Letras e Pedras III | Xan Domilla
(14-05-2007)
Xa temos aí o Día das Letras Galegas, este ano adicado á poeta noiesa María Mariño Carou.
Según se vai acercando a data aumentan as actividades e celebracións en torno a este día. Non haberá concello, colexio, biblioteca ou asociación que se precie sen o seu acto-homenaxe á figura da Dinamiteira da Fala.
As editoriais, como case sempre os máis listos (se exceptuamos ós políticos) e os que máis crédito sacan a esta data, xa nos anegaron desde principios de ano cos libros homenaxes, reedicións, obras completas, biografías, etc. etc. Libros repetitivos e de pouco ou ningún interese nos que só cambian a portada, o nome da editorial e o nome do autor do prólogo ou do estudo introductorio ou crítico. Ah! tamén ten que haber unha edición para o público infantil, por suposto.
Cambiando de tercio. Para a persoa de a pé… ¿qué significado ten para un galego de hoxe en día a efeméride das Letras Galegas?. Sen querer xeneralizar, por suposto, calquera que lea isto dirá practicamente o mesmo, día sen choio, e ademais, se é xoves como este ano e temos un pouquiño de sorte ata ó mellor temos unha ponte tan boa como a de Semana Santa. Por iso, en datas como esta, cos escaparates das axencias de viaxes cheas de anuncios para as ‘vacacións das Letras’ sempre me fago as mesmas preguntas ¿Canta xente saberá o día 18 algunha cousa sobre María Mariño?¿Canta xente haberá lido algo dela para conmemorar o seu ano?¿Cantos se acercarán a algunha actividade programada nas nosas vilas e aldeas neste día conmemorábel? E a pregunta do millón… ¿Cántos saberán o día 18 quen foi a figura homenaxeada o día anterior?. Manda carallo, ¿A alguén lle interesa o Día das Letras máis alá de que sexa un festivo?.
Tal vez sexa que o noso índice de lectura estea na cola do Estado, e este a súa vez á cola de Europa. Pode cas nosas bibliotecas estean desabastecidas e esquecidas. Se non sabemos o por qué sempre lle podemos botar a culpa a Fraga e/ou ó fraguismo. O certo é que, este día -marcado no calendario literario como a data de publicación do Cantares Gallegos de Rosalía de Castro- no que se debería exaltar a nosa lingua a través da literatura, está moi lonxe de enaltecer nin a lingua nin as letras. Moi lonxe tamén da similitude que debería de ter coa celebración do Sant Jordi en Catalunya, onde as múltiples actividades en prol das letras e da lingua catalana promovidas por entidades tanto públicas como privadas son apoiados ao máximo polos medios de comunicación.