Lareira Literaria
|
|
|
|
|
"Moito tempo antes da aparición do cristianismo, pobos da Antigüidade, guiándose pola Vía Láctea, percorrían unha ruta sagrada que lles conducía aos santuarios líticos nos que se rendía culto ao misterio da morte e resurrección do Sol. Aqueles santuarios estaban na terra galega que hoxe se coñece como Costa da Morte". Esta era a presentación de Edaf de El camino secreto de Santiago (2007) de Rafael Lema que terá a súa continuación en Todo sobre Santiago. Verdades y mentiras del Camino Jacobeo, que o escritor camariñán publicará o vindeiro ano. Para que os seus lectores non teñan que agardar tanto, en setembro publicará Crónicas Corsarias en Tambre, unha aventura xuvenil onde recupera a figura do Capitán Araña, corsario histórico de Camariñas de nome Ambrosio Álvarez Pardiñas quen, ao mando dunha goleta de gavia, ten a misión de deter un poderoso barco da Compañía das Indias en Fisterra que trae unha misteriosa carga para uns escuros armadores. Este libro vai ser o inicio dunha saga sobre o corsarismo galego na época napoleónica.
|
|
|
Autor dunha das bibliografías máis extensas, intensas e premiadas das nosas letras, Xosé Miranda é unha autentica personalidade e estudoso do legado da literatura de tradición oral das nosas letras como quedou reflectido en libros como o Diccionario dos seres míticos galegos (Xerais), Contos colorados. Narracións eróticas da tradición oral galega (Xerais) dos que é coautor ou dos vinte volumes dos contos da colección Cabalo Buligán (Xerais) recollidos da tradición oral. Agora prepara para outubro a continuación das aventuras de Amancio Amigo. Amancio Amigo e o demo da botella será a nova entrega da saga iniciada co Meigo de Salamanca. Nesta nova aventura Amancio ten gardado un trasno ou demiño nunha botella. Un día, por accidente, a súa irmá e unha amiga liberan o trasno. Para remedialo, deciden chocar un ovo de galo no sobrazo. Dese ovo nace outro demiño que tamén foxe. Así comeza unha serie de aventuras e sucesos estraños...
|
|
|
Unha rapaza urbanita chega a unha aldea perdida nas montañas e fai amizade cunha nativa de alí cuxa familia carga cunha escura lenda, son os malditos do lugar... A escritora luguesa Conchi Regueiro ultima unha nova novela dirixida ao público xuvenil con altas doses de terror onde os personaxes de hoxe se mesturan pola vida e as accións dun pasado afastado. Nesta nova achega, Conchi continúa un camiño iniciado coa súa novela La moderna Atenea (Grupo AJEC) co emprego dos e-mails como recurso narrativo. Tradición e modernidade conxúganse na obra de Regueiro, unha autora profundamente interesada no xénero da ciencia-ficción como queda reflectido en La estirpe de Tordón (A.C. Mundo Imaginario) ou na súa novela na internet Reclutas de guerras invisibles.
|
|
|
Xesús Manuel Valcárcel, poeta, narrador e ensaísta prepara, despois da publicación do Manifesto senti_MENTAL_ista (2006), unha nova obra que se titulará rebelde estil nuovo, na que pretende dar a coñecer as liñas estéticas do sentimental_ISMO, vangarda literaria e artística de Galicia. Un movemento que deu a coñecer no ano 1996 coa publicación da triloxía Animal sentimental, Dialéctica sentimental e Práctica sentimental. En rebelde stil nuovo –o título é unha paráfrase do coñecido verso de Dante - Valcárcel vai presentar o sentimental_ISMO como un amplo movemento que reivindica a arte por excelencia, como expresión do inxenio, da variedade e das complexidades humanas; unha arte rebelde e comprometida, a partir da autoesixencia de autores e autoras, desenvolvendo unha concepción completamente nova da función da Arte e da figura do Artista. O libro aparecerá en Editorial Bubela. Xesús Manuel Valcárcel publicou o seu primeiro libro en solitario, Tránsito (Galaxia), no ano 1984 e, no 1985, apareceu Emaín (Premio Celso Emilio Ferreiro), tamén de poesía. Nese mesmo ano publicou en prosa Contos Nocturnos (Galaxia. Premio Galicia de narrativa). No ano 1989 apareceu Rosa Clandestina (Sotelo Blanco. Premio Leliadoura) e, no 1992, A Porta de Lume (Sociedad de Cultura Valle-Inclán. Premio Esquío) e Areas do Fondo (Ediciós do Castro), ao que seguiron outros títulos de poesía, narración e ensaio. As súas últimas obras que viron a luz foron Tratado de Amor Universal e Tensión Nuclear, publicados no 2007 en Bubela.
|
|
|
|
|
A lareira é unha pedra plana, situada na cociña, onde se encende lume para iluminar a habitación ou para guisar. Tamén é o lugar onde se relataron multitude de historias. Estes dous últimos usos: o de cociñar e o lugar onde medrou a imaxinación de nenos e maiores por mor deses relatos é o que buscamos nesta sección. Preguntamos ós nosos escritores que están a 'cociñar', que historias e novos libros están preparando. Mentres... nós non temos máis opción que agardar.
|