|
|
Xurxo
Sierra Veloso séntese abraiado
cando lle definen como escritor, e abofé
que a súa traxectoria literaria
lle permite ostentar ese privilexio
con maiúsculas. Cun brillo nos
ollos e o sorriso perenne, Sierra Veloso
vai debagando nesta conversa a súa
obra desde o xerminal e adolescente
Os ollos do rei de copas ata
o seu recente Os nomes do traidor,
pasando por Licor de abelá
con xeo e por esa pequena alfaia
que foi Os mércores de Fra.
Afastado
dun discurso filosófico ou moralizante,
a súa prosa consegue engaiolar
ao lector desde a primeira á
última páxina, conducíndoo
a través dunha lectura compulsiva
ata pechar o libro desexando, na penúltima
páxina, que aínda non
remate a súa historia...
|
Fervenzas
Literarias: Publicou
Os ollos do rei de copas (Cumio) con apenas vinte e cinco
anos. ¿Qué o que se sente con esa idade ver o seu
primeiro libro nos andeis das librarías?
Xurxo
Sierra Veloso: Creo
que é unha idade moi prematura para ser consciente do que un
acaba de facer, pero por fortuna eu son o suficientemente
inconsciente para non decatarme moi ben das cousas que fago.
Para
min foi o final dun proceso. De rapaz, cando tiña dez ou once
anos, non sabia moi ben que quería ser de maior, pero si tiña
claro que me gustaba escribir e que algún día querería
publicar algo. Cando Carlos Blanco (que en paz estea) me entregou,
nunha bolsiña de plástico, os vinte e cinco primeiros
exemplares d’Os ollos do rei de copas, de primeiras sentinme
un pouco intruso, cunha sensación que aínda permanece
en min. Pero ao mesmo tempo foi unha satisfacción moi grande,
porque era o culminación dun soño: escribín unha
novela e ademais publiqueina.
Ao
mesmo tempo éncheste de responsabilidade porque decontado
sentes que tes que seguir, hai moitas historias na cabeza que piden
ser escritas.
Supoño
que a palabra que resumiría todo aquilo foi confusión.
Creo que se nota que é a novela escrita case por un
adolescente. Os ollos do rei de copas foi a novela inicial,
chea de inseguridades, pero tamén digo “bendita
inxenuidade”. Eliseo Pelán é o contrapunto de todos
os personaxes que viñeron despois. El é un cándido,
unha persoa que vai pola vida cunha inxenuidade e unha inocencia
abraiantes, que cre no ser humano; non como todos os que virán
despois. Todo o “bo” que podería haber en min metino no
personaxe de Eliseo Pelán.
Nese
libro xa aparecen detalles que se verán nas vindeiras
entregas: como as obsesións dos personaxes, un humor sutil,
uns halos que referencian á novela negra, a soidade na que
viven os protagonistas, entretecer historias que se xuntan nun punto
da novela...
Esas
son cousas que, alarmantemente e ao meu pesar, se repiten moito no
resto das miñas novelas. É certo que volven temáticas
como a obsesión: a obsesión de Eliseo polo amor de
Mabel, a de Fra pola morte, a de Delanuit con esa persecución…Todas
as súas vidas se reducen por mor de algo que os comprime, que
lles impide ver o que hai máis alá, e iso é algo
típico de todos os meus protagonistas.
Outro
dos factores que creo que se repite, agás en Os mércores
de Fra (Sotelo Blanco), é o multiperspectivismo. A min
gústame moito ver a vida, as cousas que suceden… e facelo
desde diferentes ópticas, con diferentes personaxes. Ver a
mesma cousa desde diferentes perspectivas. É o meu xeito de
ver a vida e procuro transmitir iso aos meus personaxes; o malo é
que eles, coitados, están tan obsesionados co asunto que sexa
que non dan vivido conforme é debido.
Outra
referencia utilizada a posteriori é o tema da espera ou da
agarda. En Os ollos do rei de copas Eliseo Pelán
espera por un amor non correspondido, o amor de Mabel.
Si,
están todos agardando. Todos os personaxes das miñas
novelas están esperando por un acontecemento que os libere de
si mesmos, un acontecemento que os faga estoupar, que os libere, que
lles dea a vida. Uns personaxes que agardan por ver que lles sucede,
e ao final non pasa nada. Na vida cotiá á propia xente
sucédelle iso. Estamos obsesionados con algunha cousa concreta
e por culpa diso renunciamos a outra vida, algo bastante irresoluble,
porque se escolleramos outra vida tamén teriamos que renunciar
a outra diferente.
Pero
ben, os meus personaxes son así. Nun futuro gustaríame
escribir un libro totalmente diferente, cuns personaxes que non
estean tan atrapados, supoño...
Eliseo
sente cara Mabel un amor forte de adolescencia... que quizais está
reflectido no libro, por mor da idade coa que o escribiu, dun xeito
máis tanxible, máis real: un amor intenso, cegador,
que oprime ao amante, obsesivo... un amor levado a tal límite
que é o que lle impide conciliar o sono a Eliseo neses catro
anos de ausencia da amada. A idade axuda á creación
dos personaxes? Polo menos, Os nomes do traidor (Xerais) creo
que é a súa novela máis madura.
Agora
non podería contar un amor coma o de Eliseo, daquela déronse
iso da idade que comentas e as circunstancias adecuadas para
expresalo. Algunha xente di que se trata dun libro moi autobiográfico
e eu contéstolles que en parte si e en parte non. Un personaxe
non é o trasunto dunha persoa real, pero non cabe dúbida
de que eu escribo sobre min, das circunstancias da xente que me
rodea, mesturadas coa ficción, por suposto. Mabel, por
exemplo, é un collage de varias persoas que coñecín.
Iso contribúe a darlle un ar de misterio, ninguén sabe
onde está Mabel; hai xente que me din que Mabel non existe,
que é un invento de Eliseo Pelán; gústame moito
esa interpretación.
Tamén
é certo que agora non podería escribir un amor coa
pureza e a sinceridade de Eliseo. Cos meus case corenta anos escribo
sobre cousas que lle suceden ás persoas da miña idade.
Ao
longo de Os ollos do rei de copas sucédense
paralelamente dúas historias: por unha banda a desaparición
do Cristo da Victoria e por outra a historia de Eliseo. Ámbalas
dúas historias conflúen, na parte final, nunha
explosión de liñas argumentais dos personaxes que
aparecen na novela e o toque un chisco surrealista con que remata a
historia. Rebeldía ou unha licenza de xuventude? Serían
recursos que utilizarías hoxe en día?
Ese
capítulo contrapuntístico de todos os personaxes, ese
estoupido final... non sei se o faría hoxe. Naquel momento
parecíame a solución perfecta, aínda que co
tempo pareceume unha solución demasiado precipitada. Eu creo
que hai moitas novelas que se botan a perder por un final moi
apresurado (empezando polas miñas). Dá a sensación
de que o escritor se ve atrapado e non sabe como saír dela.
Pode que suceda algo así no capítulo ao que te refires.
Houbo
un crítico fulminante de A Nosa Terra, Xesús González
Gómez, que me fixo unha crítica que era boa e mala ao
mesmo tempo; comentaba que había detalles de humor na novela
que lle gustaran pero que ao final pecaba un pouco dunha cousa que el
chamaba humanismo cristián. Eu non o nego; de feito, sempre
fun moi respectuoso coas opinións dos lectores. Recoñezo,
en todo caso, que o encontro entre Eliseo e o Cristo (fose unha
solución facilona ou non) foi moi divertido para min, quero
dicir á hora de escribilo, aínda que talvez hoxe me
gusten máis os finais máis misteriosos, mesmo un pouco
gore, como en Os nomes do traidor.
Aparece
xa en Os ollos do rei de copas unha vontade de escribir para
entreter, sen ofrecer ao lector asuntos transcendentais, ou tons
filosóficos,...
Eu
quero pasalo ben escribindo. Velaí a principal intención.
As miñas historias non creo que sexan de gargalladas pero si
de sorriso, son os libros que me gustaron e que me gustan, libros con
historias contadas con humor.
Algunhas
veces quixen escribir libros moi serios, como por exemplo Os
mércores de Fra, pero contra o final hai unhas cantas
escenas que cando eu estaba corrixindo as probas dicía: “pois
isto é divertido”. Pero é que a vida real ás
veces tamén nos depara situacións divertidas a pouco
que ti as vexas con ollos de bo humor, case todo ten o seu lado
humorístico. Polo xeral, en todo o que eu escribo está
presente o humor, supoño que porque eu son así.
Outro
exemplo, en Os ollos do traidor, se lemos capítulo a
capítulo podemos sentir que é un libro máis ben
tráxico, pero en conxunto eses personaxes dan un pouco de
risa, como o Sampaio.
En
definitiva, para min o sentido do humor é fundamental, gústame
a literatura irónica, como a literatura de Carlos Casares, con
ese humor sutil, suave, que lle da un ton amable á historia...
Casares podía contar unha historia tráxica pero narrada
dun modo tan suave, tan suave, que convida ao sorriso ao lector.
Tras
doce anos de Os ollos do rei de copas chega Licor de abelá
con xeo (Sotelo Blanco). Qué pasou en todo ese tempo de
baleiro literario?
Foi
un tempo no que eu estiven de bolseiro no Centro Ramón
Piñeiro; logo preparei oposicións e fixen algúns
traballos… pero entre medias houbo unha novela xa rematada que se
malogrou polo camiño. Ía ser publicada por Cumio pero
coincidiu coa morte de Carlos [Blanco] e cos cambios que houbo na
editorial non chegou a publicarse. Co tempo eu case que prefiro que
fose así. Máis tarde quíxena reconstruír
en formato de relato curto pero non funcionou. Como anécdota,
o primeiro capítulo desa novela apareceu publicado nun
suplemento de La Voz de Galicia.
Logo
si que houbo un período de seca ata que cheguei a Zamora onde,
unha vez asentado, xurdiu unha especie de “torrente” coa
publicación de Licor de abelá con xeo e Os
mércores de Fra.
Vouche
contar unha anécdota sobre esas dúas novelas: Os
mércores de Fra, aínda que foi publicada despois, é
anterior. Escribín unha primeira versión de Os
mércores que tiña cen páxinas máis
que a versión publicada e, mentres estaba metendo tesoira,
escribín Licor de abelá con xeo e presenteina ao
Premio Lueiro Rey, onde resultou finalista e polo tanto publicouse
antes.
*
Licor de abelá con xeo aparece, no catálogo de
Sotelo Blanco, como anterior a Os mércores de Fra [Nota
do transcritor]
Comezas
esa novela co personaxe do escritor fracasado. Se temos en conta
todo ese período de seca ao que aludías anteriormente,
qué paralelismos atopa o lector entre o escritor personaxe e
o escritor real? Qué hai de certo de todo isto na novela?
Hai
paralelismos que son moi evidentes: Reboreda é funcionario,
volve as fines de semana a Galicia, conducindo un Seat pola autovía…
Cando pasa pola zona de Sanabria e ve as cores da paisaxe sente unha
impotencia incrible por non saber como expresar tanta beleza… Iso
mesmo sentino eu. Evidentemente aí hai un paralelismo, pero
ben, ti vas escribindo sobre as cousas que coñeces, que sentes
ou vives, pero logo xogas e experimentas sobre diferentes situacións.
Nunha
ocasión unha amiga lectora díxome que identificara tres
ou catro personaxes de Licor de abelá con xeo que
poderían ser eu. E quizais sexa certo, pero con algunhas
salvidades, por suposto, Reboreda ten uns niveis de frustracións
que eu creo que nunca tiven.
En
Licor de abelá con xeo caricaturizas en parte o mundo
“oculto” da literatura galega: os premios, aos críticos,
os enganos literarios... Sen embargo, presentaches o libro a un
premio literario. Isto non ten un aquel de brincadeira?
Si,
si, moito. Licor de abelá con xeo é unha grande
brincadeira. A xente normalmente só quedou co tema do xurado,
pero na novela tamén aparece un alcalde, un concelleiro de
cultura, etc. E a figura da viúva do escritor, que a min
sempre me pareceron personaxes excepcionais, moi típicos do
Día das Letras, cando aparece o político local dándolle
o brazo á viúva do homenaxeado, que a ves abraiada,
como se estivesen a pensar no seu defuntiño e puxesen en
dúbida os seus méritos. A min interésanme moito
esas historias, e é o que quixen reflectir coa muller de
Serafín da Chave. Aínda que na novela aparece un xurado
e un premio literario, unha das miñas intencións era
caricaturizar o Día das Letras Galegas.
Xa
que sacas o tema das Letras Galegas, es partidario, como xa alzaron
tantas outras voces, de cambiar a concepción deste día?
Totalmente.
Eu son dos que pensan que hai que reorientar e reconducir o día
das Letras Galegas. O que se fai agora non sei se terá unha
grande utilidade.
Ese
Día ten que servir para fomentar a lingua e a literatura. É
nefasto que sexa dia festivo, é unha idea moi desafortunada.
Ao final o que consegues é que vaias pola rúa e vexas
nos escaparates das axencias de viaxe ofertas para a ponte das Letras
Galegas. É paradoxal que xusto o día onde se fomentan
as Letras Galegas, as librarías, ao ser festivo, estean
pechadas. Creo que a Academia debería reconsiderar a
celebración, por outra banda unha petición que levo
escoitando polo menos dende hai vinte anos.
Escribes
case ao mesmo tempo unha novela dinámica como Licor de
abelá con xeo e unha novela plana (no bo sentido da
palabra) como é Os mércores de Fra. A primeira
con varios personaxes e a outra contada nunha primeira persoa por un
personaxe ao que poderíamos acusar de mesquiño e cunha
vida que de primeiras carece de interese,...
Gustoume
moito escribir esta novela en primeira persoa poder meterme na pel
dun personaxe como Fra, compartir as súas obsesións…
Creo que Os mércores de Fra ten varios niveis de
lectura. Un lector pode ver, simplemente, a historia dun tipo contada
en primeira persoa. Perfecto, non hai máis que engadir. Pero
se alguén leu antes Os ollos do rei de copas decátase
de que Fra é o antagónico a Eliseo Pelán. Todo o
que de bo tiña Eliseo, coa súa inxenuidade, ese ser tan
amoroso e cándido, teno Fra de ruín, de egoísta,
de xoto, de esquivo. Como comentaba antes, escribín Os
mércores de Fra tras Os ollos do rei de copas e eu
quería, literariamente, desfacerme do recordo de Eliseo Pelán.
Fra carece de todo o bo que tiña Eliseo.
Pero
sen embargo o lector pode chegar a manter un sensación de
amor/odio cara Arturo Fra. É o personaxe central da novela, o
protagonista, chegas a sentir as situacións que lle acontecen
pero por outras parte é un tipo que da noxo como ser humano.
Eu
quería, desde a primeira á última páxina,
que Arturo Fra caese mal ao lector. De primeiras creo que temos a
tendencia natural de crear unha certa empatía co protagonista
de calquera novela, e máis cando ese protagonista nos está
falando en primeira persoa, pero non, eu quería que pouco e
pouco e dunha maneira progresiva Fra foise caendo mal.
Creo
que a imaxe que mellor define a Fra é cando volve ao traballo
despois da cita co médico e se atopa con que un dos seus
compañeiros foi asasinado polo outro. Fra nin sequera se
preocupa de cal dos dous foi o que morreu, a el dálle igual,
tómao con total pasividade.
Os
nomes do traidor supón un
cambio radical en canto á estrutura respecto as súas
novelas anteriores. Aquí pasas a crear unha historia, aínda
que tamén narrada en primeira persoa como en Os mércores
de Fra pero por seis personaxes, con todo o traballo que supón
á hora de definilos, como pode ser concibir as súas
personalidades, todas elas diferentes entre si, xerar os diferentes
puntos de vista dos feitos que se desenvolven...
Para
min iso é un xogo moi divertido. Eu pásoo moi ben
construíndo personaxes, é o que máis me gusta de
escribir.
Máis
que crear un determinado estilo ou imaxinar unha ambientación
prefiro meterme na pel dos personaxes, imaxinar como evolucionaría
esta persoa, cales serían as súas frustracións,
os seus pesadelos ou soños… Nese sentido repito que o pasei
moi ben escribindo Os nomes do traidor porque me permitiu
xogar moito, como co personaxe de Sampaio que, aínda que estea
na cadea, é o autenticamente libre de todo o libro.
Posibelmente Sampaio sexa o personaxe do que estou máis
satisfeito de toda a miña obra literaria.
Outra
vez, como nas anteriores novelas, o protagonista é o
prototipo do antiheroe. Qué lle supón de interese
contar historias, por dicilo dalgún xeito, de perdedores?
Literariamente
os perdedores son os personaxes máis interesantes que hai, os
máis rendibles. Contar a historia dun tipo que acaba a
carreira de económicas, que logo monta unha empresa e gaña
moitos millóns non ten interese. O interesante é a
xente que fracasa, que leva golpes, ver como se enfrontan aos seus
problemas… Ben, por outra banda, todo o mundo na vida ten a
sensación de ser un perdedor. Eu supoño que tipos como
Bill Gates ou Amancio Ortega, debaixo desa fachada de éxito,
teñen amarguras, teñen sensacións de fracasos.
Todo o mundo tivo a unha Mabel que non lle fixo caso, ou un problema
de identidade como Delanuit… Como dixo Sabina na canción que
lle dedicou a Cristina Onassis:” Era tan pobre que no tenía
más que dinero” ou, dito doutro xeito, detrás de cada
gañador tamén hai un perdedor.
Delanuit
fala da vida pensando na morte. De primeiras permanece atento,
asustado sobre todo o que sucede ao seu redor, pero remata
resignándose a súa sorte.
Delanuit
decátase de que non ten nada que facer, pensa que a pesar do
que faga ao final van ir a por el. A morte é un tema que está
moi presente nas cousas que eu escribo dunha maneira moi obsesiva,
porque realmente é a única certeza que temos.
Fuxe
dos diálogos en prol das descricións, non dos
personaxes en si mesmos, senón de sentimentos,
psicanalizándoos... Os diálogos nas súas
novelas son mínimos, case que secundarios.
Os
diálogos, ademais de mínimos, son pretendidamente
minimalistas, son diálogos moi insubstanciais. Eu sempre digo
que nas miñas novelas os diálogos teñen unha
función respiratoria. Cando hai un parágrafo longo e
creo que o lector se pode perder ou aburrir, entón, coa
introdución doutra voz, propoño un certo alivio, un
descanso antes de principiar o novo parágrafo.
Vouche
poñer un exemplo. Hai unha técnica televisiva nos
documentais, que creo é moi interesante e atraínte como
recurso literario. Cando nun documental están explicando
calquera cousa cunha voz en off, logo aparece intercalado un
personaxe real constatando os feitos narrados anteriormente. A min
esa mestura de voces resúltame atraínte para plasmar no
libro.
Houbo
algunha xente que me dixo que Os nomes do traidor ten moita
técnica cinematográfica e sempre contesto que non é
cinematográfica, senón televisiva. Eu non son cinéfilo,
pero si consumo televisión. A miña xeración –os
que estamos sobre os corenta anos- xa consumimos televisión
dende pequenos e inevitablemente, a maneira de construír a
realidade, de fragmentala, creo que é televisiva. En Os
nomes do traidor vese moi clara esa influencia.
Pelán,
Fra, Reboreda, Delanuit,... Realmente é vostede moi
desapiadado cos seus personaxes.
Non
me gustan os finais felices. Os finais felices están ben para
a vida real, pero para a creación artística ou
literaria non me gustan, creo que perde beleza e que perde grandeza o
texto. Eu quero que os meus personaxes sufran, que o pasen mal… ao
fin e ao cabo son personaxes literarios. Pódome permitir estas
pequenas crueldades.
Caraqueño
de nacemento, con raíces en Silvaoscura (Ramirás),
vigués de corazón e fisicamente en Zamora. Podería
vostede configurar unha xeografía humana coa súa vida.
Eu
digo moitas veces que a miña verdadeira patria é a
autovía, a A-52. Ao cabo, debe de ser un dos lugares nos que
paso máis tempo. Falando máis en serio, creo que teño
o corazón ampliado (non me gusta dicir dividido) entre Vigo e
Silvaoscura, os dous lugares absolutamente imprescindibles. E tamén
estou moi agradecido a Zamora. Deume unha estabilidade moi
beneficiosa, por exemplo á hora de emprender estes asuntos
literarios dos que estamos a falar. Ah, Venezuela, ben, esa é
unha anécdota. Nacín alí porque os meus pais
foron emigrantes. Xa ves, unha historia nada orixinal neste país
noso.
Codirixiu
en Vigo o programa radiofónico “Os mundos de Horacio
Oliveira”. Que lembranzas e recordos lle quedan desa etapa?
Foi
en Radio Ecca, unha emisora educativa que, segundo creo lembrar,
funcionaba ao abeiro dos xesuítas. Lémbroo como unha
experiencia divertidísima, moi enriquecedora. De feito, ás
veces penso que debín seguir por aquel camiño,
converterme en xornalista ou algo así, pero creo que xa é
tarde para lamentos. O principal recordo que teño daquel tempo
é a complicidade co meu compañeiro de programa Antonio
Rey, un dos tipos máis cultos e simpáticos que coñezo.
Agora vive en Albacete e vémonos moi pouco, pero mantemos a
lealdade dos vellos tempos.
Mantén
aberta dúas ciberfiestras: por unha banda a bitácora
“Rei de copas” e dende hai pouco tempo “Na lingua”, un lugar
de encontro, de reflexión e de debate sobre a lingua galega.
Qué nos poderías dicir desa segunda bitácora?
Que
a teño moi abandonada. Empeceina nun momento de optimismo,
pero o natural en min é a negrura, polo menos cando se fala de
asuntos sociolingüísticos. Mira, eu creo que o pobo
galego, no caso de que exista algo que se poida chamar así,
decidiu, por maioría absoluta, que non lle interesa para nada
manter o seu principal sinal de identidade, a lingua. É máis,
mesmo hai xente que ve nese rexeitamento un exercicio de liberdade.
En fin, alá eles, a min paréceme un suicidio, que non
conten comigo.
Goethe
escribiu a comezos do século dezanove que “a literatura
nacional é un termo que xa está desprovisto ata certo
punto de sentido. A época da literatura universal está
ao alcance da man e cadaquén ha de se esforzar por apresurar
a súa chegada.”. Cómo escritor tende máis a
esa literatura global ou cre nun compromiso cara a súa terra?
Eu
non teño unha gran opinión sobre os meus libros. Creo
que a miña obra é perfectamente prescindible e que non
lle pasaría nada á Literatura Galega se eu decidise
deixar de escribir para sempre. Vaia, a min gústame dicir que
o que tento facer é literatura universal en lingua galega. Na
práctica, conformaríame con escribir algún día
unha historia xeitosa, desas que lle gustan á xente e que
teñen un protagonista de carácter, un auténtico
personaxe de novela.
|