índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

 

Kalandraka: 10 anos, 10 libros


 

 

 

 

Para conmemorar estes dez anos de dedicación ó mundo literario para nenos e rapaces, pedimos a Kalandraka Editora que nos seleccionase dez dos seus libros máis representativos do fondo editorial. Dez libros que marcaron a súa traxectoria e evolución nestes anos.

Iniciamos a viaxe con O coelliño branco, obra que supuxo o primeiro Premio Nacional de Ilustración para Galicia. A medio camiño entre a fábula e a lenda chegamos a A que sabe a lúa? (1999). No ano 2000 traducen ao galego Onde viven os monstros de Maurice Sendak, un clásico dun dos autores máis importantes en literatura infantil do século XX. Federico Fernández volveu dar a Galicia un novo Premio Nacional de Ilustración, nesta ocasión con ¿Onde perdeu Lúa a risa? (2001). Avós (2002), de Chema Heras e Rosa Osuna, é actualmente un dos libros máis exportados do catálogo Kalandraka. ¡Nunca Máis! (2003) recrea o desastre acontecido nas nosas costas desde a ollada dos nenos que máis preto viviron esta desfeita ecolóxica. No 2004 nace, en colaboración coa asociación BATA a colección Makakiños, unha achega para os nenos con dificultades de comprensión lectora. Antonio Rubio e Óscar Villán desenvolven a colección Do berce á lúa (2005), unha serie de poegramas para cativos de 0 a 3 anos. Pucho, o habitador dos tellados (2006) trasládanos a un dos episodios máis tráxicos da nosa historia recente desde a perspectiva dun neno. Concluímos este pequeno repaso con Son un cabalo (2007), na que Gonzalo Moure e Esperanza León analizan a relación entre home e cabalo desde o punto de vista equino.

 

 

 

1998

O coelliño branco

O coelliño branco / Xosé Ballesteros [adaptación] e Óscar Villán [ilustracións]

 

Un coelliño sae da súa casa para coller coles na horta e, cuando volve atopa o seu fogar ocupado por unha horrible cabra. Na busca de axuda para reconquistar o seu territorio, e baixo as ameazas da terrible cabra cabraza, que se o colle o esmagaza, o pequeno coello levará varias sorpresas...

“O coelliño branco” é un texto-fórmula que xoga de forma especial coa sonoridade e maila rima, e está concebido tanto para ser lido coma para ser contado. E ademais, unha mostra de amizade e coraxe, que proba que a valentía non é cuestión de tamaños...

 

Galardoada co Premio Nacional de Ilustración 1999

 

1999

A qué sabe a lúa?

A qué sabe a lúa? / Michael Grejniec [trad. Carmen Barreiro]

 

Quen non soñou algunha vez con darlle unha dentada á lúa? Este foi precisamente o desexo dos animais deste conto. Tan só querían probar un anaquiño pero, por máis que se estiraban, non eran quen de tocala. Daquela, a tartaruga tivo unha xenial idea: “Quizais entre todos poidamos alcanzala”.

Esta é unha historia de desexos que parecen -a primeira vista- inacadables, como a lúa, pero que conseguen facerse realidade grazas á cooperación. Unha axuda mutua da que son partícipes os máis variados animais: a tartaruga, sobre a que se sostería o mundo, segundo a mitoloxía; o elefante, a xirafa, a cebra, o león... ata que finalmente un deles, o máis pequeno de todos...

E así, a medio camiño entre a fábula e a lenda, este relato ofrécelle ao lector unha poética ensinanza que fala de xenerosidade, solidariedade e soños compartidos; cun chisco de humor, o que aporta unha lúa sorrinte, burlona e algo saltareina.

 

2000

Onde viven os monstros

Onde viven os monstros / Maurice Sendak [trad. Xosé Manuel González]

 

Esta obra, publicada por primeira vez en 1963, suscitou certa polémica polo seu tratamento nada exemplarizante dos nenos, pero hoxe en día é un clásico da literatura infantil e xuvenil e un referente imprescindible no seu xénero. Non só obtivo a Medalla Caldecott (1964) e o American Book Award, senón que foi elixido por The New York Times Book Review como un dos mellores libros ilustrados; dende entón traduciuse a máis de 15 linguas e converteuse nun dos máis vendidos de todos os tempos.

Castigado sen cear a causa das súas trastadas, o protagonista emprende unha viaxe simbólica dende o seu cuarto ata un lugar fantástico, atravesando un tempo mítico e enfrontándose aos seus propios medos. Tras convertirse no rei dunhs monstros tan feros coma entrañables, regresa ao punto de partida, onde lle espera a cea. Unha viaxe de ida e volta, polo tempo e o espazo, dende a realidade á ficción, sen que nada nen ninguén explique se esa metamorfose foi produto dun soño ou dunha fantasía.

 

2001

¿Onde perdeu Lúa a risa?

¿Onde perdeu Lúa a risa? / Miriam Sánchez Moreiras e Federico Fernández [ilustracións]

 

É importante non perder a risa, e os protagonistas deste conto sábeno ben. Por iso Daniel, cando descobre que a pequena Lúa perdera algo tan valioso, decide buscar por todas partes. Nin o gato, nin a vaca, nin a ra, nin o lobo poden darlle a solución, pero entre todos conseguen poñelo na pista da curuxa sabia que lle ofrecerá unha fórmula infalible para resolver o problema da súa irmá.

Un libro de linguaxe sinxela e ilustracións expresivas perfectamente secuenciadas, moi adecuado para os prelectores e que, manexado con tenrura e habilidade, resultará eficaz para atopar, ao final da historia, moitos sorrisos. Este libro que se atopa na colección Demademora, un espacio para a creación plástica e literaria dirixida aos pequenos lectores.

 

Galardoada co Premio Nacional de Ilustración 2001

 

2002

Avós

Avós / Chema Heras e Rosa Osuna [ilustracións]

 

Chema Heras relata en “Avós” a tenra historia de dous velliños, Manuel e Manuela, que aceptan con naturalidade as marcas dos anos. Manuela é coqueta coma unha rapariga e a Manuel encántalle bailar con ela. A través dunha estructura acumulativa e un texto de ton poético, “Avós” invítanos a atopar a beleza a través dos ollos do amor, amósanos todo o cariño que pode existir cando o cuerpo murcha e descúbrenos as vantaxes de vivir cun sorriso nos beizos.

As ilustracións de Rosa Osuna destacan, a través da acuarela, o sentido lírico do texto, cun estilo sinxelo e expresivo de cores suaves, que suxiren e insinúan a dozura contida nos personaxes. Un álbume para nenos -sobre anciáns- que non ten idade.

 

Galardoada co Premio Llibreter 2003

 

2003

¡Nunca máis!

¡Nunca Máis! A ollada da infancia / V.V.A.A.

 

A ollada da infancia pretende ser o voceiro dos máis cativos, unha forma de expresión a través da poesía e da plástica, diante da catástrofe ocasionada polo Prestige na costa galega. No libro, as composicións infantís van facendo a súa particular crónica do suceso acontecido aquel 13 de novembro de 2002, narrando o devir dos acontecementos dende o afundimento do petroleiro ata a chegada dos voluntarios e a mobilización dos cidadáns para pórlle barreiras á catástrofe.

Na súa confección participaron escolares de dous a once anos de idade, pertencentes a máis de 50 centros educativos galegos. Os cativos, que adoitan ser espectadores pasivos da Historia, van amosando a través de poemas, acrósticos, adiviñas, debuxos e collages, as súas inquedanzas, os seus medos e as súas protestas, ata que ao final expresan os seus desexos para o futuro.

Na elaboración deste álbume participaron nenos e nenas de centros educativos da Pobra do Caramiñal, Culleredo, Moaña, Santiago, Buño, Malpica, Marín, Vigo, Brión, Bouro, Muros, Vila de Cruces, A Guarda, Camariñas, Sanxenxo, Valdoviño, Vilanova, Ribeira, Pontevedra, Salvaterra, Cambre, Lalín, Tui, O Rosal, Porto do Son, Barco de Valedoras, Redondela, Ourense, Vilagarcía, Carballo, Gondomar, Baiona, Dodro, Laracha, Oleiros e Pontevedra, ademais de colaboracións de nenos a nivel individual de toda Galicia.

 

2004

Colección Makakiños

Colección Makakiños

 

Achegar a lectura a persoas con necesidades educativas especiais é o principal obxectivo de Makakiños, unha colección pioneira en España creada en 2004 por Kalandraka Editora, en colaboración con BATA (Baión Asociación de Tratamento do Autismo). O seu obxectivo é intentar achegar e estimular a tod@s no apaixoante camiño da lectura, axudar a rachar as barreiras da in-comunicación e facer comprensible o mundo da fantasía a moitos nenos e nenas que se expresan cun sistema de comunicación diferente ao convencional.

Os destinatarios específicos destes libros son persoas con necesidades de apoio: nenos con parálise cerebral, transtornos do desenvolvemento (autismo) ou da comunicación (disfasia). Para eles a lectura non só se apoia no texto e maila ilustración, senón tamén nun sistema de pictogramas denominado SPC (Símbolos Pictográficos para a Comunicación), creado nos anos 80 nos Estados Unidos pola doutora Roxanna Mayer-Jonhson.

Titulos dispoñibles na colección Makakiños: El conejo blanco, La ratita presumida, El patito feo e Chivos chivones.

 

2005

Do berce á lúa

Colección do berce á lúa / Antonio Rubio e Óscar Villán [ilustracións]

 

A colección Do berce á lúa está dirixida a nen@s de 0 a 3 anos de idade, para os que se deseñaron especialmente estes pictogramas poéticos ou poegramas; un termo acuñado para designar unha nova modalidade de poesía pictográfica baseada na procura dun ritmo de lectura que axude a “educar o ollo e endulzar o oído” do pequeno lector, como explica Antonio Rubio.

Pola súa parte, Óscar Villán elabora a proposta estética destes cinco libros. O seu traballo é totalmente artesanal, con pinceladas e tonalidades de cor facilmente apreciables, ata o punto de que as texturas poden case palparse. A imaxe resalta sobre un fondo claro, o debuxo é sinxelo e recoñecible, co toque persoal do que é capaz o propio Villán.

Cada exemplar da colección Do berce á lúa é un exercicio poético de gran sinxeleza e forza musical. O neno aprende que se le de esquerda a dereita, de arriba abaixo e que o paso das páxinas é o devir dos versos.

¿Que poemas poderían lerse a partir dos seis meses?: Do berce á lúa. Cinco libros que os primeirísimos lectores poden empezar gozando coma se dun xoguete se tratara.

 

2006

Pucho, o habitador de tellados

Pucho, o habitador dos tellados / Manuel Janeiro e Juan Ramón Alonso [ilustracións]

 

Kalandraka presenta unha novela que destaca polo seu realismo e intensidade poética. Manuel Janeiro crea un texto entrañable, con descripcións precisas e evocadoras que parecen beber de fontes como Dickens, o Sánchez Ferlosio de “Industrias y andanzas de Alfanhuí”, ou “El barón rampante” de Italo Calvino.

Paisaxes, sentimentos e situacións xurden na imaxinación do lector grazas á sensibilidade coa que o autor desgrana a vida do protagonista, víctima dun dos episodios máis desgarradores da nosa historia. Un orfo que subsiste con valentía ante as adversidades e que nos fai apreciar o auténtico valor das pequenas cousas. Co seu descubrimento do mundo que lle rodea, Pucho saca a relucir o fulgor do humilde; os tellados nos que vive semellan o símbolo do mundo dos soños, da imaxinación e da liberdade.

Terceiro Premio Nacional de Edición 2007 (Libros infantís e xuvenís)

Lista de Honra do IBBY

 

2007

Son un cabalo

Son un cabalo / Gonzalo Moure e Esperanza León [ilustracións]; [trad. de Xosé Ballesteros]

 

A través dun relato cheo de tenrura e emoción, en ton poético, Gonzalo Moure invita ao lector a adoptar un punto de vista inusual, a poñerese na alma e nos sentidos dun cabalo, o que en definitiva supón verse a si mesmo a través doutros ollos para comprender como somos vistos os humanos por seres sobre os que exercemos dominación, e mesmo violencia.

Trátase dun libro “cabalista”, non “homista”, como o define o autor; un libro enriquecedor, unha cura de humildade, unha historia de amor na que o cabalo dános unha lección de xenerosidade, tolerancia e comprensión. O cabalo asume que a linguaxe de homes e equinos é diferente, pero apredeu a interpretar a vontade das persoas a través das súas expresións e movementos; a cambio, pídenos o mesmo esforzo que el fai por nós: que saibamos o valor dos seus xestos, olores e rinchos, porque a comunicación non se cingue unicamente ás palabras.