Letras e Pedras I | Xan Domilla
(19-03-2007)
Estes días os medios de comunicación estanse a facer eco dos últimos resultados do Barómetro de Hábitos de Lectura e compra de libros, que está a realizar Precisa Research para a Federación de Gremios Editores de España.
Unha das novas máis destacadas é o intercambio de posicións entre Galicia e Estremadura, que teñen a dubidosa honra de ocupar as posición finais do ranking das comunidades onde existe menos hábito lector. Aínda que a nova non é mala, tampouco supón un motivo de orgullo, xa que practicamente un de cada dous galegos recoñece que lee de forma moi esporádica ou que non lee nunca.
Sen pretender valorar as razóns e as motivacións polas que un individuo se acerca ó libro e á lectura, tódolos sectores (públicos e privados) que compoñen este circo deberían reflexionar e tomar medidas moi serias, máis ben drásticas, para reflotar ó sector da industria literaria. Persoalmente penso que o mundo do libro non está nin estará nunca ferido de morte, a pesar do que profetizan algúns editores, pero o que si é certo é que a sociedade, cada vez máis, ve o libro como un produto de “lecer”, é dicir, só como lectura “betseller”, reflectida en libros do tipo Davinci ou segundo Manuel Bragado nos “libros canapé”.
Entre as medidas que se están a adoptar, sobre todo as que concernen á parte pública, programadas polo departamento que dirixe a señora Anxela Bugallo, teremos que esperar con expectación e tamén con escepticismo como se plasma no "mundo real" a nova Lei do Libro e da Letura, unha vez aprobada a principios de ano. O mesmo ocorre coas múltiples actividades que se promoven dende a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, como por exemplo as actividades do Calendario das Letras 2007 ou a Semana do Libro e da Lectura, que durante este mes de marzo percorrerá oito concellos galegos, curiosamente da mesma cor que a do goberno ou da consellería.
Isto é o que podemos chamar goberno e cultura para todos.
Aínda así, sen querer caer en apostas gratuítas de cara ós resultados do Barómetro do ano que ven, pódese apreciar unha tendenza á alza no sector, a pesar de estar a anos luz doutras comunidades como Madrid ou Navarra.
Vexo, pois, motivos suficientes para ser optimista, eso si, dun xeito moi galego.