índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

                       

                        

 

 

Letras e Pedras II | Xan Domilla

 

(26-03-2007)

 

No ano 1992, a Unión Europea aprobou unha ‘Directiva sobre dereitos de aluguer e préstamo e outros dereitos afíns ós dereitos de autor no ámbito da propiedade privada (Directiva 92/100/CEE do Consello, do 19 de novembro de 1992)’. O que puidemos identificar como un novo ataque da política neoliberal que sobrevoa esta ‘Europa dos mercaderes’ contra a privatización dos servicios públicos, neste caso, a dificultade de acceso á lectura e a colocación de trabas para a súa difusión.

España, entre outros países, é multada pola UE por non aplicar este canon ás bibliotecas de titularidade pública que ofrecen un servicio gratuíto de préstamo de documentos.

O 21 de marzo, a Comisión de Cultura do Congreso aprobou de pleno –agás o BNG e ERC-, un dictame sobre a futura Lei do Libro, que entre outras medidas, establece o pago de 0,20 euros por libro prestado. En palabras –e en teoría- do deputado socialista Mario Bedera, os ingresos deste canon van parar no 70 % ó autor e no 30 % para a editorial. O que non conta é que porcentaxe se van embolsar ás entidades xestoras destes dereitos; ninguén pode crer que vai ser o Estado quen xestione o número de préstamos por cada biblioteca e, calculadora na man, remitirá ós escritores/editores os respectivos cheques coas cantidades que lles corresponda pagar.

Ironicamente, os usuarios das bibliotecas podemos estar tranquilos, xa que non teremos que desembolsar nin un céntimo por levarnos a casa os libros de Espiral Maior, as traduccións de Rinoceronte ou algún libro de Fina Casalderrey para ler os sobriños. Os mesmos que xestionan tan eficazmente os nosos impostos, van xestionar que os préstamos que se fagan nas bibliotecas corran a conta das administracións e non afectarán ao usuario... ¿ou si?.

Según os últimos resultados das estatísticas do INE (do ano 2004), as bibliotecas públicas galegas prestaron un total de 2.613.847 documentos, que multiplicado polos 20 céntimos do canon sae un total de... pois exactamente a metade da asignación que con tanto bombo e platillo deulle o Ministerio de Cultura á Consellería de Cultura para a adquisición de fondos ás bibliotecas. É máis, uns cartos que ningún político di de onde van saír, ou de qué partida o van sacar.

Esperando caer no erro, o eslavón máis feble desta cadea é o eslavón das adquisicións, xa de seu moi maltratado polas administracións (bueno, parece ser que a central e a Autonómica estanse a enterar agora das deficiencias, xa só falta a Local, tarea ardua e desesperanzadora na maioría dos concellos da nosa Galicia).

Por iso témonos que preguntar si as bibliotecas van apostar polos novos valores e por libros de calidade aínda que non estean no Top Ten dos máis vendidos ou ímonos atopar os andeis cheos dos Pérez-Reverte, Suso de Toro, Dan Brown ou o Manuel Rivas de tuno. Non debemos esquecer que as bibliotecas, dentro de cada concello, teñen que xustificar a súa actividade, especialmente á hora de recibir ás asignacións correspondentes dentro dos orzamentos anuais.

Xan Domilla

 

»Letras e Pedras I

 

»Letras e Pedras II

 

»Letras e Pedras III