índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

                       

                        

 

 

Viva a Vida! | Uxía Fernández

 

(30-07-2008)

 

Ramiro Fonte é un deses poetas coas dedas chantadas na terra e no tempo, no Pontedeume de infancia e no Ferrol de xuventude; sitúase nese anaco do país chamado Ferrolterra onde a deusa Gaia, en orgásmica pose, deixou a súa pegada enarborando unha bandeira natural co verde da fraga e o vasto azul do Atlántico, ofrecendo aos poetas o lenzo virxe da metáfora.

 

Co lume purificador da súa pluma, Ramiro fai un alarde de alquimia unindo beleza e lembranzas para agasallarnos co doce licor dun verso, dunha frase, dunha palabra. O regreso convertido en camaleónica emoción.

 

Unha emoción tan grande como a vivida no Concello de Ferrol durante a entrega do Premio Porto Magno polo decano dos coros galegos, o incansable Toxos e Froles. O pobo ferrolán e galego dedicoulle unha cálida homenaxe a un bardo. Unha celebración da sociedade civil e cultural que ovacionaron a presenza, a poesía, a vida de Ramiro.

 

¡Hai que ver o bonitos que son estes actos! O homenaxeado sinte a presenza, as palabras, o calor, as miradas agarimosas dos presentes. Aquí o etéreo pódese admirar, acariciar, poderíamos incluso intercambiar algunhas palabras, rir ou chorar xuntos.

 

Gústanme estas homenaxes á vida, unha illa no necrófilo océano galego. Esa Galicia que axeonllada e de brazos en cruz rende preitesía á morte e aos mortos, onde o escritor finado ten que volver a levantarse unha e outra vez do cadaleito, interrompendo o seu mar de tranquilidade, para mostrarse aos ollos daqueles que nalgunha ocasión lle esqueceron. Síntome arrepiada ao pensar en como se deben sentir Méndez Ferrín, Manuel Rivas ou Bernardino Graña ao saber ao culto no que se verán sometidos cando crucen ao Alén e sexan homenaxeados co Día das Letras Galegas ou o centenario do seu nacemento convértese en festa. Oes neno, e ti que cres que terás? Unha placa na aldea onde naciches ou unha rúa co teu nome?. E logo! Para o que vou vela tanto me ten. Poderían comentar xocosos entre eles.

 

Produce moita tristeza ver o curto paso que hai entre o esquecemento e o recoñecemento. É polo tanto que creo no inmenso valor das homenaxes onde a xente, como o pasado día, entoa un viva a vida que se escoita por todo o país. Un viva a vida á que pode sumarse o agasallado e nós, agasallados coa súa presenza.

 

Uxía Fernández

 

» Viva a Vida!

 

» Os Xerais, máis que un premio

 

» Aos meus amigos do outro lado do aramado

 

»¿Aínda non estás na  web?