en Galicia
(03-Decembro-2007)
Hoxe
presentouse en Galicia 'Rodado en Galicia', un libro
histórico coordinado
por Miguel Anxo Fernández que recolle un
total de 174 rodaxes de ficción, en formato longametraxe filmadas na xeografía
galega, integra ou parcialmente, entre o ano 1916, con Miss Ledya de
José Gil, ata a actualidade, con Los Girasoles Ciegos, filme que José
Luis Cuerda vén de rodar en Galicia.O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado asegurou hoxe
que este proxecto “único
no Estado”, contribuirá a afianzar a nosa comunidade como plató de cine
ao tempo que consegue a proxección internacional do sector
cinematográfico galego.
'Rodado en Galicia' é unha iniciativa da Secretaría Xeral de
Comunicación a través do Consorcio Audiovisual de Galicia dentro das
actividades relacionadas coa Galicia Film Comission e do Foro
Audiovisual Galego. É un volume gran formato de 625 páxinas sen
precedentes no contexto cinematográfico español. Fernando Salgado
destacou na súa intervención o feito de que este libro se atopa en
permanente reciclaxe. Así, referiuse ás novidades e ampliación no
contido, con respecto á edición anterior. Trátase, incidiu, “dunha obra
nova, con continuidade, que medra por diante e por detrás”.
Pola súa banda, o coordinador do volume, Miguel Anxo Fernández, sinalou
que se trata dunha iniciativa pioneira no Estado e que vén demostrar
que “hai sensibilidade e posibilidade reais de entender o país como
plató cinematográfico”. O investigador sinalou que foi a colaboración institucional a que
fixo posible sacar adiante este traballo, no que participan, ademais da
Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta, o Consorcio Audiovisual de
Galicia, o Foro Audiovisual de Galicia, a Fundación Caixa Galicia e a
Filmoteca Nacional.
'Rodado en Galicia' inclúe de cada un dos
filmes, e en función da información dispoñible, unha sinópse, unha
ficha artística, unha ficha técnica e os lugares de rodaxe. Nas películas anteriores aos anos 40,
das que
non existen copias, o libro incorpora referencias de prensa,
declaracións dos directores, reseñas bibliográficas, etc.
O libro se acompaña dun dvd no
que se inclúe a listaxe das películas coa ficha ténica, artística, a
sinópse e os lugares de rodaxe das películas.

|
|
Marina
Mayoral dirixirá o espazo web adicado á
matriarca da literatura galega
Rosalía
de Castro dispón dun espazo web na Biblioteca
Virtual Cervantes
(01-Decembro-2007)
A
Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes adica unha nova sección á
poeta galega Rosalía de Castro. Dirixirá
o proxecto a escritora de Mondoñeda aínda
que asentada en Madrid Marina Mayoral.
Na
presentación da nova páxina, Mayoral define a incorporación de
Rosalía de Castro ao fondo da Cervantes coma "un paso máis e moi
importante para reparar a incomprensión sufrida pola escritora". A
crítica de su tiempo condenou a Rosalía a unha inxusta indiferencia por
non cumplir os canons establecidos en relación coa literatura
femenina. De feito, o seu nome non apareceu nas antoloxías de
escritoras editadas no XIX nin en Las cien mejores poesías de la lengua castellana seleccionadas por Menéndez y Pelayo.
Mayoral indica que, cos seus libros Cantares Gallegos e Follas novas,
Rosalía de Castro "devolveu ao galego a categoría de lingua literaria
que había perdido en séculos de silencio" e "converteuse na voz dun pobo que había perdido a
súa voz". Mayoral tamén afirma
que o libro de Rosalía En las orillas del Sar, é, xunto coas Rimas de Bécquer, a mejor obra do Romanticismo español.
A
sección que inaugura a Cervantes contén, entre outros
materiais, as obras completas da escritora, unha fonoteca na que
se poden escoitar algúns dos seus versos máis destacados e unha amplia
selección de estudos sobre a autora galega e o Romanticismo.
A
Biblioteca Virtual Cervantes tamén ten unha
web adicada á escritora galega Emilia Pardo
Bazán.
[Ver
espazo web sobre Rosalía de Castro]

|
|
Os
actos contarán cun reciatl poéticos
e diversas actuacións musicais
Homenaxe
a don Germán López Quiroga en Monforte
de Lemos
(01-Decembro-2007)
A
comarca da Ribeira Sacra homenaxeará o vindeiro
8 de decembro a don Germán López Quiroga,
escritor, poeta e ferroviario de Escarión
(O Saviñao). Membro da Asociación
de poetas "Poetas del Sur de Lugo" cultiva
as letras tanto en galego como en castelán
e os seus artigos veron a luz nos xornais La Voz
de Galicia, El Progreso e El Faro de Vigo.
Os
actos de homenaxe que lle ten preparado comezarán
ás 12.00 h. no Salón de Actos do Concello
de Monforte de Lemos (Pza. de España) co
recital de poesía "Poetas da Ribeira
Sacra", a continuación actuará
a Coral Polifónica do Concello de Monforte
de Lemos. Ás 14.00 h. o grupo de gaitas do
concello monfortino amenizará o xantar no
restaurante Don Manuel, onde se fará unha
entrega de agasallos coa música do grupo
de folk "O Trícole".
Nestes
actos intervirán Pepe Pol, Margarita Otero, Ana Arias Saavedra, Ana Mª Gamallo, Isabel
Santiorxo (Sober), Francisco J.R. Aldeguería, Pilar Cambón, Mar
Sabater, Rosa García Machado (A Rúa), Alfonso Campos, Marcedes Moreno,
Cristina Mejías, Alba Lara Mª Jesús, Enma Fernández (A Rúa) e Ramón
Porto.
Os
interesados en participar neste acto de homenaxe
ten ata o día 5 de decembro para retiras
as súas invitacións en Caixa Galicia
(Cardenal), La Fraternal, Centro Recreativo do Saviñao e Restaurante Don Manuel.

|
|