Andel
|
No andel do mes |
|
|
|
Organoloxía
|
|
Covalladas. Prosa vertical
|
|
Onte
|
|
Conservas
|
|
Feijoo, o galego e nós
|
|
O coitelo en novembro
|
|
Autonomía e modernidade en Galicia
|
|
Cos peitos desenchufados
|
|
Eloxio da ociosidade
|
|
Nocturnos
|
|
|
|
ANTERIORES |
|
|
|
|
Tempo de centeo
Xosé Fernández Ferreiro Xerais Xénero: Narrativa 232 p. ; 16,50 € |
Xosé Fernández Ferreiro, que con tanto acerto narrou a traxedia dos paseos e dos fuxidos galegos, ofrécenos en Tempo de centeo outra magnífica novela sobre a posguerra. Transcorre naquel pequeno Ourense, clerical e clasista, dos anos corenta e cincuenta do pasado século cando todo eran atrancos e miserias para o pobo. O personaxe principal é un adolescente que emigra da aldea á cidade, onde se ve obrigado a traballar en diversos oficios para subsistir nun mundo hostil e represivo no que se sente alleo e desnortado. só un grande amor e a súa paixón polo cine lle dan pulo e o liberan para soportar o noxo de cada día. Tempo de centeo é unha historia amarga e realista, da que emerxen, coa forza das cousas prohibidas, todos os desexos humanos nun tempo escuro e desaventurado que trocou a vida de moitas xeracións.
|
|
|
|
|
|
|
|
Metal central Alfredo Ferreiro Espiral Maior Xénero: Poesía 45 p. ; 12 € |
A fábrica mesma, os seus segredos, o latexo interior das súas vísceras, a paisaxe fantasmal da súa noite inmensa, constitúen motivo crucial da indagación poética, exercida en exhaustivo esforzo de visión interpretativa. [...] O texto de Metal central foi traballado con artes rigorosas de poeta do sector da densidade expresiva. Do labor de férrea manufactura non se desprende ganga, substancia verbal non aproveitábel. O autor equilibra os códigos da expresión conceptual e simbólicas con fórmulas de comunicación máis directa, mesmo con recurso á ironía. [do prólogo de Xosé María Álvarez Cáccamo]
|
|
|
|
|
|
|
|
Ciudades de papel David Pintor El Patito Editorial Xénero: Libro de artista 48 p. ; 15 € |
David Pintor, polo que se pode apreciar neste libro, viaxou bastante. E nótase, polas imaxes, que lle gusta facelo. Tamén lle gusta debuxar e pintar. Iso xa o sabiamos moitos. E faino magnificamente (o de debuxar e pintar; ben, o de viaxar parece que tamén). David comentábame que moitas das vistas que aparecen nestas páxinas están feitas de memoria, xogando máis co recordo e as sensacións que coa realidade obxectiva. Coñezo ben ese xogo e encántame. A fin e ao cabo, o máis transcendente da viaxe non é o seu rexistro cartográfico, senón a pegada que deixa en nós e a maneira na que nos pode cambiar. Seguramente é por iso que hai nas paisaxes que David nos amosa un halo poético, soñado, que vai máis alá dos elementos máis ou menos fantasiados que ás veces forman parte do cadro. [Miguelanxo Prado] |
|
|
|
|
|
|
|
A filla do filósofo Elena Poniatowska Galaxia Xénero: Narrativa 280 p. ; 19,50 € |
Considerada unha das grandes escritoras mexicanas, Elena Poniatowska tamén é unha extraordinaria cronista da sociedade contemporánea. En A filla do filósofo recóllese unha escolma da súa obra narrativa traducida por escritores e escritoras galegos. A través deste diálogo de literaturas, da confluencia de voces e culturas, chega a escritura sutil e incisiva da autora para facer penetrar os lectores na axitación das urbes, nos lares burgueses ou na paixón amorosa. Unha ollada intensa, non exenta de escarnio e pulo poético, que retrata unha sociedade en plena mutación.
|
|
|
|
|
Ramón Otero Pedrayo Anxo Xoán Rajó Pazó Ir Indo Xénero: Ensaio 64 p. ; 13 €
|
Ramón Otero Pedrayo, xunto con Vicente Risco e Florentino López Cuevillas, todos eles pertencentes á xeración Nós, consolidou e anovou a prosa en lingua galega. Nesta biografía, o lector, ademais do perfil humano do protagonista, poderá comprender a súa trascendencia no ámbito da cultura galega, así como a súa vinculación política coma deputado nas Cortes polo Partido Galeguista. Tamén se reflicte o seu labor nas Irmandades da Fala, no Seminario de Estudos Galegos e na editorial Galaxia, e a súa contribución ao ensino coma docente no Instituto de Ourense ou na Universidade de Santiago de Compostela. A todo isto engádense unhas breves notas sobre a súa extensa obra, que ten en Arredor de si un dos mellores exemplos da nosa literatura de todos os tempos. |
|
|
|
|
|
|
|
Na terra desluada Ricardo Martínez-Conde Espiral Maior Xénero: Poesía 59 p. ; 13 € |
“Dicía Claudio Magrís: 'Ése dunha paisaxe'. Moitas veces o que lembramos non son os argumentos das cousas, senón as sensacións ou as emocións.” Tras publicar o libro de haikus Occitania, o poeta Ricardo Martínez-Conde retorna á poesía con Na terra desluada. O amor, a busca de respostas, a paisaxe, a melancolía, o coñecemento mestúranse nunha apaixonante viaxe onde lector e poeta mergúllanse nas profundidades do ser, chegando á xénese das emocións. |
|
|
|
|
Galicia solidaria. O sistema galego de cooperación ao desenvolvemento Xulio Ríos e Carlos Teijo (coords.) Xerais Xénero: Ensaio 336 p. ; 18 € |
Galicia solidaria é un libro de autoría colectiva, coordinado por Xulio Ríos e Carlos Teijo, que analiza o sistema galego de cooperación ao desenvolvemento desde unha visión panorámica, abordando a súa evolución e manifestación desde a opinión reflexiva dos propios protagonistas e a partir de diferentes ópticas. O papel institucional, a axuda humanitaria, o comercio xusto, os medios de comunicación, a educación, o contexto galego, o sistema internacional, a acción exterior, a evolución, o marco normativo... son algúns dos temas que se dan cita neste libro que pon de manifesto que é posible mudar o mundo. A cooperación é un instrumento transformador que constribúe non só a mellorar o estatus das persoas desfavorecidas senón tamén a sementar unha conciencia crítica e solidaria sobre o mundo. As sociedades desenvolvidas temos unha especial responsabilidade á hora de promover unha orde internacional máis xusta e equitativa. Desde Galicia, persoas, colectivos, entidades e institucións impulsan diferentes dinámicas de cooperación internacional que tratan de acompañar os procesos de desenvolvemento nos países do Sur, ao tempo que promoven iniciativas dirixidas á cidadanía galega para alentar o compromiso e o fomento destas políticas. Este libro explica todas as claves.
|
|
|
|
|
|
|
|
A casa de Andrade. 1160-1540 José Francisco Correas Arias Toxosoutos Xénero: Investigación 761 p. ; 23 €
|
Premio de Historia Medieval de Galicia e Protugal 2008. Valorouse a importancia do tema para a historia de Galicia, e a orixinalidade e novidade do enfoque metodolóxico global, que inclúe mentalidades, historia social, xenealoxía, acontecementos, etc., baseado nunha recollida extensiva de fontes orixinais.
|
|
|
|
|
Sempre quixen bailar un tango Teresa González Costa Xerais Xénero: Teatro 88 p. ; 12,25 € |
Manuel acolle a nova da súa morte, e de maneira serena considera as cousas que nunca vai poder facer, as palabras que non vai aprender, o tango que quedou sen bailar. Susana, a filla, e Luís, o xenro, móvense arredor del como caricaturas insensibles, preparados para o despegue social. María limpa o que lle mandan, sen facerse demasiadas preguntas porque así doe menos. As palabras proferidas por Manuel apenas atopan interlocutor, a non ser en María, e as frases altisonantes dos autómatas mestúranse coas reverberacións dos neóns da rúa, que impiden ver as estrelas. Será tarde para fuxir desta nebulosa anestesiante? Tal e como fixo Héitor, o fillo que canta nun club, lonxe da insensibilidade. Sempre quixen bailar un tango de Teresa Costa González obtivo o XVIIº Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, outorgado por AGADIC. O xurado salientou desta peza a solidez da súa estrutura dramática, cualificándoa como unha obra "moi coidada" e "moi ben construída", así como a súa intención de ridiculizar valores dominantes na sociedade actual como o afán de poder, a ambición, as aparencias, a superficialidade ou o materialismo, en contraste co "poder salvador dos soños".
|
|
|
|
|
|
|
|
O trasmundo de Antioquía Rafael Laso Lorenzo Cumio Xénero: Narrativa 216 p. ; 20 € |
Un mapa do século XVIII no que se agocha un segredo. Unha carta escrita por un home ás portas da morte. A antiga lenda dunha cidade asolagada baixo as augas da lagoa de Antela. Unhas antigas torres que protexen e limitan un mundo diferente. Un mundo onde se agochan os exércitos de cínifes que seguen a agardar polo seu rei Artur. Un mundo no que o tempo non existe. Un mundo no que, de atopar a entrada, acadas algo inimaxinable: a inmortalidade.
|