|
Entre
os actos está a presentación dunha
novela inédita do autor de Dos anxos e
dos mortos
Barbantia
homenaxea este novembro a Anxo Rei Ballesteros
(02-Xullo-2009)
A
Asociación Barbantia dedicará o mes
de novembro a homenaxear a Anxo Rei Ballesteros,
finado o pasado ano e membro de dita asociación
cultural.
Esta
decisión xa fora tomada no pasado mes de
febreiro no transcurso da súa asemblea anual.
Barbantia pretende deste xeito tributar un recoñecemento
de toda Galicia ao autor de Dos anxos e dos mortos,
e especialmente da Pobra do Caramiñal, onde
Rei Ballesteros fixou a súa residencia nos
seus derradeiros anos.
Agora
a Asociación Cultural Barbantia ven de presentar
o calendario de actos que ao longo de novembro homenaxeará
e enxalzará a figura e a obra do escritor
orixinario de Boqueixón.
O
venres 6 de novembro presentarase, ás 20.30
h., no Museo-Valle Inclán, da edición
artesá do libro titulado Tres contos de Anxo Rei, un proxecto que
Barbantia elabora conxuntamente coa Colección Bourel que dirixe Antonio Piñeiro.
Ese mesmo día, ao remate da presentación do volume, unha das persoas que mellor
coñece a obra do escritor, Carlos Fernández, falaranos sobre O ensaio en Anxo
Rei Ballesteros.
Unha semana despois Dolores Vilavedra,
escritora, crítica literaria e profesora de Literatura Galega na
USC, analizará a importancia da creación novelística do
autor de Boqueixón. Despois da súa intervención terá
lugar a presentación dunha novela inédita
de Anxo Rei Ballesteros cuxa edición
corre a cargo da Editorial Galaxia. Este acto contará coa presenza de Víctor
Freixanes, director de Galaxia.
O 20 de novembro,
o actor, dramaturgo, director
teatral e tradutor galego Manuel Lourenzo falará sobre Anxo Rei Ballesteros e o
teatro. Os actos rematarán o venres 27 coa presentación do V Anuario de Estudos do Barbanza (Anuario 2009), que será
nesta ocasión un monográfico adicado ao autor homenaxeado.
Ademais, a Asociación Cultural Barbantia solicitará ao Concello da Pobra o
nome dunha rúa para Anxo Rei Ballesteros.
|