|
|
Analizándoa
formalmente polo miúdo, atopamos
na obra de Ricardo Martínez-Conde
poesía, haikus e aforismos, no
fondo agóchase a filosofía
e a beleza. A obra do poeta de
Aldariz (Sanxenxo) convídanos
a unha viaxe polas profundidades do
ser, do Eu; rabuña nunha natureza
que -sabia e deusa ela- móstrasenos
espida e clara, incitándonos
á observación e a percorrer
paseniñamente os seus inescrutables
camiños.
Ricardo
Martínez-Conde, a quen o escritor
portugués José Viale Moutinho
define cariñosamente como o "poeta
filósofo", ven de publicar
en Espiral Maior Na terra desluada.
Debullamos con el toda a súa
obra anterior, abríndonos a corazón
aberto as portas dunha das voces poéticas
máis reflexivas e interesantes
do panorama literario galego.
|
NA
TERRA DESLUADA
(Espiral
Maior, 2009)
¡Qué
estraña finitude é, ó fin, a emoción na
terra propia!
¿Cal
é a terra propia do poeta?
Dicía
Claudio Magrís: “Ése dunha paisaxe”. Moitas veces o
que lembramos non son os argumentos das cousas, senón as
sensacións ou as emocións. De certo, a nosa primeira
relación como individuos é coa paisaxe. Cando aínda
non temos a capacidade de falar ou de comunicármonos
racionalmente, a paisaxe convértese no noso primeiro
interlocutor. De aí a importancia do mar, da choiva, dos
outros, da noite…
E
volver á paisaxe é volverse cara a un mesmo; é
como dicir: “eu son de aquí, eu pertenzo aquí”.
As
palabras/gardan/en si/a paisaxe/da melancolía
A
palabra como ferramenta do poeta.
A
linguaxe, a literatura, amais de ser unha arte é unha
artesanía. Se eu fora oleiro buscaría a mellor arxila
para facer un xerro, por poñer un exemplo. Logo daríalle
as características propias para que quen reciba o xerro
puidera identificarme como oleiro. Creo que esa sería a mellor
definición de autor.
Eu
fago, ou procuro facer, un discurso poético utilizando unha
linguaxe poética -sempre pensada e consciente-, no que me
implico e trato de implicar ao lector. Considero que escribir non é
só unha forma de dicir, senón sobre todo é unha
forma de pensar. En Poesía, onde practicamente está
xa todo dito, o importante é como ti o dis. Creo que iso é
fundamental.
Aparece
o tempo no sentido de infinito, en contraposición da vida
propia como algo finito. Sentimos Na terra desluada a
consciencia da pequenez do noso paso pola vida.
O
tempo é unha condena no senso de que nacemos cunha débeda
que é a morte. Pero á vez o tempo é algo moi
sedutor polo simple feito de ser infinito, de estar aí (di o
montañeiro: eu subo a ese monte porque está aí)
Tal circunstancia, tal desafío é quen alimenta a
dúbida, o noso motor. A dúbida é quen nos leva a
soñar, a especular, a ter iniciativas, a xustificar o día
a día… Quen nos leva a procurar coñecemento e
perspectiva. A dúbida sempre como o grande argumento da
filosofía, do vivir.
mentres
os días/-sabedores da dúbida-/van anovando/ a nosa
inexperiencia.
Volve
a vista á infancia como forma de acadar a felicidade.
O
neno, aínda que non teña as palabras necesarias para
expresarse, sabe o que quere, e necesita a sinceridade para
sobrevivir, para sosterse. O neno relacionase moi intimamente coa
paisaxe, é quen ten máis vínculos co espazo onde
naceu. A partires da infancia iniciase a viaxe, que para min é
unha das premisas esenciais, xa que cada viaxe significa unha nova
paisaxe, son novos significados.
E
cando nos decatamos de que, tras saír ao mundo, de preguntar,
non obtemos respostas, volvemos a nós mesmos para
preguntármonos doutro xeito, para formular outras preguntas.
Neste poemario dou valor ao neno, si acaso, pero é a ese neno
que pregunta dunha forma máis ampla, máis intensa, que
se sorprende por todo... E sería bo ter en conta que cando de
neno –digamos, de regreso- preguntas é porque te asombraron
algunhas respostas.
Transcorrido
o tempo, a vida, é cando reparas en que algunhas respostas non
eran correctas, ou non te satisfixeron, e daquela é cando
volves formular as preguntas, pero dun xeito máis realista; ou
escéptico.
¿Quizais
ti, silencio, desvelarás/a sospeita de estar só e non a
soas?
¿A
multitude crea moitos solitarios?
Probablemente
unha das características da multitude é esa, que crea
solitarios. Cando escoitas a moitos á vez obterás moita
información pero quedarás sen argumento concreto -ou
propio- algún. Eu rexeito, por carácter e por
definición, as multitudes, que se parecen máis á
condición gregaria do animal que á condición
racional do individuo.
Quen
está condenado a ser/(!a premura do tempo!)/exponse a mesturar
tenrura con xustiza,/liberdade e lonxanía, o medo coa fe.
Mantén
en A terra desluada unha complicada relación co
relixioso.
Nós
procedemos dunha educación xudeu-cristian, e polo tanto somos
herdeiros de todos eses símbolos que nos impuxeron, mais que
nos ofreceron. Cando eu falo nos meus libros sobre relixión,
refírome a súa concepción etimolóxica:
relixión como re ligare; todos imos en procura
de facer unha pregunta transcendente, va que interlocutor é
ese que se define como Deus, ou Alá, ou calquera outro.
Recorde (sorriso) aquela definición, case anatema, de
Borges cando lle preguntaban, qué opina vostede de Deus. “Deus
é unha esaxeración”, respostaba.
Na
miña opinión Na terra desluada é o
poemario que máis tristeza transpira dos que leva escritos.
A
tristeza é unha das manifestacións máis
difíciles da beleza, xa que esixe, para ser ben expresada,
música, harmonía, que son principios fundamentais da
poesía. Diríalle que creo que existen dous tipo de
tristeza: unha tristeza destrutiva e unha tristeza construtiva. En Na
terra desluada confío quede de manifesto que, si se
aprecia unha tristeza, esta sexa construtiva no sentido de que,
sabendo que a tristeza está aí –e poderíamos
tamén falar dunha variante da melancolía- ti defínela
delicadamente; algo así como estar na vontade de manter unha
boa relación con ela.
LENTO
ESVAECE O TEMPO
(Autor,
1990)
Publicou
Lento esvaece o tempo á idade de trinta e nove anos.
¿Cando comezou a súa relación coa artesanía
das palabras?
Aquí
a muller, a idea do amor, tal como quizais fora previsible, tivo
moito que ver; e tamén o carácter propio como
observador interiorizado. Eu de rapaz era de natureza solitaria e moi
tímido, non me saían as palabras; polo tanto, o único
xeito de expresar todo o que quería dicir era a través
da escrita. Iso ocorreu alá polos dezasete ou dezaoito anos.
Tiña
para min que os que mellor se expresaban eran os poetas, polo que
busquei na poesía a forma máis axeitada de dicir o que
necesitaba. Debo admitir, sen embargo, que unha muller me dixo un
día: “Non entendo moi ben o que dis, pero gústame”.
E díxomo con agarimo. ¿Sabes?, ás veces teño
a convicción de que todo o meu discurso como escritor non é
senón un mundo de variantes acerca do amor, acerca dos
significados do amor.
Natureza
e sentimento cumpren o seu destino lonxano/enchen o seu significado
Eses
versos poderían manifestar o que, a grandes pinceladas, sería
o resumo da súa obra.
Acéptoo
sempre e cando entendas á natureza e ao sentimento como
interlocutores. Neses versos tamén hai unha definición
da soidade, da importancia do Outro como complementario, co seu valor
ontolóxico.
Xurde
aquí a dúbida como arte, a dúbida como poesía.
Outro dos elementos dese discurso que irán aparecendo nos
traballos posteriores.
¿Pensas
que é malo que un autor sexa fiel ás súas ideas
despois do tempo? Eu penso que o discurso do autor só pode ser
un. Cada autor como un discurso propio, definido, identificativo.
Outra cousa, moi importante e complementaria, son os matices, pois
eles contribuirán decididamente na percepción do
discurso.
Non
penso nunha idea como unha eiva, sempre e cando haxa unha evolución.
Eu
non penso nos meus traballos anteriores cando estou escribindo, pero
eses libros están aí e sucederon por unhas causas
determinadas. É como navegar e deixar atrás a estela do
teu camiño, que segundo vas avanzando vaise esvaecendo, pero
tes a súa imaxe.
Cando
escribes tes que marcar o teu rumbo. Case diría que o meu, o
que me é o propio, sedúceme porque non sei o que é,
ou cal ha ser; de aí xorden as dúbidas, ás miñas
dúbidas.
De
tódolos xeitos, o home -e polo tanto quen escribe-, cada día
é unha persoa nova aínda que sexa o mesmo. Nese sentido
todos os libros teñen que parecerse, van madurando. Xorden
novas ideas, pero os elementos de referencia, o discurso, sempre é,
esencialmente, o mesmo.
Lento
esvaece o tempo semella ser a xénese literaria e persoal
do poeta.
Se
o que queres dicir é que esas dúas cousas, o tempo e a
persoa que o pensa -o tempo máis o poeta-, van unidas,
eu aceptaríao. Son, dalgún xeito, o mesmo. A persoa, o
poeta, utiliza a poesía para se manifestar, para vivir. A
poesía no esvaer do tempo. Ese titulo, por certo, ten todo o
fundamento dun haiku.
ORBALLO
NAS CAMELIAS
(Sotelo
Blanco, 1993)
Orballo
nas camelias é o seu primeiro libro de haikus, de feito
pasa por ser o primeiro libro de haikus escrito en galego. ¿Por
qué usar desde Galicia unha forma de expresión poética
oriental?
Creo
que o haiku é unha forma de sentir e de pensar que está
moi implícita dentro do carácter galego. O galego é
unha persoa moi ligada á paisaxe. Nese sentido vivimos de tal
maneira próximos á paisaxe que nos rodea que é
como se o humanizásemos.
Parece
que o galego séntese cómodo falando do entorno que lle
é propio, quizais porque o noso carácter é máis
ben reflexivo, reservado (outras veces din que desconfiado…) Nese
sentido hai un exemplo moi claro, que me parece interesante, que é
o que fixo Uxío Novoneyra no libro Os Eidos, onde
mantén unha relación moi directa coa paisaxe que
daquela lle era propio, O Courel. Un libro precioso, por certo.
Sinala
Os Eidos de Novoneyra como cumio da relación poética
entre home e natureza. ¿Literariamente houbo algún
antecedente na literatura galega?
Que
eu saiba non. Falando precisamente nunha ocasión con Uxío
Novoneyra comenteille sobre cal podería ser a orixe ou a
tendencia de esa relación galega coa natureza. En parte
podería estar nunha parte do folklore musical –o que
equivale a unha orixe de ser no ancestro do pobo-, que é moi
rico neste país e que está relacionado intimamente coa
natureza, como eses versos que facendo alusión ao carballo
din: “O carballo da Portela/ten a folla revirada,/que lla revirou o
vento unha mañá de xeada”. Ante eses versos eu non
creo que o observador o que faga sexa simplemente de mirar, equivale
mais ben a unha forma de ver pensando. É como establecer unha
relación entre home e natureza. Coido, repito, que aí
hai moito do ver e moito do pensar; e niso está a concepción
do haiku, utilizar os fundamentos da filosofía para ter na
paisaxe un espello sobre o que reparar: acerca de si propio, da
realidade como tal... Hai outro título dunha canción,
máis recente, que tamén me chamou a atención:
“Qué ben bailan as gamelas” Imaxine o lector, e repare
nesa forma tan interiorizada de ver.
O
río/non vai triste, quizais/reflexionando
O
poeta convértese en Orballo nas Camelias en camiñante
solitario. Un camiñante observador da natureza á que
atribúe comportamentos case humanizados.
A
natureza é para min, máis que un obxectivo, unha
escusa. No fondo o que eu pretendo é crear unha literatura
ontolóxica, unha literatura que fale das persoas como ser e
como identidade. Ás veces úsase como punto de
referencia ou como espello a cidade, outras veces a ese Outro
literario que nos complementa, ou á muller… No meu caso tomo
da natureza todos aqueles elementos de reflexión que serven,
non para entender á natureza, senón como procura para
entenderse a un mesmo a través de todo o que ela nos ofrece.
Tal é o fundamento do Haiku a través do seu contido
espiritual, a filosofía Zen.
O
camiñante, tanto en Orballo nas Camelias como nas obras
que viran ‘a posteriori’, observa o paso das estacións.
Insinuar
directamente o paso das estacións é para atender ao que
é case unha esixencia do haiku: aludir á natureza pero
facendo referencia ás catro estacións coa
forma máis explícita, máis relevante que ten
esta de se manifestar.
¿E
esa predilección polo inverno?
Non
sei se haberá unha alusión deliberada ao inverno. De
tódolos xeitos, iso me fai lembrar unha frase do Padre Feijoo,
quen nunha ocasión, estando diante do lume fretándose
as mans dicía: “Xa chega o tempo das reflexións
profundas”, o que nos leva ao mesmo, a preguntarnos polo Eu, polo
individuo e polo home como ser transcendente, que se interesa
reflexivamente polo que non ve e polo que non entende e querería
coñecer, entender.
¿Encadraríase
nesa corrente presocrática de filosofía da natureza?
Sí
me identificaría, humildemente, nesa liña de filósofos
que, por suposto pensaron mellor ca mín. Pero non só
nesa corrente, senón en calquera filosofía como tal,
como inquiridora, como método especulativo. Volveríamos,
aquí, a esa condición relixiosa do home, inda que sexa
unha relixión, digamos, laica, formuladora de preguntas
transcendentes.
¿E
cal sería para vostede o “arxé”, o “principio”
sobre o que se basea a súa poesía?
Sen
dúbida algunha a palabra, máis entendida a palabra como
valor significativo, como contido. No principio foi o logos, a
palabra. A palabra é diálogo. Bowraa, o famoso
antropólogo inglés, dicía que no principio foi a
idea de transcendencia, que nace co home; logo foi o grito, como
manifestación primixenia; e máis tarde foi o canto, que
é como un grito ordenado, referenciado, consciente. O canto
como alusión, como invocación, está unido xa
dende un principio á palabra. e de aí a Poesía,
que é senón unha forma de canto.
A
palabra, amais, é o vínculo que nos une aos demais a
través do diálogo; e a palabra é o referente
significativo que nos vincula co máis alá, co valor
espiritual engadido da realidade que nos conforma. Sempre a vontade
de comunicármonos, de preguntar, de entender. Un bo amigo
dicíame un día: “recorda, estamos esencialmente sos”.
O
SILENCIO DAS ÁRBORES
(Espiral
Maior, 1995)
A
natureza volve a se converter en musa do poeta. A través dela
busca respostas pero só atopa contradicións.
Eu
estou seguro de moi poucas cousas, pero dunha estou realmente seguro:
do valor e transcendencia da dúbida. A dúbida é
o elemento máis importante do individuo porque é case a
única verdade. O resto das verdades son incompletas, incluso
as materiais. Penso, incluso, que ese é o segredo da
dedicación á escritura: sempre a dúbida como
referencia inescusable no transcorrer, no vivir.
Quizais
a cuestión non sexa tanto a contradicción, senón
a falta de respostas.
¡Cantas
preguntas nos desacougan!
Pero
esa implícita contradicción (vida-morte, noite-día,
amor-desamor...) ¿non podería levarnos á
rendición, a unha sensación de derrota?
Non
é tanto a aceptación da derrota senón a
aceptación de que hai algo aló, que é
transcendente para nós, e que aínda non chegamos a
entender. De aí xurde o desasosego, a desesperanza, a dúbida.
Tes conciencia de que hai algo superior a ti pero que non te ves
capaz de acadar, de entendelo –ou aceptalo- totalmente.
¿Frustración,
tal vez?
Non,
frustración nunca. Aceptación de que existe algo
superior a ti. Son, creo, dúas cousas distintas. E tal
aceptación mais como eiva, como imperfección, que como
derrota.
Eu
non digo: “Estou derrotado, marcho”. Porque o que hai de fondo é
a vontade constructiva, de coñecemento, de seguir pensando
niso. Carlos Fuentes dixo nunha ocasión que “a liberdade non
existe, a liberdade é algo ao que se tende”.
Pero,
¿haberá un corazón certo/como este inverno de
vidrio?
As
dúbidas, as preguntas que o autor se formula parecen
involucrar ao lector, a facelas propias.
Iso
paréceme moi importante salientalo. Todo escritor se dirixe a
un interlocutor, mais ou menos anónimo. Por iso volvería
a reiterar que o importante é a palabra. Cando escribes non te
dirixes a ninguén en particular pero, tras ese aparente
egoísmo, o que en realidade fas é ir na procura dun
interlocutor, que ás veces está próximo e
outras, digamos mais aló.
Cando
eu escribo Eu, o lector ten que ler –e entender- Eu.
Dese xeito el convértese en protagonista; nese momento xa
estás implicando ao lector; aí o lector convértese
en autor. Cando escribes o que pretendes é facerlle un xesto
de amizade, establecer un tipo de relación, de comunicación,
de diálogo co lector. Para min, esa persoa que te le, que te
escoita e que pensa a soas ofrecéndoche a súa vontade,
a súa liberdade, meréceme todo esforzo e sacrificio. É
unha cuestión de respecto, de gratitude e consideración
pola súa compaña. Non esquezamos, polo demais, que o
lector re-crea, é dicir, dálle, a través da
lectura, unha nova forma e significación ao texto. De aí
o valor da comunicación, algo así como unha forma
de democracia. Quizais coñezas aquela frase tan fermosa e
alusiva: “leo para saber que non estou só”.
Alí
onde vive a música vive a certidume
Outra
das protagonistas, que aparece directamente ou indirectamente na súa
poesía, é a música. Cal sería a banda
sonora de Ricardo Martínez-Conde?
Con
preferencia música clásica, e de ter que elixir un
autor probablemente escollería a Romanza para violín
de Beethoven. Tal vez o primeiro concerto para piano de Chopin.
Ou a voz a través do canto das primeiras manifestacións
relixiosas.
Alégrome
que saques o tema da música, porque o fundamento da música
é a harmonía: unha paisaxe creativa, de beleza. Tamén
podemos pensar que a música é como a vida, vaise
consumindo segundo vas na súa compaña. E sempre queda o
desexo para seguir escoitando, ou de ir prolongándoa a través
do pensamento, dos soños…
A
música, como a escrita, ten un compoñente de diálogo
entre quen interpreta e quen escoita. E, ao tempo, ¿qué
é –ou debería ser- o texto, a Poesía, senón
harmonía.
DEBULLAR
(Galaxia,
1998)
Debullar
é o seu –polo de agora- único
libro de aforismos. Sen embargo, é un dos xéneros que
menos aparece na literatura galega.
O
xénero aforístico ten unha tradición moi antiga
en Europa. Cando eu publiquei Debullar en 1998 tamén
tirou algo parecido Xavier Seoane con Hai suficiente infinito
(Xerais), pero en Galicia xa tiñamos o antecedente de Rafael
Dieste, para min unha das figuras intelectuais máis
importantes deste país.
Debullar
tamén é unha proposta de identificación
interior, dalgún xeito unha filosofía da soidade.
Escribir
aforismos é reescribir a propia existencia, a propia
experiencia?
Si,
pero non só escribir aforismos. Escribir é reescribir,
reescribirse.
A
busca da propia identidade a través dunha cita de Mª João
Martins que aparece en Debullar: “Quém és
tu?/Não sei muito bem”. Ata onde quere chegar o poeta?
O
meu obxectivo, a miña meta é o horizonte, que o é
todo e non é nada. Cando chegas ao horizonte o que atopas é
máis horizonte. É como unha especie de busca no
baleiro. O que te enche é a sensación de buscar. Non
esquezamos que moitas veces o mundo do poeta vai construído na
contradición.
Quizais
o que sería unha frustración sería obter unha
resposta concreta a unha pregunta existencial. Aínda que
algúns poidan interpretalo como decepción, como
derrota… é unha forma de outorgarche vida, ver, comprobar
que aínda hai vida máis aló…
Logo
está o tema da morte…
Canetti,
que foi un gran escritor de aforismos, dicía que para el a
morte era unha derrota sen máis. Pensaba que era unha cousa
terrible, sen xustificación. Pero eu creo que o mellor que se
pode facer coa morte é aceptala canto antes. Shakespeare
pensaba que “todos nacemos coa débeda da morte, e os
cabaleiros, cando antes paguen as súas débedas mellor”.
O
falso inxenuo dubidou se debería facer constar os títulos
espirituais no seu curriculum vitae
¿Qué
importancia lle adxudica ao humor, á ironía na súa
obra?
Para
min o humor é unha das exposicións racionais mais
constructivas no home, unha das capacidades de observación
máis intelixentes que existen para entender a realidade e o
seu código complexo. A idea de derrota a min non me gusta, eu
non a acepto; prefiro darlle a volta en chave de humor.
En
derradeira instancia, e sempre que o fagas con sentido de humor,
estás rexeitando a desesperanza. Ou aceptándoa, mais
dun xeito elegante.
¿Será
a experiencia quen favorece a dúbida?
¿A
dúbida fannos máis sabios?
“O
feliz é o ignorante”. Claro que a experiencia axuda. Cando a
tes –e a sabedoría é como unha forma de experiencia
ben elaborada- axúdache a comprender determinadas cousas, pero
en especial outórgache a capacidade de coñecer outras
novas. Nese sentido nunca estamos sos, a dúbida sempre nos
acompaña; para ben.
Ti,
lector anónimo, ti serás o mellor destinatario.
Como
o lector ao que se dirixe, vostede tamén actúa como
autor anónimo: fuxe de presentacións, de actos,… ¿Por
qué esa busca do anonimato?
Penso
que o protagonismo do autor remata no momento en que o libro chega ao
seu fin. Nese momento os protagonistas van ser tantos lectores como
teñas. Canto máis anónimo sexas ti máis
protagonistas son eles. Eu escribo para todos eses lectores anónimos
que dedican a súa soidade a ler o teu libro. E quen tal
fai merece todo o respecto, toda a consideración. É
unha cuestión de pudor espiritual, digamos; de educación.
¡Ser
actual como unha forma de ser efémero!
Como
camiñantes que somos, cando damos un novo paso todo presente
pasa a ser pasado nese mesmo instante. A aceptación do
efémero, como a vida, é algo decisivo como terapia
vital. “No meu principio está o meu fin”, escribiu Eliot.
Virá
a riqueza das estacións e seguiremos a se-los mesmos
A
natureza, sempre tan presente, é agora lanzada como crítica
social.
Noutros
libros aparece unha natureza “pensada soñando” e aquí
é unha natureza pensada máis “realista”. Mentres
que a linguaxe da poesía tende ao imaxinario, ao soñado,
na prosa é todo máis real, máis activo.
Alguén
dixo deste libro que son aforismos de poeta. Debullar está
pensado desde a beira da poesía.
Todo
camiño foi feito para o que anda só.
¿En
qué se parece a poesía, a literatura, á soidade
do corredor de fondo?
Toda
escritura é un código de preguntas. Pregúntase
quén é consciente con sentido de transcendencia, de aí
xurde que non hai preguntas que se formulen colectivamente; iso sería
outra cousa, unha reivindicación social. Todas as preguntas
serias –repare- son individuais. Esas son as que serven ao home, á
súa identidade.
¿Como
nace un aforismo? Cál é o seu proceso de creación?
Aquí
podería valer a reflexión de Michelangelo respecto a
escultura: “nesa pedra hai unha imaxe, a cuestión é
quitar o que sobre para lle dar forma”. Tamén o dixo
Picasso. O aforismo e algo así como un moito concentrado;
pense nunha imaxe do deserto. O pouco, na reflexión, pode
significar eternamente. Escribir, coido, é un exercicio
especulativo permanente.
A
NÚA LENTITUDE
(Follas
Novas, 2001)
En
A núa lentitude achégase ao que Alonso Girgado,
no prólogo do libro, sinalaba como unha variante do haiku
chamada mu-kigo, haikus que non fan explicitamente referencia ás
estacións do ano, sendo este o libro de haikus máis
urbano dos que leva escrito ata o de agora. ¿Pretendía
vostede neste libro afondar ou explorar as diferentes
conceptualidades do haiku?
Hai
que ter en conta que hoxe en día Xapón é un país
moi urbano. Cando o haiku naceu –ou, mellor, se asentou como tal
forma poética- no século XVI, o que en verdade existía
era un concepto de espazo e de natureza como elementos predominantes.
Iso o que pode levar é a considerar o haiku como unha
invitación para pensar no entorno.
Se
hoxe o entorno habitual é máis urbano, iso incita a
pensar máis nel, loxicamente. O fundamental é entender
o haiku, na súa variante de filosofía da observación
reflexiva, vencellada ao entorno. Ás veces miras á
natureza e outras a outros aos elementos cotiás, os mais
próximos.
Sinalas
que son haikus mais urbanos e pode que si, que esteticamente haxa
unha certa diferencia respecto aos outros libros de haikus meus, pero
no xeito de mirar, dese observar interiorizado, creo que se achega
bastante a Orballo nas camelias.
“¡Pousou/as
mans na neve/e escoitou”. Haiku ou aforismo?
Ese
haiku que citas pode que sexa o máis conceptista de todos os
que aparecen en A núa lentitude. Non me refiro aquí
só á natureza, pero si que volvemos ao valor da
transcendencia. Aí hai un certo nexo co libro de aforismos
titulado Debullar.
Os
haikus deste libro están acompañados por unhas
magníficas ilustracións de Baldo Ramos. ¿Como
foi o traballo con el?
A
súa pintura ten moito de silencio e de significación. A
colaboración con el foi unha relación que me veu dada a
través do profesor Girgado (que tanto ven facendo pola cultura
deste país, por certo) pero foi unha relación que eu
aceptei encantado porque me parecía unha simbiose moi
oportuna. Creo que a súa é unha obra dunha alta
calidade (amais de ser el mesmo poeta) e a min pareceume
perfectamente complementaria co meu discurso; foi, dende logo, para o
libro unha colaboración enriquecedora.
COMPOSTELA,
VELLA MEMORIA
(tresCtres
editores, 2003)
Despois/chegará
a luz ata nós,/ata os homes/que imos de vagar/en procura/
dunha resposta digna
O
poeta convértese desta volta nun camiñante que percorre
a vella cidade de Compostela na busca dunha resposta. Vemos unha
Compostela de pedras grises e de brétema, melancólica,
como agochada mais con voz propia, con unha fonda significación.
Ofrécenos unha Compostela que rexeita a mirada estereotipada
da cidade.
Non
é mirar para ver, senón mirar para reparar nos
significados. Cando escribo o que me interesa é o significado
das palabras, sempre escritas dun xeito intencionado.
No
libro hai unha referencia non tanto a esa Compostela de feitos como á
Compostela das significacións. Pénsase Compostela como
símbolo, como lugar final do camiñante, o lugar da
promesa redentora… Eu non quixen optar pola Compostela real senón
pola simbólica, a Compostela que evoca ese tipo de situacións.
Trataríase pois dunha Compostela máis sensible cara ao
interior do que mira que descrita fisicamente. Hai uns versos que
falan da nova luz do día sobre os tellados da cidade. A min
interésame ese efecto de luz, pero tamén as inquedanzas
do que habita debaixo deses tellados: o individuo, as súas
preocupacións como simbólico camiñante da vida…
mágoa
de non ter sido antes máis humano,/señor crego
O
camiñante parece percorrer Compostela ao carón, como se
dun Virxilio se tratara, de Curros Enríquez. Sobrevoa no
poemario un ar crítico con esa Compostela tópicamente
xacobea.
Xa
o dixen antes: para min a relixión ten valor sobre todo como
reflexión da transcendencia. Creo que a igrexa non respectou
moitas veces as súas orixes relixiosas primarias porque
exerceu demasiado de poder. Daquela, e xa que o nomeas, o que Curros
Enríquez criticaba da igrexa era o separarse da súa
capacidade de comunicación –de comuñón co
abraiado pola dor ou a necesidade- para converterse en poder. De aí
os versos que citas: que mágoa de que vostede, señor
crego, non fora humilde para achegarse a aquel a quen se debe, e en
lugar de consolalo o ameace co inferno; que o condicione cando o que
realmente necesita é outra cousa, unha forma de esperanza.
Se
ti vas á igrexa non necesitas ver a un cura, senón que
existe algo nesa paisaxe que te leva a transcender de ti mesmo. Eso
creo que debería ser o concepto de igrexa. E é por iso
que, cando a igrexa tivo poder, afastouse da mensaxe que tiña
que transmitir, que é o de solidariedade, de comprensión
ante o peso dos cuestionamentos que formula a razón.
unha
Compostela/que non é/máis que silencio,/desacougo
Nunha
Compostela turística, estudantil, buliciosa... o camiñante
atopa o silencio.
Os
meus silencios son os cruceiros, as igrexas núas ou
solitarias, o recollemento da xente,… e o desacougo é non
atopar as respostas neses lugares. Eses lugares que te incitan a unha
infinitude pero que non sempre dan sosego, non serven como
interlocutor. Esixe pero non da respostas. Polo tanto xorden os
interrogantes, ¿que significa realmente ese silencio? ¿Qué
me aportan a min como individuo?
Quizais
todo home se asocia máis, por natureza ou xenética, á
luz, ao xogo, ao sorriso, ao falar confiado, etc. pero cando todo iso
pasa quedas totalmente só.
A
taberna garante o lume dese fogar/antigo que sempre se agradece;
nel/vive unha parte da nosa identidade.
Nos
últimos anos perdéronse eses lugares de reunión,
de vida social, centro de debates e reunións que eran cafés
e tabernas, pero porén tamén esvaeceuse algo máis
deses lugares…
O
individuo, por seguridade ou protección, tende ao grupo, á
colectividade. As tabernas ofrecían esas cousas, eran
posuidoras dese ambiente un pouco a escuras onde xurde a palabra, o
exercicio primixenio da comunicación, a necesidade de manter
unha conversa onde critica ou desexo han ter cabida como discurso...
Reivindica
a viaxe en contraposición ao turismo.
Unha
cousa é o viaxeiro e outra é o turista. Mentres que o
viaxeiro é completamente consciente do camiño que
percorre, o turista é a desorde, a ruptura, a transitoriedade;
é o contrario á harmonía.
O
viaxeiro vai aos lugares para coñecer, o que significa
propiciar unha maneira de coñecerse. O turista é unha
sombra que pasa.
OCCITANIA
(Follas
Novas, 2007)
Só
o mar/semella confiar/no silencio
O
mar tamén está presente en toda a súa obra.¿Qué
significa para vostede o mar?
Volvo
á cita de Magrís da primeira pregunta. Antes que a
patria, a bandeira ou calquera deses conceptos identitarios están
os elementos que foron referencia na nosa nenez.
Cando
estas fora da túa terra e volves ao cabo dun tempo, sentes o
desasosego porque algo cambiou, aínda que sexa o detalle máis
ínfimo. Sen embargo o mar sempre permanece.
Do
mar atráeme esa capacidade que ten como interlocutor, é
dos máis xenerosos que existen. Por outra banda no mar atopas
o horizonte, e o horizonte é o máis alá, e o
máis alá é o que nos interesa como pregunta.
O
mar ten un compoñente dialéctico moi importante,
imprescindible: ás veces está embravecido, outras
calmo… é como se respondera filosoficamente a preguntas
vitais. Quen sabe escoitar dende dentro sabe que non e certo que sexa
mudo, que non diga nada. Dende logo, o mar sempre formará
parte de min. Teña en conta que eu nacín enfronte ao
mar, á beira dunha praia.
A
súa obra tende ao minimalismo en canto á forma. ¿Qué
relación hai entre os seus aforismos e os seus poemas? ¿Cando
sabe que está diante dun aforismo e non dun haiku?
Dicía
Edmond Jabés que no pequeno está todo; é o
mínimo, o fragmento, quen suxire para que o home poida crear,
ou pensar, a totalidade. Basho dicía que aquel que escribira
cinco haikus fermosos xa podía darse por satisfeito na súa
vida. Beckett incluso ía máis aló, pensaba que a
perfección do autor e o silencio.
Eu
diría que o haiku pensa, nese sentido fai o labor de aforismo;
e o aforismo poetiza.
O
aforismo nace dunha filosofía consciente e o haiku desde unha
filosofía da imaxinación. Pero ámbolos dous son
filosofía e lévante a pensar en cousas que suxiren
transcendencia.
O
aforismo ten unha vontade filosófica e didáctica en
última instancia; inda que tamén pode ser unha forma de
inquirir. O haiku ten una vontade de ensoñación
transcendente. E ambos toman os elementos que están en
relación co autor e que el os pensa dándolles unha
certa sensación de harmonía, de beleza. Sempre,
sempre, tentando implicar ao lector, o seu interlocutor.
O
aforismo sería como a aristocracia do pensar; o haiku do
imaxinar. Todo baixo a aceptación da dignidade da palabra como
mensaxe, como significación.
|